Hoxe imos realizar dúas actividades acordes coa celebración do Día Escolar pola Paz e a non Violencia:
Analiza desde o punto de vista dun discurso persuasivo a mensaxe desta canción de Jonh Lennon. Que destacarías desta letra:
Imaxina que non hai paraíso. É fácil se o intentas. Non hai inferno debaixo . Arriba, só o ceo. Imaxina a toda a xente Vivindo o presente.
Imaxina que non hai países. Non é difícil facelo. Nada polo que matar ou morrer, e tampouco ningunha relixión. Imaxina a toda a xente Vivindo a vida en paz.
Quizás digas que son un soñador Pero non son o único. Espero que algún día te unas a nós e o mundo será un só.
Imaxina que non hai posesións. pregúntome se podes. Non hai necesidade de codicia nin fame. Unha irmandade humana. Imaxina a toda a xente Compartindo todo o mundo.
ACTIVIDADES PARA A PRÓXIMA CLASE:
Imos analizar este discurso, un dos máis coñecidos do líder estadounidense Martin Luther King pronunciado un 28 de agosto de 1963.
ACTIVIDADES: Procurar visualizar o discurso de Martin Luther King: Teño un soño para analizar a estrutura e recursos dese coñecido discurso do 28 de agosto de 1963. Busca antes en que circunstancias foi pronunciado.
Hoxe lembramos polo miúdo como se vertebra un vídeo propagandístico ou publicidade que pretende convencernos dunha idea política ou sobre accións ou actividades de carácter social. Imos analizar formas e contidos deste tipo de discursos persuasivos en particular:
ESTRUTURA DO DISCURSO PROPAGANDÍSTICO
Captatio (que adoita introducir o tema ou tese dun xeito atraente ou impactante)
Texto ou corpo de argumentos (lóxicos e/ou emocionais)
Eslogan ou lema (que pretende permanecer na memoria consumidor/a)
Recursos non verbais (tamaño de letras, imaxes, esquemas, ton, xesticulación, etc...)
Son logo estes catro elementos os que se deben comentar á hora de analizar ou ben os que se deben usar á hora de construír un discurso propagandístico. Xa falamos da importancia da verosimilitude e os perigos de manipulación aos que debemos ser críticos tanto á hora de consumir como de realizar este tipo de discursos.
O ARTIGO DE OPINIÓN
Este discurso xornalístico tremendamente vivo e de actualidade precisa unha destreza especial á hora de ser construído ou analizado pois nos enfrontamos ante un texto persuasivo cargado de subxectividade no que se verte unha opinión persoal que pretende convencernos da súa tese, de aí a importancia dunha estrutura ben deseñada.
ESTRUTURA DO ARTIGO DE OPINIÓN
En moitos casos o titulo xoga o papel de captatio benevolentiae
Tese: A presentación do tema ou opinión que se pretende defender adoita estar no comezo deste texto.
Corpo: Os argumentos (tanto lóxicos como emotivos que son os razoamentos cos que se pretende convencer, adoitan usarse varios e de distinta índole cunha forte carga de subxectividade).
Conclusión: Unha contundente conclusión apelativa resumindo o esencial da argumentación a favor da tese ou opinión.
É bo momento para lembrar o que debemos saber a estas alturas sobre o discurso persuasivo para podelos analizar e/ou construílos con soltura. Imos logo facendo memoria da
FORMA QUE DEBEN TER OU ESTRUTURA DO DISCURSO PERSUASIVO
Exordium: Capta a atención (como capta a
atención?)
Narratio:Indica a necesidade ou problema a resolver e a súa solución. (Como
implicar ao receptor no tema que se enuncia)
Argumentatio: Visualiza as vantaxes e
inconvenientes da proposta. ( Trátase da parte máis extensa polo uso de argumentos lóxicos e emocionais)
Peroratio:Conclúe movendo á acción a favor do que defendes, convence. (No peche se debe condensar o argumentado e procurar contundencia asertiva para convencer.
Lembrade tamén ademais de enunciar un tema hai que argumentalo e que iso precisa dunha boa argumentación, a primeira irrefutable para que sexa sólida e logo acompañala de dúas máis a poder ser. Na argumentación emocional fanse especialmente necesarios os recursos literarios: metáfora, hipérbole, personificación, ironía...
-
SEGUNDO ARISTÓTELES hai certos aspectos ou OS MODOS DO DISCURSO PERSUASIVO que non poden faltar:
Ethos: A credibilidade do que vai falar (autoridade ou valía persoal
acreditada para emprender ese discurso)
Pathos: A argumentación emocional (ter ben
presente o interlocutor escollido, a quen se dirixe)
Logos: A argumentación lóxica (normalmente
equilibrada cos contidos emocionais para asentar obxectivament e o discurso)
Kairos: Procurar a oportunidade e adecuación (vese ben no
comezo e final, na captatio e noutros aspectos do conxunto que reforzan os modos anteriores).
Para construír un discurso presencial teremos en conta ademais das súas partes (procurando enchelas cos contidos e recursos pertinentes) a linguaxe non verbal. Podemos dicilo doutro xeito:
Apertura.
Linguaxe verbal:contidos, argumentos e recursos
Linguaxe non verbal: xestualidade, ton e recursos.
Peche.
Se queremos comentar un discuro persuasivo analizaremos logo tanto a estrutura (cada un dos puntos antes citados) que están ligados aos contidos, pero engadiremos logo aspectos da linguaxe non verbal.
O discurso persuasivo ten moi presente a linguaxe non verbal
En resumo en cada discurso temos que atopar o seguinte:
- Captatio inicial
- Como se realiza a acreditación do que fala.
- Como e cando se presenta o tema ou tese central.
- Como se argumenta: a) A categoría e fortaleza das premisas que se usan.
b) Argumentos lóxicos (datos, información obxectiva e solvente)
c) Argumentos emocionais (apelacións, empatía, recursos literarios).
- Como se aborda a conclusión
- Valorar no conxunto do discurso o uso dos distintos modos aristotélicos (ethos, pathos, logos e kairos) e da linguaxe non verbal.
A lingua é un sistema de comunición que usa a palabra, e esta é unha expresión inicialmente oral. A escrita dalgún xeito naceu para substituír á linguaxe oral en determinados contextos. Isto provoca o uso de características propias de cada un destes tipos de expresión:
1- A presenza ou ausencia do receptor.
2- A canle que se usa para transmitir a mensaxe.
3- O contexto ou situación comunicativa na que se produce.
4- A fugacidade da expresión oral fronte a permanencia da escrita.
CARACTERÍSTICAS DA LINGUAXE ORAL
A espontaneidade. A primeira é o seu carácter efímero, de aí que se teña que interpretar o seu contido de inmediato.
A expresividade. Cargada de matices afectivos que produce o ton na que se realiza que depende da entonación, o volume ou intensidade coa que se pronuncia.
Habitualmente esixe a presenza dos interlocutores, hoxe a texnoloxía fai posible que se produza a distancia (teléfono, vídeochamada, conferencia gravada (diferida).
A mensaxe é lineal, imposibilita volver atrás como a escrita.
A axilidade coa que se produce provoca erros e improvosacións (que podemos logo rectificar).
A linguaxe oral permite o cambio ante a reacción do interlocutor.
Esta linguaxe é irreversible, pódese corrixir, pero non borrar.
A LINGUAXE VERBAL ORAL REFORZADA COA LINGUAXE NON VERBAL
Outra diferenza substancial é a interpretación que aporta a linguaxe non verbal, información que non está na linguaxe escrita. A comunicación xestual xoga un rol tan importante como a linguaxe verbal (lembra por exemplo cal é a mensaxe que transmites cando negas que alguén che gusta de palabra, pero a túa cara ponse toda colorada).
Tamén resulta transcendente que a linguaxe oral se formule ou non nun rexistro informal, coloquial, usando dialectalismos para achegarte máis ao auditorio o que implica saber a quen e en que contexto realizas esa comunicación.
ACTIVIDADES:
1- Describe no seguinte vídeo as características da linguaxe oral que observes:
Que tipo de conversa se establece?
Que provoca o carácter lineal?
Hai cambios de ton?
A conversa é axil, que produce?
2- Verdadeiro ou falso. Indica se o son os seguintes enunciados:
a) A linguaxe oral non é nada espontánea.
b) A expresión escrita é máis espontánea que a oral.
c) O ton da linguaxe oral provoca unha chea de matices
afectivos.
d) Ao expresarnos por escrito debemos ter en
conta a ortografía.
e) O vocabulario é máis sinxelo e limitado na linguaxee oral.
f) Na lenguaxe escrita é común o uso de coloquialismos.
g) A linguaxe escrita é máis elaborada que a oral.
h) A linguaxe escrita acompáñase da linguaxe xestual.
3- Como se soluciona na linguaxe escrita o feito da ausencia de xestualidade?
Que funcións utilizarías:
a) función referencial (informa sobre o contexto)
b) función apelativa (interpela ao receptor)
c) función fática (indica se a canle funciona)
d) función expresiva ou emotiva (expresa sentimentos do emisor)
e) función metalingüística (responde a código usado)
f) función poética ou estética (traballa sobre a mensaxe)
Agora responde razoando: Botarías man dos contidos emocionais? De que xeito?