martes, 29 de setembro de 2020

Preparando as valixas para a viaxe do curso 2020-21

 


Como definirías ti a Cultura Clásica?

Dende as terras máis occidentais de Europa (Finis Terrae), desde a Fisterra que acolle a pelegríns de todo o mundo que percorren camiños para chegaren á Compostela de hoxe, partiremos nesa viaxe a través dos tempos e cara ás terras máis orientais na procura das raíces comúns que deron lugar ao pensamento europeo.
 
Nesa viaxe cara ao clásico a tavés da cultura europea occidetal iremos pois perfilando e debuxando ata recoñecer o clásico, é dicir, "o modelo" que foi conformándose como asento do patrimonio cultural especialmente localizado na Antigüidade e nas civilizacións de Grecia e Roma.

Pero, para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento e responsabilidade, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos como xorden os modelos n
a súa evolución dende o mito ao logos, a descuberta da literatura, a aparición da historia, da filosofía e da ciencia na Antigüidade. 

Aspiramos que un alumno/a de Cultura Clásica sexa un bo coñecedor da mitoloxía grecolatina. Logo terá que escoitar, ler, coñecer e mesmo contar moitos mitos. Tamén será un historiador curioso/a (a curiosidade é compañeira inseparable do saber) que partindo da nosa propia terra investigue outros territorios e que botando man da arqueoloxía descubra as bases da nosa cultura, a europea, comparando con sumo coidado os distintos elementos que van ir sumando e consolidando o que coñecemos como Europa e a cultura occidental.

A análise das sociedades e os conflitos que marcaron os fitos máis importantes da Antigüidade vainos permitir chegar a biografías de sorprendentes de homes e mulleres de distinta índole (algúns coñecidos, outros e outras non tanto)  que permitirán entender a configuración dese mundo tan complexo que imos abordar. E das sociedades e das persoas ocúpanse ramas do saber que van dende a filosofía ata a antropoloxía que tamén debemos incorporar neste amplo traballo.

A lingua como ferramenta que perpetúa no tempo os pensamentos, as ideas e os gustos estéticos dos nosos antepasados, tamén as súas paixóns e rancores, vai permitir vivir en primeiro plano algunhas das facetas do marabilloso mundo clásico. Filólogos e amantes da literatura son inevitablemente os alumnos/as desta materia.  É unha materia que tanto debe ao mundo das Letras como tampouco pode esquecer o mundo das Ciencias, se non quere servir unha visión incompleta e falta de rigor.

Un alumno/a  neste proceso de coñecemento de si mesmo, terá como obxectivo incorporar no seu haber ao final deste curso unha especie de dinamizador cultural ao descubrir, identificar e comprender, ademais de integrar eses coñecementos esenciais que o mundo greco-latino conforma, esa base ou modelo "clásico"da sociedade actual, continuadora, herdeira e debedora daquel pasado. 

Este curso acompañaremos esta reflexión de modelos (lembra uqe a iso se refire o adxectivo "clásica") que foron fraguando gregos e romanos, cuxo eco procuraremos desvelar no medio deste ruido mediático que nos rodea o presente, e con ese afán creativo que nos é propio aos homes e mulleres de hoxe para os que a Cultura Clásica será unha ferramenta inesquecible e insubstituible, como dirían os romanos: magistra vitae.

 Para axudarnos neste camiño e complementar o labor e traballos pertinentes, ademais do noso blog "aula clásica", usaremos o libro de texto da editorial Anaya que aparece na ilustración.


PROXECTOS DO CURSO PERSOAIS E CREATIVOS

 O Diario persoal de Cultura Clásica, un proxecto individual de cada alumno/a, unha "libreta" en formato dixital na que imos elaborando co noso labor diario: Apuntamentos e cuestións que imos ir realizando día a día.  O profesor irá revisando e avaliando este traballo regularmente (vía correo electrónico). Vai ser un camiño de coñecemento propio, que permita entender a nosa relación co mundo clásico. Por exemplo, imos saber a orixe e procedencia dos nosos nomes para establecer a súa dependencia do legado da Cultura Clásica. Comezaremos por configurar o espazo do mundo clásico (o noso mapa inicial). Abordaremos de inmediato unha Introdución á Mitoloxía,ademais de deveslar que vén sendo un mito,  antes de pasar a coñecer algo mellor a gran familia lingüística do indoeuropeo e as linguas que falamos. ademais do marabilloso invento das letras,  os soportes da escrita e o alfabeto.

Para elaborar o teu diario podes e debes consultar tanto os enlaces no blog como o libro de texto (Unidade 1).

Proxectos creativos: O noso diario non pode ser un simple caderno de notas ou de preguntas e respostas que haberá que ir presentando (a razón de un por mes, aproximadamente). Haberá de realizar calas ou traballos persoais a proposta do profesor ou por iniciativa e motu propio. Estes traballos poderán ser expostos na aula (serán avaliables) co formato dunha presentación audiovisual. Tamén poderemos abordar proxectos grupais  na medda que as condicións actuais da pandemia nolo permitan  (teatro, banda deseñada ou outros formatos creativos que iremos concretando).

Probas escritas: Imos realizar probas ou exames sobre a materia que vaiamos dando.

Lecturas clásicas: Realizaremos  ao longo do curso toda unha serie de lecturas de textos clásicos ben de obras enteiras (normalmente dramáticas), pero tamén  textos parciais ou selectas e textos adaptados de autores gregos e latinos, tanto de carácter literario, como tamén filosóficos, científicos...

domingo, 27 de setembro de 2020

Curso 2020/21: IN PERICULO MARIS...ASSUME TUAM RESPONSABILITATEM

 

     Nunca, ata o de agora, comezara o curso no día de San Miguel, o patrón dos mariñeiros de Marín. Unha antiga danza recuperada recentemente sitúase no centro das celebracións que este ano debido á pandemia non vai poder bailarse.

A materia Cultura Clásica está pensada para descubrir unha parte do noso patrimonio, un tesouro que debemos aprender a desenterrar, non con pico e pa, pero si con outras ferramentas. Esta asignatura servirá para afondar nas raíces culturais e identitarias da nosa cultura logo vai emprender constantes viaxes de ida e volta a través da historia, longas viaxes no tempo que nos levarán a culturas e linguas en orixe distantes que, dalgún xeito, chegaron e deixaron pegada na nosa terra enriquecendo a nosa personalidade cultural. Viaxes tamén polas mestas néboas dos mitos para explicarmos dun xeito emocional quen somos como persoas e como pobo, esa responsabilidade de coñecérmonos a nós mesmos en cada unha das facetas do ser que asumimos dende a óptica particular das raíces culturais europeas que nos levan a Grecia e a Roma, si, pero á vez atracan nos peiraos máis antigos de noso, no mundo das primeiras culturas da nosa terra na Antigüidade. 

Comezamos logo a travesía dende o local na procura das claves universais que conforman a nosa orixinalidade.  Faremos unha pequena homenaxe á tradicional festa marinense e tomamos unha especie de lenda para arrincar o curso e navegar polo mar cara ás terras do Mediterráneo de onde de vello viñan  fenicios ou cartaxineses, gregos e romanos con mercadorías ata este extremo no medio do mar ou, dito en latín,... in periculo maris, unha metáfora do percorrido desta materia ao longo do curso, que esixirá emprender constantes viaxes como a que traemos hoxe aquí.

 Un dos antigos portos fenicios localizados na costa galega.

IN PERICULO MARIS...  Seica un bispo de Braga ao rematar a Antigüidade, nos albores do que hoxe chamamos Idade Media, procurou  agocho na illa de Tambo fuxindo dos seus perseguidores e certo día apareceulle o Arcanxel  San Miguel quen lle ordena levantar unha igrexa na illa sendo o propio San Miguel o que conduciu aos obreiros do mosteiro á descuberta agraciada dun manancial de auga doce en Tambo. A capela construída tiña unha advocación curiosa: AD SANCTUM MICHAEL ARCHANGELUM IN PERICULO MARIS,  que quere dicir: "A San Miguel Arcanxo no perigo do mar (nun lugar perigoso por estar rodeado de mar)".  E disque foi referente de culto cristiá por centos de anos, pero andando os séculos a Illa foi asaltada e  arrasada polo famoso pirata Drake en 1589. A pesar de todo aínda hoxe se conservan as ruínas da capela incendiada e a súa fonte.

Pois ben, sería daquela cando os mariñeiros marinenes devotos do Arcanxo decidiron trasladar á terra o culto a San Miguel e así, pouco tempo despois, hai constancia histórica da realización da Danza de espadas pola documentación conservada do século XVII.   Logo viran tempos de gremios e desputas polo mar de Marín entre a Mitra compostelá que manexaba os fíos dende Pontevedra co seu Gremio de Mareantes e o Mosteiro de Oseira, que tiña un Priorato en terra,  no casco histórico de Marín, que non quería perder dereitos sobre a pesca dunha ría moi rica e produtiva.

Illa de Tambo

Postos a elucubrar sobre a presenza de San Miguel nestas terras, esta claro que na illa de Tambo atopámonos cun lugar sagrado anterior ao cristianismo.  Hai quen di que a Illa naceu grazas a Apolo, un deus grego, que botou no medio do mar o concho dunha tartaruga, outros prefren ver na etimoloxía do nome polo que se coñece a illa  o eco dun valeroso guerreiro troiano fillo de Telamón, chamado Teucro,  que fundara Pontevedra. Pero se lle facemos caso ao erudito Padre Sarmiento, o nome de Tambo é deformación de Tombo ou túmulo (sabemos da existencia dun castro en Tambo) e un estudoso historiador, García de la Riega conta que a tradición fala dun altar pagán dedicado tal vez, iso aventura, a Tameóbrigo de onde procedería a denominación actual da illa. É un pouco cedo para afondar neste tipo de cousas, volvamos a San Miguel.

San Miguel seica aparecéuselle ás xentes de Europa en Apulia, tanto no Monte Gargano perto da costa  italiana, como na propia Roma, e curiosamente en dous territorios máis situados nas costas da Fin do Mundo ou Fisterras da época: na Bretaña francesa e en Galicia, na Illa de Tambo.  Todas, agás a de Roma, aparicións na costa e relacionadas con navegantes como sinala sabiamente José Torres no seu libriño Pequena Historia de Marín.Tamén é curioso que o deus grego das viaxes e o comercio, Hermes / Mercurio teña unha gran semellanza con San Miguel. Ambos teñen ás e usan a espada contra o mal e/ou unha balanza para pesar as almas dos homes antes da súa viaxe ao mundo dos mortos.  

San Miguel  coa balanza e mantendo aos pés ao demo


San Miguel  e o demo pesando as almas.

Hermes pesando as almas

Hermes ou Mercurio conducindo as almas ao mundo dos mortos


CUESTIONARIO
1- Cal é a orixe do culto a San Miguel en Marín. Resume coas túas palabras a súa historia.
2- Podería ser que o culto a San Miguel sexa de orixe precristiá? Por que?
3- Busca o significado pda palabra composta psicopompo, fíxate na súa orixe e o que significa. Que relación lle atopas co que lemos sobre San Miguel?  
4- Logo do visto e do falado, que responsabilidade cres que debes asumir ti á hora de cursar Cultura Clásica?