martes, 15 de novembro de 2016

LATINISMOS E HELENISMOS

QUE HAI DE GREGO E DE LATÍN NAS LINGUAS QUE EU FALO?

O galego, como ben sabedes é unha lingua romance ou neolatina, filla do latín e o 80% do seu léxico ten esta orixe. Outro tanto lle ocorre as outras linguas irmás do galego: portugués, castelán, catalá, francés, italiano, romanés... somos consecuencia da Romanización e posterior Latinización dunha gran parte de Europa.

 No territorio que hoxe é Galicia falábanse diversas linguas que coa chegada dos romanos desaparecerán, aínda que parece que deixaron algunha pegada na lingua que falamos actualmente. Daquelas linguas prerromanas, anteriores aos romanos, só conservamos hoxe na península unha, o éuscaro, que, como seguro xa sabes, tampouco é indoeuropea.

Como outros idiomas o galego incorporou ademais palabras que non proceden do latín vulgar "vulgaris" ou común. Sabemos que na nosa península, e mesmo en Gallaecia, antes da chegada dos romanos había diversidade de linguas e estas inflúen dalgún xeito como linguas de substrato, primeiro no tipo de latín que se vai falar nestas terras e, máis tarde, na lingua romance. Despois da caída do Imperio Romano e da desintegración do mesmo influiría nas linguas romances resultantes a entrada dos pobos xermanos e tamén a dos árabes (linguas denominadas de superestrato), algo máis tarde, pero pouco antes de conformaren esas linguas distintas do latín na alta Idade Media.

O latín, en todo caso funciona coma un fondo caixón ao que acudimos cando precisamos unha nova palabra, un novo concepto. Vexamos un par de exemplos. A palabra coa que denominamos a un reprodurtor de imaxes en movemento foi bautizada no século XX como "video" que vén sendo a 1ª persoa do verbo ver en latín. Algo semellente ocorreu á hora de procurar un nome para os que navegan pola rede: "inter-nautas" un prefixo e un substantivo latinos. logo o latín a día de hoxe nos segue nutrindo de palabras e enriquecendo, non está tan morta como algúns a pintan e segue sendo esta magnífica chave coa que abrimos o mundo que é a lingua.

Por veces, ese labor de reelaboración de palabras vén da man do grego, especialmente nas terminoloxías científicas. Cómpre que nós, estudantes desta materia, recoñezamos que hai destas dúas grandes linguas de cultura e da Antigüidade Clásica nos idiomas que falamos habitualmente. Antes reparemos no proceso de transformacións das palabras.


AS PALABRAS PATRIMONIAIS.

as palabras de orixe latina entraron na nosa lingua en distintos momentos e de maneira diferente. Namentres o latín literario se mantivo como lingua de cultura de Occidente durante moitos séculos, ao mesmo tempo o denominado latín vulgar, lingua do pobo, ía transformándose e converténdose nas linguas románicas. na fase de xestación destas linguas neolatinas, transmitidas as palabras de oído e entre xentes sen coñecementos literarios foron evolucionando e asentando novas palabras populares ou patrimoniais de formas latinas como filium, noctem, pluviam pasaron a ser fillo, noite e chuvia.


CULTISMOS E PARES LÉXICOS

Unha vez consolidadas as linguas romances o latín clásico seguiría sendo usado nas escolas e clases cultivadas. Desta maneira cando unha persoa necesitaba un termo que non existía na lingua romance correspondente, tiraba do latín clásico para expresar ese concepto incorporando palabras denominadas cultas, palabras recentes que xa non van evolucionar ou evolucionan pouco con respecto aos étimos, ou palabras orixinarias, das que proceden: filial, nocturno, pluviómetro son palabras cultas ou cultismos. Este proceso de incorporación de cultismos ás linguas romances, que comezou aló polo século XIII na época de Afonso X o Sabio, non se detivo nunca e nos nosos días segue sendo unha fonte permanente de incorporación de novos vocablos. palabras como astronauta ou internauta, proceden daquel étimo latino "nauta" que significaba mariñeiro.

As lingua romances está logo cheas de pares léxicos, un fenómeno bastante frecuente, ao poder convivir unha palabra patrimonial e unha culta, esta máis erudita, que proceden dun mesmo étimo latino:

Étimo latino / patrimonial / culta
auriculam/      orella          auricular
calidum/         caldo           cálido
laborare/         labrar           laborar
strictum/         estreito        estricto
recitare/          rezar            recitar


SEMICULTISMOS
Os semicultismos son palabras que frearon a súa evolución por algunha causa e quedaron a medio camiño entre unha palabra patrimonial máis evolucionada e outra culta:
étimo latino   palabra culta /  semicultismo / patrimonial
plenum             pleno                preamar           cheo
regulam            regular             regra                rella

Logo o latín non é unha lingua morta, é unha lingua escrita, núcleo das linguas románicas, nas que pervive en determinados niveis.

LATINISMOS

 Na lingua aculta úsanse palabras e expresións enteiramente latinas: álbum, accesit, hábitat, etcétera, gratis, ipso facto, post data,  referendum...(Podes saber algo máis na páxina 15 do libro). 

Nas próximas entradas traballaremos as evolucións máis frecuentes e as distintas regras que podemos deducir das mesmas, despois de estudar as distintas etapas polas que pasou o latín, así como facer referencia a un importante grupo de latinismos que usamos. Abordaremos tamén os procesos de derivación e composición, pero antes quixeramos rematar a presente entrada cunha referencia ao nosos Helenismos, é dicir, as palabras gregas que existen na nosa lingua.


HELENISMOS


O grego clásico, o que falaban e escribían os gregos no século V a.C. foi considerada polos romanos a lingua de Cultura do seu Imperio ( que abarcaba gran parte de Europa) polo que foi deixando importantes pegadas tanto no latín como, a posteriori, nas linguas herdeiras do latín e, en xeral, nas linguas de occidente ao ser considerado un todo a cultura greco-latina. Ademais de formar parte dun conxunto de prefixos  e sufixos da nosa lingua (hiper-tensión/ dermat-ite), de formar parte dun rico conxunto de palabras compostas con algunha compoñente grega (antropónimo, homofobia) que tamén aboradaremos nunha próxima entrada en detalle, imos facer mención a continuación dunha serie de helenismos asociados ao campo das Ciencias que sufriron pouca ou ningunha modificación, tomadas directamente do grego ou creadas despois seguindo os mesmos procedementos para designar novas realidades científicas ou técnicas: telégrafo, teléfono, psicoanálise...

MATEMÁTICAS: Cálculo, cilindro, diagrama,diámetro, esfera, parábola, teorema,trigonometría, xeometría, triángulo, pentágono.

FÍSICA E QUÍMICA: Análise, antena, bioquímica, elástico, electrodo, electrón, física, hidróxeno, isobara,quilogramo, óxido, ozono, química, telégrafo, termómetro...

CIENCIAS NATUARAIS: Acéfalo, amígdala, anatomía, arácnido, bacteria, bioloxía, biosfera, clorofila, cromosoma. ecoloxía, ecosistema, epicentro, epidemia, epidermis, espeleoloxía, esperma, xeoloxía, metabolismo, microbio, neurona, parasito, protozoo, sísmico, tímpano, tórax, zooloxía...

FILOSOFÍA: Agnosticismo, antropoloxía, axioma, categoría, cosmos, cosmogonía, criterio, crítica, dialéctica, dilema, empirismo, ética, fenómeno, filosofía, herexía, idea, lóxica, metafísica, método, mito, politeismo, psicoloxía, síntese, socioloxía, teoloxía, teoría...

ARTE/ HISTORIA/XEOGRAFÍA: Ábside, ácrata, anarquía, aristocracia, autarquía, autonomía, bárbaro, basílica, burocracia, catedral, delta, democracia, demografía, estratexia, xenealoxía, xeografía, xerontocracia, híbrido, historia, horizonte, icona, istmo, meteoro, monarquía, monolito, museo, neolítico, paleolítico, pinacoteca, planeta, política, tetrarquía, tiranía, topografía, trirreme, zona,..

MEDICINA:  Aneurisma, cardioloxía, gastrite, hepático, odontoloxía, oftálmico, oncóxeno, otite, pedriatría, somático, xinecólogo, ...


Hai tamén palabras que se reproducen tal e como soaban en grego "eureka" (atopeino) para designar un descubrimento,  ou "panta rei" (todo flúe) para indicar un cambio.

CUESTIÓNS:

1- Define: Palabras patrimoniais, cultas e semicultismos. Que son os latinismos? Para sabelo podes usar o noso libro de texto como fonte de información. Ler o libro de texto nas páxinas 12, 13, 14 e 15 e realizar os exercicios que conteñen ditas páxinas.
2-  Que é un helenismo? Tamén no libro existe unha sección dedicada ao noso léxico derivado do grego en cada unidade. Imos comezar por traballar as actividades número 5-6-7-8 das páxinas 23 e 37 do noso libro.

sábado, 5 de novembro de 2016

DOS AMORES DE ZEUS E DOS DEUSES DO OLIMPO

A configuración do chamado Olimpo dos deuses é unha cuestión un tanto complexa que imos estudar e investigar á vez, agrupando os distintos momentos de formación do Olimpo en catro epígrafes:

- Os amores de Zeus.
- A convulsa relación entre Zeus e Hera.
- Novos ataques contra o Olimpo: Xigantomaquia e Tifonomaquia.
- O Olimpo dos deuses.

OS AMORES DE ZEUS
Cando os irmáns e as irmás de Zeus foron liberados da bandullo de Cronos, estes fuxiron cara ao monte Olimpo considerando ao seu salvador dende ese momento pai dos deuses.
 Tras da derrota dos Titáns, Zeus, como pai dos deuses,compartiu o poder cos seus irmáns e, tras dun sorteo, os dominios dos mares foron para Poseidón e o mundo subterráneo foi concedido a Hades, quedándose coa superficie terrestre e os ceos o propio Zeus.  As deusas tiveron a encomenda de facilitar a vida aos mortais, por iso, Deméter sería deusa das colleitas e Hestia a do lume e o fogar. Como veremos máis adiante reservou un papel ben distinto para Hera, a máis nova das súas irmás, que permanecera durante a loita cos Titáns afastada das batallas a carón da Titánide Tetis  e  de Océano, o maior dos Titáns que foi neutral na Titanomaquia como o resto das Titánides.

Imos realizar un traballo persoal cos denominados amores de Zeus. Cada un dos alumnos/as da clase deberá tratar sobre os máis famosos amores de Zeus. Sabemos que Zeus, aínda que houbo un tempo en que se lle pasara pola cabeza ter relacions con Tetis, soubo o segredo de Prometeo e rexeitou casar con ela. 

Pero Zeus tivo numerosas aventuras amorosas con deidades e mortais:

Zeus e as Titánides:
- Xa coñecemos a relación con Metis da que nacerá Atenea.
- Temis (Moiras, Hespérides e Horas)
- Eurínome (As 3 Cárites ou Grazas)
- Mnemosine (as 9 Musas)
- Maia (Hermes)
- Letó (Ártemis e Apolo)

Zeus e as deusas olímpicas (as súas irmás):
- Deméter 
- Hera

 As relacións de Zeus con mortais:
- Io en Argos (Épafo)
- Sémele (Dionisio)
- Dánae (Perseo)
- Europa, (Minos, Sarpedón e Radamantis)
- Calixto (Arctos)
- Leda (Castor e Pólux / Helena e Clitemnestra).
- Ganímedes
- Alcmena (Heracles)

A CONVULSA RELACIÓN DE ZEUS CON HERA

Hera, filla de Cronos e de Rea, tras ser liberada do estómago do seu pai, dicíase que, durante a loita de Zeus contra os Titáns, fora criada polo seu tío o Titán neutral Océano e a titánide Tetis ata que casa con Zeus. Seica da promesa do casamento ata a propia voda pasou certo tempo. Hesíodo fala de Hera como a terceira muller.

Unha das cuestións máis complexas de explicar é a da súa descendencia, porque ademais dos fillos que tivo con Zeus. Algúns dos fillos desta parella nacen antes da súa voda, como por exemplo Hefesto, que hai quen afirma que non era fillo de Zeus, outros que si, que o fixo baixo a apariencia dun cuco. Outros despois Ares, Ilitía, Hebe e, tal vez, Éride (se esta non nacera da Noite como conta Hesíodo).

As frecuentes infidelidades de Zeus provocan os ciumes de Hera, que vai perseguir de forma implacable ás amantes do seu marido infiel e a súa descendencia. Un dos casos máis coñecidos desta persecución será a orixe dun dos seus símbolos, a transformación de Argos en pavo real. Zeus e Hera van ser un matrimonio mal avenido, con discusións permanentes. De aí que haxa varios momentos realmente tensos como no que hera organiza unha rebelión dos Olímpicos contra Zeus polo que vai ser severamente castigada. 




CURIOSEANDO NOS AMORES DE ZEUS (I)
1- Resume nun parágrafo cada unha das historias dos 16 amores de Zeus con deusas e con mortais.   
2-Procura saber e asociar as seguintes transformacións cunha das relacións de Zeus e algunha das mortais citadas máis arriba: Raio, chuvia dourada, touro branco, cisne, Anfitrión, aguia.
3-Por que ou para que Zeus se fai pasar por un cuco?
4- Hefesto era coxo de nacemento? Como se vinga da súa nai?
5-Onde se celebraron as vodas de Zeus e Hera?
6-Quen era Argos? Por que remata sendo un pavo real?
7-Cal é o símbolo que representa a Hera como deusa do matrimonio-fecundidade?

ATAQUES CONTRA O OLIMPO

Como se pode apreciar neste vídeo Zeus  e o propio Olimpo (que xa vimos), como símbolo da orde xusta das cousas no mundo tarda un tanto en estar asentado. Desde o Tártaro, é dicir, o antigo Caos, xorde unha loita en varias ocasións por volver atrás nun intento de arrebarlles aos deuses olímpicos o poder sobre o Cosmos. Mesmo as desputas internas entre Hera e Zeus provocan inestabilidade como acabamos de relatar. Hai dous momentos que son, de todos os xeitos, os máis destacados: A Xigantomaquia e a Tifonomaquia. 

A XIGANTOMAQUIA 
 Este relato non aparece en Hesíodo polo que resulta complexo situalo no relato ordenado da mitoloxía grega. Foi,  sen lugar a dubidas, despois da chegada da humanidade. Tras da Titanomaquia vai pasar un tempo impreciso ata que Xea, indignada pola sorte dos Titáns castigados no Tártaro e vixiados polos Ciclopes e Hecatonquiros por orde de Zeus, enxendre aos Xigantes, monstruosos seres fillos do sangue do Urano que este derramara sobre a Terra. Nacen para vingar aos Titáns. Pero os xigantes só serán derrotados grazas a un ser nacido de Zeus, produto dunha das súas relacións cunha mortal. Este heroe foi Heracles. 


A TIFONOMAQUIA
Hesíodo narra tamén un intento de Xea de vingar aos Titáns. Uníndose ao Tártaro enxendra un ser terrible. Os deuses asustados foxen do Olimpo e metarmofeándose, Zeus enfrontonse en solitario cos seus raios, pero Tifón inmobilizouno cos seus espirais, cortoulle os tendóns das mans e das pernas, encerrándoo nunha cova ata que Hermes logrou recompoñer ao seu pai que, recuperada a súa forza e cos seus raios persegue a Tifón ata que finalmente conseguirá derrotalo en Sicilia colocándolle enriba o Monte Etna do que dende entón brotan bocanadas de lume.  

Hai que dicir que sobre o nacemento de Tifón hai versións que aseguran fora enxendrado por Hera reunindo nunha soa as tensións que Zeus e o Olimpo sofre antes de permaneceren asentado para sempre.


OS DEUSES DO OLIMPO



Para rematar esta viaxe persoal ao Olimpo procura  realizar un teu cadro coa lista dos deuses cos seus dous nomes (grego e latino), os seus atributos e símbolos.