luns, 23 de setembro de 2019

COMO IMOS TRABALLAR no 2019/20

A materia de Cultura Clásica imos a avaliala do seguinte xeito:
1º Un 40 % da nota sairá do Diario de Cultura: Unha serie de actividades e proxectos (individuais na maior parte) que se realizarán e actualizarán unha vez á semana habitualmente, remitindo os resultados ao correo electrónico do blog. e,  ás veces, poñendo en común algunha das actividades na aula (exposición de traballos).

2º Un 60 % da nota en diversas probas escritas, que haberá que aprobar para poder sumar a nota dos traballos do Diario.

En xeral, o Diario de Cultura Clásica desenvolverá contidos que se proporán na aula a cada alumno/a  integrando a información que se atopa no blog como a que se pode consultar no libro, sendo ambos o punto de partida dos traballos a realizar.


MATERIA DO 1º AVANCE

Comezamos o curso 2019/20 coa UNIDADE 0, a modo de introdución que complementamos cun primeiro traballo sobre un mito ( PROMETEO E A LIBERDADE (I)) e un apéndice sobre a influencia da Cultura Clásica nos nomes da clase, reflexión coa que xunto co cómic do mito debes incorporar xa ao teu Diario Persoal de Cultura Clásica.

A UNIDADE I:
 O MARABILLOSO INVENTO DAS LETRAS E A LONGA VIDA DAS LINGUAS: Ímola traballar usando xa o libro de texto, pero dándolle o noso toque persoal (moita atención aos enlaces que deberás ir consultando e respondendo ás cuestións que neles aparezan):

A) Comezamos polo invento da escrita, como fórmula de comunicación do pensamento ata chegar ao alfabeto. No libro de texto lemos e realizamos os exercicios que nos propoñen nas páxinas 17,18, 16  e 19. En relación aos soportes traemos un comentario:   Sócrates e a escrita.

B) Logo falaremos das linguas do mundo a súa evolución e a súa desaparición. repararemos especialmnete na denominada familia lingüística indoeuropea.  No libro as páxinas de lectura e exercicios correspondentes (estes exercicios deberán aparecer no Diario persoal) son: 10,11,12, 13, 14 e 15.

Como ponte entre esta unidade e a seguinte repara na xeografía do Mediterráneo o territorio no que nace e se desenvolve a Cultura Clásica (podes ir botándolle unha ollada aos mapas do tema 1 e 2 do libro)

xoves, 19 de setembro de 2019

O MITO DE PROMETEO (I)


PROMETEO, O TITÁN AMIGO DOS HOMES

Prometeo creando ao home.

Quam satus Iapeto, mixtam pluvialibus undis,
Finxit in effigiem moderantum cuncta deorum,
Pronaque cum spectent animalia cetera terram,
Os homini sublime dedit caelumque videre
Iussit et erectos ad sidera tollere vultus…
Tellus induit ignotas hominum conversa figuras.
                                 OVIDIO Metamorphoses, I 82-88

Coa terra amasada en auga de chuvia o fillo de Xápeto
crea figuras co molde dos deuses que todo o controlan.
Se ben os demais animais ollan á terra inclinados
fíxolle ao home un rostro altivo e que ao ceo altivo mirase
dispuxo e cara ás estrelas alzase ergueita cabeza…
Así a Terra remodelada vestiuse de imaxes estrañas de homes.

Consultando o seguinte texto en PDF. Realiza un cómic do mito de Prometeo (1ª parte)









LIBERTAS ET COGNITIO

 UNIDADE O: LIBERDADE E COÑECEMENTO/
 LIBERTAS ET COGNITIO/ ELEUQERIA KAI  GNWSHS 
Coñécete a ti mesmo

"Non saber o que ocorreu antes de nós é como ser para sempre nenos" dixo Cicerón.


Principia o curso 2019-2020 con dúas palabras latinas que colocamos no frontispicio para unha primeira reflexión da que logo poidamos tirar como se dun fío se tratase da trama do presente ano académico co coñecemento como pulo, coas Olimpíadas como meta e coa liberdade como lema.

Se as Olimpíadas nos levan a Olimpia, debemos saber que a competición e o coñecemento eran ambos aliados dos xogos da Grecia Antiga que agochan unha fonda reflexión sobre o ser humano.

 A Mitoloxía antes que a historia e que a ciencia, tamén antes da aparición da filosofía, xa era en si un exercicio poderoso de reflexión, ademais da súa funcionalidade relixiosa estaba dirixida a ofrecer respostas ante as dúbidas que a vida nos provoca.

Mais para coñecer ou recoñecer o pasado das civilizacións mediterráneas máis caristmáticas e complexas hoxe temos ademais unha ferramenta precisa como é a Arqueoloxía que non sempre se leva ben coa Literatura, por iso teremos que contrapoñelas con frecuencia ao longo destes 9 meses intensos.

O pasado de Grecia e de Roma antigas, a cultura Grecolatina é para Europa referencia inescusable para seu devir futuro, como intuía Cicerón. Hoxe tamén o queremos entender así, temos que volver a vista atrás, coñecer o mellor posible o noso pasado para enfrontarnos a un presente no que asentemos o noso futuro nas mellores condicións posibles. Imprescindible tamén mirar en detalle a nosa particular historia, a dun pobo, o castrexo, arcaico e pouco coñecido que terá contacto coas zonas mediterráneas, pero tamén co norte atlántico e vai facer medrar no territorio da Gallaecia, como entidade cargada de peculiaridades, unha especie de ponte entre os dous mundos.

Traballaremos coas linguas clásicas: O grego e o latín
ελευθερία (elefthería)  cuxa etimoloxía pode interpretarse que vén das palabras ελεύθω (vir) e ερώ (amo, quero) e significa que "podes ir por onde queres".  Libertas ou libertatem, era unha palabra en latín exclusiva que indicaba en orixe talvez  a idea de que alguén é libre cando ten liberdade de desexar ou logtar cousas para si mesmo. Tamén podemos pensar como etimoloxía a  palabra grega λίπτω (“lípto”, “desexar”) o que podería facernos pensar nunha relación con outras expresións latinas  como "libet" e coa raíz xermánica no alemán moderno lieb ( querido/a)  e no inglés actual "love".

γνώση en latín dicíase cognitio. A palabra coñecer vén do latín cognoscere (coñecer completamente) composta do prefixo con- (todo, xunto) e o verbo (g)noscere (coñecer). Coñecemento: O sufixo -mento indica resultado. Entón coñecemento é o resultado de coñecer.


SOBRE A CULTURA CLÁSICA  Definición: Estudo sobre as bases da cultura occidental europea tomando como modelo (de aí o nome de clásica) as culturas antigas máis avanzadas do mediterráneo que se impuxeron como referencias primeiro para Europa, pero máis tarde e até os nosos días como alicerce da cultura de Occidente. E ao falar de Occidente e de Europa, sendo como somos galegos, contemplamos a mesma dende a óptica da Fisterra procurando así unha visión particular e complementaria da nosa propia cultura e da cultura presente dos distintos pobos da Península.  

Un espazo, un lugar: Poderíamos comezar en Olimpia, pero preferimos Delfos, o embigo do mundo da Antiga Grecia. Para empezar coa xeografía fagamos un mapa do Mediterráneo. Mar situado "no medio da terra". Pero como o mar é moi grande, deterémonos no que os gregos antigos consideraban o embigo do mundo: Delfos e o seu santuario de Apolo onde no frontispicio do seu templo estaba escrito un famoso pensamento.

Un pensamento: Gnoce te ipsum/ γνωθι σεαυτόν Coñécete a ti mesmo. Unha máxima que nos acompañará durante todo o curso.

Prometeo
Un feito ou acontecemento, vai ser unha meta: As antigas  Olimpíadas, que imos relacionar co antigo lema do  Colexio San Narciso “luctor et emergo”, un xeito de ir abordando ese espírito de superación que está detrás deste complexo evento antigo e moderno. Porque moitos daqueles fitos ou creacións clásicas que sobreviven ou manteñen co día a día unha curiosa relación que iremos coñecendo. Por exemplo: Sabes cal é a orixe dos  nomes dos compañeiros/as de clase... ten algunharelación coa Cultura Clásica?


Un mito para rematar, un relato onde os deuses e os heroes algo teñen que dicir: Prometeo, amigo dos seres humanos.