Comezamos o curso botando unha ollada cara o que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e orixinal das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, as olimpíadas, a arte... Entramos logo no mundo da mitoloxía despois de ler a anterior entrada:
A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas, ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo.
Por iso preguntámonos inicialmente:
Que debemos saber antes de ler mitos?
MITOLOXÍA GREGA E RELIXIÓN
A mitoloxía mantén coa relixión grega unha vinculación
dificilmente separable. Podemos dicir que a mitoloxía en principio era
relixión.
O estudoso e autor literario Robert Graves deixou dito na
introdución ao seu trabalo sobre os Mitos Gregos: “Un estudo da mitoloxía grega
debería comezar cunha análise dos sistemas políticos e relixiosos que
prevalecían en Europa antes da invasores procedentes do norte e do este”
Estes invasores son os pobos indoeuropeos que, procedentes do
centro de Europa, se farán donos axiña ao longo do II milenio antes de Cristo
dos territorios da antiga Hélade, tras provocar a caída dunha gran
civilización, a civilización cretense de orixe mediterránea.
DÚAS COMPOÑENTES NA RELIXIÓN GREGA
1ª) Ctónica ou Mediterránea: centrada nas divindades da
fertilidade da terra propia dos pobos agrarios do Mediterráneo.
2ª) Olímpica ou Indoeuropea: de deuses celestiais e
guerreiros, traída á Hélade polos invasores do Norte e do Este.
A relixión na antigüidade era un fenómeno ligado intimamente
tamén ao propio goberno das comunidades primitivas.
Antes de continuar debemos saber que:
- matriarcal: –mater “nai” + arkhé: goberno, mando, poder.
- patriarcal: -pater “pai” + arkhé: goberno, mando, poder.
J.García Lopez no seu estudo sobre a Relixión Grega di: “O
encontro dunha civilización de tipo patriarcal e pastoril cunha civilización
matriarcal e agrícola presidiu e determinou o desenvolvemento das grandes
civilizacións de Exipto e Anatolia, Mesopotamia e Xudea. A elas hai que engadir
a civilización grega”
A DEUSA NAI NEOLÍTICA

Aparece logo o culto ás pedras sagradas como símbolo da
divindade que despois se identifica con animais sagrados como o touro, o cabalo,
a aguia… Este último aspecto pervive na mitoloxía grega cando asocia, por
exemplo, Atenea á curuxa ou o cabalo a Poseidón. Máis tarde os deuses adquiren
aspecto humano.
Toda Europa Neolítica adoraba á Deusa Nai e non había deuses
pois non se introducira aínda o concepto da paternidade. Os grandes misterios
asociados a ela a morte e a creación da vida. O non asociar fenómenos como
facer o amor co nacemento. A Deusa Nai, unha deusa fértil que se representa
frecuentemente embarazada e con atributos femininos moi marcados. É a deusa “de
amplos peitos” que logo cantan Homero ou Hesíodo.
“ Vou cantar á Terra, nai universal de sólidos alicerces, a
máis augusta, que nutre no seu chan todo canto existe. Canto camiña pola divina
terra ou polo mar ou canto voa, aliméntase da túa exuberancia. Por ti vólvense
prolíficos e frutíferos, soberana, de ti depende dar a vida ou quitárllela aos
homes inmortais”
Aínda que había lugares nos que a deusa branca era deusa da morte, a deusa que residía nunha cova tiña a maternidade como o seu principal misterio. A lúa era un símbolo asociado. As tres fases e o declinar do ciclo estacional contribúen a crear tríadas de deusa.
Unha vez admitida a relación coito-parto a posición
relixiosa do home mellorou, deixouse de asociar aos ventos ou aos ríos a preñez
das mulleres. A raíña da tribo matriarcal escollía un amante anual que sería o
rei ata o seu sacrificio ritual da fertilidade ao rematar o ano no inverno, que
se cría se reencarnaría nunha serpe.
Logo virá unha etapa na que os mozos eran substituídos por
animais no sacrificio. Pero o poder era matrilineal.
A CIVILIZACIÓN MEDITERRÁNEA CRETENSE ou MINOICA
No III milenio a.C. de orixe descoñecida a civilización
cretense sería o máximo expoñente da cultura mediterránea previo a aparición dos
indoeuropeos na terra da Hélade.
De indubidable pegada na relixión grega posterior. Unha
sociedade matriarcal, relixión panteísta que vía o natural como algo divino, de
deusas femininas que poboaban ríos, bosques e montes e unha deusa Nai, fonte de
vida, asociada a diversos animais como a serpe ou o touro.
A RELIXIÓN INDOEUROPEA

Comeza así un proceso de fusión. O sometemento da poboación
preindoeuropea, a destrución da civilización cretense e a instalación do reino
dos Aqueos en Micenas pode percibirse en determinados mitos e a evolución da
relixión grega produto da fusión das dúas compoñentes relixiosas a do
mediterráneo e a dos indoeuropeos.
O SINCRETISMO DA RELIXIÓN DA ANTIGA GRECIA
O SINCRETISMO DA RELIXIÓN DA ANTIGA GRECIA
Un exemplo de sincretismo ou fusión das dúas compoñentes (mediterránea e indoeuropea)
Di Robert Graves que un acontecemento como que a antiga
deusa da Sabedoría, Metis embarazada de Zeus, fose tragada por este e que logo
da cabeza do deus nacese Atenea pode asociarse á aparición dos aqueos,
primeiros invasores indoeuropeos no segundo milenio (do 1800 a. C. en diante)
que debilitaron a tradición matrilineal. Atenea era a filla partenoxénica de
Metis, a máis nova da Tríada encabezada pola súa nai. Zeus tragou a Metis, é
dicir, os aqueos suprimen o culto a deusa atribuíndo toda a sabedoría a Zeus,
deus patriarcal, pero manteñen os templos de Atenea a condición de que os seus
adoradores acepten a soberanía de Zeus.
![]() |
Nacemento de Atenea da cabeza de Zeus. |
![]() |
Ártemis de Éfeso |
Fronte a deusas feraces e fértiles como Deméter, Hera ou
Afrodita, haberá deusas indoeuropeas en canto a que son celosas da súa
virxinidade e guerreiras como Atenea ou cazadoras como Artemisa, aínda que iso
non impedirá a existencia dunha Artemisa como a de Éfeso dotada de numerosos
peitos que é claramente unha deusa con marcado carácter mediterráneo, unha
mostra máis da complexidade e evidencia do sincretismo na mitoloxía grega.
CUESTIONARIO:
Que dúas compoñentes atopamos fusionadas na relixión/ mitoloxía grega?
Cal é a máis antiga?
Indica as características de cada unha destas compoñentes.
A partir de cando se produce un fenómeno de fusión ou sincretismo?
Explica con algún exemplo ese proceso de fusión.
Indica agora cal destes trazos é mediterráneo e cal é
indoeuropeo:
Atenea é unha deusa virxe da guerra e o seu animal é a
curuxa.
Afrodita ten un amante chamado Adonis que morrerá…
Dioniso é un mozo deus do viño que nacía e morría
anualmente.
Hera é a deusa de ollos bovinos ou de vaca.
Ártemis é unha deusa cazadora e virxe, pero o seu símbolo é
unha lúa .
Hermes nace nunha cova no monte Cilene igual que Zeus.
Zeus ten innumerables amantes, divinas e mortais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario