luns, 25 de febreiro de 2019

Troianas e o papel das mulleres na historia da antigüidade.

Imos ver e comentar para empezar dúas escenas de dúas versións actualizadas da traxedia que imos ler:




Foron e son mulleres esquecidas que grazas á pericia de autores como Eurípides saen do silencio e protagonizan hoxe a traxedia en primeiro plano. Un gran contraste con películas como Troia (2004) nas que nin aparecen Hécuba, nin Casandra, o papel de Helena e de Andrómaca son máis ben secundarios. Nesta traxedia veremos como pasan a un claro primeiro plano.

 EURÍPIDES E O PROTAGONISMO DA MULLER

Se é arriscado falar de que Eurípides é un autor feminista, porque o concepto na época na que viviu, na Atenas do século V a. C., evidentemente o feminismo non existía, si que podemos afirmar que Eurípides tivo unha sensibilidade singular á hora de introducir e de dar protagonismo a muller que mesmo chamou á atención aos seus compatriotas contemporáneos, homes terriblemente machistas.
Este autor cremos que, a pesar de ser eco da súa época e do trato discriminatorio e misóxino de cara ás mulleres,  concedeulle ás súas personaxes femininas unha gran dignidade o que permite no presente unha lectura progresista das súas obras.  De feito o Coro desta traxedia representa ao conxunto de mulleres troianas prisioneiras dos gregos.

Cando analicemos en detalle a Atenas da etapa Clásica veremos tamén pormenorizadamente cal era o rol da muller na sociedade grega, ademais de analizar como a cuestión da guerra, o tema central da obra de Eurípides, cobraba unha substancial importancia daquela para todos os gregos fosen homes ou mulleres.

ESTRUTURA DA OBRA:
As partes  nas que se dividen as traxedias gregas adoitan ser semellantes. Esta é a estrutura das Troianas:
Prólogo: Parte que antecede á entrada do Coro
Monólogo: Un recitado dun só actor.
Párodos: Cantos durante a entrada do Coro (personaxe colectivo que fai intervencións líricas)
Episodio1º: Diálogo de personaxes (Só hai tres actores, aínda que normalmente interveñen dous e poden dialogar co Coro). Estas partes como indica a etimoloxí ada palabra desenvolven un incidente ou suceso.
Estásimo do Coro: significa "parado" dalgún xeito a acción detense para introducir  unha intervención lírica do Coro que adoita expresar ideas nas que ecoan as reflexión polñiticas, filosóficas ou relixiosas do autor.
Episodio 2º: Un novo diálogo de personaxes.
Estásimo do Coro: Cada episodio ten o seu correspondente estásimo
Episodio 3º: Un terceiro diálogo (podía haber ata cinco).
Estásimo do Coro: Nos estásimos ao contrario do párodos o Coro non danza.
Éxodo: Saída do Coro ao final da traxedia, onde se producen as mortes, recoñecemento do erro e unha ensinanza moral.

Agora procura saber que é o que pasa en cada parte, que personaxes interveñen e de que tratan lendo a obra.  Le a introdución e realiza tamén a proposta didáctica que trae o libro de lectura.