mércores, 26 de outubro de 2022

As partes dun discurso persuasivo

 


Un discurso persuasivo non se pode improvisar. Tampouco podemos realizar un discurso perfecto sen analizar e coñecer algo sobre a oratoria Para evitar que sexan caóticos ou incompletos os nosos discursos iremos aprendendo a estruturar e preparalos pouco a pouco. Hoxe imos fixarnos en algo do que non podemos prescindir como primeiro paso no proceso de creación dun bon discursos: As compoñentes para elaborar un discurso convincente:

INVENTIO: Consiste en elixir as ideas que se empregarán para elaborar o discurso. Que debo dicir para convencer?

DISPOSITIO: Consiste en ordenar as ideas de xeito que os argumentos que usemos resulten máis claros e impactantes. Pode haber diferentes estruturas. Como organizo o que vou dicir para ser máis persuasivo?

ELOCUTIO: Consiste en expresarse con corrección e claridade, procurando que a beleza  (usando recursos retóricos). Que estilo debo usar para resultar convincente?

MEMORIA: Son as técnicas que facilitan a memorización do discurso, xa que debo expoñelo sen telo que ler. Como memorizar o meu discurso?

ACTIO: É a arte de pronunciar e modular a voz e incorporar os xestos e desprazamentos ao realizar o discurso. Como debo pronunciar e moverme para ser más persuasivo?


Iremos traballando todas estas cuestións a modiño como dixemos. Todo isto hai que preparalo antes de pronunciar ese discurso persuasivo que é algo máis que argumentar. Abordemos esa parte inicial denominada a DISPOSITIO: Como organizo o que vou dicir?  para o que resulta fundamental saber que os discursos adoitan responder a unhas partes ben diferenciadas:

AS PARTES DO DISCURSO PERSUASIVO

EXORDIUM: Unha introdución onde é imprescindible gañarse a simpatía da audiencia. 

NARRATIO: Unha exposición dos feitos, ben seleccionados e dispostos con orde e claridade.

ARGUMENTATIO: Expoñer as razóns que favorecen o que defende o orador (autor do discurso) e que serven para refutar as ideas contrarias. 

PERORATIO: Conclusión do discurso. Recapitulamos reunindo brevemente os argumentos e dirixímonos de forma emotiva e retórica para persuadir a audiencia.

No seguinte vídeo nos explican estas partes: 


ACTIVIDADES

1-  Fixémonos hoxe no comezo dos discursos persuasivos na CAPTATIO BENEVOLENTIA é dicir, unha figura retórica e literaria para gañarse a simpatía do auditorio.

Para os comezos dos discursos (EXORDIUM) é importante saber usar a "captatio benevolentia". Esta expresión latina significa: Capturar (captatio), favorablemente e para ben (bene)  a atención, o interese e a vontade (volentia) do público.

Inventa varias formas de atraer favorablemente cara o que dis a atención, o interese ou a vontade dos que te escoitan:


2-   Xa que o discurso persuasivo usa distintas funcións da linguaxe ademais da referencial, repasemos logo as Funcións da linguaxe a partir do minuto 5,45 do seguinte vídeo: 

 

Intenta, despois de ver o vídeo, identificar cada unha das funcións da linguaxe coas intencións comunicativas seguintes :

A) Expresiva ou emotiva 

B) Apelativa ou conativa

C) Referencial ou representativa 

D) Poética ou estética

E) Fática ou de contacto

F) Metalingüística

Intencións comunicativas:

I- Informar obxectivamente sobre algo. Falamos dun referente ou varios do contexto.

II-  Confirmar que está chegando a información. Procura saber se a canle funciona.

III- Procurar obter unha resposta da persoa á que te dirixes, o receptor

IV- Resaltar a forma da mensaxe con recursos propios da literatura ou a publicidade.

V- Expresar un sentimento, emoción ou opinión. Centrada no que sinte o emisor.

VI- Cando falamos da propia linguaxe, estamos falando do código.


3- Exemplos: Cal é a función da  linguaxe  que se usa en cada un dos exemplos seguintes?

a) Está rematando o mes de outubro.

b) Creo que Marín é o mellor porto de mar de Galicia.

c) Enténdesme?

d) Libre como os paxaros ou como o árabe no deserto

e) Por que me gusta tanto iso que dis?

f)  Marilar Aleixandre premio Nacional de Narrativa 2022 coa novela: As malas mulleres.

g) Miguel, ven para aquí. 

h) Bos días!

i)  Aspasia foi o faro que iluminou o camiño a seguir polas mulleres na Atenas democrática.

l) Quen de vós pensa intervir hoxe no debate?

m) A palabra "ponte" é un substantivo e ten dúas sílabas.








luns, 17 de outubro de 2022

SAL VS PEMENTA?

 

Ao desenvolver o Proxecto Aspasia fomos vendo algunhas das claves da argumentación, para saber como era un texto argumentativo, imos ver agora as semellanzas e diferenzas que ten co texto persuasivo. 

O texto argumentativo e o texto persuasivo.

A argumentación e a persuasión  adoitan confundirse porque son conceptos próximos e relacionados.

A estrutura que ambos seguen normalmente tamén é coincidinte: 

a) Enunciase un argumento, 

b) Explícase ou desenvólvese con razoamentos.

c) Finalmente asentámolo con evidencias nunha conclusión. 

Imos coas similitudes

Os textos argumentativos e os persuasivos son semellantes na súa forma ou estrutura ambos defenden unha tese (unha idea central ou opinión) mediante argumentos. 

As diferenzas

A súa intención é diferente. Se o que queremos é xustificar a nosa tese con razóns convincentes, explicando por que opinamos algo, estamos creando un texto argumentativo no que usaremos sobre todo a idea de informar obxectivamente (función representativa da linguaxe).

Mais se o que pretendemos é convencer aos demais  para que estean de acordo coa nosa opinión ou influamos  no seu comportamento, estamos creando un texto persuasivo onde botamos man de recursos que chamen á atención do que recibe a mensaxe tentando sorprender, sumando emocións e mesmo recursos literarios (funcións apelativa, expresiva e poética).

Poñamos un exemplo: IR AO CINEMA

Será ben distinto argumentar que che gusta ir ao cine que se tes que convencer aos teus amigos que te acompañen a ver unha película hoxe.


Cuestións

1- Proba a realizar un texto argumentativo con tres argumentos para ir ao cinema e logo realiza outro texto persuasivo no suposto de que quixeras ir ao cine hoxe e precisases ir acompañado dos teus amigos. 

2-Unha actividade para crear un mini debate en dúas partes:

Fai un texto argumentativo para defender cada unha das dúas teses:

SAL VERSUS PEMENTA?  

3- Logo transforma o texto argumentativo nun texto persuasivo e fíxate ben nos cambios que introduces para logralo.  

martes, 11 de outubro de 2022

Algunhas pautas para preparar o debate do Proxecto Aspasia

 

Pensamento Crítico:  Obxectivos da actividade



       1. Aprender a debater

       2.Distinguir entre feitos, afirmacións e opinións

       3. Ser capaz de encontrar evidencias que apoien e demostren feitos e afirmacións

       4. Coñecer os principios da Teoría da Argumentación e como se constrúe unha argumentación.

       5. Diferenciar entre demostración, argumentación e descrición, sabendo utilizar en cada caso a ferramenta oportuna.

       6. Identificar ideas e argumentos falaces nun discurso, así como aprender a desmontalos.

        7. Adquirir habilidades para a investigación tales como a análise dunha cuestión desde diferentes perspectivas ou o saber preguntarse.

 

Calendario do debate e regras do proxecto

       Luns- Martes: As fichas de traballo:
                                Investigación e información.
Rematamos as fichas

Debemos ir elaborando fichas cos temas básicos do debate cantos máis datos teñamos de cada tema mellor. Todo o mundo debe ter na libreta as cinco fichas completas nesta semana:

 - A dialéctica e a Filosofía.

 - A democracia na Atenas do século V a. C.

 - As mulleres  en Atenas e na antiga Grecia.

 - Que sabemos de Aspasia: Hetera ou mestra de retórica e filosofía?

 - Que sabemos de Pericles? Xefe político, orador e amante.

 

       Xoves: Preparamos as argumentacións.

 Como a tese xa está enunciada, temos que procurar elaborar argumentos a favor desa tese como mínimo cada un dos 5 apartados nos que indagamos.

Acto seguido debemos enunciar unha antítese e elaborar os argumentos coas que defendela como mínimo nos 5 apartados nos que estivemos informándonos.

Decantámonos por unha antítese principal aínda que existan varias antíteses válidas que incluamos no debate posterior.


COMO ARGUMENTAR?

 Argumentación:  Defensa razoada dunha idea coa intención de convencer. Predomina a intención persuasiva sobre a informativa.

 Estrutura da argumentación:

       - Introdución: Presenta o tema  e formúlase a tese.

       - Corpo: Parte central máis extensa na que se expoñen argumentos que apoian a   tese.

        - Conclusión:  Resumo dos argumentos para confirmar a posición defendida.(Evidencia)

 Os argumentos:  Deben ser claros e verosímiles e estar relacionados co tema.

TIPOS DE ARGUMENTOS:

         -De autoridade: baseados  na opinión dunha persoa de recoñecido prestixio.

          -De analoxía:  fundamentado na comparación de dúas situacións semellantes.                      

           -De datos: achegar información científica, histórica ou estatística.

           -De exemplificación: usando exemplos concretos que apoian a tese.

           -Experiencias persoais: utilizando situacións vividas por un mesmo.

            - Análise e eliminación doutras opcións referencia a pros e contras doutras  opinións ou ideas.



       Martes:  Realizamos o debate.

RECOMENDACIÓNS PARA OS GRUPOS DE DEBATE

Preparando a estratexia de debate:

       1. Identificar os elementos dunha estratexia de debate, así como coñecer a súa natureza e función: a base argumental; as liñas argumentais e a idea forza.

       2. Ser capaz de deseñar en grupo estratexias de debate que despois serán postas en práctica a partir desa idea forza argumento central.

       3. Utilizar as evidencias como ferramenta para demostrar e reforzar argumentos propios, así como para refutar ideas contrarias.

        4. Aprender e adquirir a capacidade de refutar ideas contrarias

       5. Adquirir a capacidade de elaborar quendas completas para a exposición nun debate (introdución, refutación e conclusión)

Normas do debate:

      Dividiremos aleatoriamente a aula en grupos para entrar a debater.

       Poderá tocarnos defender a tése ou pola contra a antítese.

       Usaremos a estrutura dos 5 apartados de investigación como base inicial do debate e iremos facendo as intervencións gardando as quendas, tempos e criterios establecidos previamente)

       No caso de aparecer novas argumentacións incorporarémolas no debate despois de abordar as 5 predeterminadas.

       Grupos de debate: Intervirán todos os que teñan preparado o debate (que teñan os seus argumentos) e farán dúas intervencións de aproximadamente 5 minutos: a inicial e a réplica (tras escoitar a inicial do equipo contrario).

LEMBRADE:

-          Estratexia de debate a partir dos cinco argumentos base.

-          Manter unha idea forza entre os argumentos.

-          Escóllese a orde de intervención.

-          Preparar unha réplica para cada punto do grupo contrario procurando en desenmascarar a “falacia” ou “incoherencia” que agochan os seus argumentos e contrargumentar con contundencia tentando pechar o debate.

 

       Xoves:  Redactamos as nosas sínteses.

Temos que redactar  por escrito (lembrade en galego) a nosa propia síntese tras do debate que logo debemos entregar.

Na síntese deberemos facer uso dos nosos argumentos, pero podemos incorporar calquera outra argumentación a favor e encontra que fixeran os nosos compañeiros coa idea de reforzar a nosa propia conclusión.


XA ESTAMOS PREPARADOS/AS?

Cada quen ten que ter todos estes pasos cubertos na súa libreta e con corrección para opter a cualificación positiva neste proxecto.

En caso contrario deberá repetilo (total ou parcialmente).

A tese preestablecida

Como ben sabedes a tese deste Proxecto establecémola ( fíxoo o profesor) antes de comezar a informarnos. Non sempre ten por que estar preestablecida, pode ser froito dunha investigación previa ao  debate.

A idea é enriquecermos o pensamento crítico nesta caso sobre o rol masculino e feminino ao longo da historia.

       A tese é: Houbo un movemento a prol da emancipación feminina na Atenas democrática do século V a. C.? Cremos que si.