domingo, 18 de decembro de 2022

UN NOVO PROXECTO: GRETA E A LOITA CLIMÁTICA POLO PLANETA

 Imos realizar un novo proxecto que a quen o entregue ben realizado e no prazo previsto opterá unha porcentaxe importante da nota da próximo avance. 

O proxecto titulámolo GRETA E A LOITA CLIMÁTICA POLO PLANETA.

Constará como sempre dunha parte primeira de documentación e investigación sobre o Cambio Climático e sobre a figura de Greta Thunberg. Unha segunda parte que centraremos na análise de discursos e propaganda realizada por Greta sobre a Crise Climática do Planeta e finalmente, unha terceira parte creativa na que poderedes escoller entre diversas fórmulas de concluír este proxecto: un artigo de opinión,  unha crónica ou un anuncio audiovisual sobre Greta e a xustiza climática no planeta

1ª DOCUMENTACIÓN E INVESTIGACIÓN: Como facemos sempre o primeiro paso debe ser documentarse a fondo e realizar tarefas de investigación para poder preparar os distintos tipos de discurso persuasivo que pretendemos abordar na parte final deste proxecto.Imos logo procurar coñecer o necesario sobre o CAMBIO CLIMÄTICO e logo sobre a activista GRETA THUNBERG.

A) SOBRE A URXENCIA DO NOSO PLANETA: CAMBIO CLIMÁTICO: A seguir colgamos aquí un grupo de vídeos que che poden axudar a entender mellor a orixe ou as causas da Crise Climática, así como as consecuencias e solucións posibles:

 






B) COÑECEMOS A GRETA THUNBERG: Imos agora achegarnos a Greta Thunberg que en 2018 comezou unha loita pola xustiza climática moi particular e de gran transcendencia como comprobaredes: 


Greta fala de si mesma:  



En RTVE: Reportaxe sobre Greta.  

*Nota sobre este apartado: Sempre está aberta a posibilidade de afondar máis en cada tema polo que invitamos a que procures algunha información máis pola túa conta que lle poderá  dar maior valor ao teu proxecto,   


2ª OS DISCURSOS DE GRETA SOBRE A CRISE DO PLANETA: Como estamos na aula de oratoria imos analizar os seus discursos máis representativos:

A) Discurso na ONU: 





CUESTIÓNS: Agora analiza ti as claves dos discursos: Estrutura (partes nas que se divide) Argumentos usados (lóxicos e emocionais)

B) ANÁLISE DA PROPAGANDA DA LOITA DE GRETA POLO EQUILIBRIO CLIMÁTICO NO PLANETA:

Cuestións:  Analiza os contidos e recursos persuasivos propios desta campaña propagandística desenvolta por Greta e os seus colaboradores,

3ª  O MEU/ O NOSO DISCURSO SOBRE GRETA E A XUSTIZA CLIMÄTICA NO PLANETA: Chegamos á parte creativa na que sobre este tema poderedes escoller entre tres posibles.(mínimo unha das tres) formatos de creación do voso discurso persuasivo: 

- Un artigo de opinión.
- Unha crónica. 
- Un anuncio audiovisual.

PRAZO DE ENTREGA: Na semana do 9 ao 13 de xaneiro do 2023.

Lembra que Greta non é a única en mobilizarse:pola xustiza climática do noso planeta: 


 

domingo, 11 de decembro de 2022

TIPOS DE DISCURSO PERSUASIVO


 Hoxe toca analizarmos os distintos tipos de discursos persuasivos que existen. Unha posible clasificación sería:

1- Discurso ou speach.

2- O artigo de opinión.

3- A publicidade

4- A propaganda

1- O DISCURSO ou SPEACH

Son conferencias, charlas de vendas, arengas políticas, discursos de homenaxe... que dirixido a un público teñen un fin persuasivo. Non teñen unha estrutura fixa responde logo á capacidade do orador e ás circunstancias nas que se dá a disertación, sen esquecer ás características dos receptores. 

Neste tipo de discursos as estratexias emotivas que apelan aos sentimentos son esenciais aínda que se empregarán tamén argumentos lóxicos. Existen varios subtipos dos que xa falamos: Discursos laudatorios,  xudiciais ou  deliberativos.

Vexamos un par de exemplos de temas diversos: 

a) Texto persuasivo: Non seredes das persoas que pensan que algúns idiomas son máis  difíciles ca outros? Lembrade que en realidade todos nacemos coa capacidade de aprender calquera lingua e que o grao de dificulatde dependerá da relación que teña a nosa lingua materna co idioma que se queira aprender, Un idioma novo sempre suma!

b) Tyrion toma o mando do exército: 

 Cuestións: Distingue nestes dous exemplos argumentos obxectivos e emocionais.

2-ARTIGO DE OPINIÓN

Nos medios de comunicación, ademais dos textos expositivos que aportan información obxectiva (as noticias) adoitan aparecer textos nos que se mestura a exposición de feitos coa opinión subxectiva. As columnas de opinión tamén admiten formatos diversos en medios como a Radio ou a Televisión.

Un exemplo: Un artigo de opinión sobre a publiciadade institucional sobre o 25 N. 

Cuestión: Tras ler atentamente o artigo de opinión localiza e diferenza no texto a exposición de feitos e a opinión subxectiva da autora do mesmo. 

3-A PUBLICIDADE

Ten como obxectivo a promoción dun produto para a súa venda. Esta finalidade comercial provoca a utilización de técnicas e recursos lingüísticos propios do texto argumentativo, pero con frecuencia  a verdade e a obxectividade aparezan debilitadas. Outra función da publicidade é a financiación os medios de comunicación nos que aparecen (sen a que estes non poden vivir) de aí a súa importancia pola súa omnipresenza na sociedade na que vivimos.

Normalmente seguen esta estrutura:

a) Gancho: parte máis visible que intenta captar a atención do receptor/a.

b) Corpo: Parte persuasiva onde adoita describirse o produto.

c) Slogan ou lema: Frase ou texto que pretende permanecer na memoria do consumidor/a.

No que respecta aos recursos lingüísticos da publicidade distinguimos: Gráficos (Tamaño da letra, por exemplo) léxicos (poden usarse siglas, neoloxísmos, estranxeirismos,...) semánticos (hipérbole, polisemia, metáfora, personificación...) morfolóxicos (oracións simples ou uso da segunda persoa,...)

Un par de exemplos para analizar:

 Analiza  primeiro estes dous anuncios.

- Identifica o gancho, o corpo e o lema.

- Distingue despois distintos tipos de recursos lingüísticos


Nota sobre este anuncio: Na campaña publicitaria de “Clorox Quitamanchas Blanco Supremo”, mencionábase que este produto se podía aplicar a “todo tipo de prendas”. Esta campaña tivo un gran éxito entre os consumidores  difundida mediante un vídeo en Youtube. Sen embargo, a etiqueta do produto explicaba que non pode ser usado en prendas de la e seda sen provocar danos. Moitos consumidores adquiriron o produto con falsas expectativas. Por iso, en novembro de 2020, el Instituto Nacional de Defensa de la Competencia y de la Protección de la Propiedad Intelectual (Indecopi) sancionou a Clorox Perú cunha multa de S/. 129,000 por incorrer en publicidade enganosa.


Nota sobre este anuncio: América Móvil e Telefónica foron sancionados por Indecopi ao difundir un anuncio en televisión coa mensaxe “Llévate gratis el iPhone 6 Plus de 16 GB entregando tu iPhone 5S”, pero non se mencionaron os termos e condiciones para acceder á promoción. Por elo, considerouse que omitiron información para xerar falsas expectativas e inducir ao erro aos consumidores. Ambas empresas recibiron en conxunto unha multa equivalente a S/ 629,985.50.

Este é un exemplo de que a publicidade debe ser clara, directa e precisa ao promocionar un produto, xa sexa para establecer condicións de uso ou advertencias.


4- A PROPAGANDA

 A propaganda é semellante á publicidade en canto ás características formais, pero o seu obxectivo non é comercial, é ideolóxico. Pretende conducir a un sector social cara a determinadas posturas sociais ou políticas. Apela aos valores e emocións do público establecendo unha ponte entre o receptor e a ideoloxía a promocionar. Neste tipo de comunicación tamén é frecuente o engano e a manipulación. 

Un par de exemplos: A cada 60 segundos morre unha especie!

Cartel de propaganda dos EE.UU. de América chamando aos cidadáns a alistarse
no exército tanto para a Primeira como para a Segunda Guerra Mundial.
O texto di: "Quérote a ti para o exército de Estados Unidos.
Puesto de reclutamiento más cercano."  
                       


Un dos exemplos máis sonados de propaganda política enganosa:




Cuestións: Despois de ver o vídeo anterior resume o seu contido respondendo as seguintes preguntas
- Semellanzas entre publicidade e propaganda.
- Diferenzas sinaladas entre ambos discursos persuasivos.
- Que perigos presentan unha e outra?

  A que tipo de discurso persuasivo cres pertence este vídeo? Argumenta as respostas.
 


sábado, 3 de decembro de 2022

Argumentos lóxicos e argumentos emocionais do discurso persuasivo

 


Un texto persuasivo ademais de trazos lingüísticos (que vimos nas entradas anteriores) presenta normalmente contidos lóxicos e contidos emocionais.

Un exemplo: Se quero convencer a un amigo de que me acompañe a Vigo para ver o alumeado do Nadal. Podemos intentar convencelo con argumentos obxectivos como: Vai haber moitas atraccións para compartir diversións, ou como no centro da cidade está a casa dos meus tíos,  podemos saír pola mañá para evitar atascos e comer alí... Pero tamén podes tentar persuadilo usando argumentos emocionais dicíndolle cousas como que el é o teu mellor amigo, que sería unha experiencia única ou que ti nunca o deixarías na estacada nunha ocasión coma esta...  


CONTIDOS LÓXICOS ou ARGUMENTOS OBXECTIVOS

Son os argumentos que usan a razón para defender unha tese. Opostos logo aos contidos emocionais. A retórica deixa as emocións en segundo plano ocupándose sobre todo da argumentación lóxica dos discursos persuasivos procurando centrarse na estrutura e presentación dos mesmos, pero os argumentos emocionais son tamén moi importantes como veremos.

Vexamos un exemplo de argumentación lóxica

 TESE: Defendemos que se retrase o accendido das luces de Nadal no noso concello para contribuír co aforro enerxético recomendable dada a crise enerxética na que estamos instalados.

PREMISA 1: (Esta  primeira premisa, a de partida, debe ser inconstestable partir dunha aprobación total ou maioríataria dos oíntes)  O planeta precisa dun control e dunha redución considerable do consumo de enerxías que utilizamos os seres humanos non sempre cun bo criterio.

PREMISA 2: Cada vez as campañas de Nadal do comercio se adiantan máis, o que inclúe o accendido das luces navideñas e un gasto enerxético que habitualmente é maior.   

PREMISA 3: Hai usos enerxéticos máis necesarios que os que precisan as decoracións navideñas destinadas tanto a incentivar ás compras como a crear un ambiente entrañable nas rúas, ás que se lles poden buscar alternativas para que incidan nun menor consumo enerxético sen ir en detrimento dos intereses antes citados.

CONCLUSIÓN: Polo tanto debemos e podemos levar a cabo un consumo máis racional, en primeiro lugar, reducindo os días nos que facemos uso deste alumeado especial,  á vez que procuramos atopar outras alternativas máis sostibles para estas actividades sociais tan arraigadas.

Cuestión:  Proba a escribir ti para defender esta mesma tese, os teus tres argumentos obxectivos ou lóxicos e mesmo unha conclusión.  


CONTIDOS ou ARGUMENTOS EMOCIONAIS

   Son os contidos que apelan ás emocións e aos sentimentos dos oíntes nun discurso persuasivo. Fundaméntanse non en razóns, senón en emocións como o medo, a alegría, a compaixón, a culpa...

A retórica non se ocupa normalmente do estudo das emocións na argumentación, mesmo ao falar das emocións trátaas de falacias. Pero como dixemos os argumentos emocionais tamén serven para persuadir.  

Construamos un exemplo a partir da tese anterior, a de retrasar o accendido das luces de Nadal usando tres estratexias habituais de carácter emocional:

-  O orador procura a empatía amosando a súa vulnerabilidade para que o auditorio entenda que fala de corazón:  Gústame o ambiente familiar e alegre que se respira nestas datas, pero non podemos esquecer por egoísmo as consecuencias que traen consigo un uso desproporcionado do alumeado navideño. A nai terra está falándonos, escoitémola! 

- Unha historia veraz que atrapen aos oíntes espertando as emocións cara ao obxectivo previsto: Cando eu era un neno non reparaba máis que na cantidade de luces que alumeaban no Nadal as rúas que as facía brillar como nunca. Daquela os agasallos na miña casa sempre chegaban a noite de Reis. Aínda non se impuxera a moda do Papa Noel, pero non por iso se vivía con menos intensidade estas festas. Agora que son adulto sinto que as luces deben seguir asociadas a ilusión para nenos e maiores, pero sen que iso implique para nós un derroche imperdoable. Se acurtamos os días de alumeado, acendéndoo menos días, os máis próximos aos días sinalados de Nadal aos Reis non destruímos o espírito navideño.

  - Uso de recursos literarios como metáforas ou comparacións:  Ás veces, máis resulta ser menos. Se cadra ter máis días de luces de compras indiscriminadas fainos sentir menos o especiais que son estes días breves, pero intensos de ilusión e encontro familiar cos que a maioría asociamos o Nadal.  O abuso do consumismo non pode matar o Nadal, como tampouco facernos perder o respecto e o máis escrupuloso coidado  do Planeta que todos compartimos. Precisamente esta celebración nos lembra a importancia dos ciclos para a vida, a certeza da esperanza ineludible que provocan as noites longas e frías do solsticio de inverno que preceden o espertar da Natureza nos días de sol e calor que logo han vir.  

Cuestión:   despois de analizar os exemplos anteriores con argumentos emocionais proba a realizar as túas estratexias con este tipo de argumentos seguindo os modelos propostos coa empatía, unha historia e os recursos literarios. 

Aristóteles

 UN APUNTAMENTO ARISTOTÉLICO SOBRE ESTE TEMA

O gran filósofo Aristóteles falando da persuasión na oratoria estableceu tres modos:

- O pathos consiste no uso dos sentimentos humanos para cambiar o ánimo dos oíntes. Por exemplo, se intentamos descalificar a unha persoa e usamos argumentos que provocan rexeitamento cara a esa persoa (argumentos patéticos).

- O ethos co que o orador debe transmitir credibilidade e autoridade para poder persuadir a un auditorio.

-  O logos refírese ao mundo da lóxica e do razoamento. Todo aquilo que reforza a mensaxe desde a razón, é dicir, aportando argumentos fiables.