Como definirías ti a Cultura Clásica?
Dende as terras máis occidentais de Europa (Finis Terrae),
desde a Fisterra que acolle a pelegríns de todo o mundo que percorren
camiños para chegaren á Compostela de hoxe partiremos nesa viaxe a través dos
tempos e cara ás terras máis orientais na procura das raíces comúns que deron
lugar ao pensamento europeo.
Pero, para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos a descuberta da literatura e a súa evolución dende o mito ao logos.
Pero, para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos a descuberta da literatura e a súa evolución dende o mito ao logos.
Tamén será un historiador curioso/a (a curiosidade é compañeira inseparable do saber) que partindo da nosa propia terra investigue outros territorios e que botando man da arqueoloxía descubra as bases da nosa cultura, a europea, comparando con sumo coidado os distintos elementos que van ir sumando e consolidando o que coñecemos como Europa e a cultura occidental.
A lingua como ferramenta que perpetúa no tempo os pensamentos, as ideas e os gustos estéticos dos nosos antepasados, tamén as súas paixóns e rancores, vai permitir vivir en primeiro plano algunhas das facetas do marabilloso mundo clásico. Filólogos e amantes da literatura son inevitablemente os alumnos/as desta materia. E unha materia que tanto debe ao mundo das Letras tampouco pode esquecer o mundo das Ciencias, se non quere servir unha visión incompleta e falta de rigor.
Un alumno/a terá como obxectivo incorporar no seu haber ao final deste curso unha especie de dinamizador cultural ao descubrir, identificar e comprender, ademais de integrar eses coñecementos esenciais que o mundo greco-latino conforma como base ou modelo "clásico"da sociedade actual, continuadora, herdeira e debedora daquel pasado.
Este curso acompañaremos esta reflexión de modelos (a iso se refire o adxectivo "clásica") que foron fraguando gregos e romanos, cuxo eco procuraremos desvelar no medio deste ruido mediático que nos rodea, e con ese afán creativo que nos é propio aos homes e mulleres de hoxe para os que a Cultura Clásica será unha ferramenta inesquecible e insubstituible (magistra vitae).
Para axudarnos neste camiño e complementar o labor e traballos pertinentes, ademais do noso blog "aula clásica", usaremos o libro de texto da editorial Anaya que aparece na ilustración.
PROXECTOS DO CURSO
O Diario persoal de Cultura Clásica, un proxecto individual de cada alumno/a, unha "libreta" en formato dixital na que imos elaborando co noso labor diario: apuntamentos e cuestións que imos ir realizando día a día. O profesor irá revisando e avaliando este traballo regularmente (vía correo electrónico). Vai ser un camiño de coñecemento propio, que permita entender a nosa relación co mundo clásico.
Por exemplo, imos saber a orixe e procedencia dos nosos nomes.
Outros exemplos serían coñecer mellor o espazo do mundo clásico (o noso mapa inicial) a gran familia lingüística do indoeuropeo e as linguas que falamos. ademais do marabilloso invento das letras, os soportes da escrita e o alfabeto.
Para elaborar o teu diario podes e debes consultar tanto os enlaces no blog como o libro de texto (Unidade 1).
Proxectos de grupo: Traballos en grupo que haberá que ir presentando (a razón de un por mes, aproximadamente). Algúns destes traballos serán expostos na aula (como probas orais avaliables) normalmente acompañadas dunha presentación audiovisual. Tamén poderemos abordar proxectos grupais que inclúan o teatro, a banda deseñada ou outros formatos creativos que iremos concretando.
Probas escritas: Imos realizar probas ou exames sobre a materia que vaiamos dando.
Lecturas clásicas: Realizaremos ao longo do curso toda unha serie de lecturas de textos clásicos ben de obras enteiras (normalmente dramáticas), pero tamén textos parciais ou selectas e textos adaptados de autores gregos e latinos, tanto de carácter literario, como tamén filosóficos, científicos...
Olimpíadas Clásicas San Narciso 2016 |
Ningún comentario:
Publicar un comentario