Quen non se detivo fronte a unha vista como esta a reflexionar?
Un pensador grego en Éfeso (a actual Turquía) chamado Heráclito deixou enunciada esta sentencia filosófica: Todo flúe, nada permanece. Evidenciou o constante cambio ao que está sometida a natureza, mesmo os seres humanos, pois el dicía tamén: "Ningunha persoa se pode bañar dúas veces no mesmo río, porque o río non é o mesmo, nin a persoa tampouco".
Vivimos nunha ría un lugar moi especial porque parece ser ese punto de encontro entre dúas naturezas ben distintas: a terra e o mar. A terra e o mar son elementos naturais cambiantes que nos vertebran polo tanto son parte de nós mesmos. Realidades coas que convivimos e das que precisamos, logo son realidades que determinan a nosa personalidade, condicionan e definen o noso ser. Se queremos establecer unha metáfora coa nosa existencia, a ría volve a lembrarnos co seu fluír constante, coas súas marés cambiantes aqueles versos:
Nuestras vidas son los ríos
que va a dar a la mar que es el morir...
Coplas a la muerte de su padre, de Jorge Manrique
E agora subindo, e agora baixando,
unhas veces con luz e outras a cegas,
cumprimos os nosos días e chegamos
máis tarde ou máis cedo á ribeira.
Rosalía de Castro
Estes versos lévannos a un tópico literario co que comezar o curso...cal será?
Por outra banda, Marín ten no seu escudo unha lenda ben curiosa: NOSTRA IN MARE FORTUNA.
Que quererá dicir este lema do noso escudo?O Fortuna
velut luna
statu variabilis,
semper crescis
aut decrescis;
Como podemos vivir o pasado? Onde podemos aprender quen somos? En moitos lugares do tempo vivido pola humanidade, pero sobre todo nas raíces da nosa cultura que manteñen co nós de hoxe fortes vínculos e conexións. Un deses lugares no tempo é GRECIA, a ANTIGA GRECIA. Ata alí iremos da única forma que podemos viaxar a través do tempo que son os restos arqueolóxicos e artísticos que conservamos, a xeografía, a literatura e a filosofía, o teatro, os mitos, a historia e lingua, todo o que aínda gardamos da súa cultura, Olimpia e as Olímpíadas incluídas.
CULTURA polo tanto será o
que mamemos da propia teta desa Europa moderna na que vivimos, e será CLÁSICA
porque é modelo, padrón ou medida dun mundo, o seu, o da Antiga Hélade, o mundo
da Antiga Grecia (hai 2500 anos).
A dimensión do ser na GRECIA ANTIGA será logo o modelo do que partiremos, mais coñecer ese padrón non basta con observar as copias ou os orixinais das esculturas de homes e mulleres daquela época. A visión da escultura, os volumes e mesmo as cerámicas, columnas e templos que conservamos non son máis que un punto de partida para interpretar o pasado, sempre, sempre dende o presente o que nos permite incorporar a esa mirada unha perspectiva singular.
Como seguramente observaches na foto inicial hai unha estatua dun home nú. O espido é unha forma de ser para os gregos. Os corpos que os gregos esculpiron na época clásica, unha mirada fonda que precisou a súa vez dun tempo. Produto, pois, dunha evolución que nós recibimos en herdanza. Cando dicimos nós é a sociedade occidental e europea de hoxe que recolle a colleita do grego con especial fervor porque nela está en esencia unha gran parte de eu, do nós que somos. Para interpretala, para interpelala axúdanos moito tamén a cultura latina que Roma estendeu co seu imperio da man da grega, porque a ANTIGA ROMA tamén foi conquistada polo saber dos gregos.
A seguir reproducimos as
palabras que Sophia de Mello escribiu como introdución ao seu libro: O nú na
antiguidade clásica:
" O nu é unha invención grega. No Exipto, na Asiria, na Caldeia, o nu é apenas unha maneira de vestir. Mais o pensamento grego cre na aletheia, cre no non cuberto, no non oculto, procra o ser non cuberto, espido.
Desde o inicio o escultor grego, fundamentalmente colócase non en fronte do ser humano vestido con armadura de guerreiro ou vestuario de escravo, sacerdote ou príncipe, pero si fronte ao espido do ser humano en si. Porque cre que o ser está na phisis, o grago cre que o ser está no mundo en que estamos. Para o asirio, pra o exipcio, par ao Caldeo, a verdade do ser está noutro mundo, no mundo do sagrado exterior ao universo e oculto. Pero o grego cre no divino interior ao universo. ë neste mundo, no estar, no parecer, na aletheia, que el busca o ser.
A este mundo en que está o grego chama kosmos. Mais Kosmos, oposto a chaos, non significa outra cousa qu emundo ordenado e fermoso.
Esta orde é en si mesma creadora e divina; e ao esculpir un corpo o artista grego tenta mostrar a relación do ser humano coa orde que éa íntima estrutura do kosmos, da phisis, do mundo do cal o ser humano brota e se ergue.
O corpo humano paa o
artista grego non é un modelo senón un padrón. E é un fenómeno en que o ser se
manifesta, emerxe e brilla. é ser, estar , aparecer... Deste xeito no corpo
humano o artista grego le a orde do mundo onde está...."
Concluímos logo esta primeira aula dando grazas a Grecia polo que nos deu:
ACTIVIDADE: Tras ver o vídeo.
1- Enumera as distintas palabras e disciplinas ou materias que podemos relacionar coa Grecia Clásica.
2- Sabes polos que temos
que dar as grazas. Como se di "Grazas" en grego:
3- Un deses motivos de agradecemento é a causa das letras. Foron os gregos os que nos legaron o alfabeto. Aprendemos o alfabeto grego ?
4- Informate no seguinte enlace e explica como se produciu: O marabilloso invento das letras
Ningún comentario:
Publicar un comentario