luns, 28 de marzo de 2016

Delfos: antes e despois do santuario de Apolo

Existen multitude de santuarios na Antiga Grecia, pero poucos como Delfos, que foi especialmnete popular na Grecia Arcaica e Clásica, como veremos, pero que xa antes era un lugar de referencia relixiosa ao albergar a outro tipo de deuses.


ANTES DE SER SANTUARIO DE APOLO

 Pitia (en grego antigo:Πυθώ -οῦς (ἡ) era seguramente o nome deste espazo onde se adoraba a Gaia ou Xea,  a deusa Nai. Naquel lugar dise que era o centro do mundo, ou o embigo (ónfalos) posto que alí se cruzaran dúas aguias mandadas por Zeus desde os estremos do Terra e unha delas deixara caer a pedra que a súa nai Rea lle dera a Cronos en lugar do pequeno e que o propio Zeus lograra que seu pai vomitara xunto aos seus irmáns para poder facerse co poder do Cosmos.

O ónfalos de Delfos, a pedra que Cronos tragou e logo devolveu.

Din que para gardar este santuario Xea colocou nel a un dragón ou serpe xigante chamada Pitón. Un culto de carácter matriarcal que se mantivo e que segundo Esquilo conta pasarían logo a rexentar Temis, a titánide que enxendraría con Zeus as Horas e as Moiras. Máis tarde sería Febe, outra titánide, a quen se lle rendía culto. Deste culto asociado a deusas derivará a figura da Pitia, unha sacerdotisa muller.



O ORÁCULO DA PITIA



A Pitia, unha muller sacerdotisa parece ser unha figura máis antiga que os sacerdotes homes que se instalarán posteriormente co comenzo do culto a Apolo. Esta sacerdotisa realizaba un curioso ritual adivinatorio que consistía segundo parece en realizar anuncios premonitorios ou agoiros tras entrar en transo, a causa dunha emanación de vapores que procedían dunha fenda na terra situada no interior do templo.








A CHEGADA DE APOLO


Unha das historias máis coñecidas dos numerosos amores de Zeus é a da súa relación coa titánide Leto, filla de Febe, deusa adorada neste lugar. O nome de Delfos é o do animal que contan os mitos que trouxo ao deus dende a illa de Delos (unha das illas cícladas onde nacera) ata a praia máis próxima a este lugar da Grecia continental. Hai quen di que o golfiño era Apolo transformado nese animal para atraer a un barco con sacerdotes cretenses para o seu novo santuario. Segundo parece o santuario de Apolo comezouse a construír no VII a.C.


A mitoloxía tamén conta que Apolo e a súa irmá Artemisa para defender a súa nai Leto, ambos manexando o arco, mataron a Pitón. Por orde de Hera, a esposa ciumenta de Zeus, esta serpe xigante  atacaba a Leto e aos seus fillos xemelgos.

Apolo tiña distintos atributos, entre eles era o deus da adiviñación, asociado coa luz (mesmo con Helios o Sol).


O TERRITORIO SAGRADO DOS SEUS ORÁCULOS

Delfos, o santuario de Apolo era un lugar sagrado para toda Grecia e a el acudían dende todas as polis gregas da época arcaica e clásica. Fixéronse famosos os seus oráculos que a sacerdotisa Pitia emitía en transo para seren logo postos en verso e dun xeito intelixible polos sacerdotes de Apolo.

Os oráculos foron causa das moitas ofrendas que estas polis colocaron en forma de estatuas e construccións máis ou menos complexas arredor do propio santuario. Destas consultas feitas polos gobernantes fanse eco as mesmas traxedias gregas nas que con frecuencia aparecen as referencias ao oráculo de Delfos ( A Orestíada de Esquilo, Edipo Rei de Sófocles...)

A entrada do templo é moi sonado que aparecía unha máxima filosófica que nos dá unha idea da evolución do pensamento grego cara á esencia do ser humano daquela época. A inscrición dicía: γνῶθι σεαυτόν Coñécete a ti mesmo!

CUESTIÓNS:
1- Realiza unha pequena investigación sobre os amores de Zeus e a súa relación coa orixe realeza de distintas polis gregas.

2- Cres que era Delfos o único santuario importante da Grecia Antiga ou había outros dedicados a outros deuses? Razóa e argumenta a túa resposta.


3- Investiga cales foron as dificultades que tivo Leto para dar a luz aos seus fillos Apolo e Artemisa.

4- A confusión de Apolo con Helios a que cres que se debe?

5- En Delfos existe un teatro de Dionisos, dise que Apolo era o contrario daquel, pero que este permitía a súa presenza no seu santuario nos meses nos que el non estaba alí. fai unha pequena investigación sobre o nacemento e evolución do culto deste deus do viño e da danza. En que lugares se rende culto a Dionisos? Procura saber en cales hai algún santuario e por que?

6- Investiga  por que había un estadio perto do santuario de Apolo. Que eran e  durante canto tempo se realizaron os Xogos Pitios?

mércores, 16 de marzo de 2016

AS ORIXES E A EVOLUCIÓN DO TEATRO GREGO

Imos coñecer a orixe deste xénero do Teatro e a súa evolución a través dunha serie de vídeos que nos achegan esta gran creación do mundo grego con sinxeleza e dun xeito moi didáctico.

DO RITUAL AO TEATRO


Cuestións sobre estes primeiros vídeos:
Por que dicimos que o teatro é un rito que pasa a ser un xénero literario?
Quen era Dionisos?
Quen era Pisístrato?
Quen era Tespis?
Esquilo é un dos primeiros grandes autores dos que conservamos obras, resume brevemente a trama da súa obra Agamenón.

O ESPAZO CREADO PARA AS DIONISÍACAS: O deus Dionisos.






 CUESTIÓNS: Como se chaman as distintas partes do teatro grego?

OS MESTRES DA VERDADE:
 Imos coñecer aos grandes autores da traxedia e da comedia de antenas no século V a.  C. 



Agora saberemos como nacen e evolúen o xénero da Comedia, da Antiga á Nova.


CUESTiÓNS: Quen era Aristófanes? en que se diferenza un drama satírico dunha comedia?

Cales son as características dunha obra da Comedia Nova de Menandro?

O PASO A ROMA DA TRADICIÓN TEATRAL GREGA



Como en China aínda había danzas relixiosas parateatrais que nos lembran o comezo do teatro en Grecia

mércores, 9 de marzo de 2016

DA GRECIA ESCURA Á GRECIA CLÁSICA

Imos ir avanzando na nosa viaxe pola Cultura da Antiga Hélade cara á Grecia Clásica.  En primeiro lugar temos que saber que a entrada dos Dorios (o último pobo indoeuropeo que entra no territorio grego) provocou un gran cambio naquela sociedade micénica ou aquea, que pelexara en Troia.





A época Escura coa perda da escrita dos silabarios permitirá case 400 anos despois a entrada do alfabeto, o que á vez vai desenvolver a literatura do xénero épico que xa estudamos, pero tamén novos xéneros como o Teatro co que imos traballar axiña.
Temos que ter en conta que as migracións das distintas tribos configurarán de xeito definitivo o mapa da Grecia Arcaica das cidades estado (as polis) darán paso a unha actividade comercial e colonizadora polo mediterráneo que situará a Grecia dun xeito ben distinto no conxunto do Mediterráneo, unha Grecia que está dividida en numerosos estados, pero que mantén unha forte cohesión interna como demostran o fenómeno das Olimpíadas e a súa relixión ou o propio idioma común para todos eles.
A diversidade política xera a evolución das formas de goberno dende unha sociedade baseada na linaxe onde a aristocracia deriva en Tiranías ata unha sociedade aparentemente máis igualitaria como pode ser a da Democracia Ateniense que mantén no seu seo un atroz escravismo e unha tremenda segregación das mulleres e dos estranxeiros do mundo da política.


Imos adentrarnos na historia da Grecia Histórica Grecia Arcaica, esa que comeza á vez que os Xogos Olímpicos, esa que comeza coa expansión colonial, esa que en Atenas, especialmente, provocará unha evolución política que xa na denominada época Clásica ve nacer a Democracia escravista, motor do seu imperio e á cidade-estado na que se vai ver florecer o teatro como unha das manifestacións culturais máis duradeiras desta civilización.




Destes dous vídeos imos tirar algunha conclusión:
1- Con que acontecemento podemos fixar o comezo da Grecia Arcaica no 776 a. C.?
2- Cales son as características das polis gregas?
3- Quen eran os Dorios? con que cidade da Grecia Arcaica podemos relacionalos?
4- Con que cidade podemos asociar aos Xonios?
5- Que diferenza había entre as cidades máis importantes deste período?
6- Que as fai semellantes? Son iguais a democracia ateniense que a actual? Por que?
7- A filosofía, a literatura, a arte gregas deste periódo clásico en que tema se centra?
8- Quen loitaba nas Guerras Médicas? Quen gañou?
9- Quen eran rivais na Guerra do Peloponeso? Como remata e que consecuencias ten para a civilización grega?

10- Como definirías o período helenístico?

luns, 7 de marzo de 2016

DAS TROIANAS ÁS ASAMBLEÍSTAS

Unha proposta de traballo a partir do Día da muller, partiría precisamente deste título:

1- AS TROIANAS:


2- AMAZONAS: Pentesilea...

3- NA ODISEA: Penélope versus Circe, Calipso...

4- EN MICENAS: Ifixenia,Clitemnestra, Electra...

5- ENTRE OS ARGONAUTAS: Atalanta, Medea...

6- EN TEBAS: Antígona e Ismene...

7- AS MULLERES ANÓNIMAS DA HISTORIA: Escravas e estranxeiras...

8- EN ATENAS: Aspasia, Lisístrata e as asambleístas...

9- NA GRECIA HELENÍSTICA: Hipatia


10- EN ROMA: Das Sabinas e Lucrecia ás mulleres dos emperadores Livia ou Teodosia, as misteriosas e anónimas mulleres nas lápidas ou as curiosas peregrinas como Exeria.


continuará...

domingo, 6 de marzo de 2016

A proba épica da Épica

Para preparar esta segunda proba escrita da 2ª Avaliación debemos saber ler a Homero e ter certo hábito de lectura da Ilíada, un dos textos máis antigos de Europa (na proba aparecerán textos seleccionados).

A ÉPICA GREGA.  A épica é un xénero literario narrativo, aínda que na antiguidade estaba escrito en verso, que narra fazañas de heroes nas que interveñen os deuses. A Ilíada e A Odisea de Homero, antes xa viramos a Hesíodo, En latín citamos A Eneida de Virxilio

A verdade sobre Troia: A Troia da Arqueoloxía.

Os espazos da guerra de Troia.

Lendo a Homero (I): o tema e o contido da Ilíada.

As diferenzas coas versións cinematográficas.

 LENDO A HOMERO (II): Selección de textos. 

Como remata a Guerra de Troia?

 LENDO A HOMERO (III): Da Odisea de Homero só entra nesta proba  o comezo das aventuras de Ulises.

UN APUNTE DA ÉPICA EN LATÍN


A Eneida de Virxilio (de Troia a Roma)

A FUXIDA DE TROIA: A ENEIDA de Virxilio

A ENEIDA DE VIRXILIO
Esta historia non trata dun regreso, é a historia dunha fuxida de Troia e da fundación dunha nova cidade, lonxe daquela cidade. A Eneida do autor latino Virxilio relata a fuxida do heroe troiano Eneas, na procura dunha nova terra onde asentarse. Esta última obra vainos levar ás orixes de Roma, outra das cidades clásicas por excelencia.

Eneas era, segundo a mitoloxía latina, un príncipe troiano, fillo de Anquises e a deusa Afrodita que no relato, ao estar en latín, aparece co nome de Venus. O seu pai pertencía á familia real de Troia, e un día mentres coidaba os seus rebaños, no Monte Ida, Afrodita veuno e namorouse del pola súa beleza. Únense e teñen un fillo, Eneas. Pero no momento en que Anquises lle di ao seu fillo o nome da súa nai, o vello é alcanzado por un raio e queda cego.

Cando Paris rapta a Helena e desencadéase a guerra de Troia, Eneas loita man a man con Héctor ata que morto este e tamén Paris, Troia é asaltada coa estrataxema do cabalo de madeira ideado polo astuto Ulises. Eneas, avisado pola súa nai Venus, debe fuxir. A deusa indícalle que outro destino está reservado para el. Co seu pai Anquises ás costas, o seu fillo Ascanio (tamén coñecido como Iulo) e a súa muller Creúsa. Pero, debido ao caos, esta última pérdese e non consegue escapar con Eneas.

Foxe finalmente cun grupo de troianos en vinte naves polo Mediterráneo, e tras moitas escalas e un amor desgraciado coa raíña Dido de Cartago, chegará finalmente ao Lacio, onde casa con Lavinia.

Eneas co seu pai e o seu fillo fuxindo de Troia.
Un dos poetas máis destacados que narrou a aventura de Eneas, A ENEIDA, foi Virxilio, poeta oficial do emperador Augusto.

Na escultura de Bernini vemos como Eneas, tras ser avisado pola súa nai, a deusa Venus, carga co seu pai e co seu fillo para escapar da Troia que arde. Xa non aparece Creúsa, filla de Príamo e muller de Eneas que se perde no caos da fuxida. Vese como Anquises leva os penantes na man, é decir, as figuras dos deuses protectores da casa coa idea de fundar unha nova Troia.


ALGUNHAS CUESTIÓNS SOBRE A ENEIDA

Para responder a estas cuestións podes ler previamente no libro de texto páx. 66 a actividade  4 centrada na figura de Eneas. 

Quen é Eneas? Quen era Anquises? Con quen foxe de Troia? a quen deixa atrás antes de escapar? 

Grazas a que deusa sae de Troia Eneas? 

Con quen marcha? Que lle pasa a Creúsa?

Que vai procurar Eneas tras da fuxida? 

A que costas chegan logo de 7 anos? Como se chama a raíña que alí goberna? 

Visualiza logo o vídeo e resposta:

Que relata Eneas á raíña?

Que lles pasa a Eneas e raíña de Cartago logo?

 Cara a onde se encamiña  Eneas finalmente?

Con quen se vai desposar Eneas? 

A DESCENDENCIA DE ENEAS e a FUNDACIÓN DE ROMA

O seu fillo era Iulo Ascanio, desta linaxe van nacer os fundadores de Roma. Investiguemos como ocorreu.

Podes facelo a través dunha árbore xenealóxica da descendencia de Eneas no seu reino a cidade por el fundada que se chama: Alba longa.