luns, 20 de setembro de 2021

QUE HAI DO NOSO?


Estela atopada a finais do século XX en Crecente.

OS CELTAS NESTA TERRA? 
Que falaban, quen eran, de onde viñeron, que aspecto tiñan os primeiros humanos que habitaban a nosa terra, esta mesma terra que hoxe pisamos? A maior parte desas preguntas cos avances da antropoloxía, historia e lingüística, a xenética do ADN fan posible ter unha resposta moi aproximada.

 

UNHA CUESTIÓN NON EXENTA DE POLÉMICA

Como recoñecen os estudosos do asunto "sucede con certa frecuencia que diversas ciencias abordan un mesmo tema desde os seus particulares puntos de vista; é inevitable e lóxico que unhas se apoien noutras. No caso que nos ocupa, entre os diferentes enfoques que estudan os celtas, existe tensión porque algúns datos que proporcionan uns estudos non encaixan no esquema xeral que estableceron outros. Chegados a este punto, con narracións diferentes para un mesmo e único obxecto de estudo, todos porfían e ninguén quere estar equivocado. Xorde a tensión e con ela a polémica."

Isto acontece coa cuestión dos celtas en Galicia e son as teorías máis avanzadas as que tamén nos invitan a transitar un camiño válido para pechar o debate:

"En casos como este é moi útil abordar o tema desde a ciencia cognitiva que procura unificar todos os enfoques; contemplando os fenómenos culturais como un todo coherente e non unha suma de partes; deste modo se atribúe maior valor ás converxencias entre as disciplinas que ás diverxencias, ponderando positivamente os puntos de acordo" T. Rodríguez Celtas entre a néboa.

É importante saber que a arqueoloxía definiu os celtas no século XIX en base a algúns artefactos que se encontraron nas escavacións e que se consideraron xenuínos representantes desta cultura e hoxe sabemos que non o son. A Historia facendo uso destes datos arqueolóxicos  di que son un grupo de pobos que van desde a Idade do Ferro ata os inicios da Idade Media.

Pola contra a Lingüística non concorda con frecuencia cos datos arqueolóxicos clásicos; o mesmo que sucede coa Historia das Relixións e a Antropoloxía. Isto débese a que a definición arqueolóxica inicial do celta foi errónea aínda hoxe seguimos padecéndoa, máis de cen anos despois.

 

OS CELTAS DA IDADE DO XEO

Os datos máis antigos que se poden rastrexar son os lingüísticos, que documentan unha lingua céltica arcaica falada durante o Paleolítico Final ou o Mesolítico.

O lugar orixinario desde onde eses grupos se estenden polo continente europeo é a metade atlántica da península Ibérica; e chegan a ocupar, no Neolítico, toda a fachada atlántica europea, desde as Illas Británicas a Andalucía. Datos paleoxenéticos establecen tamén orixes comúns para as poboacións humanas de estas localidades e para algúns dos seus animais domésticos (cabalo, can…). Vexamos como foi o conto.

Os humanos (homo sapiens sapiens) aparecen en África fai aproximadamente 250.000 anos; a partir de entón comezou a nosa expansión polo resto da Terra. Fóra de África o fósil humano máis antigo atopouse no que hoxe é Israel cunha antigüidade duns 185.500 anos. Estas persoas ían migrando por África, durante un período moi longo e á vez fóronse diferenciando as súas falas asentando as grandes familias lingüísticas. Os grupos de sapiens que chegan ao sur da península hai uns 44.000 anos, pertencían a dous grupos lingüísticos e culturais principais: o indoeuropeo e o afrosemítico.

Esas pequenas comunidades, ao chegar a Europa, atopáronse con outros homínidos, os neandertais e cun clima moi frío, coñecido como a glaciación de Würm ou Idade de Xeo. Neandertais e humanos conviviron durante pouco tempo (1.000 ou 2.000 anos); xa que o neandertal se extinguiu.

Hai que ter en conta que, durante o proceso de chegada destes grupos humanos, só a península ibérica e as terras próximas ao Mediterráneo eran lugares habitables; o resto do continente ou ben estaba cuberto por xeo ou tiña o chan permanentemente conxelado, limitando moito a vida. Por tanto, será a partir destas zonas do sur europeo desde onde se colonizará o continente nun lento fluír que vai do sur ao norte, seguindo o ritmo marcado pola retirada do xeo.

A glaciación tivo o seu punto máis frío arredor do 20.000 e remataría no 10.000 a. C. Ao finalizar, o continente europeo foi paulatinamente colonizado por plantas e animais, entre eles humanos. Esta época, que se corresponde co Paleolítico Final e o Mesolítico e as comunidades humanas eran pequenos grupos nómades con gran mobilidade.

Os estudos de ADN demostran que o 80% do capital xenético dos europeos se remonta ao Paleolítico e, ademais, evidencia a gran coherencia xeral entre áreas lingüísticas, culturas arqueolóxicas e grupos xenéticos; especialmente na Europa Atlántica na que nos incluímos. Unha das grandes novidades dos estudos máis recentes confirma que no Paleolítico Superior, cando se estabilizan os asentamentos en Europa destas comunidades humanas, xa están definidos e diferenciados os grupos culturais e lingüísticos que identificamos en época histórica. Conformase así un modelo, ou paradigma, de continuidade no continente europeo entre os últimos cazadores e a poboación indoeuropea máis clásica e coñecida polos textos: celtas, xermanos, latinos, gregos, eslavos…

Na península ibérica descubrimos de tal xeito que os celtas arcaicos se estableceron no centro e metade oeste e, a partir do Mesolítico, ocupan a costa atlántica europea ata asentar o espazo céltico histórico (despois de recibir un gran influxo ibero na zona do val do Ebro). Ao tempo, no levante se documentan grupos non indoeuropeos (afrosemíticos) que acabarán asentando na metade oriental e áreas do norte da península, dando lugar a iberos e vascóns.

Os arcaicos poboadores da Gallaecia, no momento da súa chegada atopáronse con neves perpetuas en toda as serras montañosas con numerosos glaciares. Serían pequenos grupos nómades que circulaban polas zonas libres de neve durante o Paleolítico Superior e que, ao longo do Mesolítico, comezarían o proceso de domesticación transhumante de animais. Cultural e lingüisticamente serían grupos célticos arcaicos que darían lugar, por evolución e continuidade local, aos galaicos e ástures polo que parece sen aportes significativos de poboación exterior e sen invasións ata a chegada dos romanos.


CUESTIÓNS

1- Visualicemos este documental titulado O Legado Celta de Galicia:


2- Tras da visualización respondemos ás seguintes cuestións:

 I- Como era forma de vida dos habitantes destas terras no Paleolítico?
II- Cando e como cambiou a súa forma de vida?
III- Antes da época dos metais construíron grandes monumentos megalíticos. Só o fixeron en Galicia?
IV- Que é unha mámoa?
V - A seguinte pegada na paisaxe que podemos atopar desta época como se chama?
VI- Como navegaban naquela época opolo mar?
VII- A innovación da metarurxia dá pé ás Idades dos metais: Idade de Bronce e de Ferro. Os habitantes dos castros eran autosuficientes?
VIII- Que pobo comerciante do Mediterráneo chegará ás nosas costas na Idade do Bronce na procura de estaño cuxos intercambios mercantís chegarán ata o século II a. C.?
X- Quen trouxo aos castros os muíños circulares ou xiratorio ou o torno de olería? Con que pagaban os habitantes dos castros os obxectos vidos de fóra?
XI- Coa  Idade do Ferro hai un certo colapso do comercio que pasa nos castros?
XII- Máis da metade dos castros de Europa están localizados en Galicia. Parécense os castros galaicos  aos de Irlanda? 
XIII- Por que sabemos que eran moi importantes as actividades textís? 
XIV- A cerámica castrexa máis habitual como era?
XV- Desde moi novos, especialmente os homes, preparábanse para que tipo de actividades?
XVI- Describe un guerreiro da Idade do Ferro. 
XVII- Os cabalos eran ademais un símbolo de............ e ........................
XVIII-Que é unha "pedra formosa"?
XIX- No noroeste penínsular falábanse variantes arcaicas do idioma________. Este idioma vaise estender por toda Europa Atlántica e centro Europa.
XX- Onde se pensa que soterraban as cinzas dos familiares mortos?
XXI- Que era un torques? De que metal era?
XXII- O feito de que varias casas poidan estar rodeadas dun muro pequeno no interior do castro que indica?
XXIII- Que trouxo ata estas terras aos romanos?
 
 

martes, 14 de setembro de 2021

ITER IDENTITATIS...

 



Nós só podemos dar un paso sobre a terra para emprender o camiño, pero hai outras fórmulas de iniciar unha viaxe e non só usando novas tecnoloxías. 
Ás veces para voar só precisamos volver a vista atrás. Imos logo tentar, sen desapegarmos do presente no que vivimos, botar unha ollada ao pasado por ver que nos depara e como nos sorprende... axiña descubriremos que á beira emerxen testemuñas daquel pasado inmenso dispostas a falar do que fomos, agochado por veces baixo un lixeiro verniz que o devalar do tempo deixou sobre os obxectos...

Hermes pesando as almas dos mortos



Mercurio ou Hermes conducindo os mortos  


San Miguel pesando as almas dos mortos


 Aprenderemos quen somos porque o presente de Europa non pode ser sen un pasado clásico que sendo antigo non deixa de estar vivo en cada un dos seus pobos de xeito distinto.  De seguido logo, postos a andar desde esta Fisterra sen esquecer o Atlántico, chegaremos a Grecia e logo a Roma porque estas dúas culturas mediterráneas moito teñen que dicir sobre o camiño andado e por andar polos galegos/as, sen deixar de preguntar: Que hai do noso?


 οδος ιδιοτητος...iter identitatis...

        O camiño da identidade será o noso lema para comezar a andar.