luns, 20 de decembro de 2021

TROIA ESPÉRANOS

 A actividade deste NADAL pasa simplemente por visualizar unha película titulada TROIA  coa idea de realizar na aula un cineforum sobre a mesma á volta das vacacións. Esta actividade será o punto de partida dun traballo que estamos deseñando sobre a monumental obra de Homero e a cidade que provocou os seus 24.000 versos. Troia espéranos.


A VERDADE SOBRE A TROIA DA ARQUEOLOXÍA

TROIA: 

A Troia da Arqueoloxía (HISTORIA E MITO). O obxectivo é investigar que hai de realidade, que sabemos sobre a Troia histórica e distinguila do mito. Debemos pois coñecer por un lado tanto os personaxes como, a grandes trazos, o argumento da Ilíada de Homero e, polo outro, contrastar estes datos da literatura e mitoloxía co que a arqueoloxía e a filoloxía chegaron a descubrir sobre o acontecido ao redor da Guerra de Troia, un conflito entre gregos e troianos. Como guía usamos este documental:

- A orixe da guerra de Troia (I)


- O tesouro de Príamo e Schliemann (II)


- De Troia a Micenas (III):

- A Guerra de Troia (IV):

O Combate entre heroes (V):

A destrución de Troia (VI):

As verdades sobre a guerra de Troia (VII):

 A seguir podes abordar nos seguintes enlaces as actividades a realizar unha vez visto o documental da BBC cuxo obxectivo é ter unha visión de cal é a realidade arqueolóxica da Guerra de Troia. 

LENDO A HOMERO. Trátase agora de volver ao texto da Ilíada para coñecer mellor o relato literario.

Por que comeza no noveno ano de asedio?

Quen son Briseida e Criseida, por que son tan importantes na trama?

SELECCIÓN DE TEXTOS DA ILÍADA DE HOMERO

DA ÉPICA DE HOMERO AO CINEMA

martes, 14 de decembro de 2021

AMORES DE ZEUS


 A nosa próxima visita ao Olimpo terá como finalidade coñecer por unha banda os que adoitan ser denominados Deuses Olímpicos, para logo reparar na xénese deste conxunto de deuses coa figra central de Zeus que é o deus que coa súa prolífica vida amorosa provocará un complexo mundo de deuses e deusas emparentados dalgún xeito co mesmo Zeus. 

Botémoslle un ollo á ilustración e logo comecemos a investigar sobre os AMORES DE ZEUS: 



Para coñecer o Olimpo temos necesariamente que indagar sobre a complexa vida amorosa de Zeus. Partimos da árbore xenealóxica anterior que imos ir detallando e descubrindo con detalle. 

A configuración do chamado Olimpo dos deuses é unha cuestión que agruparemos en distintos momentos de formación do Olimpo en catro epígrafes:

- Os amores de Zeus.

- A convulsa relación entre Zeus e Hera.

- Novos ataques contra o Olimpo: Xigantomaquia e Tifonomaquia ( dos que algo xa falamos)

- O Olimpo dos deuses. Nomes gregos e latinos, ademais de atributos.


OS AMORES DE ZEUS

Cando os irmáns e as irmás de Zeus foron liberados da bandullo de Cronos, estes fuxiron cara ao monte Olimpo considerando ao seu salvador dende ese momento pai dos deuses.

 Tras da derrota dos Titáns, Zeus, como pai dos deuses,compartiu o poder cos seus irmáns e, tras dun sorteo, os dominios dos mares foron para Poseidón e o mundo subterráneo foi concedido a Hades, quedándose coa superficie terrestre e os ceos o propio Zeus. 

As deusas tiveron a encomenda de facilitar a vida aos mortais, por iso, Deméter sería deusa das colleitas e Hestia a do lume e o fogar. Como veremos máis adiante reservou un papel ben distinto para Hera, a máis nova das súas irmás, que permanecera durante a loita cos Titáns afastada das batallas a carón da Titánide Tetis  e  de Océano, o maior dos Titáns que foi neutral na Titanomaquia como o resto das Titánides.

Imos realizar un traballo persoal cos denominados amores de Zeus. Cada un dos alumnos/as da clase deberá coñecer destas historias xeneralidades que se preguntan no cuestionario de máis abaixo sobre os máis famosos amores de Zeus. Sabemos que Zeus, aínda que houbo un tempo en que se lle pasara pola cabeza ter relacions con Tetis, soubo o segredo de Prometeo e rexeitou casar con ela.

Pero Zeus tivo numerosas aventuras amorosas con deidades e mortais:

Zeus e as Titánides:

- Xa coñecemos a relación con Metis da que nacerá Atenea.

Temis (Moiras, Hespérides e Horas)

Eurínome (As 3 Cárites ou Grazas)

Mnemosine (as 9 Musas)

Maia (Hermes)

Letó (Ártemis e Apolo)

 

Zeus e as deusas olímpicas (as súas irmás):

Deméter 

Hera

 

 As relacións de Zeus con mortais:

Io en Argos (Épafo)

Sémele (Dionisio)

Dánae (Perseo)

Europa, (Minos, Sarpedón e Radamantis)

Calixto (Arctos)

Leda (Castor e Pólux / Helena e Clitemnestra) páx. 124 do libro.

Ganímedes

Alcmena (Heracles)


A CONVULSA RELACIÓN DE ZEUS CON HERA

Hera, filla de Cronos e de Rea, tras ser liberada do estómago do seu pai, dicíase que, durante a loita de Zeus contra os Titáns, fora criada polo seu tío o Titán neutral Océano e a titánide Tetis ata que casa con Zeus. Seica da promesa do casamento ata a propia voda pasou certo tempo. Hesíodo fala de Hera como a terceira muller.

Unha das cuestións máis complexas de explicar é a da súa descendencia, porque ademais dos fillos que tivo con Zeus. Algúns dos fillos desta parella nacen antes da súa voda, como por exemplo Hefesto, que hai quen afirma que non era fillo de Zeus, outros que si, que o fixo baixo a apariencia dun cuco. Outros despois Ares, Ilitía, Hebe e, tal vez, Éride (se esta non nacera da Noite como conta Hesíodo).

As frecuentes infidelidades de Zeus provocan os ciumes de Hera, que vai perseguir de forma implacable ás amantes do seu marido infiel e a súa descendencia. Un dos casos máis coñecidos desta persecución será a orixe dun dos seus símbolos, a transformación de Argos en pavo real. Zeus e Hera van ser un matrimonio mal avenido, con discusións permanentes. De aí que haxa varios momentos realmente tensos como no que Hera organiza unha rebelión dos Olímpicos contra Zeus polo que vai ser severamente castigada.


ATAQUES CONTRA O OLIMPO

Como se pode apreciar neste vídeo Zeus  e o propio Olimpo (que xa vimos), como símbolo da orde xusta das cousas no mundo tarda un tanto en estar asentado. Desde o Tártaro, é dicir, o antigo Caos, xorde unha loita en varias ocasións por volver atrás nun intento de arrebarlles aos deuses olímpicos o poder sobre o Cosmos. Mesmo as desputas internas entre Hera e Zeus provocan inestabilidade como acabamos de relatar. Hai dous momentos que son, de todos os xeitos, os máis destacados: A Xigantomaquia e a Tifonomaquia.

A XIGANTOMAQUIA

 Este relato non aparece en Hesíodo polo que resulta complexo situalo no relato ordenado da mitoloxía grega. Foi,  sen lugar a dubidas, despois da chegada da humanidade. Tras da Titanomaquia vai pasar un tempo impreciso ata que Xea, indignada pola sorte dos Titáns castigados no Tártaro e vixiados polos Ciclopes e Hecatonquiros por orde de Zeus, enxendre aos Xigantes, monstruosos seres fillos do sangue do Urano que este derramara sobre a Terra. Nacen para vingar aos Titáns. Pero os xigantes só serán derrotados grazas a un ser nacido de Zeus, produto dunha das súas relacións cunha mortal. Este heroe foi Heracles.

A TIFONOMAQUIA

Hesíodo narra tamén un intento de Xea de vingar aos Titáns. Uníndose ao Tártaro enxendra un ser terrible. Os deuses asustados foxen do Olimpo e metarmofeándose, Zeus enfrontonse en solitario cos seus raios, pero Tifón inmobilizouno cos seus espirais, cortoulle os tendóns das mans e das pernas, encerrándoo nunha cova ata que Hermes logrou recompoñer ao seu pai que, recuperada a súa forza e cos seus raios persegue a Tifón ata que finalmente conseguirá derrotalo en Sicilia colocándolle enriba o Monte Etna do que dende entón brotan bocanadas de lume. 

Hai que dicir que sobre o nacemento de Tifón hai versións que aseguran fora enxendrado por Hera reunindo nunha soa as tensións que Zeus e o Olimpo sofre antes de permaneceren asentado para sempre.

 Hera con Argos, o pastor dos cen ollos da vaca Io e Hermes.
                                 


CUESTIÓNS: CURIOSEANDO NOS AMORES DE ZEUS 

1- Resume nun parágrafo cada unha das historias dos 16 amores de Zeus con deusas e con mortais. Logo busca para cada mito unha ilustración.   

2-Procura saber e asociar as seguintes transformacións cunha das relacións de Zeus e algunha das mortais citadas máis arriba: Raio, chuvia dourada, touro branco, cisne, Anfitrión, aguia.

3-Por que ou para que Zeus se fai pasar por un cuco?

4- Hefesto era coxo de nacemento? Como se vinga da súa nai?

5-Onde se celebraron as vodas de Zeus e Hera?

6-Quen era Argos? Por que remata sendo un pavo real?

7-Cal é o símbolo que representa a Hera como deusa do matrimonio-fecundidade?

8- Para rematar esta viaxe persoal ao Olimpo procura  coñecer a lista dos deuses cos seus dous nomes (grego e latino), os seus atributos e símbolos.  Podes empezar por consultar as páxinas 116-117 do libro.

9- INVESTIGATIO:

 Dous amores sobre os que debes investigar en detalle: Unha deusa e unha mortal. 

Recibirás no teu correo unha proposta para desenvolver unha parella de mitos de amores de Zeus:

Un relato detallado e ilustrado con imaxes dun dos amores cunha deusa/ titánide.

Un relato detallado e ilustrado con imaxes dun dos amores con mortais.

 LEMBRA: Para poder sumar este traballo ao diario, o prazo dunha semana que remata o día 22 de decembro.


domingo, 14 de novembro de 2021

A aparición dos mortais (7ª semana e 8ª semana)


Xa sabemos como aparecen na mitoloxía grega os deuses. Pero como se explica nesta mitoloxía a aparición dos primeiros mortais? Non teñen unha única versión manexan polo menos 4 que imos coñecer a seguir. 

DEUSES E MORTAIS 

O SEGREDO DE PROMETEO.

Tetis, Peleo e Quirón.

Voda de Tetis e Peleo. Aquiles.

O xuízo de Paris. 


luns, 20 de setembro de 2021

QUE HAI DO NOSO?


Estela atopada a finais do século XX en Crecente.

OS CELTAS NESTA TERRA? 
Que falaban, quen eran, de onde viñeron, que aspecto tiñan os primeiros humanos que habitaban a nosa terra, esta mesma terra que hoxe pisamos? A maior parte desas preguntas cos avances da antropoloxía, historia e lingüística, a xenética do ADN fan posible ter unha resposta moi aproximada.

 

UNHA CUESTIÓN NON EXENTA DE POLÉMICA

Como recoñecen os estudosos do asunto "sucede con certa frecuencia que diversas ciencias abordan un mesmo tema desde os seus particulares puntos de vista; é inevitable e lóxico que unhas se apoien noutras. No caso que nos ocupa, entre os diferentes enfoques que estudan os celtas, existe tensión porque algúns datos que proporcionan uns estudos non encaixan no esquema xeral que estableceron outros. Chegados a este punto, con narracións diferentes para un mesmo e único obxecto de estudo, todos porfían e ninguén quere estar equivocado. Xorde a tensión e con ela a polémica."

Isto acontece coa cuestión dos celtas en Galicia e son as teorías máis avanzadas as que tamén nos invitan a transitar un camiño válido para pechar o debate:

"En casos como este é moi útil abordar o tema desde a ciencia cognitiva que procura unificar todos os enfoques; contemplando os fenómenos culturais como un todo coherente e non unha suma de partes; deste modo se atribúe maior valor ás converxencias entre as disciplinas que ás diverxencias, ponderando positivamente os puntos de acordo" T. Rodríguez Celtas entre a néboa.

É importante saber que a arqueoloxía definiu os celtas no século XIX en base a algúns artefactos que se encontraron nas escavacións e que se consideraron xenuínos representantes desta cultura e hoxe sabemos que non o son. A Historia facendo uso destes datos arqueolóxicos  di que son un grupo de pobos que van desde a Idade do Ferro ata os inicios da Idade Media.

Pola contra a Lingüística non concorda con frecuencia cos datos arqueolóxicos clásicos; o mesmo que sucede coa Historia das Relixións e a Antropoloxía. Isto débese a que a definición arqueolóxica inicial do celta foi errónea aínda hoxe seguimos padecéndoa, máis de cen anos despois.

 

OS CELTAS DA IDADE DO XEO

Os datos máis antigos que se poden rastrexar son os lingüísticos, que documentan unha lingua céltica arcaica falada durante o Paleolítico Final ou o Mesolítico.

O lugar orixinario desde onde eses grupos se estenden polo continente europeo é a metade atlántica da península Ibérica; e chegan a ocupar, no Neolítico, toda a fachada atlántica europea, desde as Illas Británicas a Andalucía. Datos paleoxenéticos establecen tamén orixes comúns para as poboacións humanas de estas localidades e para algúns dos seus animais domésticos (cabalo, can…). Vexamos como foi o conto.

Os humanos (homo sapiens sapiens) aparecen en África fai aproximadamente 250.000 anos; a partir de entón comezou a nosa expansión polo resto da Terra. Fóra de África o fósil humano máis antigo atopouse no que hoxe é Israel cunha antigüidade duns 185.500 anos. Estas persoas ían migrando por África, durante un período moi longo e á vez fóronse diferenciando as súas falas asentando as grandes familias lingüísticas. Os grupos de sapiens que chegan ao sur da península hai uns 44.000 anos, pertencían a dous grupos lingüísticos e culturais principais: o indoeuropeo e o afrosemítico.

Esas pequenas comunidades, ao chegar a Europa, atopáronse con outros homínidos, os neandertais e cun clima moi frío, coñecido como a glaciación de Würm ou Idade de Xeo. Neandertais e humanos conviviron durante pouco tempo (1.000 ou 2.000 anos); xa que o neandertal se extinguiu.

Hai que ter en conta que, durante o proceso de chegada destes grupos humanos, só a península ibérica e as terras próximas ao Mediterráneo eran lugares habitables; o resto do continente ou ben estaba cuberto por xeo ou tiña o chan permanentemente conxelado, limitando moito a vida. Por tanto, será a partir destas zonas do sur europeo desde onde se colonizará o continente nun lento fluír que vai do sur ao norte, seguindo o ritmo marcado pola retirada do xeo.

A glaciación tivo o seu punto máis frío arredor do 20.000 e remataría no 10.000 a. C. Ao finalizar, o continente europeo foi paulatinamente colonizado por plantas e animais, entre eles humanos. Esta época, que se corresponde co Paleolítico Final e o Mesolítico e as comunidades humanas eran pequenos grupos nómades con gran mobilidade.

Os estudos de ADN demostran que o 80% do capital xenético dos europeos se remonta ao Paleolítico e, ademais, evidencia a gran coherencia xeral entre áreas lingüísticas, culturas arqueolóxicas e grupos xenéticos; especialmente na Europa Atlántica na que nos incluímos. Unha das grandes novidades dos estudos máis recentes confirma que no Paleolítico Superior, cando se estabilizan os asentamentos en Europa destas comunidades humanas, xa están definidos e diferenciados os grupos culturais e lingüísticos que identificamos en época histórica. Conformase así un modelo, ou paradigma, de continuidade no continente europeo entre os últimos cazadores e a poboación indoeuropea máis clásica e coñecida polos textos: celtas, xermanos, latinos, gregos, eslavos…

Na península ibérica descubrimos de tal xeito que os celtas arcaicos se estableceron no centro e metade oeste e, a partir do Mesolítico, ocupan a costa atlántica europea ata asentar o espazo céltico histórico (despois de recibir un gran influxo ibero na zona do val do Ebro). Ao tempo, no levante se documentan grupos non indoeuropeos (afrosemíticos) que acabarán asentando na metade oriental e áreas do norte da península, dando lugar a iberos e vascóns.

Os arcaicos poboadores da Gallaecia, no momento da súa chegada atopáronse con neves perpetuas en toda as serras montañosas con numerosos glaciares. Serían pequenos grupos nómades que circulaban polas zonas libres de neve durante o Paleolítico Superior e que, ao longo do Mesolítico, comezarían o proceso de domesticación transhumante de animais. Cultural e lingüisticamente serían grupos célticos arcaicos que darían lugar, por evolución e continuidade local, aos galaicos e ástures polo que parece sen aportes significativos de poboación exterior e sen invasións ata a chegada dos romanos.


CUESTIÓNS

1- Visualicemos este documental titulado O Legado Celta de Galicia:


2- Tras da visualización respondemos ás seguintes cuestións:

 I- Como era forma de vida dos habitantes destas terras no Paleolítico?
II- Cando e como cambiou a súa forma de vida?
III- Antes da época dos metais construíron grandes monumentos megalíticos. Só o fixeron en Galicia?
IV- Que é unha mámoa?
V - A seguinte pegada na paisaxe que podemos atopar desta época como se chama?
VI- Como navegaban naquela época opolo mar?
VII- A innovación da metarurxia dá pé ás Idades dos metais: Idade de Bronce e de Ferro. Os habitantes dos castros eran autosuficientes?
VIII- Que pobo comerciante do Mediterráneo chegará ás nosas costas na Idade do Bronce na procura de estaño cuxos intercambios mercantís chegarán ata o século II a. C.?
X- Quen trouxo aos castros os muíños circulares ou xiratorio ou o torno de olería? Con que pagaban os habitantes dos castros os obxectos vidos de fóra?
XI- Coa  Idade do Ferro hai un certo colapso do comercio que pasa nos castros?
XII- Máis da metade dos castros de Europa están localizados en Galicia. Parécense os castros galaicos  aos de Irlanda? 
XIII- Por que sabemos que eran moi importantes as actividades textís? 
XIV- A cerámica castrexa máis habitual como era?
XV- Desde moi novos, especialmente os homes, preparábanse para que tipo de actividades?
XVI- Describe un guerreiro da Idade do Ferro. 
XVII- Os cabalos eran ademais un símbolo de............ e ........................
XVIII-Que é unha "pedra formosa"?
XIX- No noroeste penínsular falábanse variantes arcaicas do idioma________. Este idioma vaise estender por toda Europa Atlántica e centro Europa.
XX- Onde se pensa que soterraban as cinzas dos familiares mortos?
XXI- Que era un torques? De que metal era?
XXII- O feito de que varias casas poidan estar rodeadas dun muro pequeno no interior do castro que indica?
XXIII- Que trouxo ata estas terras aos romanos?
 
 

martes, 14 de setembro de 2021

ITER IDENTITATIS...

 



Nós só podemos dar un paso sobre a terra para emprender o camiño, pero hai outras fórmulas de iniciar unha viaxe e non só usando novas tecnoloxías. 
Ás veces para voar só precisamos volver a vista atrás. Imos logo tentar, sen desapegarmos do presente no que vivimos, botar unha ollada ao pasado por ver que nos depara e como nos sorprende... axiña descubriremos que á beira emerxen testemuñas daquel pasado inmenso dispostas a falar do que fomos, agochado por veces baixo un lixeiro verniz que o devalar do tempo deixou sobre os obxectos...

Hermes pesando as almas dos mortos



Mercurio ou Hermes conducindo os mortos  


San Miguel pesando as almas dos mortos


 Aprenderemos quen somos porque o presente de Europa non pode ser sen un pasado clásico que sendo antigo non deixa de estar vivo en cada un dos seus pobos de xeito distinto.  De seguido logo, postos a andar desde esta Fisterra sen esquecer o Atlántico, chegaremos a Grecia e logo a Roma porque estas dúas culturas mediterráneas moito teñen que dicir sobre o camiño andado e por andar polos galegos/as, sen deixar de preguntar: Que hai do noso?


 οδος ιδιοτητος...iter identitatis...

        O camiño da identidade será o noso lema para comezar a andar.




xoves, 10 de xuño de 2021

III- CONCURSO DE TEATRO CLASICO SEI SAN NARCISO (2021)

 



Traballamos para poñer en escena un programa de Traxedias e Comedias ben completo:

TRAXEDIAS
- MULLERES DE TROIA ( sobre textos das Troianas de Eurípides) 3º ESO A
- ARDE DIDO ( sobre textos da Eneida de Virxilio) 4º ESO
- ANTÍGONA ( sobre textos da obra do mesmo nome de Sófocles ) 3º ESO B

COMEDIAS
- AMOR ou INTELIXENCIA? ( sobre textos da Odisea de Homero ) 3º ESO B
- PENÉLOPE ou  CIRCE? ( sobre textos da Odisea de Homero) 3º ESO A
- ANFITRIÓN  ( sobre textos da comedia do mesmo nome de Plauto) 4º ESO

PREMIOS

Os premios do TERCEIRO CONCURSO DE TEATRO CLÁSICO SAN NARCISO :

 

-          PREMIO Á MELLOR REPRESENTACIÓN CÓMICA PARA:

-           Grupo de Cultura Clásica 3º ESO B pola obra AMOR OU INTELIXENCIA? sobre textos da Odisea de Homero.









-          PREMIO PARA O MELLOR ACTOR CÓMICO:

-          Mateo de la Torre Carril (3º ESO A) polo seu papel de Odiseo na obra: Circe ou Penélope?


-          PREMIO PARA A MELLOR ACTRIZ CÓMICA:

-          Raquel Catalán Rodríguez  (4º ESO-LATÍN) polo seu papel de Alcmena na obra Anfitrión de Plauto.


-          PREMIO Á MELLOR REPRESENTACIÓN TRÁXICA PARA:

-           Grupo de Cultura Clásica 3º ESO B pola obra ANTÍGONA sobre textos de Sófocles e Anouilh.


-          PREMIO PARA O MELLOR ACTRIZ DE TRAXEDIA:

-          Andrea Sanjorge Barcia polo seu papel de Antígona na traxedia do mesmo nome.

 

Organiza o Departamento de Linguas Clásicas do Colexio SEI San Narciso.


martes, 1 de xuño de 2021

CONTIDOS 3ª Avaliación:


 - ODISEAS Consultar e responder as 12 cuestións para realizar a túa Odisea particular.


- O ESPIDO NA  ANTIGA GRECIA

Sophía de Melho escribiu algún día: O nú é uma invençáo grega.

No Egipto, na Assiria, na Caldeia, o nu é apenas uma maneira de vestir. Mas o pensamento grego crê na aletheia (verdade), crê no näo-coberto, no náo-oculto, procura o homem näo-coberto, nu. 

Trátase de decifrar a lei do corpo humano, e a proporçao- que ese corpo manifesta e que o insere na ordem do universo. Assim também no corpo humano o artista grego lé a ordem do mundo onde está. E por isso falar do nu na arte grega é sempre falar da relaçao do homem com o divino. 

Tambén o corpo humano aparecerá na arte grega como uma coisa criada á medida exacta do kosmos onde habita.                                                                                   Os corpos da escultura grega serán vistos como uma arte relixiosa que revela a harmonía do Kosmos.  Este kosmos os deuses náo o criaram. O divino é anterior aos deuses.

O que o homem grego espera do poeta, do pintor, do escultor, do arquitecto e do musico é que lle revele o divino. Non reproduce o individual mas si a forma exemplar. Mas na Grecia Clássica a missáo dopintor e do escultor náo será retratar mas sim revelar e decifrar no real o divino.  O divino é interior á natureza, conssubstancial á natureza. O ser está na physis (no material). Trátase de descobrir a ordem da natureza. 

 ( Textos tirados do libro: O nú na antigúidade Classica.)

- A COMEDIA QUE REPRESENTAMOS: Argumento, personaxes e  interpretación persoal do conflito central da comedia a representar.

- A TRAXEDIA QUE REPRESENTAMOS: Argumento, personaxes e  interpretación persoal conflito central da traxedia a representar.

martes, 11 de maio de 2021

ODISEAS

 Comezabamos o curso falando de facer do  mesmo unha viaxe ao mundo da Antiguidade, unha viaxe especial ás nosas raíces. Pois aí estamos na experiencia da viaxe como dicía o poeta grego do século XX Cavafis no seu poema ÍTACA, a patria de Odiseo ao que tamén coñecemos co nome de Ulises:


 ACTIVIDADE: Desta viaxe a ODISEA, a primeira é a de Homero. Viaxa con el as súas XII etapas para entender a fondo o poema que acabamos de escoitar.

Pero nesta terceira avaliación, cando falta xa pouco para chegar a porto, é cando máis percibimos a importancia de alongar a viaxe por ser esta a fonte da experiencia. Moitos son os itinerairios que resta por explorar, por exemplo o das Olimpíadas. Das Olimpiadas hai un que non quixera demorar máis en invitar a percorrelo e disfroitalo:

A ODISEA do ESPIDO GREGO

Tamén imos abordar o gran reto de achegar a nós os textos antigos e vivilos sobre un escenario: Representemos unha traxedia e unha comedia para darlle grazas a Grecia por comezar esta viaxe.


Comeza a seleccion de pezas para representar no 

            III CONCURSO DE TEATRO CLÁSICO SAN NARCISO: Curso 2020-21
                                            16 de xuño de 2021

Participan os seguintes cursos e obras: Traxedias e Comedias:  
3º ESO A: Amor e morte, mulleres de Troia! / Odiseo e  Circe
3º ESO B: Antígona. /  Intelixencia ou amor  
4º ESO LATÍN:  Dido/  Anfitrión









domingo, 2 de maio de 2021

Contidos 3º avance

 Orixe e evolución do teatro

- Traxedia e Comedia

- Mestres da verdade: autores

- A democracia ateniense e o teatro (ver cadro)

- Unha traxedia: Troianas

O paso da sociadade gens á sociedade dos servi

Atenas versus Esparta

- Aspasia versus Gorgo

Atenas versus Roma: As guerras que asentaron a sociedade dos servi: consecuencias en Grecia e en Roma.

Mitos de primavera:

- O rapto de Perséfone

- Orfeo e Eurídice

- Apolo e Dafne.

- Hefesto, Afrodita e Ares

- Adonis  Perséfone e Afrodita.

domingo, 25 de abril de 2021

ATENAS VERSUS ROMA:

 É un repaso básico á historia da Antigüidade especialmente a  Grecia e a Roma. Pero antes de seguir debemos saber algo máis sobre ATENAS:

ATENAS VERSUS ESPARTA

A DEMOCRACIA ATENIENSE

ESPARTA, A OUTRA CIDADE 

CUESTIONES: Investiga e decide: Tras procurar algo de información e facendo uso da mesma procura con tres ou máis razoados argumentos escoller unha das dúas cidades-estado. Logo fai o mesmo coas dúas personalidades femininas que coñecemos seguramente grazas a dous dos máis importantes líderes masculinos destas cidades.

1- Esparta ou Atenas?

2- Aspasia ou Gorgo?



Para saber máis: 

Gorgo:blogtabula

Aspasia:webcindario


ATENAS VERSUS  ROMA 

  As guerras que asentaron as sociedades dos SERVI (escravistas) non chegaron a permitir perpetuar un Imperio a Atenas como si o fixeron con Roma. NO seguinte vídeo podes ver como delinou o imperio ateniense tras un século esplendoroso. 

 


domingo, 18 de abril de 2021

Mitos de Primavera


 Como contaban os gregos aos seus  pequenos a orixe do cambio das estacións? Que sabes de Perséfone e Hades? Que sabes de Orfeo e Eurídice?  Quen era Dafne?


Que pasou no Olimpo cando Hefesto (Vulcano) soubo que Afrodita (Venus) mantiña unha relación con Ares( Marte)?
Ares e Afrodita atrapados pola rede de Hefesto


Quen era Adonis? Son respostas que deberás procurar e narrar convenientemente usando o seguinte enlace: MITOS DE PRIMAVERA

Venus e Adonis


martes, 23 de marzo de 2021

AS ORIXES DO TEATRO

 

AS ORIXES DO TEATRO GREGO

Actividade teatral: 

VER UNHA TRAXEDIA GREGA: Troianas do autor grego Eurípides

Ofrecemos tres propostas para ver esta traxedia:

Versión en cine clásico 

Versión actualizada por unha compañía de actores e actrices profesional

Versión  dunha compañía de actores e actrices semiprofesional (Noite Bohemia). 

Podes atopar os enlaces ao final da entrada onde escoller calquera das tres versións da obra.

 HISTORIA E TEATRO GREGO:
 No teatro grego podemos observar tamén ese curioso proceso: o paso da sociedade da gens ás sociedades dos servi (escravistas) 

sábado, 13 de marzo de 2021

CONTIDOS 2ª AVALIACIÓN


 LENDO A HOMERO: Micenas ambiciona Troia

- Cineforum TROIA

-DA GRECIA ESCURA Á GRECIA CLÁSICA

-AS MULLERES NA FUNDACIÓN DE ROMA

- As mulleres de Eneas

- Rea Silvia

- Luperca ou Lupa Capitolina

- O Rapto das Sabinas

- Os sete cumios de Roma

- Lucrecia, a muller que remata coa Monarquía de Roma.

A VIDA DAS MULLERES ROMANAS

A VIDA DAS MULLERES ROMANAS (I)

Especial 8 de marzo: 

ACTIVIDADES:

1- Busca as diferenzas: A muller romana versus a muller na actualidade. Vai visualizando as principais diferenzas e semellanzas entre a muller romana e a muller na actualidade nos seguintes vídeos:



 O guión do documental segue este esquema aproximadamente:

Nacemento

Familia  cognitia ( fillos/as propios do matrimonio do Pater Familias /agcognitia(adopción por parte do Pater Familias dun fillo, por exemplo)

Clases sociais( matronas, libertas e escravas)

Educación ata os 12 anos

Esponsales

Casamento

Sacerdotisas Vestales

Morte



domingo, 28 de febreiro de 2021

NO CAMIÑO DA PRIMAVERA CARA Á 2ª AVALIACIÓN

 

A HISTORIA DA GRECIA ESCURA  Á GRECIA ARCAICA.

 Especial 8 de Marzo
BUSCA AS DIFERENZAS: A MULLER ROMANA VERSUS A MULLER NA  ACTUALIDADE
Vai visualizando e apuntando as principais diferenzas e semellanzas entre a muller romana  e a muller na actualidade nos seguintes vídeos:




luns, 18 de xaneiro de 2021

CARA AO 2º AVANCE


O segredo de Prometeo

A voda de Tetis e Peleo: Aquiles / O xuízo de Paris. 

O Olimpo e os Amores de Zeus

Fotomitoloxía: O punto extra para o avance. Non vale calquera cousa. Hai que realizar unha versión fotográfica en base a un cadro dun mito procurando non repetir o dos demais (consultar alistaxe antes co profesor), coa idea de realizar un catálogo mitolóxico da aula. 

TROIA: 

A Troia da Arqueoloxía (HISTORIA E MITO). O obxectivo é investigar que hai de realidade, que sabemos sobre a Troia histórica e distinguila do mito. Debemos pois coñecer por un lado tanto os personaxes como, a grandes trazos, o argumento da Ilíada de Homero e, polo outro, contrastar estes datos da literatura e mitoloxía co que a arqueoloxía e a filoloxía chegaron a descubrir sobre o acontecido ao redor da Guerra de Troia, un conflito entre gregos e troianos. Como guía usamos este documental:

- A orixe da guerra de Troia (I)


- O tesouro de Príamo e Schliemann (II)


- De Troia a Micenas (III):

- A Guerra de Troia (IV):

O Combate entre heroes (V):

A destrución de Troia (VI):

As verdades sobre a guerra de Troia (VII):

 A seguir podes abordar no seguinte enlace as actividades a realizar unha vez visto o documental da BBC cuxo obxectivo é ter unha visión de cal é a realidade arqueolóxica da Guerra de Troia. 

LENDO A HOMERO. Trátase agora de volver ao texto da Ilíada para coñecer mellor o relato literario.

Por que comeza no noveno ano de asedio?

Quen son Briseida e Criseida, por que son tan importantes na trama?