mércores, 25 de novembro de 2015

COMO CAMBIA O CONTO CON PANDORA!!

Ata o de agora estivemos falando dos deuses da mitoloxia grega, hoxe facéndolle unha chiscadela á celebración do Día contra a violencia de xénero, o 25 de novembro, imos fixarnos como cambia o conto. Imos ser críticos á hora de relatar os mitos cando a influencia indoeuropea impera en moitos dos que iremos contando e que son claramente machistas polo que debemos ter esa previsión á hora de achegármonos a eles dende unha óptica do século XXI. Esta compoñente debe logo terse moi presente a partir deste momento.

Imos comezar para evidenciar esta tendencia da mitoloxía clásica a falar da creación dos mortais que na mitoloxía grega presenta unha serie de relatos complexa (hai ata catro formas distintas de explicar a aparición dos seres humanos). Pois ben, os primeros seres humanos en nacer serán os homes de sexo masculino e logo chegará Pandora, a primeira muller.

Ademais de chegar de segundas, virá cargada dunha serie de calidades moi machistas como poderedes apreciar, unha primeira ao ser considerada "un agasallo". A etimoloxía é moi clara, o nome de Pandora  en grego significa "o agasallo de todos (os deuses)" unha clara "cosificación" (como se unha persoa, neste caso a muller, fose unha cousa, un obxecto) e aínda que a palabra "agasallo" ou "presente" pode entenderse, en principio, como algo bo, veremos que as intencións de semellante entrega por parte dos deuses ten como finalidade procurar un castigo eterno a todos os mortais.   

Finalmente, Pandora aparecerá solapada e á sombra doutro nome, o dun deus que, a pesar de ser un Titán, está debuxado con calidades positivas, propias dun verdadeiro heroe. Trátase de Prometeo, o amigo dos mortais.



Podemos ver este relato desde a óptica habitual, a do mito de Prometeo, pero é moi interesante para o mundo de hoxe darlle a volta e poñer en primeiro plano a cuestión da muller, non cres?

Cuestións: 
1-RESUME O MITO DE PROMETEO E PANDORA
2- INVESTIGA:  Ata o de agora estivo moi presente nos mitos que contamos a presenza do matriarcado e da deusa nai e outras poderosas deusas: Xea, Rea... pero coa aparición de Zeus e mitos como o de Prometeo e Pandora imos percibir un cambio e o carácter equilibrado e mesmo dominante de elementos femininos vaise ir diluíndo nunha serie de mitos con fortes cargas patriarcais e machistas, Ocorre isto mesmo noutras mitoloxías? Investiga se é así nos relatos das primeiras mulleres noutras mitoloxías.

mércores, 18 de novembro de 2015

GALICIA, PAÍS DOS MORTOS

Galicia dende a antiguidade até hoxe foi considerada o país dos mortos e aquí, neste mes de defuntos  temos que reunir unha serie de argumentos para xustificar esta afirmación de carácter antropolóxica e que ten bastante que ver coa idea  que tiña o mundo clásico destas terras de occidente.


Para Grecia e Roma

A palabra occidente, do verbo occido que significa morrer asociada  precisamente ás terras máis afastadas do mundo coñecido, o lugar onde morría o sol cada día, era unha das ideas que leva aos Finis Terrae (hoxe Fisterra), senón tamén ese misterioso espazo onde podemos atopar unha entrada ao mundo subterráneo, ao mundo dos mortos.   Lembrade que o paso ao mundo dos mortos faise a través dunha barca que guía un barqueiro que espera polas nosas ánimas para nos transportar ao Alén.

Un texto de Ovidio citado dise "Estando os romanos entregados a longas guerras con belicosos exércitos, esqueceron a celebración dos Días dos Defuntos. Este esquecemento non quedou impune:...Contan -aínda que eu me resisto a crelo- que os nosos antepasados saíron das súas tumbas e comezaron a laiarse no medio do silenzo da noite; e aseguran que a través das rúas da cidade e por amplos campos andaron ululando os espíritos sen forma, unha morea de pantasmas...
Estes días as etéreas almas e os corpos que recibiron sepultura andan errantes; estes días as sombras dos mortos toman os alimentos que se lles ofrendaron... A este día denominárono Feralia porque se lles leva aos defuntos os honores debidos. Este é o último día para aplacar aos Manes."

1- Lembrades algunha comitiva de mortos que anden errantes polos camiños na nosa terra?
2- Quen son os deuses Manes?

 Aquí queda tamén esa impresionante imaxe dun patricio romano portando as máscaras de cera dos seus antepasados, garantía da súa nobreza, é o denominado: "Ius Imaginum".


Para o mundo atlántico e Celta

Xa vimos que a idea dos mortos vivintes, que se erguen das súas tumbas é unha idea ben vella común a distintas culturas. Os mortos na mitoloxía celta se dirixen cara a unha illa no océano, de aí a idea da peregrinaxe cara ao extremo atlántico occidental de Europa que disque estaba presente tamén na cultura céltica da prehistoria e que é un precedente do Camiño de Santiago ten relación co culto ao sol e a un altar que levantarían nestas terras e que o mesmo Xulio César quixo visitar cando o Imperio Romano comezaba a súa andaina polo Noroeste da nosa península, desprazádose até aquí para contemplar o ocaso, é dicir, como morría o Sol no seo do Océano.
Heracles viaxou até Galicia na procura de Xerión


Coa chegada dos romanos e logo do Cristianismo as crenzas mediterráneas foron solapándose sobre as outras atlánticas coas que gardaban certas semellanzas. Os romanos creron que o río Limia sería o río do Esquecemento, un río que tradicionalmente atravesaban os mortos na derradeira viaxe. Os romanos facíanse eco seguramente do que contaban os historiadores gregos que pensaran que na nosa Terra atopábase a fin do Mundo, lugar onde cada día morría o sol. Unha curiosa viaxe, a do heroe grego Heracles (Hércules) vaino levar ao noso territorio montado na barca do Sol para aparecer nestas terras e combater ao xigante Xerión. Non é casualidade, pois, que A Coruña sexa denominada cidade herculina.

Para a cultura Europea medieval

O Camiño de Santiago instaurado logo polos cristianos como un camiño de peregrinación dos máis importantes é sabido que remata nunha etapa máis alá da propia Compostela. As véneras ou as cunchas dos peregrinos son símbolo dos peregrinos que fixeran o camiño completo, o que remata en Fisterra onde se recollía unha cuncha para levar como proba de telo feito, Era un camiño que había que facer de vivo.
O Cristianismo foi facendo medrar a idea do Purgatorio e as ánimas en pena, a celebración do Día de Defuntos que se instaura dende o Vaticano e polos Papas da Idade Media. Dende aquela o mes de novembro en Galicia foi o mes de Santos ou Defuntos que multiplicará, en época histórica, as tradicións e crenzas enraizadas dende a prehistoria no noso país.

Para a tradición oral

 É moi popular o costume de ir a Sto. André de Teixido, pois irá de morto quen non foi de vivo. Ese vén sendo o camiño que realizan todas as ánimas na procura do Alén, unha illa do Alén ou do Paraíso.

Na nosa tradición oral e na de culturas próximas como a asturiana, na nosa terra hai un burato por onde entrar e saír do Inferno e varios relatos fan referencia de lugares como o Pico Sacro ou a propia Compostela. Ademais a Compaña é esa procesión de mortos que camiñan despois de se erguer das súas tumbas e camiñan na procura do Alén, desa barca situada na costa da Morte ou en Fisterra.

A relación de Galicia coa morte logo será moi especial e outórgalle unha identidade peculiar aos seus habitantes. Imos buscar algún argumento máis: Á crenza popular e tan galega da Compaña se poden engadir outros moitos avisos da morte (morte branca e moura, o paxaro da morte, a Estadea...) o feito de que o magosto sexa unha celebración no que a castaña ben sexa un símbolo das ánimas (castañas que se botaban dende os campanarios das igrexas) ou ben alimento que se lle deixa na mesa tradicionalmente na noite de Defuntos (sendo común deixarlle tamén un posto nesa mesa ou simplemente sen recoller os restos da cea costume que aínda se conserva no Morrazo). O mesmo poderiamos dicir sobre outros aspectos do culto aos mortos como o tan coñecido das choronas (a chorar a Cangas) hoxe case perdido ou o restaurado recentemente co tallado das cabazas, que algúns relacionan coas caveiras con candeas dos celtas no Samaín.

CUESTIÓN:
3- Realizar un breve resumo cos distintos apartados e argumentos nos que se xustifica a afirmación de que Galicia é o país dos mortos. 

luns, 16 de novembro de 2015

A XEOGRAFÍA DA ANTIGA GRECIA: HÉLADE

A XEOGRAFÍA DA GRECIA ANTIGA
Grecia é un país moi montañoso con estreitos vales e pequenas chairas costeiras onde se concentrou tradicionalmente a poboación. As montañas continentais penetran no mar formando unha costa moi recortada e numerosas illas o que propiciou o aillamento de comunidades dispersas e mal comunicadas por terra que conforman un país de pequenas comarcas, divididas politicamente e fragmentadas en dialectos. Grecia pois viviu cara ao mar, do que ningún punto dista do mar máis de 90 km, xogou dende sempre un papel de unión (de feito a palabra Πόντοs, ademais de “mar” significa “camiño”).

O clima no norte é de tipo continental invernos curtos e fríos, pero nas illas é algo máis cálido, sendo os veráns moi calurosos. A chuvia máis ben escasa e lugares como Creta, unha gran illa con clima subtropical.

A vexetación é a típica mediterránea bosques de coníferas (piñeiros e cipreses), plantas aromáticas e os cultivos de cereais, oliveiras e viñas que ocupan o pouco terreo arable (un 18%). Se Arcadia é a terra “osos”, tamén hai lugares onde se crían cabalos, e rabaños de cabuxas e ovellas. Sendo unha incógnita se antigamente existían leóns como nos conta Homero.

Hélade (Ελλάδα) era o nome do país derivado de Helen, padre mítico dos heroes que dan lugar ás distintas estirpes helénicas. O nome de Grecia provén da tribo dos Graii coa que entraron en contacto os pobos de Italia e co que eles coñecerían aos restantes gregos.

Para coñecermos mellor a Antiga Grecia seguiremos o seguinte esquema da súa xeografía:

1-          A GRECIA CONTINENTAL:  
1.1- A GRECIA SEPTENTRIONAL
1.2- A GRECIA CENTRAL.
1.3- A GRECIA MERIDIONAL OU PENÍNSULA DO PELOPONESO

2-            A GRECIA INSULAR:
2.1- ILLAS XÓNICAS.
2.2- ILLAS CÍCLADAS E ESPÓRADAS
2.3- AS GRANDES ILLAS: EUBEA, CRETA E CHIPRE.

3-            A GRECIA COLONIAL:
3.1- ASIA MENOR
3.2- A MAGNA GRECIA

3.3- OUTROS LUGARES DE COLONIZACIÓN


CUESTIÓNS: Podes ver este tema no libro no tema 2 páxinas 26-27
1- A XEOGRAFÍA DOS MITOS:  Toca volver a mirar o mapa da Grecia Antiga para ir fixando esta xeografía que estamos citando como referencia espacial substancial dos mitos:
- Onde está o santuario no que  se di se conserva aínda hoxe a pedra que levou Cronos no seu bandullo pensando que era Zeus?  
- E a espazosa Tesalia, lugar onde se desenvolve a Titanomaquia? 
Sabes onde está a illa onde nace Zeus?  
- E o monte residencia dos deuses olímpicos e o dos Titáns? 
- Finalmente o volcán que aínda hoxe nos lembra onde está atrapado Tifón... sabes en que parte da Antiga Grecia está?

domingo, 15 de novembro de 2015

A TITANOMAQUÍA

A INFANCIA DE ZEUS


Sabías que: O nome de Zeus é indoeuropeo e deriva da palabra deiwos, que significa “ceo brillante”, o mesmo nome aparece no Diespiter (Iúpiter) romano, no deus indio do ceo Dyaus Pita, e no termo xermánico Tuesday (dia de Thor). A mesma raíz aparece no grego eudia (bo tempo) e no latín, deus, dios e dies (día). 



Zeus aparece como o pai ceo, baixo a imaxe do luminoso ceo diurno. A esta engádense imaxes de tormenta: a do que reúne as nubes, a do  que amaba os raios e os tronos. Todas  as súas epifanías ou aparicións son espectaculares: brilla como o sol, lanza raios, fai resplandecer os seus relampos e amorea as nubes negras ruchando o sobrecello. A aguia voa nas alturas manifestando a súa presenza. Esa aguia que cando vivía na cova leváballe a diario, por encargo de Rea, a ambrosía para facelo un deus inmortal. 

Varios son os mitos procedentes de distintos textos posteriores a Hesíodo que relatan a infancia de Zeus en Creta entre outras cousas falan da ubicación da cova onde naceu no monte Ida. Alí medra e será coidado por Melita e Amaltea (que o alimentan con mel e leite) e os Curetes ou Coribantes que cando chora se encargan de que seu pai Cronos non o escoite berrar. 

Procura información sobre:

1-  Que significa o nome de Zeus? 

2-Quen o coidaba na cova onde naceu? Quen era Amaltea e Melita? Que animal o visitaba a diario para darlle a ambrosía, o alimento que lle daba o vigor propio dun inmortal?

3- Que relación din que tivo coa Titánide Metis?

4- Contan que foi Metis quen lle axudou a elaborar unha beberaxe que lle tiña que dar a Cronos, para que?

5- Quen eran os Curetes ou Coribantes? Cal era o motivo polo que acompañaron a Zeus infante.

Sigamos logo coa narración de Hesíodo:

A VINGANZA DE ZEUS
Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano,o poderoso Cronos, de mente retorta, botou fóra de novo a súa proleenganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e  pola habilidade do seu filloPrimeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxesaos que insensatamente encadeou seu pai; gardáronlle gratitude polos seus beneficios e aqueles agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.




TITANOMAQUIA
(Os deuses olímpicos contra os Titáns)




Xa facía tempo que loitaban soportando dolorosas fatigas enfrontados uns contra outros en violentos combates, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos; os Titáns dende a cima do Otris, e dende o Olimpo, os deuses dadores de bens aos que pariu Rea, de fermosos cabelos, deitada con Cronos... levaban xa combatendo en conxunto máis de dez anos. E non se vía solución da dura contenda, nin final a favor de uns ou dos outros, senón que o resultado da guerra permanecía indeciso... 


Mais a Briareo, a Coto e a Xiges, o Crónida e os demais deuses inmortais que concibiu Rea, de fermosos cabelos, conducíronnos de novo á luz seguindo as indicacións de Xea. Esta explicoulles que coa súa axuda conseguirían a vitoria e... Zeus ofreceu a todos os alimentos, néctar e ambrosía, que os propios deuses comen, e creceu no peito de todos ardorosa paixón, cando probaron o néctar e a deliciosa ambrosía. 

-“Escoitádeme! - díxolle Zeus aos ilustres fillos de Xea e Urano- Por longo tempo xa enfrontados uns cos outros, loitamos todos os días pola vitoria e o poder, os deuses Titáns e os que nacemos de Cronos. Pero agora mostrade vós vosa terrible forza e invencibles brazos contra os Titáns en funesta loita, recordando a nosa doce amizade e como despois de tantos tormentos baixo dolorosa cadea, de novo viñestes á luz saíndo da escura tebra por decisión nosa.”... 

Provocaron aquel día unha loita terrible todos, femias e varóns, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos e aqueles aos que Zeus, mergullados no Érebo baixo a terra, trouxo á luz, terribles, violentos e dotados de formidable vigor. Cen brazos saían axitadamente dos seus ombros, para todos igual, e a cada un cincuenta cabezas nacíanlle dos ombros, sobre robustos membros...Terriblemente resoou o inmenso Ponto e a terra retumbou con gran estrondo...A violenta sacudida das pisadas chegou ata o tebroso Tártaro...





Xa non contiña Zeus a súa furia lanzando sen cesar relampos, avanzaba sen deterse; os raios, xunto co trono e o relampo, voaban dende a súa poderosa man. Por todos lados resoaba a terra portadora de vida envolta en lapas... Tanto estrondo produciuse ao chocar os deuses en combate! Ao mesmo tempo, os ventos expandían con estrépito a conmoción, o po, o trono, o relampo e o flamante raio, armas do poderoso Zeus, e levaban o balbordo e o clamor en medio de ambos...Entón aqueles, Coto, Briareo e Xiges insaciable de loita, na vangarda provocaron un violento combate. Trescentas rochas lanzaban sen respiro coas súas poderosas mans e cubriron por completo con estes proxectís aos Titáns. 

(texto adaptado dos textos orixinais da Teogonía de Hesíodo)

Outro escritor latino, Ovidio, tras narrar a Titanomaquia, conta o seguinte de Saturno (Cronos):

Postquam Saturno tenebrosa in Tartara misso
sub Iove mundus erat...


Unha vez enviado Saturno(Cronos) ao tebroso Tártaro, o mundos estaba baixo o poder de Xúpiter(Zeus na súa denominación grega).



CUESTIÓNS:
1- Onde e por quen foron desterrados Brontes, Estéropes e Arxes?
2- Quen son “o Crónida (repara no nome) e os demais deuses inmortais que concibiu Rea”?
3- Que é a Titanomaquía? Onde residen os contrincantes destas batallas interminables? Cando durou esta guerra?
4- Quen lle indica a Zeus que vaia falar cos Uránidas? Como os convence?
5- Que nome xenérico reciben os uranidas Briareo, Coto e Xiges? Como era o seu corpo? Que produce un grande estrondo audible tanto no ceo como no máis profundo do Tártaro?  Cara a onde foron enviados Cronos e os Titáns derrotados?  
6- Quen son logo os deuses Olímpicos? Por que reciben ese nome?
7- Por que Zeus vai ser recoñecido como pai dos deuses (olímpicos) se él non é realmente o seu pai?

Podemos ver unha curiosa narración sobre Zeus e a recreación da Titanomaquia no seguinte vídeo baseado nos textos de Hesíodo: A BATALLA DOS DEUSES



















luns, 9 de novembro de 2015

COSMOGONÍA(II): COSMOS, CRONOS E REA

A Teogonía de Hesíodo (autor do século VII a. C.) é o libro que mellor nos narra a Cosmogonía, é dicir, a creación do Cosmos (universo ou natureza ordenada). Efectivamente os gregos antigos pensaban que a función dos deuses era a de ordear a natureza caótica nun principio.

Despois da aparición no medio do Caos de Xea e de Urano e  tras da súa complicada descendencia, Hesíodo narra na Teogonía a creación doutras criaturas descendentes do Caos entre as que sitúa nun lugar destacado a Nix (a Noite).

Logo comeza a enumeración dunha longa serie de novas criaturas enxendradas polos Titáns e as Titánides, descendentes de Xea e Urano. Imos deter a nosa atención en Cronos e Rea.

Seguindo o mito a través do relato épico de Hesíodo, poderás comprobar e ir respostando ás cuestións claves desta parte importantísima da TEOGONÍA:

Os Fillos de Rea e Cronos

Rea, entregada a Cronos, tivo famosos fillos: Hestia, Deméter, Hera de áureas sandalias, o poderoso Hades que reside baixo a terra con implacable corazón, o resoante Ennosixeo (Poseidón) e o prudente Zeus, pai de deuses e homes, por cuxo trono treme extensa terra.

Aos primeiros papounos o poderoso Cronos segundo ían chegando aos seus xeonllos dende o sagrado ventre da súa nai, conducíndose así para que ningún outro dos ilustres descendentes de Urano tivese dignidade real entre os Inmortais. Pois sabía por Xea e o estrelado Urano que era o seu destino sucumbir a mans do seu propio fillo, por poderoso que fora, vítima dos proxectos do gran Zeus. Por elo non tiña descoidada a vixilancia, senón que, sempre ao asexo, ía tragando aos seus fillos; e Rea sufría terriblemente.




Pero Rea, cando xa estaba a punto de dar á luz a Zeus, pai de deuses e homes, entón suplicou axiña aos seus pais, Xea e o estrelado Urano, que lle axudasen a urdir un plano para ter ocultamente o parto do seu fillo e vingar as Erinias do seu pai e dos fillos que se tragou o poderoso Cronos de mente retorta. Aqueles escoitaron atentamente a súa filla e obedecérona; puxérona ambos ao corrente de canto estaba decretado que ocorrese respecto ao rei Cronos e ao seu intrépido fillo, e enviárona a Licto, a un rico pobo de Creta, cando xa estaba a punto de parir ao máis novo dos seus fillos, o poderoso Zeus. A este recolleuno a monstruosa Xea para crialo e coidalo na espazosa Creta. Alí dirixiuse, levándolle, ao amparo da rápida negra noite, en primeiro lugar, a Licto. Colleuno no seu colo e ocultouno nunha profunda gruta, baixo as entrañas da divina terra, no monte Exeo de densa fraga.

Rea envolvendo en panos unha enorme pedra, púxoa nas mans do gran soberano Uránida, rei dos primeiros deuses. Agarrouna entón coas súas mans e aquel introduciuna no seu estómago, ¡desgraciado! Non advertiu no seu corazón que, a cambio da pedra, ficaba para o futuro o seu invencible e imperturbable fillo, que axiña, vencéndoo coa súa forza e as súas propias mans,ía privarlle da súa dignidade e reinar entre os Inmortais.

Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano,o poderoso Cronos, de mente retorta, botou fóra de novo a súa proleenganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e  pola habilidade do seu filloPrimeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxesaos que insensatamente encadeou seu pai; gardáronlle gratitude polos seus beneficios e aqueles agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.

CUESTIÓNS:

1- Cales son os nomes dos fillos de Cronos e Rea? Procura o seu nome en grego e en latín.
2- Por que Cronos era un cu de medo?
3- Quen son as Erinias, denominadas en latín Furias? Como naceran?
4- Onde naceu Zeus?
5- Procura unha, dúas ou tres ilustracións da entrega de Rea a Cronos dalgún dos seus fillos, mesmo da pedra envolta en panos.

Zeus co raio e coa águia. ca. 480 a.C.
6- Contan que sendo xa Zeus o deus supremo, feito o sorteo para repartir poderes e territorios sobre os que gobernar, mandara a dúas aguias que voasen dende os estremos da superficie terrestre unha dende oriente, a outra dende occidente coa intención de que, cando se atopasen xusto no centro da extensa superficie da terra, deixasen caer alí mesmo, no centro do mundo a pedra que vomitara Cronos. Os gregos din que esa pedra está aínda nun lugar sagrado. Como se chama ese lugar sagrado onde reside a sacerdotisa Pitia? Busca unha foto desa pedra que aínda existe nese lugar que chaman ónfalos.

7- Fíxate no sufixo -ida. Se Uránida significa: “fillo de Urano” quen é o gran soberano Uránida?


8- Con que outro nome xenérico son coñecidos  os outros Uránidas Brontes (trono), Estéropes (raio) e o vigoroso Arxes (relampo ou resplandor)? Que quere dicir ese nome co que se identifican as tres criaturas?


luns, 2 de novembro de 2015

CADERNO DIXITAL

Os alumnos/as de Cultura clásica deben de editar o seu propio caderno dixital que deberán ir editando coidadosamente. Serán logo editores.

Realizar os seguintes traballos:

1º- Unha definición da Cultura Clásica e o meu mapa 0 da Cultura Clásica (xeografía)
2º- Un traballo sobre o neno salvaxe baixo o lema en principio foi a palabra!!! ( De onte a hoxe).
3º- Un traballo sobre as porcentaxes e a razón das mesmas nas orixes dos nomes da clase (sociedade)
4º- Sobre a marabillosa invención da escrita (historia)
5º- Sobre a Pedra Rosetta (lingua)

6º- A evolución da deusa nai da prehistoria á Grecia arcaica. (arte-mitos).

Puntuación:
ORIXINAL: 2
CONTIDO: 5
CORRECCIÓN ORTOGRÁFICA: 1
PRESENTACIÓN CORRECTA E EN PRAZO: Ilustracións axeitadas e formato 2

PRAZO: Unha semana:  3º A (10 de novembro) 3º B (11 de novembro)