Amosando publicacións coa etiqueta DE ONTE A HOXE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta DE ONTE A HOXE. Amosar todas as publicacións

luns, 7 de setembro de 2026

IN ITINERE NOSTRA EMPATÍA. (Unidade O do curso 2026/27)

 

A Cultura Clásica é un exercicio de empatía co pasado que nos permitirá saber de nós.  Como deixou dito o filósofo Platón: A forma máis alta de coñecemento é a empatía porque nos pide deixar o ego e entrar no mundo do outro. Efectivamente a nosa viaxe ao mundo antigo require colocarse no lugar doutras persoas, daqueles que viviron e sufriron daquela, en Grecia, en Roma ou, mesmo, na nosa Gallaecia. 


A arqueoloxía rescatar con empatía os restos materiais do pasado

A Cultura Clásica debe reparar no pasado cunha óptica transformadora e actual. É un itinerario, unha viaxe cheo de experiencias, un camiño de aprendizaxe de onte a hoxe.

 A empatía da humanidade amósase ao longo da historia como un mecanismo de civilización e cultura fronte á barbarie e o odio. Trátase de entender con querencia o sentir (ás veces mesmo as paixóns) daquelas sociedades das que recibimos en herdanza máis do que cremos e, á vez, comprender o seu padecemento sen perderse nel (como dicía Epícteto). Non imos repetir erros e atrociades constatables.



A Herdanza das Linguas: 

πάθoς (escrito en alfabeto grego) 
patior (un verbo latino derivado de πάσχω (páskhō) sufrir, padecer
Do lat. -pathīa, e do gr. -πάθεια -pátheia, da raíz παθ- path- 'sufrir', 'experimentar'. 

A palabra empatía é palabra grega acompañada doutras que son a súa copia latina. Coñecémola como coñecemos tamén outras da mesma familia léxica: 

 De andar por casa: simpatía /antipatía/ apatía/  patético
pasión, padecer, patético ou paciencia. 
 
Pero ademais na mediciña: cardiopatía, neuropatía, psicopatía... ludopatía... tamén paciente.

O Modelo Cultural: πάθoς

  No teatro (hoxe no cine) a interpretación de actrices e actores o pathos é moi importante. Para os gregos que inventaron o teatro, era un espazo educativo valido para coñecer a verdade do ser humano a través da interpretación,  esta debía saber transmitir aos espectadores ese sentir auténtico da persoa nun proceso que eles denominaban catarse. 

A filosofía da empatía: "ego et alia"

Grazas a este gran invento grego traballaremos a empatía como unha consolidación do eu, (ese que andamos buscando desde 1º da ESO aquí sentados) que precisa do encontro cos outredade (alia), achegarse á calquera persoa allea, ese camiño onde necesitamos dunha ferramenta como é a empatía. Logo a empatía é un exercicio que nos construe como persoas, do que depende a nosa identidade.

Se falamos de identidade o modelo europeo ten un referente ineludible na Cultura Clásica. O adxectivo "clásico" significa modélico, que serve de guía, tránsito de coñecemento ás persoas que  irremediablemente viven agrupadas en pobos ou culturas diversas polo mundo adiante.  Aristóteles, outro gran filósofo, dicía que eramos un animal político, ou o que é o mesmo vivimos en sociedade onde volvemos a atoparnos co eu e as outras persoas, o necesario "nós" por construír.  

Da política á historia: πόλις

 Imos ter que movernos pola historia do ser humano, polos seus acertos, alegrías e padecementos. Como vedes detrás do concepto de cidade e civilización derivan da palabra grega polis, por extensión sociedade (de socius  signfica o que acompaña o que segue ao outro). A historia das civilizacións  ten que ver coa escrita, porque son os feitos dos que temos constancia, a escrita tamén soubo describir emocións e relatar soños... a literatura, outro xeito de coñecer as distintas culturas, ou formas de ver o mundo, da humanidade. 



Do logos ao mithos: λόγος / μῦθος 

O discurso racional da ciencia, da historia ou da filosofía, denominado  "logos" (palabra ou pensamento, estudo de...) naceu realmente doutro estadio anterior, previo, moi importante para a Cultura Clásica, transcendental para comprender mellor á Humanidade e as raíces das nosas teimas e imaxinacións máis primixenias, ás da nosa prehistoria, as anteriores á escrita e a literatura. Falamos da oralidade e do mito, unha narración oral ou palabra efémera e cambiante que se transmite de boca en boca. Un relato onde a empatía do auditorio volve a aparecer con unha forza inusitada e complexa, como fórmula de identidade orixinal.     


luns, 22 de xuño de 2026

mércores, 20 de maio de 2026

Performance: Avaliatio.




1º Imos partir para o noso guión de traballo final de curso das Musas, o narrador que inicia a historia será:

APOLODORO  de Atenas narrador de mitos (Biblioteca mitolóxica) do século II que presentará ás Musas e a Apolo... pero quen eran as Musas? Vexamos esta reflexión para entender quen son:


O guión fará fincapé segundo Apolodoro na capacidade do ser humano para crear, é dicir da Poesía (poieo: verbo grego que significa crear). Atenea, intervirá aquí como deusa do coñecemento para ser coopresentadora desta performance.



 APOLO E NOVE MUSAS 

 Mnemosine a nai das 9 MUSAS son: 

Calíope, musa da poesía épica.

Polimnia, vinculada á lírica;

Erato, asociada á elexía amorosa.

Terpsícore, relacionada coa danza, Coreografía

Melpómene, musa da traxedia.

Talía, da comedia.

Urania, ligada á astronomía (Galaxia, 

Euterpe, da música.

MÚSICA ( Harmonía, pentagrama, ton, semiton

Clío, da historia.

ARQUEOLOXÍA ( Creta, Troia, Micenas ...

HISTORIA (Esparta, Termópilas, ...


2º TEMAS A TOCAR, palabras e personaxes: Elaboremos unha relacion de palabras, temas e personaxes que nos falaran destes temas para dar as GRazas a Grecia, para indicar como de viva está Grecia no día a día: A seguir unha primeira versión que hai que ir enchendo coas propostas de cada un... 

CAOS Á primeira gran deusa XEA e as Moiras...

XEOGRAFÍA (Orografía, toponimia, 

MITOLOXÍA Outra forma de comezar (a pesar das relixións) 

Afrodita, Deméter, Artemis, Hera, Hestia, Atenea,  novas narradoras 

ALFABETO ( falamos máis grego do que pensas.... e as Bibliotecas e as fotocopias, polo alfa e o omega


ÉPICA ( Homero e Hesíodo, 

Helena e Casandra

Penélope  e Circe. A nosa ODISEA

OLIMPíADAS ( o estadio, hipódromo,  Decatlon, Triatlón, Maratón,...) 

Ximnasia, Discóbolo, Atletismo...

POESÍA

 Safo 

LITERATURA (Métáfora, Anáfora, Hipérbole,...


FILOSOFÍA

As mulleres silenciadas que non o foron ( dialéctica, ética, lóxica...)

CIENCIA ( matemáticas, tecnoloxía, megas, Arquímides, Pitágoras, Tales de Mileto, Físca, átomo, bioloxía, mecánica, ecoloxía, botánica, 

Hipatia de Alexandría

MEDICINA ( 25000  Anatomía, Bronquitis, Broncoscopia, Leucemia, traqueotomía, patoloxía, artrose, rinoplastia, radiografía, pronóstico, oftalmologo,  otorrinolaringólogo, termómetro... 

Hipócrates,


TEATRO ( O espello do mundo...  Coro, hipocrisía, Traxedia, Comedia, Drama, Sátira,

Antígona e Electra 

Edipo e Orestes 

Lisístrata e Aspasia.  Eugenia Tenenbaum


RETÓRICA ( Política, aristocracia, tiranía, 

DEMOCRACIA ( a ágora, , as assembleas e o ostracismo...

Pericles e Sócrates

 

ARQUITECTURA (Partenón,  Fidias, Dórico, Xónico e Corintio, Plástica, tecné e 

PEDAGOXÍA (Didáctica, 

ECONOMÍA  e GASTRONOMÍA ( 

aceite, viño e cereales...??

para rematar. Pandora, a Esperanza

HIPOCRISÍA, FOBOS E A EMPATíA. 


domingo, 10 de maio de 2026

CIRCE E PENÉLOPE DA MAN de Begoña Caamaño (Letras Galegas 2026)

 

Poucas veces temos como este ano unha ocasión en fundir o galego co mundo clásico a partir das letras galegas como este ano con motivo da homenaxe á escritora Begoña Caamañoautora dunha novela realmente ben feita e moi interesante á hora de estudar o mito e a súa recreación. 

Imos ler como interpreta o mito Begoña en primeiro lugar, despois de ter traballado sobre a Odisea, imos coñecer como recrea a Penélope e a Circe no seu libro titulado Circe e o pracer do azul.  Usaremos ademais as propias palabras da autora homenaxeada que un ano despois de publicar a novela citada, deu unha charla e escrinbiu este texto que imos consultar:

LECTURA SOBRE A CREACIÓN DE CIRCE E O PRACER DO AZUL

Actividade a incorporar ao teu caderno de Cultura...procura ti agora a Penélope que retratou Rosalía de Castro a partir da información que nos ofrece Begoña Caamaño no texto que vés de ler...

Tecín soia a miña tea. Follas Novas (1880)



Rosalía de Castro (En las orillas del Sar (1884), poema:  "Desde los cuatro puntos cardinales"

logo procura do famoso poema de de Xohana Torres: En tempos de ría (1992)

PENÉLOPE

DECLARA o oráculo:

«QUE á banda do solpor é mar de mortos,

QUE incerta, última luz, non terás medo.


QUE ramos de loureiro erguen rapazas.

QUE cor malva se decide o acio.


QUE acades disas patrias a vindima.

QUE amaine o vento, beberás o viño.


QUE sereas sen voz a vela embaten.

QUE un sumario de xerfa polos cons.”


Así falou Penélope:

“Existe a maxia e pode ser de todos.

¿A que tanto novelo e tanta historia?


EU TAMÉN NAVEGAR.»


Apuntamento lingüístico: *Unha casualidade que lle debemos a Marilar Aleixandre:

ἱστός ὁ (subst.) 'mastro', 'travesaño de tear' 

desde micénico e Homero

Orixe →  ἵστημι  'estar oo poñer a pé' , na forma ἱστ- + -ος; etimoloxía en ἵστημι.



A modo de epílogo, recollendo ideas para o noso vídeo: Algo que fixo Begoña Caamaño foi remitificar, é dicir, ler desde a actualidade e cun profundo sentido crítico a mitioloxía, Calquera personaxe mitolóxico deste xeito medra mesmo sendo totalmente diferente ao que era no vello mito. 


Un exemplo tomando como referencia o libro de Circe ou o pracer do azul de Begoña Caamaño.

O fillo de Penélope con Ulises era Telémaco Τηλέμαχος Têlémakhos, traducido como "distante combatente" e o de Circe con Odiseo será:  Τηλέγονος Têlégonos, ‘nacido lonxe’)

Palabras de Begoña Caamaño cara ao final da novela: 

....Estou preñada de Ulises, miña señora! Hai xa dúas semanas que o menstrou non acode á súa puntual cita. Tampouco non facían falta estes atrasos. Desde o primeiro momento fun consciente da miña gravidez. E sei ademais que é un home, un pequeno Ulises, este si froito do amor e cuxa chegada ao mundo agardo con alegre impaciencia, non só por canto ha de supor de ledicia e de mingua da miña dor pola ausencia do seu pai, o meu ben amado, senón tamén para comprobar se eu, divindade matriarcal, son capaz de educar un home de xeito  tan diferente que poida renacer en todas nós a esperanza do regreso aos tempos onde as mulleres, deusas ou mortais, non eramos asoballadas e desprezadas....



Imos co epílogo ou epílogos,  tras ler os versos Odi et Amo de Catulo outra vez, escoitar as palabras de Marilar Aleixandre na cerimonia do Día das Letras,  unha lectura do capítulo XXVI da novela de Begoña e un debate sobre o heroe defenestrado e as protagonistas da novela. 
 Un segundo epílogo de peche é encararse co Telémaco páx 269-272 e logo debater sobre o lido. 

Ademais o retrouso de María López Sández 'Circe ou o pracer de azul' e as outras formas de ser home.

Esa lección resulta necesaria non só para o feminismo, senón tamén para a lingua e para a cultura galega. Cómpre comprender con lucidez a complexidade do presente, as ameazas, os retrocesos, as inercias que pesan sobre nós. Mais cómpre tamén conservar a capacidade de imaxinar un futuro posible, compartido e vibrante. Como na literatura de Begoña Caamaño, non abonda con denunciar o mundo herdado: é preciso reescribilo. E facelo coa intelixencia crítica de quen coñece a dor, mais tamén coa alegría radical de quen non renuncia á esperanza.

venres, 5 de setembro de 2025

UNIDADE CERO: Memoria et cultura

  

A dependencia da memoria que toda cultura ten está intimamente relacionada coa capacidade do ser humano de exercer a súa identidade.  A identidade é unha marca social. Todas as persoas precisan da identidade, aínda que esa necesidade non require ser consciente dela e, moito menos, das dimensións culturais complexas da nosa forma de ver o mundo. Esa extensión que denominamos universal, realmente non é tal, senón que é para nós, nados en Galicia, o reflexo dunha cultura occidental ou europea tamizada polo lugar onde nacemos e aprendemos da vida.    Ti es unha persoa do planeta Terra, mais a túa condición de galega, peninsular e europea, á vez, determina a túa identidade. Esta materia trata disto, de facer memoria para tomar conciencia dunha parte esencial da túa personalidade, da chamada Cultura Clásica, un achegamento fiel e cómplice para quen desexa coñecer a persoa que estamos construíndo. Ao cualificala de Clásica a esta faceta da cultura, estámola asociando ao afán de ser modélica e básica, referencial e inescusable.  Mais todo é discutible, mesmo é importante caer na conta de que a cultura debe ser inconformista, cuestionable e crítica consigo mesma. De aí que o apelido Clásica tentemos buscarlle outras aplicacións e debamos indagar solucións inusitadas.    

Esta materia procura logo a empatía co edificio que estás a levantar. Poderá esta casa do saber de min, de nós, como todas as casas, estar mellor ou peor rematada, máis ou menos decorada, responderá todo isto ao esforzo que poñamos nesta empresa.  É vital a curiosidade por coñecermos a nós mesmos, esencial escoitar e debater. Atopar o camiño pertinente por andar, un percorrido que como toda viaxe pode ser detallada ou vivida de formas diferentes, unha excursión de fondura variable en función dos intereses de cada quen e cuxos resultados serán polo tanto felizmente diversos, ineludiblemente particulares. Dispón a túa vontade e boa viaxe!


COMEZAMOS: 1ª reflexión:

 Unha meta dar as Grazas a GRECIA nun vídeo colectivo procurando antes argumentos suficientes:






Rematamos esta Unidade 0 pensando con que formato ou formatos quero ir recompilando o meu traballo con esta materia para poder avaliar a miña intervención neste proceso de memoria e cultura que acabamos de emprender.



xoves, 26 de xuño de 2025

A LECTURA que HABITA EN MIN

 Como proposta final do curso tres lecturas clásicas vidas da Grecia Antiga e da Roma imperial que esperan instalarse no teu interior para seguir amoblando o teu fogar aberto á cultura:

Recomendamos a lectura da poeta máis antiga que se coñece: SAFO na edición comentada pola especialista Aurora Luque: 


Unha novela áxil sobre  a Romanización da Gallaecia: As murallas de Berxida de Fernando Cerezales


A medio camiño entre o ensaio devoto da cultura grega e a súa poesía creativa de Sophía de Mello en portugués, un libro de culto consultado no presente curso e que vale por dous: 


Para quen aínda entre estas propostas non atopase unha lectura axeitada no seguinte enlace quedan outras propostas xa ofrecidas no curso 23/24

luns, 2 de xuño de 2025

OBXECTIVO SEGUIR APRENDENDO


 Insistimos nunha idea que comentamos ao comezar o curso, a Cultura Clásica dá para algo máis qu eun curso, vai quedar moito por coñecer. ese interese por aprender é logo algo que podedes poñer en práctica nesta recta final de curso. Para abordar unha serie de traballos fin de curso vou indicar unha serie de preferncias, sempre co noso blog como punto inicial e de fonte de consulta. Propostas as seguintes:

1º/ Unha boa idea é darlle unha visualización ao visto nestas tres avaliacións e traballar sobre algún aspecto enunciado durante o curso, pero que non foi desenvolto como a ti che gustaría, unha oportunidade de afondar e indagar algo novo mais desta vez sendo eu propio o motor do proceso.   

2ª/ O teatro grego dá moito xogo como fórmula para abordar temáticas universais que se concretan nos nosos días usando personaxes e tramas clásicas. Indagar sobre como se producen estas adaptacións a día de hoxe, pode ser un bo tema.

3º/ Hai xente na aula que non leu nin afondou no posible movemento de rebeldía feminina na Atenas do século V a. n.e. Non estaría mal usar este asunto como traballo de investigación.  

4º/ As Olimpíadas foi un deses temas que nos quedou a medias, hai diversos aspectos por desenvolver, todos moi interesantes. Orixe das probas olímpicas. O espido nas olimpíadas e a escultura grega... 

5º/ A democracia é outro dos grandes inventos gregos sobre os que apenas indagamos. Como entendían a democracia os atenienses, que diferenzas existen coas democracias actuais...

6º/ Sempre hai personaxes de interese sobre os que non se falou nada ou pouco: un par de nomes relacionados coa filosofía e a ciencia: Sócrates e Hipatia.

7º/Non gravamos o vídeo dándolle as grazas en galego a Grecia, logo tamén podemos preparar un guión xeitoso e creativo para realizar esa gravación. Sería unha fórmula interesante de rematar este curso dun xeito circular.  (Primeira entrada do curso na que está o vídeo) 


martes, 13 de maio de 2025

CONTIDOS 3ª AVALIACIÓN





A ANTIGA GRECIA DA IDADE ESCURA Á CLÁSICA

AS OLIMPíADAS

O espazo de Olimpia

Mitoloxía e orixe das Olimpíadas

O ORIXE DO TEATRO GREGO 


Visualizar unha traxedia e coñecer argumentos de Edipo Rei e Antígona.
Lembra Edipo Rei:
Laio e Iocasta, reis de Tebas, teñen un fillo


Pero os pais abandonan a Edipo coa idea que morra 
porque un augurio dicía que ía matar ao seu pai e casar coa súa nai 

Edipo medra como fillo (adoptado sen el sabelo) dos reis de Corinto,
pero un día acorda ir a Delfos a preguntar sobre o seu destino, 
cando escoita que vai matar ao seu pai e casar coa súa nai
decide non volver a Corinto para evitar que aquilo se cumpra.
 
De camiño a calquera outra cidade atópase cun home 
que non lle deixa proseguir e Edipo non quere volver atrás, 
entón mátao e pode seguir así afastarse de Corinto

Na entrada de Tebas mata á Esfinxe descifrando o seu acertixo,
 e liberando a poboación deste mostro.

En agradecemento casa con Iocasta, a viúva do rei de Tebas.

Anos despois Tebas sofre unha peste e Edipo Rei 
interroga ao adiviño sobre as causas da mesma, 
este lle revela que debe castigar ao asasino de Laio
anterior rei de Tebas, que morrera nun cruce de camiños.


Iocasta ao saber que o asasino foi Edipo e entender,
polo que vai dicindo Edipo, que está casado
co seu fillo decide rematar coa súa vida
o que provoca que Edipo
caia na conta xa lamentablemente tarde de todo o que ocorreu. 


As comedias gregas como eran? Argumentos de Asambleístas e Lisístrata.

O teatro e as mulleres: Houbo unha rebeldía feminina na Atenas democrática?



PLAN LECTOR: As troianas, de Eurípides

xoves, 28 de novembro de 2024

Contidos 1ª Avaliación


   Unidade 0:  Ser e Fluír: In mare nostra fortuna.

- Todo flúe, nada permanece.

 - O nú, unha invención grega.

-  O marabilloso invento das letras

-   Alfabeto grego 

Unidade I: Achegamento á Mitoloxía Grega:

 - Cosmogonía (as deusas/es)

- O Segredo de Prometeo (os/as mortais)

 Unidade II: Historia da Grecia Antiga (I)

- Etapas da Historia da Grecia Antiga

- De Creta a Micenas: Minoicos e Micénicos

- Minoicos, lineal A e  Arthur Evans e Cnossos

- Europa, Minos, Minotauro e Dédalo (arte e literatura)

- As invasións indoeuropeas e Micenas

Unidade III- Troia

-  Da voda de Tetis

-  Xuízo de Paris.

-  A Troia da arqueoloxía: H. Schliemann (tres primeiros vídeos)



xoves, 7 de novembro de 2024

Rexistro de entradas


 Para orientar o traballo co Caderno de Cultura Clásica:

UNIDADE 0: SER E FLUÍR: CULTURA CLÁSICA (Introdución)

- O marabilloso invento das Letras. Alfabeto grego (Cuestionario).

UNIDADE 1: O MITO

- O espazo da mitoloxía grega. Introdución á Mitoloxía (Cuestionario e cuestións)

- Cosmogonía: Caos e Cosmos. Xea e Urano. Os Titáns e a Titanomaquía. (Cuestións)

- Zeus: Proposta do 1º traballo do curso, pendente de exposición.

-Deuses e mortais: (Investigación. Lecturas e cuestionario)

- O segredo de Prometeo (I) (Cuestionario)

UNIDADE II: A HISTORIA DA GRECIA ANTIGA

- Creta: Espazos, como vivían os cretenses, Lineal A (cuestionarios)

- O rapto de Europa (investigación e cuestionario) Minos (cuestionarios)

-  Dédalo e Ícaro (cuestionario)

- Asterión de Borges e Labirinto de Picasso (actividades)

-  Creta versus Micenas. (Redacción)





martes, 10 de setembro de 2024

UNIDADE CERO: SER E FLUÍR: In mare nostra fortuna

      

Quen non se detivo fronte a unha vista como esta a reflexionar?

Un pensador grego en Éfeso (a actual Turquía) chamado Heráclito deixou enunciada esta sentencia filosófica: Todo flúe, nada permanece. Evidenciou o constante cambio ao que está sometida a natureza, mesmo os seres humanos, pois el dicía tamén: "Ningunha persoa se pode bañar dúas veces no mesmo río, porque o río non é o mesmo, nin a persoa tampouco".  
 

Vivimos nunha ría un lugar moi especial porque parece ser ese punto de encontro entre dúas naturezas ben distintas: a terra e o mar. A terra e o mar son elementos naturais cambiantes que nos vertebran polo tanto son parte de nós mesmos. Realidades coas que convivimos e das que precisamos, logo son realidades que determinan a nosa personalidade, condicionan e definen o noso ser. Se queremos establecer unha metáfora coa nosa existencia, a ría volve a lembrarnos co seu fluír constante, coas súas marés cambiantes aqueles versos: 

 Nuestras vidas son los ríos

que va a dar a la mar que es el morir...

                                            Coplas a la muerte de su padre, de Jorge Manrique


E agora subindo, e agora baixando,

 unhas veces con luz e outras a cegas,

cumprimos os nosos días e chegamos

máis tarde ou  máis cedo á ribeira. 

                                             Rosalía de Castro

Estes versos lévannos a un tópico literario co que comezar o curso...cal será? 

Por outra banda, Marín ten no seu escudo unha lenda ben curiosa: NOSTRA  IN MARE  FORTUNA.

Que quererá dicir este lema do noso escudo?

Coñeces algún tópico relacionado coa palabra Fortuna? Se non te lembras podes axudarte cos seguintes versos escritos en latín da época medieval:

O Fortuna

velut luna

statu variabilis,

semper crescis

aut decrescis;


 Imos rematar cunha reflexión sobre o ser e a Cultura Clásica que hoxe comezas a estudar. 
 O pasado é o espello do ser e no pasado temos que atoparnos se queremos vivir no presente e mesmo se desexamos construírmos o futuro.

Como podemos vivir o pasado? Onde podemos aprender quen somos? En moitos lugares do tempo vivido pola humanidade, pero sobre todo nas raíces da nosa cultura que manteñen co nós de hoxe fortes vínculos e conexións. Un deses lugares no tempo é GRECIA, a ANTIGA GRECIA. Ata alí iremos da única forma que podemos viaxar a través do tempo que son os restos arqueolóxicos e artísticos que conservamos, a xeografía, a literatura e a filosofía, o teatro, os mitos, a historia e lingua, todo o que aínda gardamos da súa cultura, Olimpia e as Olímpíadas incluídas. 

CULTURA polo tanto será o que mamemos da propia teta desa Europa moderna na que vivimos, e será CLÁSICA porque é modelo, padrón ou medida dun mundo, o seu, o da Antiga Hélade, o mundo da Antiga Grecia (hai 2500 anos). 

 A dimensión do ser na GRECIA ANTIGA será logo o modelo do que partiremos, mais coñecer ese padrón non basta con observar as copias ou os orixinais das esculturas de homes e mulleres daquela época.  A visión da escultura, os volumes e mesmo as cerámicas, columnas e templos que conservamos non son máis que un punto de partida para interpretar o pasado, sempre, sempre dende o presente o que nos permite incorporar a esa mirada unha perspectiva singular. 

Como seguramente observaches na foto inicial hai unha estatua dun home nú. O espido é unha forma de ser para os gregos.  Os corpos que os gregos esculpiron na época clásica, unha mirada fonda que precisou a súa vez dun tempo. Produto, pois, dunha evolución que nós recibimos en herdanza. Cando dicimos nós é a sociedade occidental e europea de hoxe que recolle a colleita do grego con especial fervor porque nela está en esencia unha gran parte de eu, do nós que somos. Para interpretala, para interpelala axúdanos moito tamén a cultura latina que Roma estendeu co seu imperio da man da grega, porque a ANTIGA ROMA tamén foi conquistada polo saber dos gregos.

                         

A seguir reproducimos as palabras que Sophia de Mello escribiu como introdución ao seu libro: O nú na antiguidade clásica:

 

" O nu é unha invención grega. No Exipto, na Asiria, na Caldeia, o nu é apenas unha maneira de vestir. Mais o pensamento grego cre na aletheia, cre no non cuberto, no non oculto, procra o ser non cuberto, espido.

Desde o inicio o escultor grego, fundamentalmente colócase non en fronte do ser humano vestido con armadura de guerreiro ou vestuario de escravo, sacerdote ou príncipe, pero si fronte ao espido do ser humano en si. Porque cre que o ser está na phisis, o grago cre que o ser está no mundo en que estamos. Para o asirio, pra o exipcio, par ao Caldeo, a verdade do ser está noutro mundo, no mundo do sagrado exterior ao universo e oculto. Pero o grego cre no divino interior ao universo. ë neste mundo, no estar, no parecer, na aletheia, que el busca o ser.

A este mundo en que está o grego chama  kosmos. Mais Kosmos, oposto a chaos, non significa outra cousa qu emundo ordenado e fermoso.

Esta orde é en si mesma creadora e divina; e ao esculpir un corpo o artista grego tenta mostrar a relación do ser humano coa orde que éa íntima estrutura do kosmos, da phisis, do mundo do cal o ser humano brota e se ergue.

O corpo humano paa o artista grego non é un modelo senón un padrón. E é un fenómeno en que o ser se manifesta, emerxe e brilla. é ser, estar , aparecer... Deste xeito no corpo humano o artista grego le a orde do mundo onde está...."

      Estamos totalmente de acordo coa apreciación que fixo no seu día a estudosa portuguesa Sophia de Mello: "Nunca mais escaparemos a esses gregos."

Concluímos logo esta primeira aula dando grazas a Grecia polo que nos deu: 


ACTIVIDADE: Tras ver o vídeo.

1- Enumera as distintas palabras e disciplinas ou materias que podemos relacionar coa Grecia Clásica.

2- Sabes polos que temos que dar as grazas. Como se di "Grazas" en grego:

3-  Un deses motivos de agradecemento é a  causa das letras. Foron os gregos os que nos legaron o alfabeto. Aprendemos o alfabeto grego ? 


4-  Informate no seguinte enlace e explica como se produciu:  O marabilloso invento das letras

xoves, 27 de xuño de 2024

RECOMENDAMOS LER NO VRAN


O mundo dos libros e a súa propia historia, dando resposta a incógnita de como GRECIA  IMAXINA O FUTURO...ligada á epopea de Alexandro o Magno e outras tantas personalidades do mundo antigo. Un texto marrativo onde importe a acción que nos leve á Roma dos emperadores...   

As lecturas que recomendamos a seguir  responden a gustos diversos de lectura:

Para quen lle guste o ensaio: O INFINITO NUN XUNCO de Irene Vallejo en Xerais. 

Para quen lle guste unha novela xuvenil na Roma imperial: YO CLAUDIA de Marilyn Todd

Pensando con fondura mitoloxía grega: CIRCE OU O PRACER DO AZUL, de Begoña Caamaño Editorial Galaxia. 



 Novela e algo máis sobre o noso: KALLAIKI de Paco Boluda. unha viaxe á gallaecia céltica. 



 

luns, 3 de xuño de 2024

DA NOSA PRÓXIMA AVALIACIÓN


 A modo de lembranza necesaria teño que indicar que non estou recibindo ultimamente nada de Cultura Clásica e que no caso de que entre hoxe e mañá eu non reciba nada terei que propoñer para recuperación esta materia en xuño a quen ignore a dinámica do curso e especialmente esta terceira avaliación. Espero logo que este baleiro se encha. Os Diarios de Cultura Clásica deben seguir  activos ata o remate das aulas.


ACTIVIDADES DA PRESENTE  SEMANA: Posta ao día da 3ª avaliación:

- DAS OLIMPÍADAS Á EDUCACIÓN NA ANTIGÜIDADE

- AS OLIMPíADAS: Un mundo masculino?

- MITOS DE PRIMAVERA

- AS MULLERES E O TEATRO GREGO

- AGORA TOCA COMEDIA

- VISUALIZAMOS TRAXEDIAS GREGAS

- A ORIXE DO TEATRO




 

domingo, 12 de maio de 2024

AS MULLERES E O TEATRO GREGO

A modo de introdución á actividade este anuncio:


 REDACTAR UNHA REFLEXIÓN

A partir dun texto de Irene Vallejo, a escritora que no seu libro O infinito nun xunco (sobre a invención dos libros no mundo antigo) di:

      “Quero imaxinar que houbo en Atenas unha corrente de rebeldía feminina da cal non nos fala ningún autor grego e que non figura nos libros de historia. Para rastrexar as pegadas deste quimérico movemento esquecido atrevinme a mergullarme nos textos e ler entre liñas. Aínda que nunca saberemos con seguridade se existiu, a suposición sempre me atraeu. Isto que vou exponer é só unha hipótese, pero fascíname.

      As primeiras que se sublevarían serían as heteras, é dicir, prostitutas de luxo, as únicas mulleres verdadeiramente libres da Atenas clásica. Comparables nalgúns aspectos  ás gueixas xaponesas, ocupaban un lugar ambiguo dentro da escala social, marcadas polas vantaxes e os inconvenientes da súa mala reputación vivían á intemperie, pero mantíñanse independentes. A maioría delas eran gregas nadas en Asia Menor e, polo tanto, sen dereitos de cidadanía. Na súa terra natal recibirán unha educación musical e literaria que Atenas lles negaba ás súas fillas. Obrigadas a pagaren impostos coma os homes, podían coma eles administrar os seus propios bens. Tiñan acceso aos circuítos da política e da cultura a través dos seus amantes. Non estaban sometidas á presión que soportaban as esposas atenienses, aínda que en troco estaban dobremente excluídas (por estranxeiras e mais por putas).”

 

                                                                                                  cap. 65 páx. 17


Imos redactar, desde a óptica de hoxe, e non menos dun folio, un texto  para entregar logo ao profesor vía correo electrónico, sobre o papel das mulleres no teatro grego.  

martes, 10 de outubro de 2023

DEUSES E MORTAIS

Pandora, a primeira muller, sabes que significa o seu nome? 

 A APARICIÓN DOS MORTAIS NA MITOLOXíA GREGA. Coñecerás que hai polo menos catro versións diferentes para explicar a aparición os mortais na mitoloxía grega.

Eu sigo sostendo que os deuses non deben soñar, que esta é unha calidade dos seres humanos que grazas a Pandora e a súa caixa posuimos. Naquela caixa estaba esa capacidade que nos permite agardar un futuro mellor, algo que segue sendo para homes e mulleres imprescindible e que non o é para os que son inmortais.
Quen será este personaxe?

Xa atopaches a ilustración grega do seu castigo?

Si, seguro que a estas alturas xa o sabes, é Prometeo, estaba encadeado no Cáucaso non polo que aparentemente fora castigado por Zeus coma ti cres, senón porque gardaba un segredo que o Titán amigo dos homes, non quería revelar.
Se queres saber cal era este segredo terás que seguir o relato que comeza no seguinte enlace:

O SEGREDO DE PROMETEO Peleo e o centauro Quirón


domingo, 10 de setembro de 2023

O ESPELLO DO SER

                                                                 "Nunca mais escaparemos a esses gregos." 

                                                                                             Sophia de Mello 

O pasado é o espello do ser e no pasado temos que atoparnos se queremos vivir no presente e mesmo se desexamos construírmos o futuro. 

Como podemos vivir o pasado? Onde podemos aprender quen somos? En moitos lugares do tempo vivido pola humanidade, pero sobre todo nas raíces da nosa cultura que manteñen co nós de hoxe fortes vínculos e conexións. Un deses lugares no tempo é GRECIA, a ANTIGA GRECIA. Ata alí iremos da única forma que podemos viaxar a través do tempo que son os restos arqueolóxicos e artísticos que conservamos, a xeografía, a literatura e a filosofía, o teatro, os mitos, a historia e lingua, todo o que aínda gardamos da súa cultura, Olimpia e as Olímpíadas incluídas.  

CULTURA polo tanto será o que mamemos da propia teta desa Europa moderna na que vivimos, e será CLÁSICA porque é modelo, padrón ou medida dun mundo, o seu, o da Antiga Hélade. O mundo da Antiga Grecia que algo cambiou desde aquela (hai 2500 anos), pero non cambiou tanto como para desdeñar por completo unha gran parte do seu esforzo por entendelo, ese maxistral proceso de asimilación do universo, para darlle pé a nosa lectura.  

 A dimensión do ser na GRECIA ANTIGA será logo o modelo do que partiremos, mais coñecer ese padrón non basta con observar as copias ou os orixinais das esculturas de homes e mulleres daquela época.  A visión da escultura, os volumes e mesmo as cerámicas, columnas e templos que conservamos non son máis que un punto de partida para interpretar o pasado, sempre, sempre dende o presente (non hai outra forma) o que nos permite incorporar a esa mirada unha perspectiva singular ao nos pasado dende a mirada de hoxe, do aquí e agora. 
















Observa os corpos que os gregos esculpiron na época clásica, unha mirada fonda que precisou a súa vez dun tempo. Produto, pois, dunha evolución que nós recibimos en herdanza. Cando dicimos nós é a sociedade occidental e europea de hoxe que recolle a colleita do grego con especial fervor porque nela está en esencia unha gran parte de eu, do nós que somos. Para interpretala, axúdanos moito tamén a cultura latina que Roma estendeu co seu imperio da man da grega, porque a ANTIGA ROMA tamén foi conquistada polo saber dos gregos. 

A seguir reproducimos as palabras que Sophia de Mello escribiu como introdución ao seu libro: O nú na antiguidade clásica:

" O nu é unha invención grega. No Exipto, na Asiria, na Caldeia, o nu é apenas unha maneira de vestir. Mais o pensamento grego cre na aletheia (αλήθεια), cre no non cuberto, no non oculto, procura o ser non cuberto, espido.

Desde o inicio o escultor grego, fundamentalmente colócase non en fronte do ser humano vestido con armadura de guerreiro ou vestuario de escravo, sacerdote ou príncipe, pero si fronte ao espido do ser humano en si. Porque cre que o ser está na phisis (φύσις) , o grego cre que o ser está no mundo en que estamos. Para o asirio, para o exipcio, para o Caldeo, a verdade do ser está noutro mundo, no mundo do sagrado exterior ao universo e oculto. Pero o grego cre no divino interior ao universo. é neste mundo, no estar, no parecer, na aletheia, que el busca o ser.

A este mundo en que está o grego chama  kosmos. Mais Kosmos, oposto a chaos, non significa outra cousa que mundo ordenado e fermoso.

Esta orde é en si mesma creadora e divina; e ao esculpir un corpo o artista grego tenta mostrar a relación do ser humano coa orde que é a íntima estrutura do kosmos, da phisis, do mundo do cal o ser humano brota e se ergue.

O corpo humano para o artista grego non é un modelo senón un padrón. E é un fenómeno en que o ser se manifesta, emerxe e brilla. é ser, estar, aparecer... non se trata de crear, pero si de descubrir... trátasede descifrar a lei do corpo humano,e a proporción - a simetria_-que ese corpo manifesta...Deste xeito no corpo humano o artista grego le a orde do mundo onde está. E por iso falar do nu na arte grega é sempre falarr da relación do ser humano co divino... "

Destas palabras espero deduzas que será a nosa unha aventura complexa na que comezamos, como esperamos rematar, dando grazas:


ACTIVIDADES: Tras ver o vídeo.

1- Enumera as distintas palabras e disciplinas ou materias que podemos relacionar coa Grecia Clásica. 

2- Sabes por que razón ou razóns temos que dar as grazas a Grecia. Como se di Grazas en Grego: 

3- Cales son as letras do alfabeto grego? Imos escribilas.


4- Agora proba a escribir o teu nome coas letras gregas e logo a formar palabras con ese alfabeto. Non escribirás en grego, pero é unha forma práctica de te familiarizar con este alfabeto.

Coñezamos agora unha das primeiras pezas que nos permite avanzar na puzzle que constitúe para nós hoxe o mundo da antiga Hélade. Imos falar dos mitos, unha das creacións máis orixinais de GRECIA.

ORIXE E TRANSCENDENCIA DOS NOSOS NOMES

INTRODUCIÓN Á MITOLOXÍA 

QUE VÉN SENDO UN MITO?