mércores, 28 de setembro de 2016

Como imos traballar?


Como definirías ti a Cultura Clásica?
Dende as terras máis occidentais de Europa (Finis Terrae), desde a Fisterra  que acolle a pelegríns de todo o mundo que percorren camiños para chegaren á Compostela de hoxe partiremos nesa viaxe a través dos tempos e cara ás terras máis orientais na procura das raíces comúns que deron lugar ao pensamento europeo.

Pero, para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos a descuberta da literatura e a súa evolución dende o mito ao logos.

Aspiramos que un alumno/a de Cultura Clásica sexa un bo coñecedor da mitoloxía grecolatina, logo terá que escoitar, ler, coñecer e mesmo contar moitos mitos.
Tamén será un historiador curioso/a (a curiosidade é compañeira inseparable do saber) que partindo da nosa propia terra investigue outros territorios e que botando man da arqueoloxía descubra as bases da nosa cultura, a europea, comparando con sumo coidado os distintos elementos que van ir sumando e consolidando o que coñecemos como Europa e a cultura occidental.

A análise das sociedades e os conflitos que marcaron os fitos máis importantes da Antigüidade vainos permitir chegar a biografías de sorprendentes de homes e mulleres de distinta índole (algúns coñecidos, outros e outras non tanto)  que permitirán entender a configuración dese mundo tan complexo que imos abordar. E das sociedades e das persoas ocúpanse ramas do saber que van dende a filosofía ata a antropoloxía que tamén debemos incorporar neste amplo traballo.

A lingua como ferramenta que perpetúa no tempo os pensamentos, as ideas e os gustos estéticos dos nosos antepasados, tamén as súas paixóns e rancores, vai permitir vivir en primeiro plano algunhas das facetas do marabilloso mundo clásico. Filólogos e amantes da literatura son inevitablemente os alumnos/as desta materia.  E unha materia que tanto debe ao mundo das Letras tampouco pode esquecer o mundo das Ciencias, se non quere servir unha visión incompleta e falta de rigor.

Un alumno/a terá como obxectivo incorporar no seu haber ao final deste curso unha especie de dinamizador cultural ao descubrir, identificar e comprender, ademais de integrar eses coñecementos esenciais que o mundo greco-latino conforma como base ou modelo "clásico"da sociedade actual, continuadora, herdeira e debedora daquel pasado.

Este curso acompañaremos esta reflexión de modelos (a iso se refire o adxectivo "clásica") que foron fraguando gregos e romanos, cuxo eco procuraremos desvelar no medio deste ruido mediático que nos rodea, e con ese afán creativo que nos é propio aos homes e mulleres de hoxe para os que a Cultura Clásica será unha ferramenta inesquecible e insubstituible (magistra vitae).

 Para axudarnos neste camiño e complementar o labor e traballos pertinentes, ademais do noso blog "aula clásica", usaremos o libro de texto da editorial Anaya que aparece na ilustración.



PROXECTOS DO CURSO

 O Diario persoal de Cultura Clásica, un proxecto individual de cada alumno/a, unha "libreta" en formato dixital na que imos elaborando co noso labor diario: apuntamentos e cuestións que imos ir realizando día a día.  O profesor irá revisando e avaliando este traballo regularmente (vía correo electrónico). Vai ser un camiño de coñecemento propio, que permita entender a nosa relación co mundo clásico.
Por exemplo, imos saber a orixe e procedencia dos nosos nomes.
Outros exemplos serían coñecer mellor o espazo do mundo clásico (o noso mapa inicial) a gran familia lingüística do indoeuropeo e as linguas que falamos. ademais do marabilloso invento das letras,  os soportes da escritao alfabeto.

Para elaborar o teu diario podes e debes consultar tanto os enlaces no blog como o libro de texto (Unidade 1).

Proxectos de grupo: Traballos en grupo que haberá que ir presentando (a razón de un por mes, aproximadamente). Algúns destes traballos serán expostos na aula (como probas orais avaliables) normalmente acompañadas dunha presentación audiovisual. Tamén poderemos abordar proxectos grupais que inclúan o teatro, a banda deseñada ou outros formatos creativos que iremos concretando.

Probas escritas: Imos realizar probas ou exames sobre a materia que vaiamos dando.

Lecturas clásicas: Realizaremos  ao longo do curso toda unha serie de lecturas de textos clásicos ben de obras enteiras (normalmente dramáticas), pero tamén  textos parciais ou selectas e textos adaptados de autores gregos e latinos, tanto de carácter literario, como tamén filosóficos, científicos...

Olimpíadas Clásicas San Narciso 2016

luns, 19 de setembro de 2016

Dίκῃ δ᾽ ἴθυνε θέμιστας... "que a Xustiza encamiñe as túas decisións"

Benvidos ao curso 2016-17 e ao blog AULA CLÁSICA tras das vacacións e as probas de setembro. O lema deste curso será o da xusticia (iustitia, en latín) de aí o título que lle colocamos a esta primeira entrada do noso blog: Dίκῃ δ᾽ ἴθυνε θέμιστας... "que a Xustiza encamiñe as túas decisións", que é unha parte do verso 9 da obra de Hesíodo, Os traballos e os días un texto do século VI a. C. nos que emerxe esta deusa grega da Xustiza denominada DiKé.

Ben sabemos que poderíamos escoller outros lemas como estoutro en latín: IUSTITIA EST LAETITIA POPULI  "A xustixa é a ledicia do pobo" unha oración que emula unha fórmula habitual escrita en algunhas moedas da Idade Media. Gustábannos tamén certas citas, algunhas moi coñecidas, sobre a xustiza como, por exemplo esta de Cicerón: "Inter arma silent leges" ( "No medio das armas as leis calan") porque define moi ben varias das situacións que con frecuencia se produciron no Mundo Clásico greco-romano e que analizaremos a fondo neste curso. Seguro que, ao longo deste ano, iremos descubrindo e comentado xuntos outras moitas á vez que nos imos adentrando na materia, no espazo e na cultura que veu nacer o dereito e que mesmo presenta divindades inventoras do concepto ao que nos referimos, a Xustiza aparece representada como a deusa grega DIKÉ, a súa nai TEMIS ou a denominada ASTREA. A antiga Grecia ten que ser ineludiblemente o noso punto de partida nesta inevitable viaxe cara ao mundo clásico que imos realizar. Un espazo que alimenta mitos como o da deusa grega Diké.

 Diké é a primeira imaxe do curso como cabeceira do mesmo. Analicemos as seguintes imaxes relacionadas coa deusa. A imaxe romana dunha Diké que leva nunha man a espada e noutra unha balanza é coa que hoxe adoitamos representar á Xustiza, pero cunha venda tapándolle os ollos para indicar que é cega, imparcial ou igual para todos á hora de aplicar a lei (asociada habitualmente tamén como norma do dereito romano dura lex, sed lex).

 Mais é digno de mención o concepto máis antigo que aparece en imaxes de vaixelas gregas unha pacífica, onde Diké pousa a carón das súas irmás Eunomia e Eirene con atributos asociados a elementos agrarios e outra máis violenta onde loita e vence a Adicía, é dicir, á inxustiza. Nunha concepción do mundo dialéctico ( loita de contrarios) a xustiza é un dos conceptos que cobra maior vigor e será visto axiña como unha cualidade propia dos deuses, asociada a un dos principais da mitoloxía grega como é Zeus. Pero non adiantemos acontecementos, estamos falando xa de mitoloxía e como diría Robert Graves "un estudo da mitoloxía grega debería comezar cunha análise dos sistemas político e relixiosos que prevalecían en Europa". Así que cara a Antigüidade máis remota nos encamiñaremos de contado para realizar unha introdución á mitoloxía como é debido e preguntarmos que é un mito?

As tres Horas: Eunomía, Diké e Eirene.
Diké loitando contra Adicia