martes, 28 de novembro de 2023

TROIA

 

A Troia da Arqueoloxía (HISTORIA E MITO). O obxectivo é investigar que hai de realidade, que sabemos sobre a Troia histórica e distinguila do mito. Debemos pois coñecer por un lado tanto os personaxes como, a grandes trazos, o argumento da Ilíada de Homero e, polo outro, contrastar estes datos da literatura e mitoloxía co que a arqueoloxía e a filoloxía chegaron a descubrir sobre o acontecido ao redor da Guerra de Troia, un conflito entre gregos e troianos. Como guía usamos este documental:

- A orixe da guerra de Troia (I)


- O tesouro de Príamo e Schliemann (II)


- De Troia a Micenas (III):

A Guerra de Troia (IV):

O Combate entre heroes (V):

A destrución de Troia (VI):


As verdades sobre a guerra de Troia (VII):


Agora que xa realizamos unha introdución á historia  e mesmo a lenda de Troia imos ler a Homero:
 

luns, 20 de novembro de 2023

LATINISMOS E HELENISMOS

 


Sabes o que significa Nauta, -ae?  En latín era mariñeiro. 

Hoxe é unha palabra que segue con nós viva de moitos xeitos grazas ao poder rexenerador da lingua. 

Vexamos como astronauta ou internauta, teñen que ver con ese nauta latino e tamén cos aargonautas gregos:

A latinismos e helenismos nas linguas que falamos.

Helenismos e outra

Latinismos e un xogo


domingo, 19 de novembro de 2023

ZEUS e O OLIMPO


 


INVESTIGACIÓN:

Como se configura o Olimpo, resulta realmente complexo. Imos facelo a través dunha investigación con catro puntos de partida:

Os amores de Zeus.

A convulsa relación de Zeus con Hera.

As revoltas contra o Olimpo: Xigantomaquia e Tifonomaquia.

Deuses e deusas no Olimpo.  

Apuntamentos sobre as Moiras ou Parcas (Repartidoras):




martes, 10 de outubro de 2023

DEUSES E MORTAIS

Pandora, a primeira muller, sabes que significa o seu nome? 

 A APARICIÓN DOS MORTAIS NA MITOLOXíA GREGA. Coñecerás que hai polo menos catro versións diferentes para explicar a aparición os mortais na mitoloxía grega.

Eu sigo sostendo que os deuses non deben soñar, que esta é unha calidade dos seres humanos que grazas a Pandora e a súa caixa posuimos. Naquela caixa estaba esa capacidade que nos permite agardar un futuro mellor, algo que segue sendo para homes e mulleres imprescindible e que non o é para os que son inmortais.
Quen será este personaxe?

Xa atopaches a ilustración grega do seu castigo?

Si, seguro que a estas alturas xa o sabes, é Prometeo, estaba encadeado no Cáucaso non polo que aparentemente fora castigado por Zeus coma ti cres, senón porque gardaba un segredo que o Titán amigo dos homes, non quería revelar.
Se queres saber cal era este segredo terás que seguir o relato que comeza no seguinte enlace:

O SEGREDO DE PROMETEO Peleo e o centauro Quirón


domingo, 8 de outubro de 2023

O MARABILLOSO INVENTO DAS LETRAS


 Que é a Pedra de Rosetta? Por que é tan importante?

Un 14 de setembro de 1822  Jean François Champollion cae desmaiado despois de dar coa clave que levaba anos buscando. Estivo cinco días inconsciente antes de poder explicalo a todo o mundo: 
 


Como eran as letras antes dos xeroglíficos?


Trátase dun debuxo descuberto sobre unha rocha, ao pé do Lago Superior en Michigan, que describe unha expedición militar a través do lago. Na parte superior poden verse cinco canoas transportando cincuenta homes, representados por raias verticais. A expedición lévase a cabo ao mando dun xefe chamado Kishkemunasee ( Martiño pescador), cuxo tótem ou símbolo animal, en forma de paxaro acuático, aparece debuxado sobre a primeira canoa. A expedición durou tres días (tres soles baixo tres arcos que indican a cúpula celeste). Tras un feliz desembarco simbolizado pola pintura dunha tartaruga, a expedición proseguiu rapidamente como pode verse pola figura dun xinete. A aguia, símbolo do valor encarna o espírito dos guerreiros. A descrición dá fin co debuxos dunha panteira e unha serpe, símbolos da forza e da astucia, cuxo auxilio invoca o xefe durante a acción militar. ( H. Schoolcraft Tribes of the United States, Filadelfia 1851)



 Que diferenza hai entre pictogramas e ideogramas? 

Que son os silabarios? Que relación gardan cos alfabetos?


CUESTIONARIO PARA INVESTIGAR

Eran os chamados indoeuropeos un pobo ágrafo? Argumenta a resposta.

Que é un pictograma? En que se diferenza do ideograma?

Que é a escritura cuneiforme? Onde naceu?

Que dificultade atopamos cos ideogramas chineses?

Que  significa a palabra "xeroglifos"? Por que era secreta a escrita dos escribas? ( ten relación co uso da escrita por parte dos poderosos que se facía na antigüidade, por exemplo en Exipto a previsión das inundacións do Nilo por parte dos faraóns) Que peculiaridade ten un xeroglifo distinta dos ideogramas?

Que é un silabario? Como se conservaron as inscricións en silabarios micénicos?

Cal é o primeiro alfabeto creado polo ser humano? Que peculiaridades ten con respecto ao grego?

Aprende o alfabeto grego. Escribe o teu nome coas letras gregas. Non deixes de consultar esta curiosa entrada sobre os ALFABETOS

PARA CONSULTAR E RESPONDER:

SÓCRATES E OS SOPORTES DA ESCRITURA

Que pensaba Sócrates da escritura? Podes consultar máis abaixo.

Que unha taboíña de cera? E un stilum?

Que signinifica en orixe a palabra libro (liber)?


PARA SABER MÁIS  SOBRE J-François Champollion


domingo, 10 de setembro de 2023

O ESPELLO DO SER

                                                                 "Nunca mais escaparemos a esses gregos." 

                                                                                             Sophia de Mello 

O pasado é o espello do ser e no pasado temos que atoparnos se queremos vivir no presente e mesmo se desexamos construírmos o futuro. 

Como podemos vivir o pasado? Onde podemos aprender quen somos? En moitos lugares do tempo vivido pola humanidade, pero sobre todo nas raíces da nosa cultura que manteñen co nós de hoxe fortes vínculos e conexións. Un deses lugares no tempo é GRECIA, a ANTIGA GRECIA. Ata alí iremos da única forma que podemos viaxar a través do tempo que son os restos arqueolóxicos e artísticos que conservamos, a xeografía, a literatura e a filosofía, o teatro, os mitos, a historia e lingua, todo o que aínda gardamos da súa cultura, Olimpia e as Olímpíadas incluídas.  

CULTURA polo tanto será o que mamemos da propia teta desa Europa moderna na que vivimos, e será CLÁSICA porque é modelo, padrón ou medida dun mundo, o seu, o da Antiga Hélade. O mundo da Antiga Grecia que algo cambiou desde aquela (hai 2500 anos), pero non cambiou tanto como para desdeñar por completo unha gran parte do seu esforzo por entendelo, ese maxistral proceso de asimilación do universo, para darlle pé a nosa lectura.  

 A dimensión do ser na GRECIA ANTIGA será logo o modelo do que partiremos, mais coñecer ese padrón non basta con observar as copias ou os orixinais das esculturas de homes e mulleres daquela época, A visión da escultura , os volumes e mesmo as cerámicas, columnas e templos que conservamos non son maís que un punto de partida para interpretar o pasado, sempre, sempre dende o presente o que nos permite incorporar a esa mirada unha perspectiva singular. 


Observa os corpos que os gregos esculpiron na época clásica, unha mirada fonda que precisou a súa vez dun tempo. Produto, pois, dunha evolución que nós recibimos en herdanza. Cando dicimos nós é a sociedade occidental e europea de hoxe que recolle a colleita do grego con especial fervor porque nela está en esencia unha gran parte de eu, do nós que somos. Para interpretala, para interpelala axúdanos moito tamén a cultura latina que Roma estendeu co seu imperio da man da grega, porque a ANTIGA ROMA tamén foi conquistada polo saber dos gregos. 

A seguir reproducimos as palabras que Sophia de Mello escribiu como introdución ao seu libro: O nú na antiguidade clásica:

" O nu é unha invención grega. No Exipto, na Asiria, na Caldeia, o nu é apenas unha maneira de vestir. Mais o pensamento grego cre na aletheia, cre no non cuberto, no non oculto, procra o ser non cuberto, espido.

Desde o inicio o escultor grego, fundamentalmente colócase non en fronte do ser humano vestido con armadura de guerreiro ou vestuario de escravo, sacerdote ou príncipe, pero si fronte ao espido do ser humano en si. Porque cre que o ser está na phisis, o grago cre que o ser está no mundo en que estamos. Para o asirio, pra o exipcio, par ao Caldeo, a verdade do ser está noutro mundo, no mundo do sagrado exterior ao universo e oculto. Pero o grego cre no divino interior ao universo. ë neste mundo, no estar, no parecer, na aletheia, que el busca o ser.

A este mundo en que está o grego chama  kosmos. Mais Kosmos, oposto a chaos, non significa outra cousa qu emundo ordenado e fermoso.

Esta orde é en si mesma creadora e divina; e ao esculpir un corpo o artista grego tenta mostrar a relación do ser humano coa orde que éa íntima estrutura do kosmos, da phisis, do mundo do cal o ser humano brota e se ergue.

O corpo humano paa o artista grego non é un modelo senón un padrón. E é un fenómeno en que o ser se manifesta, emerxe e brilla. ë ser, estar , aparecer... Deste xeito no corpo humano o artista grego le a orde do mundo onde está...."

Logo será esta unha aventura complexa na que comezamos, como esperamos rematar, dando grazas:


ACTIVIDADE: Tras ver o vídeo.

1- Enumera as distintas palabras e disciplinas ou materias que podemos relacionar coa Grecia Clásica. 

2- Sabes polos qu etemos que dar as grazas. Como s edi Grazas en Grego: 

3- Cales son as letras do alfabeto grego? Imos escribilas.


4- Agora proba a escribir o teu nome coas letras gregas e logo a formar palabras con ese alfabeto. Non escribirás en grego, pero é unha forma práctica de te familiarizar con este alfabeto.

Coñezamos agora unha das primeiras pezas que nos permite avanzar na puzzle que constitúe para nós hoxe o mundo da antiga Hélade. Imos falar dos mitos, unha das creacións máis orixinais de GRECIA.

ORIXE E TRANSCENDENCIA DOS NOSOS NOMES

INTRODUCIÓN Á MITOLOXÍA 

QUE VÉN SENDO UN MITO?

domingo, 23 de abril de 2023

TEMAS E DEBATES DA 3ª AVALIACIÓN

 Imos ir pensando en debater agora entre nós unha vez que temos xa certos coñecementos de oratoria e recursos para realizar discursos persuasivos. 

Reunimos unha serie de temas de carácter universal que nos poden valer para establecer debates propoñamos títulos:

- SER DIFERENTES VS OS DEREITOS Á IGUALDADE

- RURALISMO OU BARBARIE vs CULTURA URBANA E GLOBAL

- INDIVIDUALISMO E COLECTIVIDADE



POBRES VS RICOS




- A VIOLENCIA A DEBATE: SI VIS PACEM PARA... PACEM AUT BELLUM



OCCIDENTE  VS SER HUMANO


INCOMUNICACIÖN E REDES

OUTRO DEBATE A PARTIR DUN ROTUNDO NON AO RACISMO!



 LE O TEXTO: Nunha carreira, Abel Mutai estaba a só uns metros da líña de meta, cando se trabucou coa sinalización, pensando que xa completara a carreira.  O español, Iván Fernandez, estaba xusto detrás de el e, ao ver a situación, comenzou a berrar para que o keniano estivese alerta, pero Mutai non entendeu o que dicía o seu colega.  O español logo o empurrou cara á vitoria.

 Un periodista  preguntoulle a Iván: "Por que fixeches iso?"

 Iván respondeu con outra pregunta: "- Que é iso?"  Non entendo a pregunta...

 "- Por que deixaches gañar a Kenia?"

 "- Non o deixei gañar, ía gañar".

 "- Pero poderías gañar ti!"

 "- E cal sería o mérito da miña vitoria? Cal sería o honor desa medalla? Que pensaría miña nai diso?"

 O honor, a ética e a vergonza na cara son principios transmitidos de xeración en xeración.

  Non deixes que eses principios se perdan!

Comecemos logo o debate:

  

CONFIANZA VS DESCONFIANZA 

E se comezase de improvisto a chover, ti tes un paraugas e hai unha persoa ao teu lado á cal non coñeces e non ten paraugas, ves que se está mollando, serías quen de abrigalo baixo o teu paraugas para que non se mollase?  Farías o mesmo se a persoa que está ao lado fose coñecida?  Ou se fose a cruzar e viñese un coche que ela non ve e pode ser atropelada?  A ética obrigaríanos a actuar en todos os casos?

luns, 10 de abril de 2023

EDUCACIÓN e EMOCIÓNS

 Hai que perder de vista o nivel na educación? As ferramentas da educación e de sermos nós construtores do noso camiño é unha clave para a educación?  

Analicemos o que nos comunica este alumno arxentino. Establece ideas centrais:

1- 

2-

3-

De seguido deixamos falar a un docente, o outro lado da experiencia educativa:

 
Atopemos agora as semellanzas e as diferenzas co vídeo do alumno arxentino:


 Despois de visualizar esta curtametraxe que opinas da importancia das emocións no feito educativo? 

Está presente no sistema actual?


domingo, 26 de marzo de 2023

ÁS VOLTAS COA EDUCACIÓN

 Imos reflexionar sobre o feito educativo e para comezar escollemos unha lección do controvertido profesor Merlí:https://www.dailymotion.com/video/x7v5nos

 Visualizamos e evidenciamos que son posibles modelos distintos de educación. 

htt

Como definirías o medelo educativo de Merlí?
Pola contra como é o modelo máis tradicional?


REFLEXIÓN PRIMEIRA SOBRE A ETIMOLOXÍA: Que é a educación? Educere é un verbo que vén da preposición latina e (de, desde, é dicir, a partir dun lugar ou punto de partida) máis o verbo duco: guiar, conducir... parece claro que  a guía ou o punto de partida é o que realizan os/as docentes ( de docere que significa "ensinar·")  eran para os gregos e romanos os que ensinaban, os que trazaban o camiño a andar, pero na educación hai outro elemento imprescindible que é o alumnado.  

Cal cres que é o seu papel?  De onde procede ou que significa en orixe a palabra alumno/a

mércores, 8 de febreiro de 2023

O MEU DISCURSO PERSUASIVO ORAL

 Chegou a hora de preparar con toda e información que temos sobre os discursos persuasivos  o noso discurso persuasivo oral. Lembrade quepara persuadir hai que usar argumentos, palabras, pero que a persuasión depende maiormente doutras características que non podes perder de vista como son a voz e a linguaxe corporal. 


Imos dar tamén nesta entrada anterior a vosa exposición unha serie de consellos sobre os distintos tipos de argumentos que se poden usar nun discurso persuasivo oral:

 SOBRE OS TIPOS DE ARGUMENTOS

Todos sabemos porque xa falamos de varios tipos de postulados ou razóns que podemos usar nun discurso.  Sabemos que un argumento pode ser un razoamento  a favor ou en contra dunha idea ou tese sobre a que se opina. Tamén temos estudado xa os argumentos lóxicos e os argumentos emocionais ou aqueles argumentos que son irrefutables porque non admiten contestación e esoutros que son siimplemente pertinentes porque teñen que ver coa idea, pero son discutibles.  Imos agora estudar outra xerarquía para reparar en distintos tipos de argumentos atendendo ao seu contido podemos atoparnos con:   

ARGUMENTOS SEGUNDO O SEU CONTIDO:

Argumentos de autoridade:  Usando citas e palabras dunha persoa recoñecida ou un experto.

Argumentos de feito: Usando datos de investigacións ou estudos. 

Argumentos de tradición: Usando ideas relacionadas con costumes ou tradicións

Argumentos de moralidade: Tomados de valores éticos universais. 

Argumentos de probabilidade: Usando datos probables.

Argumentos de experiencias persoais: Tomados das vivencias propias ou de persoas próximas.

Argumentos estéticos: Usando razóns de carácter estilísticas de beleza orde, harmonía.

No seguinte vídeo explican estes mesmos enunciados con exemplos:

 
TÉCNICAS E CONSELLOS A TER EN CONTA

Lembra nas entradas anteriores do blog:

- Como analizar ou construír un discurso persuasivo

- As diversas técnicas á hora de realizar un discurso oral

- Consellos para un bo discurso


QUE AVALIAREMOS DO TEU DISCURSO?

TEMA:  LIBRE E ORIXINAL, PROPIO, NUNCA COPIADO.  

PAUTAS: que debemos ter en conta á hora de como imos avaliar o teu discurso: 

ESTRUTURA interna (seguindo as partes do discursos persuasivo

LINGUAXE VERBAL (elaboración, argumentación e seguridade na exposición)

LINGUAXE NON VERBAL (autoconfianza, naturalidade, asertividade, empatía)

DURACIÓN: Mínimo uns 8 minutos de exposición e un máximo de 10 minutos) 

domingo, 5 de febreiro de 2023

Outras características da linguaxe oral: REXISTROS e CONSELLOS

XESTIONAR AS  EMOCIÓNS PARA FALAR EN PÚBLICO 

 A atmosfera e circunstancias que rodean un discurso son realmente importantes e é necesario telas en conta. Para realizar un discurso persuasivo oral temos que ter ben presentes tanto os elementos de contido que vertebran un discurso oral argumentativo (estrutura e tipos de argumentos) como os elementos formais de comunicación non verbal que acompañen a nosa posta en escena. Falaremos hoxe do rexistro formal ou informal dependendo da situación comunicativa que vaiamos a abordar.  Non é o mesmo unha conferencia ou un debate académico que unha charla familiar.

O REXISTRO FORMAL (con maior tensión comunicativa)

O REXISTRO INFORMAL (con menor tensión comunicativa).

Comecemos por este último.

O REXISTRO INFORMAL presenta estes trazos máis próximos a unha conversa habitual polo que é frecuente a inexistencia de tensión comunicativa

- Equilibrio entre emisor e receptores.

- Confianza: Existe unha proximidade entre os interlocutores.

- Espontaneidade: Resulta máis imprevisible o que se vai dicir e inflúe máis a interacción de quen escoita.

- Naturalidade: Como consecuencia das anteriores peculiaridades.


O REXISTRO FORMAL presenta xa unha tensión comunicativa evidente porque non é unha situación espontánea, trátase dunha situación preconcibida e  dalgún xeito transcendente e infrecuente, algo qu enon se dá todos os días.

As súas características son:

- Xerarquía entre o emisor e os receptores. Unha desisgualdade evidente como por exemplo profesor -alumno.

- Distancia entre os interlocutores ( mesmo se fala desde unha posición elevada ou unidireccional) 

- Planificación: Trátase dunha mensaxe preparada, pensada par aun contexto serio ou incómodo.

- Solemnidade: Resulta un trazo habitual que acompaña á mensaxe para este tipo de rexistro. 

CATRO CONSELLOS PARA  UN BO DISCURSO ORAL

Autoconfianza: A finalidade persuasiva implica convencer ao teu interlocutor logo debes confiar no que dis e como o dis. Boa argumentación, coñecementos sólidos pero sobre todo seguridade nas túas palabras. Lembra que tan importante como as palabras resulta a túa expresión corporal acorde, a linguaxe non verbal precisa.

Naturalidade: Convencer a quen te escoita depende da forma, da claridade na que transmitas as túas ideas. Naturalidade, sinxeleza e fluidez son fundamentais evitando a linguaxe artificial ou finxida. 

 Asertividade:  Ser asertivo é ser capaz de expresar as túas ideas de maneira firme, con respecto ao receptor. Non invalidar os argumentos contrarios, senón fortalecer os teus con claridade e autoridade. 



Empatía: É outra cualidade indispensable para impactar nos oíntes.  Amosar comprensión, respecto e educación cara ao auditorio fuxir da vanidade, falta derespecto e o desinterese polos que te escoitan.

Analiza no seguinte vídeo as características anteriormente expostas: 





luns, 30 de xaneiro de 2023

IMAGINE e TEÑO UN SOÑO


Hoxe imos realizar dúas actividades acordes coa celebración do Día Escolar pola Paz e a non Violencia:

Analiza desde o punto de vista dun discurso persuasivo a mensaxe desta canción de Jonh Lennon. Que destacarías desta letra: 

Imaxina que non hai paraíso.
É fácil se o intentas.
Non hai inferno debaixo .
Arriba, só o ceo.
Imaxina a toda a xente
Vivindo o presente.

Imaxina que non hai países.
Non é difícil facelo.
Nada polo que matar ou morrer,
e tampouco ningunha relixión.
Imaxina a toda a xente
Vivindo a vida en paz.

Quizás digas que son un soñador
Pero non son o único.
Espero que algún día te unas a nós
e o mundo será un só.

Imaxina que non hai posesións.
pregúntome se podes.
Non hai necesidade de codicia nin fame.
Unha irmandade humana.
Imaxina a toda a xente
Compartindo todo o mundo.



 ACTIVIDADES PARA A PRÓXIMA CLASE: 

Imos analizar este discurso, un dos máis coñecidos do líder estadounidense Martin Luther King pronunciado un 28 de agosto de 1963.



 

Unha ligazón ao texto íntegro 

domingo, 29 de xaneiro de 2023

ALGUNHAS TÉCNICAS PARA UN DISCURSO PERSUASIVO ORAL

 




ACTIVIDADES: Procurar visualizar o discurso de Martin Luther King: Teño un soño para analizar a estrutura e recursos dese coñecido discurso do 28 de agosto de 1963. Busca antes en que circunstancias foi pronunciado.

martes, 17 de xaneiro de 2023

PROPAGANDA E ARTIGOS DE OPINIÓN


 Hoxe lembramos polo miúdo como se vertebra un vídeo propagandístico ou publicidade que pretende convencernos dunha idea política ou sobre accións ou actividades de carácter social. Imos analizar formas e contidos deste tipo de discursos persuasivos en particular:

ESTRUTURA DO DISCURSO PROPAGANDÍSTICO 

Captatio (que adoita introducir o tema ou tese dun xeito atraente ou impactante)   

Texto ou corpo de argumentos (lóxicos e/ou emocionais)

Eslogan ou lema  (que pretende permanecer na memoria consumidor/a)

Recursos non verbais (tamaño de letras, imaxes, esquemas, ton, xesticulación, etc...)

Son logo estes catro elementos os que se deben comentar á hora de analizar ou ben os que se deben usar á hora de construír un discurso propagandístico.  Xa falamos da importancia da verosimilitude e os perigos de manipulación aos que debemos ser críticos tanto á hora de consumir como de realizar este tipo de discursos. 


O ARTIGO DE OPINIÓN

Este discurso xornalístico tremendamente vivo e de actualidade precisa unha destreza especial á hora de ser construído ou analizado pois nos enfrontamos ante un texto persuasivo cargado de subxectividade no que se verte unha opinión persoal que pretende convencernos da súa tese, de aí a importancia dunha estrutura ben deseñada.

ESTRUTURA DO ARTIGO DE OPINIÓN

En moitos casos o titulo xoga o papel de captatio benevolentiae

Tese:  A presentación do tema ou opinión que se pretende defender adoita estar no comezo deste texto.

Corpo: Os argumentos (tanto lóxicos como emotivos que son os razoamentos cos que se pretende convencer, adoitan usarse varios e de distinta índole cunha forte carga de subxectividade).

Conclusión: Unha contundente conclusión apelativa resumindo o esencial da argumentación a favor da tese ou opinión. 

domingo, 15 de xaneiro de 2023

COMO ANALIZAR OU CONSTRUÍR UN DISCURSO PERSUASIVO

 

Como se pode analizar un discurso persuasivo?

É bo momento para lembrar o que debemos saber a estas alturas sobre o discurso persuasivo para podelos analizar e/ou construílos con soltura.  Imos logo facendo memoria da 

FORMA QUE DEBEN TER OU ESTRUTURA DO DISCURSO PERSUASIVO

Exordium: Capta a atención (como capta a atención?)

Narratio:  Indica a necesidade ou problema a resolver e a súa solución. (Como implicar ao receptor no tema que se enuncia)

Argumentatio: Visualiza as vantaxes e inconvenientes da proposta. ( Trátase da parte máis extensa polo uso de argumentos lóxicos e emocionais)

Peroratio:  Conclúe movendo á acción a favor do que defendes, convence. (No peche se debe condensar o argumentado e procurar contundencia asertiva para convencer.  

Lembrade tamén ademais de enunciar un tema hai que argumentalo e que iso precisa dunha boa argumentación, a primeira irrefutable para que sexa sólida e logo acompañala de dúas máis a poder ser. Na argumentación emocional fanse especialmente necesarios os recursos literarios: metáfora, hipérbole, personificación, ironía... 

-         

        SEGUNDO ARISTÓTELES hai certos aspectos ou OS MODOS DO DISCURSO PERSUASIVO  que non poden faltar:

 Ethos:  A credibilidade do que vai falar (autoridade ou valía persoal acreditada para emprender ese discurso)

Pathos: A argumentación emocional (ter ben presente o interlocutor escollido, a quen se dirixe)

Logos:  A argumentación lóxica (normalmente equilibrada cos contidos emocionais para asentar obxectivament  e o discurso)

Kairos: Procurar a oportunidade e adecuación (vese ben no comezo e final, na captatio e noutros aspectos do conxunto que reforzan os modos anteriores).


Para saber mási sobre isto

DO DISCURSO ESCRITO AO DISCURSO ORAL

Para construír un discurso presencial teremos en conta ademais das súas partes (procurando enchelas cos contidos e recursos pertinentes) a linguaxe non verbal. Podemos dicilo doutro xeito:

Apertura.

Linguaxe verbal:   contidos, argumentos e recursos 

Linguaxe non verbal: xestualidade, ton e recursos.

Peche.

Se queremos comentar un discuro persuasivo analizaremos logo tanto a estrutura (cada un dos puntos antes citados) que  están ligados aos contidos, pero engadiremos logo aspectos da linguaxe non verbal. 

O discurso persuasivo ten moi presente a linguaxe non verbal 
 
 En resumo en cada discurso temos que atopar o seguinte:

- Captatio inicial 
- Como se realiza a acreditación do que fala.
- Como e cando se presenta o tema ou tese central.
- Como se argumenta: a) A categoría e fortaleza das premisas que se usan. 
 b)  Argumentos lóxicos (datos, información obxectiva e solvente) 
 c)  Argumentos emocionais (apelacións, empatía, recursos literarios).
- Como se aborda a conclusión 
- Valorar no conxunto do discurso o uso dos distintos modos aristotélicos (ethos, pathos, logos e kairos) e da linguaxe  non verbal.

luns, 9 de xaneiro de 2023

O DISCURSO PERSUASIVO ORAL (I)

   



A lingua é un sistema de comunición que usa a palabra, e esta é unha expresión inicialmente oral. A escrita dalgún xeito naceu para substituír á linguaxe oral en determinados contextos. Isto provoca o uso de características propias de cada un destes tipos de expresión:

1- A presenza ou ausencia do receptor.

2- A canle que se usa para transmitir a mensaxe.

3- O contexto ou situación comunicativa na que se produce.

4- A fugacidade da expresión oral fronte a permanencia da escrita. 

CARACTERÍSTICAS DA LINGUAXE ORAL

 A espontaneidade. A primeira é o seu carácter efímero, de aí que se teña que interpretar o seu contido de inmediato.

 A expresividade. Cargada de matices afectivos que produce o ton na que se realiza que depende da entonación, o volume ou intensidade coa que se pronuncia. 

Habitualmente esixe a presenza dos interlocutores, hoxe a texnoloxía fai posible  que se produza a distancia (teléfono, vídeochamada, conferencia gravada (diferida).

A mensaxe é lineal, imposibilita volver atrás como a escrita.

A axilidade coa que se produce provoca erros e improvosacións (que podemos logo rectificar).

A linguaxe oral permite o cambio ante a reacción do interlocutor.

Esta linguaxe é irreversible, pódese corrixir, pero non borrar. 


A LINGUAXE VERBAL ORAL REFORZADA COA LINGUAXE NON VERBAL

Outra diferenza substancial é a interpretación que aporta a linguaxe non verbal, información que non está na linguaxe escrita. A comunicación xestual xoga un rol tan importante como a linguaxe verbal (lembra por exemplo  cal é a mensaxe que transmites cando negas que alguén che gusta de palabra, pero a túa cara ponse toda colorada).  

Tamén resulta transcendente que a linguaxe oral se formule ou non nun rexistro informal, coloquial, usando dialectalismos para achegarte máis ao auditorio o que implica saber a quen e en que contexto realizas esa comunicación.


ACTIVIDADES:

1- Describe no seguinte vídeo as características da linguaxe oral que observes:


Que tipo de conversa se establece?
 Que provoca o carácter lineal?
Hai cambios de ton? 
A conversa é axil, que produce?

2- Verdadeiro ou falso. Indica se o son os seguintes enunciados:

 a) A linguaxe oral non é nada espontánea.       

b) A expresión escrita é máis espontánea que a oral.

c) O ton da linguaxe oral provoca unha chea de matices afectivos.         

d) Ao expresarnos por escrito debemos ter en conta a ortografía. 

e) O vocabulario é máis sinxelo e limitado na linguaxee oral.            

f) Na lenguaxe escrita é común o uso de coloquialismos.           

g) A linguaxe escrita é máis elaborada que a oral.       

h) A linguaxe escrita  acompáñase da linguaxe xestual.


3- Como se soluciona na linguaxe escrita o feito da ausencia de xestualidade?

Que funcións utilizarías: 

a) función referencial (informa sobre o contexto) 

b) función apelativa (interpela ao receptor)

c) función fática (indica se a canle funciona)

d) función expresiva ou emotiva (expresa sentimentos do emisor)

e) función metalingüística (responde a código usado)

f) función poética ou estética (traballa sobre a mensaxe) 

 

Agora responde razoando: Botarías man dos contidos emocionais? De que xeito?