Amosando publicacións coa etiqueta LINGUAS CLÁSICAS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LINGUAS CLÁSICAS. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de novembro de 2023

LATINISMOS E HELENISMOS

 


Sabes o que significa Nauta, -ae?  En latín era mariñeiro. 

Hoxe é unha palabra que segue con nós viva de moitos xeitos grazas ao poder rexenerador da lingua. 

Vexamos como astronauta ou internauta, teñen que ver con ese nauta latino e tamén cos aargonautas gregos:

A latinismos e helenismos nas linguas que falamos.

Helenismos e outra

Latinismos e un xogo


martes, 15 de novembro de 2016

LATINISMOS E HELENISMOS

QUE HAI DE GREGO E DE LATÍN NAS LINGUAS QUE EU FALO?

O galego, como ben sabedes é unha lingua romance ou neolatina, filla do latín e o 80% do seu léxico ten esta orixe. Outro tanto lle ocorre as outras linguas irmás do galego: portugués, castelán, catalá, francés, italiano, romanés... somos consecuencia da Romanización e posterior Latinización dunha gran parte de Europa.

 No territorio que hoxe é Galicia falábanse diversas linguas que coa chegada dos romanos desaparecerán, aínda que parece que deixaron algunha pegada na lingua que falamos actualmente. Daquelas linguas prerromanas, anteriores aos romanos, só conservamos hoxe na península unha, o éuscaro, que, como seguro xa sabes, tampouco é indoeuropea.

Como outros idiomas o galego incorporou ademais palabras que non proceden do latín vulgar "vulgaris" ou común. Sabemos que na nosa península, e mesmo en Gallaecia, antes da chegada dos romanos había diversidade de linguas e estas inflúen dalgún xeito como linguas de substrato, primeiro no tipo de latín que se vai falar nestas terras e, máis tarde, na lingua romance. Despois da caída do Imperio Romano e da desintegración do mesmo influiría nas linguas romances resultantes a entrada dos pobos xermanos e tamén a dos árabes (linguas denominadas de superestrato), algo máis tarde, pero pouco antes de conformaren esas linguas distintas do latín na alta Idade Media.

O latín, en todo caso funciona coma un fondo caixón ao que acudimos cando precisamos unha nova palabra, un novo concepto. Vexamos un par de exemplos. A palabra coa que denominamos a un reprodurtor de imaxes en movemento foi bautizada no século XX como "video" que vén sendo a 1ª persoa do verbo ver en latín. Algo semellente ocorreu á hora de procurar un nome para os que navegan pola rede: "inter-nautas" un prefixo e un substantivo latinos. logo o latín a día de hoxe nos segue nutrindo de palabras e enriquecendo, non está tan morta como algúns a pintan e segue sendo esta magnífica chave coa que abrimos o mundo que é a lingua.

Por veces, ese labor de reelaboración de palabras vén da man do grego, especialmente nas terminoloxías científicas. Cómpre que nós, estudantes desta materia, recoñezamos que hai destas dúas grandes linguas de cultura e da Antigüidade Clásica nos idiomas que falamos habitualmente. Antes reparemos no proceso de transformacións das palabras.


AS PALABRAS PATRIMONIAIS.

as palabras de orixe latina entraron na nosa lingua en distintos momentos e de maneira diferente. Namentres o latín literario se mantivo como lingua de cultura de Occidente durante moitos séculos, ao mesmo tempo o denominado latín vulgar, lingua do pobo, ía transformándose e converténdose nas linguas románicas. na fase de xestación destas linguas neolatinas, transmitidas as palabras de oído e entre xentes sen coñecementos literarios foron evolucionando e asentando novas palabras populares ou patrimoniais de formas latinas como filium, noctem, pluviam pasaron a ser fillo, noite e chuvia.


CULTISMOS E PARES LÉXICOS

Unha vez consolidadas as linguas romances o latín clásico seguiría sendo usado nas escolas e clases cultivadas. Desta maneira cando unha persoa necesitaba un termo que non existía na lingua romance correspondente, tiraba do latín clásico para expresar ese concepto incorporando palabras denominadas cultas, palabras recentes que xa non van evolucionar ou evolucionan pouco con respecto aos étimos, ou palabras orixinarias, das que proceden: filial, nocturno, pluviómetro son palabras cultas ou cultismos. Este proceso de incorporación de cultismos ás linguas romances, que comezou aló polo século XIII na época de Afonso X o Sabio, non se detivo nunca e nos nosos días segue sendo unha fonte permanente de incorporación de novos vocablos. palabras como astronauta ou internauta, proceden daquel étimo latino "nauta" que significaba mariñeiro.

As lingua romances está logo cheas de pares léxicos, un fenómeno bastante frecuente, ao poder convivir unha palabra patrimonial e unha culta, esta máis erudita, que proceden dun mesmo étimo latino:

Étimo latino / patrimonial / culta
auriculam/      orella          auricular
calidum/         caldo           cálido
laborare/         labrar           laborar
strictum/         estreito        estricto
recitare/          rezar            recitar


SEMICULTISMOS
Os semicultismos son palabras que frearon a súa evolución por algunha causa e quedaron a medio camiño entre unha palabra patrimonial máis evolucionada e outra culta:
étimo latino   palabra culta /  semicultismo / patrimonial
plenum             pleno                preamar           cheo
regulam            regular             regra                rella

Logo o latín non é unha lingua morta, é unha lingua escrita, núcleo das linguas románicas, nas que pervive en determinados niveis.

LATINISMOS

 Na lingua aculta úsanse palabras e expresións enteiramente latinas: álbum, accesit, hábitat, etcétera, gratis, ipso facto, post data,  referendum...(Podes saber algo máis na páxina 15 do libro). 

Nas próximas entradas traballaremos as evolucións máis frecuentes e as distintas regras que podemos deducir das mesmas, despois de estudar as distintas etapas polas que pasou o latín, así como facer referencia a un importante grupo de latinismos que usamos. Abordaremos tamén os procesos de derivación e composición, pero antes quixeramos rematar a presente entrada cunha referencia ao nosos Helenismos, é dicir, as palabras gregas que existen na nosa lingua.


HELENISMOS


O grego clásico, o que falaban e escribían os gregos no século V a.C. foi considerada polos romanos a lingua de Cultura do seu Imperio ( que abarcaba gran parte de Europa) polo que foi deixando importantes pegadas tanto no latín como, a posteriori, nas linguas herdeiras do latín e, en xeral, nas linguas de occidente ao ser considerado un todo a cultura greco-latina. Ademais de formar parte dun conxunto de prefixos  e sufixos da nosa lingua (hiper-tensión/ dermat-ite), de formar parte dun rico conxunto de palabras compostas con algunha compoñente grega (antropónimo, homofobia) que tamén aboradaremos nunha próxima entrada en detalle, imos facer mención a continuación dunha serie de helenismos asociados ao campo das Ciencias que sufriron pouca ou ningunha modificación, tomadas directamente do grego ou creadas despois seguindo os mesmos procedementos para designar novas realidades científicas ou técnicas: telégrafo, teléfono, psicoanálise...

MATEMÁTICAS: Cálculo, cilindro, diagrama,diámetro, esfera, parábola, teorema,trigonometría, xeometría, triángulo, pentágono.

FÍSICA E QUÍMICA: Análise, antena, bioquímica, elástico, electrodo, electrón, física, hidróxeno, isobara,quilogramo, óxido, ozono, química, telégrafo, termómetro...

CIENCIAS NATUARAIS: Acéfalo, amígdala, anatomía, arácnido, bacteria, bioloxía, biosfera, clorofila, cromosoma. ecoloxía, ecosistema, epicentro, epidemia, epidermis, espeleoloxía, esperma, xeoloxía, metabolismo, microbio, neurona, parasito, protozoo, sísmico, tímpano, tórax, zooloxía...

FILOSOFÍA: Agnosticismo, antropoloxía, axioma, categoría, cosmos, cosmogonía, criterio, crítica, dialéctica, dilema, empirismo, ética, fenómeno, filosofía, herexía, idea, lóxica, metafísica, método, mito, politeismo, psicoloxía, síntese, socioloxía, teoloxía, teoría...

ARTE/ HISTORIA/XEOGRAFÍA: Ábside, ácrata, anarquía, aristocracia, autarquía, autonomía, bárbaro, basílica, burocracia, catedral, delta, democracia, demografía, estratexia, xenealoxía, xeografía, xerontocracia, híbrido, historia, horizonte, icona, istmo, meteoro, monarquía, monolito, museo, neolítico, paleolítico, pinacoteca, planeta, política, tetrarquía, tiranía, topografía, trirreme, zona,..

MEDICINA:  Aneurisma, cardioloxía, gastrite, hepático, odontoloxía, oftálmico, oncóxeno, otite, pedriatría, somático, xinecólogo, ...


Hai tamén palabras que se reproducen tal e como soaban en grego "eureka" (atopeino) para designar un descubrimento,  ou "panta rei" (todo flúe) para indicar un cambio.

CUESTIÓNS:

1- Define: Palabras patrimoniais, cultas e semicultismos. Que son os latinismos? Para sabelo podes usar o noso libro de texto como fonte de información. Ler o libro de texto nas páxinas 12, 13, 14 e 15 e realizar os exercicios que conteñen ditas páxinas.
2-  Que é un helenismo? Tamén no libro existe unha sección dedicada ao noso léxico derivado do grego en cada unidade. Imos comezar por traballar as actividades número 5-6-7-8 das páxinas 23 e 37 do noso libro.

martes, 15 de decembro de 2015

O LINEAL A dos cretenses non era aínda grego.

QUE LINGUA É O LINEAL A?
Lineal A

Arthur Evans foi o que descubriu o Palacio de Cnossos en Creta, escavacións ás que dedicou gran parte da súa vida, pero unha das cousas que non logrou atopar foi unha solución ao problema das linguas que falaban os pobos exeos ou cretenses. Atopou taboíñas de diversos tipos que el agrupou en dous grandes grupos: O lineal A e o lineal B. Este último sería descifrado por M. Ventris e J. Chadwick.

Un dos últimos logros sobre o lineal A foi chegar a pensar en que era un silabario, como tamén o era o lineal B. O lineal B foi un sistema de escritura creado polos aqueos (indoeuropeos) que non debían coñecer a escrita, copiando elementos do lineal A dos cretenses e adaptando a súa lingua grega a aquel sistema de comunicación. O lineal B xa é grego, un silabario grego.





CUESTIÓNS
Disco de Faistos


Así narra este documental o descubrimento de Cnossos por parte de Arthur Evans:





Quen foi Arthur Evans? Cales foron as súas principais aportes no coñecemento da cultura minoica?
Cales foron os resultados dos traballos de Ventris e Chadwick?
Que é o disco Faistos? En que idioma está escrito? Que tipo de escrita se utilizou nesta peza arqueolóxica minoica?

mércores, 28 de outubro de 2015

AS LETRAS SOBRE A PEDRA

Sabías que os romanos tamén celebraban o Día de Defuntos?  Eles realizaban unhas festas denominadas FERALIA nas que levaban aos mortos ofrendas. Fíxate neste texto do autor latino Ovidio:

"Estando os romanos entregados a longas guerras con belicosos exércitos, esqueceron a celebración dos Días dos Defuntos. Este esquecemento non quedou impune:...Contan -aínda que eu me resisto a crelo- que os nosos antepasados saíron das súas tumbas e comezaron a laiarse no medio do silencio da noite; e aseguran que a través das rúas da cidade e por amplos campos andaron ululando os espíritos sen forma, unha morea de pantasmas...

O ius imaginum era un curioso dereito exclusivo dos
cidadáns romanos patricios para erixir estatuas aos seus
parentes mortos, unha ofrenda aos Deuses Manes.
 ...Estes días as etéreas almas e os corpos que recibiron sepultura andan errantes; estes días as sombras dos mortos toman os alimentos que se lles ofrendaron... A este día denominárono Feralia porque se lles leva aos defuntos os honores debidos. Este é o último día para aplacar aos Manes."

Cuestións: 
1- Lembrades algunha comitiva de mortos que anden errantes polos camiños na nosa terra?  

2-Quen son os deuses Manes? Para responder a esta pregunta convén que lle botes unha ollada á unha inscrición funeraria en latín calquera xa que adoitaban estar encabezadas por tres letras: D. M. S. que significaba: Diis Manibus Sacrum (Consagrada aos Deuses Manes). Eran logo os espíritos dos familiares que ao morrer pasaban a ser considerados divindades protectoras da familia e da casa.


  3- Un pequeno traballo de investigación e tradución: 

QUE É A EPIGRAFÍA? A epigrafía (επι-γραφή: escrito enriba ou sobre "επι ") é o estudo das inscricións gravadas en pedra ou outros materiais permanentes como o metal, a ciencia de clasificalas no seu contexto cultural e data, explicándoas e vendo que conclusións se poden extraer delas.

3a) Quen está enterrado nas estelas que aparecen nas seguintes inscricións? Un home ou unha muller? Fíxate nas letras que suliñamos e nas formas verbais que veñen detrás:

HIC SITUS EST

HIC SITA EST

HIC SITI SUNT.


QUE É UNHA ESTELA?  A Estela é un monumento funerario colocado verticalmente no lugar onde estaba unha tumba. Lembran ao defunto nunha inscrición commemorativa. Adoitan levar como encabezamento as letras D.M.S. 


OS TEXTOS DAS ESTELAS: As inscricións funerarias denominadas estelas constan das seguintes partes normalmente:

-Invocan aos Deuses Manes ( D. M. S.)

-Nome do defunto

-Idade con que morreu.

-Persoa/s que erixe/n o monumento: F(aciendum)C(uravit).


-Fórmula final: H.S.L. e/ou o desexo de despedida coa tamén coñecida fórmula S.T.T.L. "Sit Tibi Terra Levis" (Que che sexa a terra lixeira)ou outra máis sinxela H. S. S:"Hic Siti Sunt" (aquí están sepultados)

Vexamos un par de exemplos dunha estela:

D(is) M(anibus) S(acrum) / Consagrada aos Deuses Manes
SENT(io) SACOMIO / Sentio Sacomio
ANN(orum). VIIII. SEN(tia) / de 9 anos de idade. Sentia
LUCROSA FILIO /  Lucrosa ao seu fillo
PIENTISSIMO F(aciendum) C(uravit) / piadosísimo  mandouna facer.
H(ic) S(itus) E(st) S(it) T(ibi) T(erra) L(evis) Aquí está enterrado, Que che sexa a terra leve!

D.M.S   Consagrada aos Deuses Manes
L(UCIO) IULIO   Lucio Xulio
AMOENO.          Amoeno
ANN(OS) XXXIIII              Viviu 34 anos
H(IC)    S(ITUS)   E(ST). Aquí está enterrado.
STTL Que a terra che sexa leve.
CASIA AMOENA Casia Amoena
FILIO PIISSIMO para o seu moi piadoso fillo
FECIT mandouna facer.

A estrutura ou partes da inscrición na estela pode sufrir cambios na orde de colocación como ocorre no  caso da estala anterior no que as fórmulas H(IC)  S(ITUS)   E(ST)  e STTL  están no medio do texto en lugar de aparecer ao final.  Poñamos outro exemplo. Fíxate nos cambios de colocación que se dan na seguinte estela... quen será o defunto?:


D(is) · M(anibus) · S(acrum) / Consagrada aos Deuses Manes
AURELIA · FLAVIA /     Aurelia Flavia
LUCIO · MU                 para Lucio Murene
RENE · M(arito) · S(uo) / o seu marido.
H(ic) · S(itus) · E(st) · AN(n)o(rum) · XXXVIII / Aquí está enterrado de 38 anos.
S(it) · T(ibi) · T(erra) · L(evis) Que a terra che sexa lixeira.



4) Das distintas partes que habitualmente presenta unha inscrición nunha estela, cales son as que aparecen nestas dúas lápidas romanas atopadas en Galicia?

URBANILLA ANNORUM XXV. (A Estrada)

CUM QUI VIXIT ANNOS XVIII (Lugo)

Os mortos tamén falan
O costume romano de enterrar (in humus: inhumar) era máis frecuente entre as persoas de posición, aínda que normalmente se facía unha incineración (in cinis) previa e logo se enterraban as cinzas onde se colocaban unha estela. En non poucos casos a inscrición dirixíase ao que estaba a ler, son as lápidas parlantes, como se os espíritos dos mortos falasen cos vivos. Fixádevos nesta inscrición dunha lápida parlante:

UT, QUI LEGIS DICAS: "SIT TIBI TERRA LEVIS" (Lugo)
"Para que ti, que les, digas "Que che sexa a terra lixeira"


Para saber máis
 5-  Esta primeira entrada terá unha continuidade, pero para coñecer máis estelas imos a tres casos moi coñecidos da cidade de Mérida. Grazas a estas tres inscricións funerarias coñeceremos á rapaza da vosa idade Lutatia e a taberneira Sentia Amarantis.  Que nos podes contar acerca delas?

6- O caso da Estela de Santa Comba. Investiga onde, como foi atopada e cal é a información que aporta esta singular estela.



xoves, 15 de outubro de 2015

CAL É A LINGUA NAI DO LATÍN E DO GREGO?

Dende a India a Fisterra encontramos basicamente unha mesmas palabras para denominar o lobo, a raposa, o oso, o cervo e o porco (polo tanto o mundo da caza); unhas mesmas palabras para denominar o boi, a ovella, a cabra, o leite, se acaso os ovos (é dicir, a gandeiría); unhas mesmas palabras para denominar o queixo, a lá, o mel, o sal, o carro, o xugo e a fariña( é dicir, a agricultura); igual acontece co ouro, a prata, o cobre( metarlurxia), co cabalo e co can(animais domésticos), co arco e coa machada (armas), co salmón e co barco, pero non co mar (navegación fluvial). pero, en cambio, non hai parecido ningún entrea as respectivas maneiras de nomear o mar, o león, o tigre e o camelo.

Como explicar tantas coincidencias?

Todos estes pobos que habitan tan amplo territorio teñen linguas que proceden dun único pobo prehistórico:o indoeuropeo.

No mundo hai, se simplificamos e atendemos a súa orixe por continentes, cinco grandes grupos de linguas:

A familia INDOEUROPEA, as linguas euroasiáticas entre as que se atopa o latín e a nosa, o galego.

AS OUTRAS GRANDES FAMILIAS LINGÜÍSTICAS DO MUNDO:

A familia BANTÚ ou de linguas africanas, nas africanas, debemos separar as do centro e sur das do norte que pertence a outra familia.

A familia CAMITO-SEMITA entre as que se atopa o hebreo e o árabe, situadas no norte de África e a parte de Asia próxima ao Mediterráneo.

A familia SINO-AUSTRINA con linguas como o chinés e o xaponés en Asia e todas as de Oceanía.

A familia AMERINDIA das linguas do continente americano quechua, azteca, guaraní...

Un comunicado da Federación Internacional de Tradutores no Día Internacional da Tradución (30 de setembro)vén moi a conto:

"O noso planeta é rico na diversidade lingüística. As aproximadamente seis a sete mil linguas faladas en todo o mundo son o depósito da nosa memoria colectiva e o patrimonio intanxible. Pero a diversidade lingüística e cultural que ofrecen está baixo a ameaza: o 96% destas linguas son faladas por só o 4% da poboación mundial e centos de elas axiña se perderán para sempre.

Observa o mapa das zonas do planeta con maior diversidade lingüística e con maior perigo de desaparición de idiomas. A súa ubicación no planeta fainos reflexionar sobre as causas e os causantes da perda desta diversidade. 

                 Só en oito países do planeta se conservan o 50% das linguas existentes no mundo.

A UNESCO e as Nacións Unidas pediron aos seus Estados Membros apoiar e protexer a variedade de linguas que se falan polos pobos do mundo. A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural, adoptada en 2001, establece que "a diversidade é tan necesaria para a humanidade como a biodiversidade para a natureza". O seu exdirector, Federico Mayor Zaragoza, dixo: 

"Se perdemos a diversidade cultural, perdemos a maior riqueza que temos".

CUESTIÓNS:
Procuremos unha boa definición para este concepto. O indoeuropeo é...
Chámase indoeuropeo común, ou simplemente indoeuropeo (abreviado habitualmente como IE) a unha lingua prehistórica reconstruída a partir da comparación entre as linguas antigas e actuais das que estas proveñen. O indoeuropeo, que nunca foi escrito, é a lingua suposta que está nas orixes de todas as linguas indoeuropeas. O método que permitiu reconstruír esta protolingua repousa esencialmente sobre a lingüística comparada.

 Imos realizar algunhas reflexións máis despois de ver o vídeo:


Quen é o avó do galego? 

Que significa Gallaecia?

Que significa a palabra idioma?

De quen depende conservar a diversidade lingüística do mundo?


martes, 6 de outubro de 2015

APRENDENDO AS PRIMEIRAS LETRAS: OS ALFABETOS


Ἐν ἀρχῇ ἦν ὁ Λόγος... 
          Nun principio era a palabra

Así escribían os gregos (seguen a facelo hoxe), imos comezar unha aventura da man das palabras e para coñecelas en orixe teremos que aprender a usar o alfabeto grego.


Antes de entrar a reflexionar de cómo o ser humano chegou a inventar ese sistema tan sinxelo e útil de comunicación, imos comprobar que é realmente doado de aprendelo:








CUESTIÓNS

1- Aprende de memoria as grafías do alfabeto grego. Podes facer prácticas aquí nesta páxina

2- Se te fixas no cadro comparativo dos alfabetos verás que en orixe, en Exipto, as letras do noso alfabeto foron inicialmente debuxos asociados a obxectos ou seres reais. Por exemplo, a letra A, alfa grega, era unha cabeza dun boi, ou a letra M a superficie da auga ondulada.  Realiza unha lista con dúas columnas unha co alfabeto grego e outra coa súa orixe.

3- Fíxate no camiño que percorreu o invento do alfabeto dende Fenicia ata chegar a Italia e converterse no alfabeto que usamos, o alfabeto latino. Descríbe sucintamente que terras e civilizacións percorre.