domingo, 31 de marzo de 2019

Visita ao Castro da Subidá e aos Petróglifos de Mogor


O nome da Subidá pode ter algo que ver coa forte pendente, ou ben Suvidá cunha lixeira deformación do nome "civitatem" que en latín quería dicir "cidade", iso si, co seseo do "c" inicial como indica en Toponimia de Marín o paúl Elixio Rivas Quintas.


Unha saída educativa coa que contamos cunha visita guiada por Sofía, arqueóloga encargada  polo Concello de Marín para este tipo de actividades didácticas.


Amosando como hai unha marca de reconstrución nas paredes das casas castrexas



Na croa do Castro da Subidá

En primeiro plano un posible celeiro escavado nas últimas intervencións no Castro


O Castro da Subidá só ten escavado un 1% da súa extensión.


Nos Petróglifos de Mogor



Para saber máis sobre os Petróglifos de Mogor

mércores, 27 de marzo de 2019

OS MARINENSES QUE COÑECERON A XULIO CÉSAR


Imos realizar unha visita ao Castro da Subidá de Marín para saber máis daqueles poboadores de Marín, aínda que daquela non debía chamarse así, que puideron coñecer ao mesmísimo Xulio César, iso si, antes de que este fose unha das persoas máis importantes da Roma do século I a. C.

A historia de Galicia comeza a escribirse cos romanos e grazas ás súas ansias de control de territorios  ricos en ouro, prata e tamén en estaño. De feito foron eles os que nos puxeron e impuxeron o nome de Gallaecia.

Logo a primeira pregunta é:  Quen eran os Galaicos?


Os Romanos bótanlle o ollo á riqueza de Gallaecia

Os Romanos teñen os primeiros enfrontamentos armados cos galaicos a causa dos Lusitanos, os veciños do sur do Douro dos Galaicos, aos que estes axudan na súa loita contra Roma.  Unha operación de castigo contra lusos e galaicos van emprender os romanos baixo as ordes de Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.C. que parte do Texo cara o Norte vencendo nunha batalla no Douro a un exército de 60.000 galaicos dos que mata a unha gran cantidade, fai varios milleiros de prisioneiros de guerra e foxen uns poucos miles. Bruto debeu ser o primeiro romano en cruzar o río Limia ao que os seus soldados lle tiñán un medo terrible ao pensar que era o río do esquecemento (entrada ao mundo dos mortos). Por esta vitoria protagonizou logo unha entrada triunfal en Roma e a nominación co alcume honorífico de "Galaicus". Posiblemente daquela se funda un asentamento en Valentia do Miño.

Pouco máis tarde nos anos 96-94 a.C. Publio Craso estando de pretor na Hispania Ulterior realiza unha expedición pacífica na procura das famosas Illas Cassitérides ou Illas do Estaño na que comproba o que lles interesaba aos romanos, a riqueza mineral, ademais de comprobar o carácter pacífico dos habuitantes destas terras afeitos ao comercio cos pobos mediterráneos fenicios e gregos.



A expedición de  Xulio César



César no ano 61 a.C. precisaba diñeiro para financiar a súa futura carreira política en Roma, polo que se embarcou cara á Península que eles denominaban Hispania, desembarcando nun dos portos do Sur, da Hispania Ulterior o porto de  Gades (Cádiz).  Alí prepara unha expedición militar de ocupación que será a segunda das grandes ofensivas que os Romanos realicen contra a Gallaecia atraídos pola riqueza mineral do territorio. Para realizar esta expedición César mobilizou unha armada. As fontes clásicas sinalan que penetrou na Gallaecia, que conseguiu un gran botín de guerra tomando varios castros costeiros, axudado pola frota de guerra enviada polo seu amigo Luvio Cornelio Balbo, nunca antes vista e que vai ir bordeando a costa ata chegar ao porto dos Ártabros, onde hoxe está a Torre de Hércules. César dirixe o exército de terra que avanzaba á par que os barcos, pero polo litoral. Foi unha expedición exitosa que durou un ano. César logra unha fama en Roma e unha riqueza  considerable ingresando tamén parte para o tesouro público da capital. A lenda dunha "dives Gallaecia" (rica en ouro) confirmábase así entre os romanos.  Para  nós as xoias castrexas que se conservan nos museos son hoxe en día tamén unha clara testemuña da explotación aurífera que xa realizaban os castrexos antes da chegada dos romanos a estas terras.



Daquela expedición romana non se conservan documentos escritos concretos, pero si varias referencias que nos fan pensar que o paso pola actual Ría de Marín foi unha certeza e que os habitantes de Citanias como a da Subidá, habitadas daquela, ben puideron coñecer ao mesmo Xulio Cesar en persoa.



O Castro da Subidá: Debería ter un aspecto semellante a este:


O Castro da Subidá, tamén coñecido como Castro da Porteliña, localízase nunha ladeira da montaña de magnífica visibilidade sobre a Ría de Marín. Ten máis de 3 Ha de superficie e un dobre recinto amurallado. O poboado  escavado sitúase  nunha das ladeiras do coñecido como Monte da Portela. As fortes pendentes da ladeira propiciaron que os moradores crearan terrazas dentro do recinto amurallado. O período de ocupación deste castro esténdese bastante no tempo. Suponse unha habitabilidade que iría dende o século IX a. C. ata o século II d. C. O castro ocupa unha extensión de case 30.000m2 e actualmente só está escavado aproximadamente un 1% , deixando ao descuberto  algunhas vivendas circulares construídas entre os séculos I a.C e I d.C. Tamén ten unha pequena acrópole de planta ovalada con dous promontorios rochosos situados nos extremos norte e sur desta coroadous promontorios rochosos que ben poderían ser a base para dúas torres defensivas.

A palabra Subidá posiblemente veña da palabra latina “civitatem”, relativa a “cidade”, topónimo empregado en moitos outros xacementos deste tipo, polo que poderíamos velo escrito como “Suvidá” o “Sividá”. O seseo é unha constante na toponimia da zona Cidrás (do latín "Citrales" documentado en Toponimia de Marín do paúl Elixio Rivas Quintas) dise popularmente Sidrás.










Atópanse na zona varios petróglifos da Idade do Bronce, nos anos oitenta nunhas pequenas catas arqueolóxicas atopáronse restos de interese que hoxe se custodian no Museo de Pontevedra. Outro dos factores de interese deste castro romanizado dende o I d. C. é o feito de atoparse nel dous cuncheiros (restos de cunchas e mariscos) un na ladeira oeste e outro na leste. É fácil tamén de observar outros debuxos moito máis recentes nas pedras que son atribuídas ao artista local Pepe Meixón, que deixou constancia da súa obra na pedra por toda a comarca de Marín no século XX.
 

venres, 22 de marzo de 2019

Tras do  2º Avance: Para a 2ª Avaliación:

-LENDO A ILÍADA de HOMERO (I)
-Unha revisión comparando a película Troia con Homero.


PLAN LECTOR TEATRO CLÁSICO (12 de MARZO 2019)

- Lectura dunha traxedia grega de Eurípides: Troianas (realizar lectura e proposta didáctica do libro)

Como se inventou o teatro en Grecia?

 Teatro:Traxedia e Comedia no libro páx. 160-161,162-163.

FESTIVAL GRECOLATINO- ROMANIZACIÓN: LUCUS AUGUSTI 2019 no libro tema pax 171-179.

xoves, 14 de marzo de 2019

Festival de TEATRO GRECOLATINO E ROMANIZACIÓN: LUGO 2019

Imos realizar unha pequena memoria do que fixemos na nosa viaxe a Lugo á edición XIX do Festival de Teatro Grecolatino.
As Troianas de Eurípides (Noite Bohemia)




Anfitrión de Plauto (Noite Bohemia)
























O PASO DA CIVILIZACIÓN CASTREXA Á ROMANIZACIÓN.
As tres campañas de Roma contra a Gallaecia castrexa. 


LUGO AUGUSTI era unha das capitais da GALLAECIA romana. Pero o seu nome que significa "bosque" pode evocar unha divindade castrexa, é dicir, anterior á Romanización, Lug ou Lugh, deus da luz, unha mestura de Xúpiter (o Zeus do raio) o deus superior e de Apolo. Logo pode deducirse que ante sdo Lugo Romano existiu un lugar sagrado, un bosque ou un lugar sagrado, unha poboación singular para os castrexos onde hoxe está a cidade.



A nosa visita ao Museo Provincial permitiunos facer un achegamento ao mundo castrexo, á primeira civilización ou cultura. Eran os que logo os romanos denominaron Galaicos:


Efectivamente a nosa visita a Lugo serviu tamén para entrar en contacto cunha das cuestións fundamentais a tratar neste curso como é a Romanización de Gallaecia, que como sabedes é o nome do territorio noroccidental da península que foi conquistado por Roma sometendo unha cultura autóctona, a Cultura Castrexa.  O nome de Gallaecia  como sabedes puxéronolo os propios romanos. Dalgún xeito entramos na historia grazas aos romanos, porque o período anterior a esta conquista podemos situalo na nosa prehisyoria. Imos logo dar tamén entrada no curso a estes coñecementos básicos sobre estes períodos na nosa terra intimamente ligados tamén á Cultura Clásica.

A NOSA VISITA A LUGO

DA CULTURA CASTREXA Á ROMANIZACIÓN:
Son dous conceptos que debemos procurar definir: A Cultura dos Castros ou Castrexa. lévanos ás orixes culturais da nosa terra, á primeira civilización que coñecemos que conformou nun territorio unha serie de características comúns. Perto de Lugo áchase o Castro de Viladonga, un castro cuxo esplendor ou maior momento de ocupación está situado xa na época galaco-romana, pero foi ocupado con anterioridade, na época castrexa da que nos quedan algúns vestixios. Que debemos saber? Tes que descubrir cales son os máis relevantes deses elementos castrexos que consevamos e cales son os que trouxeron os romanos.


1- Orixe e procedencia da cultura castrexa.
2- Procurar unha definición.
3-Territorio que ocupaba esta cultura na Península Ibérica.
4-Etapas polas que pasa a través do tempo, canto durou?
5- Principais transformacións froito da Romanización.
6- A sociedade dos castros (como vivían?).





7-A relixión castrexa, que sabemos dela e como o sabemos?
8- Mitos populares acerca dos castros.
9 - A imporatncia da arqueoloxía (restos pétreos, cerámicos e metálicos... por exemplo do Castro de Viladonga.

Mapa da división romana da Gallaecia. Lucus Augusti unha das súas capitais.


UNHA LECCIÓN DE EPIGRAFÍA EN LUGO:

Outra das visitas que fixemos nesa mañá do 13 de marzo foi ao Museo Provincial onde vimos todas as salas dedicadas á nosa prehistoria e á romanización.

Estela funeraria de Philtates
Comezamos pola Epigrafía. que é a epigrafía? No claustro do antigo Mosteiro que hoxe é un gran museo está unha das coleccións máis impresionantes de restos pétreos da romanización en Galicia. Trátase de Aras, estelas, miliarios e inscripcions honoríficas ou conmemorativas da época galaico-romana que nos descubren distintos aspectos da capital LUCUS AUGUSTI.

Que é unha ara?
Ara aos lares vialis
Que é unha estela?
Que é un miliario?

Imos procurar exemplos dos que hai neste museo, unha polo menos de cada unha destas inscripcións para podelas comentar.



Copia dun miliario de  Guntín de Pallares (Lugo)
Sabemos que é un mosaico dunha domus romana ou unha tessera hospitalis?

Tessera hospitalis do Courel.



























CONCLUÍMOS:  Que soubemos dos castrexos e dos romanos no Museo Provincial de Lugo?

A sala do tesouro.
Podes realizar aquí unha visita virtual ao Museo.

Do mundo castrexo á romanización a través dos seus restos arqueolóxicos:  Torques, arracadas, brazaletes e pulseiras de ouro, cerámica castrexa, machadas de bronce, puñal ritual, grella, deuses castrexos, muiños... Tessera hospitalis, aneis, cerámica romana, mosaicos, crátera, cista funeraria, lucernas, teares, moedas, aras, estelas miliarios...

















Como non podía ser doutra forma visitamos a súa muralla do século III d.C. que nos interroga sobre  por que se fixo esta grandiosa muralla cando o asentamento romano sabemos que era anterior.