A Teogonía de Hesíodo (autor do século VII a. C.) é o libro
que mellor nos narra a Cosmogonía, é dicir, a creación do Cosmos (universo ou
natureza ordenada). Efectivamente os gregos antigos pensaban que a función dos
deuses era a de ordear a natureza caótica nun principio.
Despois da aparición no medio do Caos de Xea e de Urano e tras da
súa complicada descendencia, Hesíodo narra na Teogonía a creación doutras
criaturas descendentes do Caos entre as que sitúa nun lugar destacado a Nix (a
Noite).
Logo comeza a enumeración dunha longa serie de novas
criaturas enxendradas polos Titáns e as Titánides, descendentes de Xea e Urano.
Imos deter a nosa atención en Cronos e Rea.
Seguindo o mito a través do relato épico de Hesíodo, poderás
comprobar e ir respostando ás cuestións claves desta parte importantísima da
TEOGONÍA:
Os Fillos de Rea e Cronos
Rea, entregada a Cronos, tivo famosos fillos: Hestia,
Deméter, Hera de áureas sandalias, o poderoso Hades que reside baixo a terra
con implacable corazón, o resoante Ennosixeo (Poseidón) e o prudente Zeus, pai
de deuses e homes, por cuxo trono treme extensa terra.
Aos primeiros papounos o poderoso Cronos segundo ían
chegando aos seus xeonllos dende o sagrado ventre da súa nai, conducíndose así
para que ningún outro dos ilustres descendentes de Urano tivese dignidade real
entre os Inmortais. Pois sabía por Xea e o estrelado Urano que era o seu
destino sucumbir a mans do seu propio fillo, por poderoso que fora, vítima dos
proxectos do gran Zeus. Por elo non tiña descoidada a vixilancia, senón que,
sempre ao asexo, ía tragando aos seus fillos; e Rea sufría terriblemente.

Pero Rea, cando xa estaba a punto de dar á luz a Zeus, pai de
deuses e homes, entón suplicou axiña aos seus pais, Xea e o estrelado
Urano, que lle axudasen a urdir un plano para ter ocultamente o parto do seu
fillo e vingar as Erinias do seu pai e dos fillos que se tragou o poderoso
Cronos de mente retorta. Aqueles escoitaron atentamente a súa filla e
obedecérona; puxérona ambos ao corrente de canto estaba decretado que ocorrese
respecto ao rei Cronos e ao seu intrépido fillo, e enviárona a Licto, a un rico
pobo de Creta, cando xa estaba a punto de parir ao máis novo dos seus fillos, o
poderoso Zeus. A este recolleuno a monstruosa Xea para crialo e coidalo na
espazosa Creta. Alí dirixiuse, levándolle, ao amparo da rápida negra noite, en
primeiro lugar, a Licto. Colleuno no seu colo e ocultouno nunha profunda gruta,
baixo as entrañas da divina terra, no monte Exeo de densa fraga.
Rea envolvendo en panos unha enorme pedra, púxoa nas mans do
gran soberano Uránida, rei dos primeiros deuses. Agarrouna entón coas súas mans
e aquel introduciuna no seu estómago, ¡desgraciado! Non advertiu no seu corazón
que, a cambio da pedra, ficaba para o futuro o seu invencible e imperturbable
fillo, que axiña, vencéndoo coa súa forza e as súas propias mans,ía privarlle
da súa dignidade e reinar entre os Inmortais.
Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano,o poderoso Cronos, de mente retorta, botou fóra de novo a súa prole, enganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e pola habilidade do seu fillo. Primeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxes, aos que insensatamente encadeou seu pai; gardáronlle gratitude polos seus beneficios e aqueles agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.
CUESTIÓNS:
1- Cales son os nomes dos fillos de Cronos e Rea? Procura o
seu nome en grego e en latín.
2- Por que Cronos era un cu de medo?
3- Quen son as Erinias, denominadas en latín Furias? Como
naceran?
4- Onde naceu Zeus?
5- Procura unha, dúas ou tres ilustracións da entrega de Rea
a Cronos dalgún dos seus fillos, mesmo da pedra envolta en panos.
 |
Zeus co raio e coa águia. ca. 480 a.C. |
6- Contan que sendo xa Zeus o deus supremo, feito o sorteo
para repartir poderes e territorios sobre os que gobernar, mandara a dúas
aguias que voasen dende os estremos da superficie terrestre unha dende oriente,
a outra dende occidente coa intención de que, cando se atopasen xusto no centro
da extensa superficie da terra, deixasen caer alí mesmo, no centro do mundo a
pedra que vomitara Cronos. Os gregos din que esa pedra está aínda nun lugar
sagrado. Como se chama ese lugar sagrado onde reside a sacerdotisa Pitia? Busca unha foto desa pedra que aínda existe nese lugar que chaman ónfalos.
7- Fíxate no sufixo -ida. Se Uránida significa: “fillo de Urano” quen é o gran
soberano Uránida?
8- Con que outro nome xenérico son coñecidos os outros Uránidas
Brontes (trono), Estéropes (raio) e o vigoroso Arxes (relampo ou resplandor)?
Que quere dicir ese nome co que se identifican as tres criaturas?