domingo, 20 de decembro de 2020

DESPOIS DO SEGREDO DE PROMETEO, DESCUBRE O OLIMPO !

 Para coñecer o Olimpo, temos necesariamente que investigar sobre a complexa vida amorosa de Zeus. Imos partir da seguinte árbore xenealóxica:


A configuración do chamado Olimpo dos deuses é unha cuestión un tanto complexa que imos estudar e investigar á vez, agrupando os distintos momentos de formación do Olimpo en catro epígrafes:

- Os amores de Zeus.

- A convulsa relación entre Zeus e Hera.

- Novos ataques contra o Olimpo: Xigantomaquia e Tifonomaquia.

- O Olimpo dos deuses.

Podes consultar estes contidos e as actividades, en AMORES DE ZEUS E OS DEUSES DO OLIMPO


martes, 15 de decembro de 2020

CAL ERA O SEGREDO DE PROMETEO?



 DESCUBRE O SEGREDO DE PROMETEO: Unha historia en tres capítulos na que coñeceras unha morea de personaxes novos e algúns abrirán á vez novas e intrigantes historias sobre as que se seguen a escribir ríos de tinta. Pero comecemos o relato polo principio:

- Tetis, Peleo e Quirón

Voda de Tetis con Peleo e a súa desgraciada descendencia. 

- Paris, un principe destronado, pastor e xuíz por orde de Zeus. 

Despois de ler e indagar sobre estes tres episodios xa poderás responder:

   - Cal era o segredo de Prometeo?

Logo observa este cadro e responde: 

   - Por que cres que ten tanta transcendencia para a mitoloxía grega? 

.- Localiza outras tres versións de distintas épocas deste cadro de Rubens, titulado:  O Xuízo de Paris. Fíxate un par de versións moi recentes no seguinte artigo.  


xoves, 5 de novembro de 2020

IMOS COA SEGUNDA ETAPA DA VIAXE



    
















Nesta segunda parte da 1ª avaliación imos ir traballando cos seguintes temas:

- COSMOGONÍA

- AS ETAPAS DA HISTORIA DA ANTIGA GRECIA .


  - Investigación persoal:

 DE CRETA A MICENAS

- Investigación sobre a civilización minoica ou cretense (ler capítulo I de Historia dos Gregos MINOS)

 a) Espazos minoicos

 b) Comovivían os cretenses?

 c)  Que é o lineal A? Quen era Arthur Evans e que aporta ao coñecemento da cultura minoica?

 d) A mitoloxía e Creta: Minos, o labirinto e Teseo.

Arthur Evans en Cnossos
/

      Dédalo e Ícaro.

 e) Creta era a Atlántida?

 f) O labirinto na literatura e na arte.

 g) A caída da civilización minoica: As invasións indoeuropeas e Micenas. 



A porta dos leóns de Micenas


- Presentamos a sección VITA BREVIS

- LINGUAS CLÁSICAS I: Dos latinismos aos helenismos

- DEUSES E MORTAIS. 

 A) As idades do home de Hesíodo. 

Fai un resumo do seguinte vídeo que nos fala de como pensaban os gregos que apareceran os mortais na terra en palabras de Hesíodo:


B) Prometeo e Pandora.

C) Deucalión e Pirra.   Quen eran? Como crearon unha nova raza de homes e de mulleres? Procura algunha ilustración deste mito despois de explicalo para incorporalas ao Diario. 

martes, 29 de setembro de 2020

Preparando as valixas para a viaxe do curso 2020-21

 


Como definirías ti a Cultura Clásica?

Dende as terras máis occidentais de Europa (Finis Terrae), desde a Fisterra que acolle a pelegríns de todo o mundo que percorren camiños para chegaren á Compostela de hoxe, partiremos nesa viaxe a través dos tempos e cara ás terras máis orientais na procura das raíces comúns que deron lugar ao pensamento europeo.
 
Nesa viaxe cara ao clásico a tavés da cultura europea occidetal iremos pois perfilando e debuxando ata recoñecer o clásico, é dicir, "o modelo" que foi conformándose como asento do patrimonio cultural especialmente localizado na Antigüidade e nas civilizacións de Grecia e Roma.

Pero, para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento e responsabilidade, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos como xorden os modelos n
a súa evolución dende o mito ao logos, a descuberta da literatura, a aparición da historia, da filosofía e da ciencia na Antigüidade. 

Aspiramos que un alumno/a de Cultura Clásica sexa un bo coñecedor da mitoloxía grecolatina. Logo terá que escoitar, ler, coñecer e mesmo contar moitos mitos. Tamén será un historiador curioso/a (a curiosidade é compañeira inseparable do saber) que partindo da nosa propia terra investigue outros territorios e que botando man da arqueoloxía descubra as bases da nosa cultura, a europea, comparando con sumo coidado os distintos elementos que van ir sumando e consolidando o que coñecemos como Europa e a cultura occidental.

A análise das sociedades e os conflitos que marcaron os fitos máis importantes da Antigüidade vainos permitir chegar a biografías de sorprendentes de homes e mulleres de distinta índole (algúns coñecidos, outros e outras non tanto)  que permitirán entender a configuración dese mundo tan complexo que imos abordar. E das sociedades e das persoas ocúpanse ramas do saber que van dende a filosofía ata a antropoloxía que tamén debemos incorporar neste amplo traballo.

A lingua como ferramenta que perpetúa no tempo os pensamentos, as ideas e os gustos estéticos dos nosos antepasados, tamén as súas paixóns e rancores, vai permitir vivir en primeiro plano algunhas das facetas do marabilloso mundo clásico. Filólogos e amantes da literatura son inevitablemente os alumnos/as desta materia.  É unha materia que tanto debe ao mundo das Letras como tampouco pode esquecer o mundo das Ciencias, se non quere servir unha visión incompleta e falta de rigor.

Un alumno/a  neste proceso de coñecemento de si mesmo, terá como obxectivo incorporar no seu haber ao final deste curso unha especie de dinamizador cultural ao descubrir, identificar e comprender, ademais de integrar eses coñecementos esenciais que o mundo greco-latino conforma, esa base ou modelo "clásico"da sociedade actual, continuadora, herdeira e debedora daquel pasado. 

Este curso acompañaremos esta reflexión de modelos (lembra uqe a iso se refire o adxectivo "clásica") que foron fraguando gregos e romanos, cuxo eco procuraremos desvelar no medio deste ruido mediático que nos rodea o presente, e con ese afán creativo que nos é propio aos homes e mulleres de hoxe para os que a Cultura Clásica será unha ferramenta inesquecible e insubstituible, como dirían os romanos: magistra vitae.

 Para axudarnos neste camiño e complementar o labor e traballos pertinentes, ademais do noso blog "aula clásica", usaremos o libro de texto da editorial Anaya que aparece na ilustración.


PROXECTOS DO CURSO PERSOAIS E CREATIVOS

 O Diario persoal de Cultura Clásica, un proxecto individual de cada alumno/a, unha "libreta" en formato dixital na que imos elaborando co noso labor diario: Apuntamentos e cuestións que imos ir realizando día a día.  O profesor irá revisando e avaliando este traballo regularmente (vía correo electrónico). Vai ser un camiño de coñecemento propio, que permita entender a nosa relación co mundo clásico. Por exemplo, imos saber a orixe e procedencia dos nosos nomes para establecer a súa dependencia do legado da Cultura Clásica. Comezaremos por configurar o espazo do mundo clásico (o noso mapa inicial). Abordaremos de inmediato unha Introdución á Mitoloxía,ademais de deveslar que vén sendo un mito,  antes de pasar a coñecer algo mellor a gran familia lingüística do indoeuropeo e as linguas que falamos. ademais do marabilloso invento das letras,  os soportes da escrita e o alfabeto.

Para elaborar o teu diario podes e debes consultar tanto os enlaces no blog como o libro de texto (Unidade 1).

Proxectos creativos: O noso diario non pode ser un simple caderno de notas ou de preguntas e respostas que haberá que ir presentando (a razón de un por mes, aproximadamente). Haberá de realizar calas ou traballos persoais a proposta do profesor ou por iniciativa e motu propio. Estes traballos poderán ser expostos na aula (serán avaliables) co formato dunha presentación audiovisual. Tamén poderemos abordar proxectos grupais  na medda que as condicións actuais da pandemia nolo permitan  (teatro, banda deseñada ou outros formatos creativos que iremos concretando).

Probas escritas: Imos realizar probas ou exames sobre a materia que vaiamos dando.

Lecturas clásicas: Realizaremos  ao longo do curso toda unha serie de lecturas de textos clásicos ben de obras enteiras (normalmente dramáticas), pero tamén  textos parciais ou selectas e textos adaptados de autores gregos e latinos, tanto de carácter literario, como tamén filosóficos, científicos...

domingo, 27 de setembro de 2020

Curso 2020/21: IN PERICULO MARIS...ASSUME TUAM RESPONSABILITATEM

 

     Nunca, ata o de agora, comezara o curso no día de San Miguel, o patrón dos mariñeiros de Marín. Unha antiga danza recuperada recentemente sitúase no centro das celebracións que este ano debido á pandemia non vai poder bailarse.

A materia Cultura Clásica está pensada para descubrir unha parte do noso patrimonio, un tesouro que debemos aprender a desenterrar, non con pico e pa, pero si con outras ferramentas. Esta asignatura servirá para afondar nas raíces culturais e identitarias da nosa cultura logo vai emprender constantes viaxes de ida e volta a través da historia, longas viaxes no tempo que nos levarán a culturas e linguas en orixe distantes que, dalgún xeito, chegaron e deixaron pegada na nosa terra enriquecendo a nosa personalidade cultural. Viaxes tamén polas mestas néboas dos mitos para explicarmos dun xeito emocional quen somos como persoas e como pobo, esa responsabilidade de coñecérmonos a nós mesmos en cada unha das facetas do ser que asumimos dende a óptica particular das raíces culturais europeas que nos levan a Grecia e a Roma, si, pero á vez atracan nos peiraos máis antigos de noso, no mundo das primeiras culturas da nosa terra na Antigüidade. 

Comezamos logo a travesía dende o local na procura das claves universais que conforman a nosa orixinalidade.  Faremos unha pequena homenaxe á tradicional festa marinense e tomamos unha especie de lenda para arrincar o curso e navegar polo mar cara ás terras do Mediterráneo de onde de vello viñan  fenicios ou cartaxineses, gregos e romanos con mercadorías ata este extremo no medio do mar ou, dito en latín,... in periculo maris, unha metáfora do percorrido desta materia ao longo do curso, que esixirá emprender constantes viaxes como a que traemos hoxe aquí.

 Un dos antigos portos fenicios localizados na costa galega.

IN PERICULO MARIS...  Seica un bispo de Braga ao rematar a Antigüidade, nos albores do que hoxe chamamos Idade Media, procurou  agocho na illa de Tambo fuxindo dos seus perseguidores e certo día apareceulle o Arcanxel  San Miguel quen lle ordena levantar unha igrexa na illa sendo o propio San Miguel o que conduciu aos obreiros do mosteiro á descuberta agraciada dun manancial de auga doce en Tambo. A capela construída tiña unha advocación curiosa: AD SANCTUM MICHAEL ARCHANGELUM IN PERICULO MARIS,  que quere dicir: "A San Miguel Arcanxo no perigo do mar (nun lugar perigoso por estar rodeado de mar)".  E disque foi referente de culto cristiá por centos de anos, pero andando os séculos a Illa foi asaltada e  arrasada polo famoso pirata Drake en 1589. A pesar de todo aínda hoxe se conservan as ruínas da capela incendiada e a súa fonte.

Pois ben, sería daquela cando os mariñeiros marinenes devotos do Arcanxo decidiron trasladar á terra o culto a San Miguel e así, pouco tempo despois, hai constancia histórica da realización da Danza de espadas pola documentación conservada do século XVII.   Logo viran tempos de gremios e desputas polo mar de Marín entre a Mitra compostelá que manexaba os fíos dende Pontevedra co seu Gremio de Mareantes e o Mosteiro de Oseira, que tiña un Priorato en terra,  no casco histórico de Marín, que non quería perder dereitos sobre a pesca dunha ría moi rica e produtiva.

Illa de Tambo

Postos a elucubrar sobre a presenza de San Miguel nestas terras, esta claro que na illa de Tambo atopámonos cun lugar sagrado anterior ao cristianismo.  Hai quen di que a Illa naceu grazas a Apolo, un deus grego, que botou no medio do mar o concho dunha tartaruga, outros prefren ver na etimoloxía do nome polo que se coñece a illa  o eco dun valeroso guerreiro troiano fillo de Telamón, chamado Teucro,  que fundara Pontevedra. Pero se lle facemos caso ao erudito Padre Sarmiento, o nome de Tambo é deformación de Tombo ou túmulo (sabemos da existencia dun castro en Tambo) e un estudoso historiador, García de la Riega conta que a tradición fala dun altar pagán dedicado tal vez, iso aventura, a Tameóbrigo de onde procedería a denominación actual da illa. É un pouco cedo para afondar neste tipo de cousas, volvamos a San Miguel.

San Miguel seica aparecéuselle ás xentes de Europa en Apulia, tanto no Monte Gargano perto da costa  italiana, como na propia Roma, e curiosamente en dous territorios máis situados nas costas da Fin do Mundo ou Fisterras da época: na Bretaña francesa e en Galicia, na Illa de Tambo.  Todas, agás a de Roma, aparicións na costa e relacionadas con navegantes como sinala sabiamente José Torres no seu libriño Pequena Historia de Marín.Tamén é curioso que o deus grego das viaxes e o comercio, Hermes / Mercurio teña unha gran semellanza con San Miguel. Ambos teñen ás e usan a espada contra o mal e/ou unha balanza para pesar as almas dos homes antes da súa viaxe ao mundo dos mortos.  

San Miguel  coa balanza e mantendo aos pés ao demo


San Miguel  e o demo pesando as almas.

Hermes pesando as almas

Hermes ou Mercurio conducindo as almas ao mundo dos mortos


CUESTIONARIO
1- Cal é a orixe do culto a San Miguel en Marín. Resume coas túas palabras a súa historia.
2- Podería ser que o culto a San Miguel sexa de orixe precristiá? Por que?
3- Busca o significado pda palabra composta psicopompo, fíxate na súa orixe e o que significa. Que relación lle atopas co que lemos sobre San Miguel?  
4- Logo do visto e do falado, que responsabilidade cres que debes asumir ti á hora de cursar Cultura Clásica? 

xoves, 25 de xuño de 2020

PROBA DE SETEMBRO


Para aprobar esta materia en setembro tes dúas opcións a escoller ( a primeira será a máis recomendable).  

1ª OPCIÓN:  Entrega dos traballos de Cultura Clásica do Diario que había que realizar durante o curso  que especificamos máis abaixo.


2ª OPCIÓN: Realizar proba escrita cos seguintes contidos.  Podes consultar tamén no enlace modelos de probas.


 QUE OPCIÓN ESCOLLES?  Faimo saber por correo electrónico dende hoxe e antes do 1 de setembro.

PRAZOS DE ENTREGA:  Da primeira opción ata o día da proba: 1 de setembro ás 17.30 


DIARIO DE CULTURA CLÁSICA 2019-2020


1ª AVALIACIÓN:

0-      Prometeo e a liberdade: coñecemento e liberdade (Cómic de Prometeo)

UNIDADE I : O ESPAZO e O MITO
2-      O mapa do mundo clásico (tema do libro 1 e 2 páx. 26.27)
3-      Invento da escrita.. As Letras e a súa transmisión (libro páx. 16-17-18) Sócrates e a escrita
4-      Familia lingüística indoeuropea (libro de cultura páx. 10,11,12, 13, 14 e 15.
7-      Deuses e mortais.

UNIDADE II: A HISTORIA
10-   Lingua helenismos (exercicios do libro páxina 37)

2ª AVALIACIÓN

16-   A TROIA de Homero: Lendo a Homero ( selección de textos da Ilíada de Homero)
17-    O OLIMPO: AMORES DE ZEUS.
Libro tema 8 páx. 112.113.114.115.116.117.118.119.120,121,122.123.124.125.

UNIDADE IV:  O TEATRO (I)
18-   Orixe do teatro en relación co desenvolvemento da democracia en Atenas.
19-   LECTURA OBRA DE PLAUTO (libro de lectura) Guión de lectura. ( FESTIVAL DE TEATRO DE TUI)

10-   Semellanzas e diferenzas entre Homero e a película de Troia de 2004.



UNIDADE VI: O TEATRO (II)
23-   MULLERES DO TEATRO GREGO

      UNIDADE VII:
24-   Mitos de Primavera: Orfeo e Eurídice, Perséfone e Hades,  Adonis e Afrodita.

UNIDADE VIII: HISTORIA: GRECIA versus ROMA
29-    Como vivían os gregos/as/ como vivían os romanos/as
30-   A orixe dos Xogos Olímpicos: libro 127-128-129-130,131,132 e 133.
31-   Actividades de Léxico do libro: Exercicios de léxico 5- 6-7-8 e 9  das páxinas do libro: 51, 65, 81,  97, 111, 125, 141, 153 e 169.

martes, 16 de xuño de 2020

Rematando o curso cun par de recomedacións para ler

 Existe unha serie inglesa realizada pola BBC, algo vella, pero moi ben realizada foi emitida pola TVE en español baixo o título: Yo Claudio. Estaba baseada nunha moi ben elaborada novela de Robert Graves que leva tamén ese título. Non é a única gran novela histórica, nin a única serie televisiva que nos sitúa na Roma Imperial.

Imos ver o último capítulo desta serie no que se aprecia claramente as intrigas que se daban arredor dos emperadores romanos:



Existe unha boa novela escrita tempo despois tamén en Inglaterra, e logo traducida ao castelán escrito por Marilyn Todd, unha escritora inglesa que titulou Yo Claudia,  a súa incursión na Roma do Imperio.   Esta novela deixámola aquí como recomendación para este verán:


Para os que queiran ler outro tipo de obras máis relacionadas coa nosa terra recomendamos o proxecto de Paco Boluda titulado KALLAIKOS, unha viaxe á Galiza céltica.



martes, 9 de xuño de 2020

HOXE COÑECEREMOS A UN DEUS DA MITOLOXÍA GALAICA: BEROBREO

 Moitos son os misterios, nada máis misterioso que o home....Unha das visitas que tiñamos pensado realizar neste curso e que ao final non puido ser, era a visita ao Monte do Facho de Donon no Concello de Cangas un lugar que foi un santuario misterioso que aínda agocha un gran cantidade de segredos que dende o ano 2000 se intentan desentrañar. O santuario dun deus que segundo a epigrafía que se atopou no lugar sería BEROBREO.




Propoñemos, logo, coñecer mellor a Berobreo, un deus que só podemos atopalo na Galipedia, pero non na Wikipedia... logo invitámosvos a unha pequena viaxe virtual ao centro sagrado máis popular do Sur de Galicia entre os séculos de hai 2000 anos. Por que pensades vós que se lle tería en tanta estima a este deus ? Un estudoso apunta esta posibilidade:   BEROBREO....

domingo, 31 de maio de 2020

DA RECUPERACIÓN DA MATERIA PENDENTE: Xuño 2020



A causa do confinamento, como xa se vos comunicou, os alumnos/as puideron ir recuperando a materia pendente a través da realización do Diario de Cultura Clásica que, unha vez realizado se fai chegar ao profesor a través do correo electrónico de aulaclasicasn@gmail.com., seguindo unha  práctica de envío de traballos e cuestionarios que xa se viña realizando habitualmente polo curso antes de darse a actual situación. Para aqueles que amosen problemas telemáticos (que son casos puntuais),  o centro habilitou neste período un sistema de entrega de traballos semanal para recibir e entregar o material pertinente.  

Para o envío das actividades do Diario de Cultura Clásica que se especifican no blog e nos correos remitidos en días pasados polas vosas titoras, haberá como prazo a data da proba prevista no calendario de exames de xuño que, como xa dixemos non terá lugar. No caso de que haxa algún alumno/a precise un prazo maior, deberá negocialo co profesor, así como calquera outra dúbida da materia, a través sempre do correo citado máis arriba.  

Ao non poder realizar unha proba presencial para os casos que non teñan cuberto o seu Diario non poderá dárselles por superada a materia de Cultura  Clásica no mes de xuño, quedando pendentes dunha proba de recuperación do mes de setembro da que se lles informará persoalmente en detalle.   

martes, 28 de abril de 2020

ACTIVIDADES 3º TRIMESTRE: Abril-maio

ACTIVIDADES DE  MARZO e ABRIL

MITOS DE PRIMAVERA E MULLERES DO TEATRO GREGO

MITO RETO DÍA DO LIBRO

AS MULLERES DA FUNDACIÓN DE ROMA

Unha viaxe entre a épica e a lírica con tintura claramente dramática para coñecer como se creou a cidade de ROMA.  Veremos a conexión que garda con Troia e crearemos un itinerario de sete etapas nas que as mulleres serán transcendentais. Tes que adiviñar cales son esas mulleres e facerte cos seus relatos.





O MOTOR DA HISTORIA ANTIGA: DA SOCIEDADE DA GENS AOS SERVI.





LETRAS GALEGAS E MITOS



COMO VIVÍAN OS GREGOS/AS

COMO VIVÍAN OS ROMANOS/AS

ACTIVIDADES DE LÉXICO:Exercicios de léxico 5- 6-7-8 e 9  das páxinas do libro: 51, 65, 81,  97, 111, 125, 141, 153 e 169.


A ORIXE DOS XOGOS OLÍMPICOS Tras a visualización do documental, ler e realizar os exercicios do libro das páxinas 127 ata 133.


HEROES E HEROÍNAS

GALAICxS E ROMANxS

mércores, 22 de abril de 2020

MITO RETO PARA O DÍA DO LIBRO: LENDO A OVIDIO

 LENDO A OVIDIO: 
Responde nun texto breve  a seguinte cuestión relacionada cun mito:

Que relación gardan os relatos que sirven de base dests ilustracións:


















Pistas:

1- Trátase dun mito que só aparece e só podes ler nas Metamorfoses de Ovidio. libro IV 56-166

2- Hai unha gran obra do autor inglés  do que se celebra hoxe o aniversario do seu nacemento en 1564 neste que está baseada neste mito.

3- Tamén está baseada a historia de Basilia e Quiteria escritas polo autor español que hoxe tamén está de aniversario.

Envíamo ao correo se o logras resolver.

luns, 13 de abril de 2020

ACTIVIDADES do 3º Trimestre mes de abril.

Despois das Vacacións de Semana Santa retomamos dende casa o ritmo a modo:


MITOS DE PRIMAVERA(II). 
- Apolo e Dafne
- Afrodita e Adonis

Para realizar ata 17 de abril.




MULLERES DO TEATRO GREGO

ACTIVIDADES:  Traballo persoal  para a semana do 21 ao 28 de abril que haberá que incorporar ao Diario de Cultura Clásica como xa sabedes.   Imos realizar un heptálogo (catálogo de sete) especial. Lembrar personaxes que xa nos son coñecidos e algún novo,  unha pequena investigación para saber quen eran, a súa historia,  que obras e autores traballaron sobre a súa figura mitolóxica (un ou dous parágrafos) acerca das MULLERES DA TRAXEDIA  Ademais faremos un anexo ou cala pequena na MULLER DA COMEDIA GREGA. Procura ilustrar con algunha foto cada un dos capítulos.

-          HÉCUBA ou se prefires CASANDRA, en representación das Troianas.

-          CLITEMNESTRA, IFIXENIA e ELECTRA:  A muller e as dúas fillas de Agamenón na traxedia.

-          ANTÍGONA: Podes ver ou simplemente resumir a trama dunha representación de Antígona de Sófocles que aparece nos enlaces do blog.

-          MEDEA: Investigar sobre esta figura e a súa relación coa traxedia.  Consultar sobre Xasón páx 110 do libro.-         

      LISÍSTRATA:  A muller na COMEDIA. Investigar se tería algo  que ver con Aspasia ou máis ben con Lisímaca, mulleres reais da Atenas do séculoV. a.C.


luns, 23 de marzo de 2020

ACTIVIDADES DENDE CASA MARZO-ABRIL

 ACTIVIDADES DO MES DE MARZO 

 CULTURA CLÁSICA

PRAZOS
Semana de 16 ao 24 de marzo para 3º ESO A
Semana se 16  a 27 de marzo para  3º ESO B

CONTIDOS
- Lectura e actividades da guía didáctica da obra de TEATRO: Anfitrión de Plauto.

- Lectura de textos do xénero da ÉPICA: A Ilíada  de Homero, seleccionar pasaxes máis interesantes para comparar coa versión da película de Troia  de W. Petersen (2004) e  procurar as diferenzas. 

PRAZOS: 
Semana de 27 a 31 de marzo para 3º ESO A
Semana 27 de marzo ao 2 de abril para 3º ESO B
CONTIDOS:

2ª-VOLVEMOS AO TEATRO: Ver e comprender os distintos vídeos sobre a orixe do teatro.  Por que dicimos que en orixe o teatro grego era un rito?
Cales son as partes dun teatro grego?,
Quen era Dionisos? Quen era Pisístrato?
Quen era Tespis?
Que diferenzas hai entre estes autores tanto na forma como sobre todo no contido das súas obras?


No libro de texto de clase consulta o tema 11, páxinas 160-161 e fai os exercicios da páx. 161.

3ª Ver e resumir unha traxedia grega:  As Troianas de Eurípides. No seguinte enlace podes escoller entre as tres versións da obra que logramos reunir.



PRAZOS PARA ACTIVIDADES  DO MES DE ABRIL
Semana do 3 ao 17 de abril  para 3º ESO A
Semana do 2  ao 17 de abril para  3º ESO B


CONTIDOS
ODISEA PERSOAL:  Entra no enlace. Terás que resolver 12 cuestións nunha viaxe persoal e intransferible que cada quen experimentará actuando con astucia e audacia, a semellanza do heroe deste relato.  Coñecerás a Odiseo, o rei de Ítaca, que emprende regreso de  Troia,  a Penélope e tamén a Calipso, a Circe e outros moitos personaxes. Algúns humanos, afables ou non,  outros terribles e monstruosos que irán aparecendo á par dos deuses e deusas que tamén están presentes nesta obra épica de Homero sobre a que vas traballar e que se titula A Odisea.
.


MITOS DE PRIMAVERA I:
 ORFEO E EURÍDICE. Para realizar ata o día 17 de abril.


xoves, 12 de marzo de 2020

VOLVENDO Á ÉPICA

Despois de ler,  facer os exercicios da guía de lectura (puntos do 1 ao 8 traballo para esta semana queda pendente unha proba de lectura) e asistir á representación da obra de Anfitrión de Plauto, imos volver á épica para rematar o ciclo troiano que non fixemos máis que comezalo a ver.  Debemos reparar nos principais fitos que A Ilíada de Homero relata para coñecer os detalles máis importantes deste libro, detalles imprescindibles para avanzar no curso e poder retomar de novo as temáticas mitolóxicas levadas ao teatro.


Selección de textos do relato de Homero:
 Consulta o enlace anterior para ler e comprender os textos épicos na súa fonte orixinal. (Traballo para a semana 13 de marzo ao 19 de marzo)

BUSCA A DIFERENZA ENTRE HOMERO E A VERSIÓN DO CINEMA !
Recomendamos, tendo en conta o noso confinamento na casa, ir vendo a  famosa película TROIA de W. Petersen (2004) para ir contrastando a versión cinematográfica co texto homérico e outras fontes da mitoloxía clásica. Estade atentos porque hai grandes diferenzas que hai que detectar.

A película podémola dividir nas seguintes partes:

I- Introdución:
a) Presentación de Agamenón e de Aquiles.
b) Rapto de Helena de Esparta por parte do troiano Paris.
c) Menelao solicita a axuda do seu irmán Agamenón.
d) Procura de Aquiles e partida dos gregos cara Troia.
e) Príamo, rei de Troia, recibe a Helena, a pesar da oposición de Héctor.

II-Desembarco nas praias de Troia.
a) Toma do templo de Apolo e o botín de guerra.
b) A cólera de Aquiles contra Agamenón a causa de Briseida.
c) Paris combate con Menelao.

III  O cambio de actitude de Aquiles
a) Ataque das naves dos gregos por parte dos troianos.
b) A morte de Patroclo.
c) O combate de Aquiles con Héctor.
d) Entrevista de Príamo e Aquiles.

IV A caída de Troia.
a) O cabalo de Troia.
b) Arde Troia.

 PROCURA AS  7 DIFERENZAS MÄIS IMPORTANTES

martes, 3 de marzo de 2020

NO FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO de TUI

 Tras da lectura da obra mañá viaxamos a Tui a ver a comedia de Plauto Anfitrión. Unha comedia que parte dun dos amores de Zeus que máis deu que falar.  A temática amorosa e a sátira sobre o divino e o humano coa idea paradóxica de que ambas realidades están tan distantes como próximas serven de fío condutor desta comedia plautina.








ACTIVIDADES SOBRE A OBRA DE PLAUTO ( Guía didáctica que podedes atopar tamén no texto ou libro de lectura ):
1- Lectura atentada introdución e da comedia.
2- Procurar no enlace no capítulo 118 do libro de Robert Graves o relato do nacemento de Hércules e establecer semellanzas e diferenzas coa comedia.
3- Analiza o paso da Comedia Antiga á Comedia Nova.
4-Enumera a partir da introdución as diferenzas entre traxedia e comedia.
5- Partes nas que se divide a comedia.
6- Amplía a información sobre as características dos personaxes na comedia plautina.
7- Investiga a evolución semántica do nome do escravo Sosias.
8- Establecer un debate sobre a sospeita de adulterio e a relación de ambos personaxes. Como se comportaría  hoxe en día  unha parella  ante una  situación similar.
9- Elixide unha escena para representar en clase.
10- Elaborade unha presentación en power point sobre a historia de Hércules/Heracles.

A Comedia latina do século II a.C. é unha copia da Comedia denominada Nova que facían autores gregos como Menandro (século III) a. C.  e que á súa vez foi unha evolución da Comedia Antiga de autores atenienses como Aristófanes ( século V a. C.)  Esta evolución produciuse como afundimento da democracia ateniense e do debate político e filosófico que alimentaba aquela sociedade na que cabía un espazos de crítica política aberta. Aristófanes fixo comedias como Lisístrata, de claro signo antibelicista  para criticar aos gobernantes cando Atenas estaba en plena guerra coa cidade de Esparta por exemplo. Pero coa entrada nunha nova etapa a Comedia tivo que cambiar de temática e pasou á comedia onde os conflitos amorosos son o tema central das tramas cómicas.

Herdado este modelo por Roma, cando os romanos se apoderaron de Grecia, trouxeron e espallaron por Italia un tipo de obras copiadas das gregas. Os personaxes polo nome parecen gregos, pero no fondo son moi romanos, porque retratan e usan a lingua, ditos e costumes propios da sociedade romana aínda que a acción teatral se situe en Grecia. Só así un romano podería consentir que un escravo como Sosias fose tan atrevido co seu amo.


O PRÓLOGO

  DÚAS SOSIAS


ALCMENA E  XÚPITER


MERCURIO DISPOSTO A  FACER O  PAPEL DE SOSIAS

AS DÚBIDAS DOS VERDADEIROS SOSIAS e ANFITRIÓN

O PRIMEIRO ENCONTRO  DE ANFITRIÓN E DE SOSIAS CON ALCMENA?

ATA SOSIAS CONFUNDE A XÚPITER CON ANFITRIÓN
MERCURIO DETÉN AO VERDADEIRO ANFITRIÓN

XÚPITER FRONTE A ANFITRIÓN

BLEFARÓN INTENTA SOLUCIONAR O ENREDO,... PERO EL MESMO SE ENREDA














 XÚPITER ACTÚA PORQUE O PARTO SE ACHEGA  E... BROMIA NARRA O ACONTECIDO AO SEU AMO



ANFITRIÓN AGRADECE A XÚPITER A SÚA VISITA CARGADA DE SORPRESAS















Hai un gran traballo actoral do GRUPO NOITE BOHEMIA da Coruña, o que representa Anfritrión de Plauto en Tui, pero ademais de transmitirlle os nosos parabéns pola dedicación e o esforzo, non podemos deixar de realizar unha crítica necesaria á versión que presentan.  NOITE BOHEMIA  opta por unha versión actualizada da obra plautina. Veremos que un dos protagonistas: Sosias convértese nunha escrava, a escrava SOSIAS, entroutras reinterpretacións que achegan ao público de hoxe con chistes de hoxe a un texto ben antigo.

A pregunta é se dado que se actualiza un texto clásico naqueles momentos que se procuraba en Plauto provocar o riso con alusións cómicas ou equívocos e xogos de palabras con dobres sentidos, ironías, etc... non se podería entón facer que unha boa parte destes textos e elementos riseiros tivesen unha carga menos machista e menos manida? Se nos propoñemos actualizar logo corremos o risco de caer en lastimosas e obsoletas fórmulas á hora de facer rir nada actuais.   É este o teatro que desexamos vexan as novas xeracións de rapaces e rapazas?

 Non é  malo que milleiros de alumnos vexan obras gregas e latinas como as que se representan  neste Festival de Teatro Grecolatino, pero  hai que lograr dar un paso máis ou ben mantendo unha fidelidade severa cos textos orixinais con todos os seus defectos e virtudes, ou ben tender  nas actualizacións dos textos a crear un modelo de teatro realmente moderno e actual, que beba do clásico no que este teatro ten de bo e queira de verdade reinterpretar e situar no século XXI o que se representa.  A temática dos enredos amorosos como a que presenta esta comedia reclama pois unha versión máis audaz e realmente creativa que se saiba liberar dos grandes lastres que o pasado conleva.





Despois de ver e disfrutar da representación da obra toca analizar a lectura de Anfitrión de Plauto seguindo as directrices que o libro de lectura establece na súa guía didáctica: