Un discurso persuasivo non se pode improvisar. Tampouco podemos realizar un discurso perfecto sen analizar e coñecer algo sobre a oratoria Para evitar que sexan caóticos ou incompletos os nosos discursos iremos aprendendo a estruturar e preparalos pouco a pouco. Hoxe imos fixarnos en algo do que non podemos prescindir como primeiro paso no proceso de creación dun bon discursos: As compoñentes para elaborar un discurso convincente:
INVENTIO: Consiste en elixir as ideas que se empregarán para elaborar o discurso. Que debo dicir para convencer?
DISPOSITIO: Consiste en ordenar as ideas de xeito que os argumentos que usemos resulten máis claros e impactantes. Pode haber diferentes estruturas. Como organizo o que vou dicir para ser máis persuasivo?
ELOCUTIO: Consiste en expresarse con corrección e claridade, procurando que a beleza (usando recursos retóricos). Que estilo debo usar para resultar convincente?
MEMORIA: Son as técnicas que facilitan a memorización do discurso, xa que debo expoñelo sen telo que ler. Como memorizar o meu discurso?
ACTIO: É a arte de pronunciar e modular a voz e incorporar os xestos e desprazamentos ao realizar o discurso. Como debo pronunciar e moverme para ser más persuasivo?
Iremos traballando todas estas cuestións a modiño como dixemos. Todo isto hai que preparalo antes de pronunciar ese discurso persuasivo que é algo máis que argumentar. Abordemos esa parte inicial denominada a DISPOSITIO: Como organizo o que vou dicir? para o que resulta fundamental saber que os discursos adoitan responder a unhas partes ben diferenciadas:
AS PARTES DO DISCURSO PERSUASIVO
EXORDIUM: Unha introdución onde é imprescindible gañarse a simpatía da audiencia.
NARRATIO: Unha exposición dos feitos, ben seleccionados e dispostos con orde e claridade.
ARGUMENTATIO: Expoñer as razóns que favorecen o que defende o orador (autor do discurso) e que serven para refutar as ideas contrarias.
PERORATIO: Conclusión do discurso. Recapitulamos reunindo brevemente os argumentos e dirixímonos de forma emotiva e retórica para persuadir a audiencia.
No seguinte vídeo nos explican estas partes:
ACTIVIDADES
1- Fixémonos hoxe no comezo dos discursos persuasivos na CAPTATIO BENEVOLENTIA é dicir, unha figura retórica e literaria para gañarse a simpatía do auditorio.
Para os comezos dos discursos (EXORDIUM) é importante saber usar a "captatio benevolentia". Esta expresión latina significa: Capturar (captatio), favorablemente e para ben (bene) a atención, o interese e a vontade (volentia) do público.
Inventa varias formas de atraer favorablemente cara o que dis a atención, o interese ou a vontade dos que te escoitan:
2- Xa que o discurso persuasivo usa distintas funcións da linguaxe ademais da referencial, repasemos logo as Funcións da linguaxe a partir do minuto 5,45 do seguinte vídeo:
Intenta, despois de ver o vídeo, identificar cada unha das funcións da linguaxe coas intencións comunicativas seguintes :
A) Expresiva ou emotiva
B) Apelativa ou conativa
C) Referencial ou representativa
D) Poética ou estética
E) Fática ou de contacto
F) Metalingüística
Intencións comunicativas:
I- Informar obxectivamente sobre algo. Falamos dun referente ou varios do contexto.
II- Confirmar que está chegando a información. Procura saber se a canle funciona.
III- Procurar obter unha resposta da persoa á que te dirixes, o receptor
IV- Resaltar a forma da mensaxe con recursos propios da literatura ou a publicidade.
V- Expresar un sentimento, emoción ou opinión. Centrada no que sinte o emisor.
VI- Cando falamos da propia linguaxe, estamos falando do código.
3- Exemplos: Cal é a función da linguaxe que se usa en cada un dos exemplos seguintes?
a) Está rematando o mes de outubro.
b) Creo que Marín é o mellor porto de mar de Galicia.
c) Enténdesme?
d) Libre como os paxaros ou como o árabe no deserto
e) Por que me gusta tanto iso que dis?
f) Marilar Aleixandre premio Nacional de Narrativa 2022 coa novela: As malas mulleres.
g) Miguel, ven para aquí.
h) Bos días!
i) Aspasia foi o faro que iluminou o camiño a seguir polas mulleres na Atenas democrática.
l) Quen de vós pensa intervir hoxe no debate?
m) A palabra "ponte" é un substantivo e ten dúas sílabas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario