Imos ir pensando en debater agora entre nós unha vez que temos xa certos coñecementos de oratoria e recursos para realizar discursos persuasivos.
Reunimos unha serie de temas de carácter universal que nos poden valer para establecer debates propoñamos títulos:
- SER DIFERENTES VS OS DEREITOS Á IGUALDADE
- RURALISMO OU BARBARIE vs CULTURA URBANA E GLOBAL
- INDIVIDUALISMO E COLECTIVIDADE
POBRES VS RICOS
- A VIOLENCIA A DEBATE: SI VIS PACEM PARA... PACEM AUT BELLUM
OCCIDENTE VS SER HUMANO
INCOMUNICACIÖN E REDES
OUTRO DEBATE A PARTIR DUN ROTUNDO NON AO RACISMO!
LE O TEXTO: Nunha carreira, Abel Mutai estaba a só uns
metros da líña de meta, cando se trabucou coa sinalización, pensando que xa
completara a carreira.O español, Iván
Fernandez, estaba xusto detrás de el e, ao ver a situación, comenzou a berrar
para que o keniano estivese alerta, pero Mutai non entendeu o que dicía o seu
colega.O español logo o empurrou cara á
vitoria.
Un
periodistapreguntoulle a Iván:
"Por que fixeches iso?"
Iván
respondeu con outra pregunta: "- Que é iso?"Non entendo a pregunta...
"-
Por que deixaches gañar a Kenia?"
"-
Non o deixei gañar, ía gañar".
"-
Pero poderías gañar ti!"
"-
E cal sería o mérito da miña vitoria? Cal sería o honor desa medalla? Que
pensaría miña nai diso?"
O
honor, a ética e a vergonza na cara son principios transmitidos de xeración en
xeración.
Non
deixes que eses principios se perdan!
Comecemos logo o debate:
CONFIANZA VS DESCONFIANZA
E se comezase de improvisto a chover, ti tes un paraugas e hai unha persoa ao teu lado á cal non coñeces e non ten paraugas, ves que se está mollando, serías quen de abrigalo baixo o teu paraugas para que non se mollase? Farías o mesmo se a persoa que está ao lado fose coñecida? Ou se fose a cruzar e viñese un coche que ela non ve e pode ser atropelada? A ética obrigaríanos a actuar en todos os casos?
Visualizamos e evidenciamos que son posibles modelos distintos de educación.
htt
Como definirías o medelo educativo de Merlí?
Pola contra como é o modelo máis tradicional?
REFLEXIÓN PRIMEIRA SOBRE A ETIMOLOXÍA: Que é a educación? Educere é un verbo que vén da preposición latina e (de, desde, é dicir, a partir dun lugar ou punto de partida) máis o verbo duco: guiar, conducir... parece claro que a guía ou o punto de partida é o que realizan os/as docentes ( de docere que significa "ensinar·") eran para os gregos e romanos os que ensinaban, os que trazaban o camiño a andar, pero na educación hai outro elemento imprescindible que é o alumnado.
Cal cres que é o seu papel? De onde procede ou que significa en orixe a palabra alumno/a?
Chegou a hora de preparar con toda e información que temos sobre os discursos persuasivos o noso discurso persuasivo oral. Lembrade quepara persuadir hai que usar argumentos, palabras, pero que a persuasión depende maiormente doutras características que non podes perder de vista como son a voz e a linguaxe corporal.
Imos dar tamén nesta entrada anterior a vosa exposición unha serie de consellos sobre os distintos tipos de argumentos que se poden usar nun discurso persuasivo oral:
SOBRE OS TIPOS DE ARGUMENTOS
Todos sabemos porque xa falamos de varios tipos de postulados ou razóns que podemos usar nun discurso. Sabemos que un argumento pode ser un razoamento a favor ou en contra dunha idea ou tese sobre a que se opina. Tamén temos estudado xa os argumentos lóxicos e os argumentos emocionais ou aqueles argumentos que son irrefutables porque non admiten contestación e esoutros que son siimplemente pertinentes porque teñen que ver coa idea, pero son discutibles. Imos agora estudar outra xerarquía para reparar en distintos tipos de argumentos atendendo ao seu contido podemos atoparnos con:
ARGUMENTOS SEGUNDO O SEU CONTIDO:
Argumentos de autoridade: Usando citas e palabras dunha persoa recoñecida ou un experto.
Argumentos de feito: Usando datos de investigacións ou estudos.
Argumentos de tradición: Usando ideas relacionadas con costumes ou tradicións
Argumentos de moralidade: Tomados de valores éticos universais.
Argumentos de probabilidade: Usando datos probables.
Argumentos de experiencias persoais: Tomados das vivencias propias ou de persoas próximas.
Argumentos estéticos: Usando razóns de carácter estilísticas de beleza orde, harmonía.
No seguinte vídeo explican estes mesmos enunciados con exemplos:
A atmosfera e circunstancias que rodean un discurso son realmente importantes e é necesario telas en conta. Para realizar un discurso persuasivo oral temos que ter ben presentes tanto os elementos de contido que vertebran un discurso oral argumentativo (estrutura e tipos de argumentos) como os elementos formais de comunicación non verbal que acompañen a nosa posta en escena. Falaremos hoxe do rexistro formal ou informal dependendo da situación comunicativa que vaiamos a abordar. Non é o mesmo unha conferencia ou un debate académico que unha charla familiar.
O REXISTRO FORMAL (con maior tensión comunicativa)
O REXISTRO INFORMAL (con menor tensión comunicativa).
Comecemos por este último.
O REXISTRO INFORMAL presenta estes trazos máis próximos a unha conversa habitual polo que é frecuente a inexistencia de tensión comunicativa.
- Equilibrio entre emisor e receptores.
- Confianza: Existe unha proximidade entre os interlocutores.
- Espontaneidade: Resulta máis imprevisible o que se vai dicir e inflúe máis a interacción de quen escoita.
- Naturalidade: Como consecuencia das anteriores peculiaridades.
O REXISTRO FORMAL presenta xa unha tensión comunicativa evidente porque non é unha situación espontánea, trátase dunha situación preconcibida e dalgún xeito transcendente e infrecuente, algo qu enon se dá todos os días.
As súas características son:
- Xerarquía entre o emisor e os receptores. Unha desisgualdade evidente como por exemplo profesor -alumno.
- Distancia entre os interlocutores ( mesmo se fala desde unha posición elevada ou unidireccional)
- Planificación: Trátase dunha mensaxe preparada, pensada par aun contexto serio ou incómodo.
- Solemnidade: Resulta un trazo habitual que acompaña á mensaxe para este tipo de rexistro.
CATRO CONSELLOS PARA UN BO DISCURSO ORAL
Autoconfianza: A finalidade persuasiva implica convencer ao teu interlocutor logo debes confiar no que dis e como o dis. Boa argumentación, coñecementos sólidos pero sobre todo seguridade nas túas palabras. Lembra que tan importante como as palabras resulta a túa expresión corporal acorde, a linguaxe non verbal precisa.
Naturalidade: Convencer a quen te escoita depende da forma, da claridade na que transmitas as túas ideas. Naturalidade, sinxeleza e fluidez son fundamentais evitando a linguaxe artificial ou finxida.
Asertividade: Ser asertivo é ser capaz de expresar as túas ideas de maneira firme, con respecto ao receptor. Non invalidar os argumentos contrarios, senón fortalecer os teus con claridade e autoridade.
Empatía: É outra cualidade indispensable para impactar nos oíntes. Amosar comprensión, respecto e educación cara ao auditorio fuxir da vanidade, falta derespecto e o desinterese polos que te escoitan.
Analiza no seguinte vídeo as características anteriormente expostas:
Hoxe imos realizar dúas actividades acordes coa celebración do Día Escolar pola Paz e a non Violencia:
Analiza desde o punto de vista dun discurso persuasivo a mensaxe desta canción de Jonh Lennon. Que destacarías desta letra:
Imaxina que non hai paraíso. É fácil se o intentas. Non hai inferno debaixo . Arriba, só o ceo. Imaxina a toda a xente Vivindo o presente.
Imaxina que non hai países. Non é difícil facelo. Nada polo que matar ou morrer, e tampouco ningunha relixión. Imaxina a toda a xente Vivindo a vida en paz.
Quizás digas que son un soñador Pero non son o único. Espero que algún día te unas a nós e o mundo será un só.
Imaxina que non hai posesións. pregúntome se podes. Non hai necesidade de codicia nin fame. Unha irmandade humana. Imaxina a toda a xente Compartindo todo o mundo.
ACTIVIDADES PARA A PRÓXIMA CLASE:
Imos analizar este discurso, un dos máis coñecidos do líder estadounidense Martin Luther King pronunciado un 28 de agosto de 1963.
ACTIVIDADES: Procurar visualizar o discurso de Martin Luther King: Teño un soño para analizar a estrutura e recursos dese coñecido discurso do 28 de agosto de 1963. Busca antes en que circunstancias foi pronunciado.
Hoxe lembramos polo miúdo como se vertebra un vídeo propagandístico ou publicidade que pretende convencernos dunha idea política ou sobre accións ou actividades de carácter social. Imos analizar formas e contidos deste tipo de discursos persuasivos en particular:
ESTRUTURA DO DISCURSO PROPAGANDÍSTICO
Captatio (que adoita introducir o tema ou tese dun xeito atraente ou impactante)
Texto ou corpo de argumentos (lóxicos e/ou emocionais)
Eslogan ou lema (que pretende permanecer na memoria consumidor/a)
Recursos non verbais (tamaño de letras, imaxes, esquemas, ton, xesticulación, etc...)
Son logo estes catro elementos os que se deben comentar á hora de analizar ou ben os que se deben usar á hora de construír un discurso propagandístico. Xa falamos da importancia da verosimilitude e os perigos de manipulación aos que debemos ser críticos tanto á hora de consumir como de realizar este tipo de discursos.
O ARTIGO DE OPINIÓN
Este discurso xornalístico tremendamente vivo e de actualidade precisa unha destreza especial á hora de ser construído ou analizado pois nos enfrontamos ante un texto persuasivo cargado de subxectividade no que se verte unha opinión persoal que pretende convencernos da súa tese, de aí a importancia dunha estrutura ben deseñada.
ESTRUTURA DO ARTIGO DE OPINIÓN
En moitos casos o titulo xoga o papel de captatio benevolentiae
Tese: A presentación do tema ou opinión que se pretende defender adoita estar no comezo deste texto.
Corpo: Os argumentos (tanto lóxicos como emotivos que son os razoamentos cos que se pretende convencer, adoitan usarse varios e de distinta índole cunha forte carga de subxectividade).
Conclusión: Unha contundente conclusión apelativa resumindo o esencial da argumentación a favor da tese ou opinión.
É bo momento para lembrar o que debemos saber a estas alturas sobre o discurso persuasivo para podelos analizar e/ou construílos con soltura. Imos logo facendo memoria da
FORMA QUE DEBEN TER OU ESTRUTURA DO DISCURSO PERSUASIVO
Exordium: Capta a atención (como capta a
atención?)
Narratio:Indica a necesidade ou problema a resolver e a súa solución. (Como
implicar ao receptor no tema que se enuncia)
Argumentatio: Visualiza as vantaxes e
inconvenientes da proposta. ( Trátase da parte máis extensa polo uso de argumentos lóxicos e emocionais)
Peroratio:Conclúe movendo á acción a favor do que defendes, convence. (No peche se debe condensar o argumentado e procurar contundencia asertiva para convencer.
Lembrade tamén ademais de enunciar un tema hai que argumentalo e que iso precisa dunha boa argumentación, a primeira irrefutable para que sexa sólida e logo acompañala de dúas máis a poder ser. Na argumentación emocional fanse especialmente necesarios os recursos literarios: metáfora, hipérbole, personificación, ironía...
-
SEGUNDO ARISTÓTELES hai certos aspectos ou OS MODOS DO DISCURSO PERSUASIVO que non poden faltar:
Ethos: A credibilidade do que vai falar (autoridade ou valía persoal
acreditada para emprender ese discurso)
Pathos: A argumentación emocional (ter ben
presente o interlocutor escollido, a quen se dirixe)
Logos: A argumentación lóxica (normalmente
equilibrada cos contidos emocionais para asentar obxectivament e o discurso)
Kairos: Procurar a oportunidade e adecuación (vese ben no
comezo e final, na captatio e noutros aspectos do conxunto que reforzan os modos anteriores).
Para construír un discurso presencial teremos en conta ademais das súas partes (procurando enchelas cos contidos e recursos pertinentes) a linguaxe non verbal. Podemos dicilo doutro xeito:
Apertura.
Linguaxe verbal:contidos, argumentos e recursos
Linguaxe non verbal: xestualidade, ton e recursos.
Peche.
Se queremos comentar un discuro persuasivo analizaremos logo tanto a estrutura (cada un dos puntos antes citados) que están ligados aos contidos, pero engadiremos logo aspectos da linguaxe non verbal.
O discurso persuasivo ten moi presente a linguaxe non verbal
En resumo en cada discurso temos que atopar o seguinte:
- Captatio inicial
- Como se realiza a acreditación do que fala.
- Como e cando se presenta o tema ou tese central.
- Como se argumenta: a) A categoría e fortaleza das premisas que se usan.
b) Argumentos lóxicos (datos, información obxectiva e solvente)
c) Argumentos emocionais (apelacións, empatía, recursos literarios).
- Como se aborda a conclusión
- Valorar no conxunto do discurso o uso dos distintos modos aristotélicos (ethos, pathos, logos e kairos) e da linguaxe non verbal.
A lingua é un sistema de comunición que usa a palabra, e esta é unha expresión inicialmente oral. A escrita dalgún xeito naceu para substituír á linguaxe oral en determinados contextos. Isto provoca o uso de características propias de cada un destes tipos de expresión:
1- A presenza ou ausencia do receptor.
2- A canle que se usa para transmitir a mensaxe.
3- O contexto ou situación comunicativa na que se produce.
4- A fugacidade da expresión oral fronte a permanencia da escrita.
CARACTERÍSTICAS DA LINGUAXE ORAL
A espontaneidade. A primeira é o seu carácter efímero, de aí que se teña que interpretar o seu contido de inmediato.
A expresividade. Cargada de matices afectivos que produce o ton na que se realiza que depende da entonación, o volume ou intensidade coa que se pronuncia.
Habitualmente esixe a presenza dos interlocutores, hoxe a texnoloxía fai posible que se produza a distancia (teléfono, vídeochamada, conferencia gravada (diferida).
A mensaxe é lineal, imposibilita volver atrás como a escrita.
A axilidade coa que se produce provoca erros e improvosacións (que podemos logo rectificar).
A linguaxe oral permite o cambio ante a reacción do interlocutor.
Esta linguaxe é irreversible, pódese corrixir, pero non borrar.
A LINGUAXE VERBAL ORAL REFORZADA COA LINGUAXE NON VERBAL
Outra diferenza substancial é a interpretación que aporta a linguaxe non verbal, información que non está na linguaxe escrita. A comunicación xestual xoga un rol tan importante como a linguaxe verbal (lembra por exemplo cal é a mensaxe que transmites cando negas que alguén che gusta de palabra, pero a túa cara ponse toda colorada).
Tamén resulta transcendente que a linguaxe oral se formule ou non nun rexistro informal, coloquial, usando dialectalismos para achegarte máis ao auditorio o que implica saber a quen e en que contexto realizas esa comunicación.
ACTIVIDADES:
1- Describe no seguinte vídeo as características da linguaxe oral que observes:
Que tipo de conversa se establece?
Que provoca o carácter lineal?
Hai cambios de ton?
A conversa é axil, que produce?
2- Verdadeiro ou falso. Indica se o son os seguintes enunciados:
a) A linguaxe oral non é nada espontánea.
b) A expresión escrita é máis espontánea que a oral.
c) O ton da linguaxe oral provoca unha chea de matices
afectivos.
d) Ao expresarnos por escrito debemos ter en
conta a ortografía.
e) O vocabulario é máis sinxelo e limitado na linguaxee oral.
f) Na lenguaxe escrita é común o uso de coloquialismos.
g) A linguaxe escrita é máis elaborada que a oral.
h) A linguaxe escrita acompáñase da linguaxe xestual.
3- Como se soluciona na linguaxe escrita o feito da ausencia de xestualidade?
Que funcións utilizarías:
a) función referencial (informa sobre o contexto)
b) función apelativa (interpela ao receptor)
c) función fática (indica se a canle funciona)
d) función expresiva ou emotiva (expresa sentimentos do emisor)
e) función metalingüística (responde a código usado)
f) función poética ou estética (traballa sobre a mensaxe)
Agora responde razoando: Botarías man dos contidos emocionais? De que xeito?
Imos realizar un novo proxecto que a quen o entregue ben realizado e no prazo previsto opterá unha porcentaxe importante da nota da próximo avance.
O proxecto titulámolo GRETA E A LOITA CLIMÁTICA POLO PLANETA.
Constará como sempre dunha parte primeira de documentación e investigación sobre o Cambio Climático e sobre a figura de Greta Thunberg. Unha segunda parte que centraremos na análise de discursos e propaganda realizada por Greta sobre a Crise Climática do Planeta e finalmente, unha terceira parte creativa na que poderedes escoller entre diversas fórmulas de concluír este proxecto: un artigo de opinión, unha crónica ou un anuncio audiovisual sobre Greta e a xustiza climática no planeta.
1ª DOCUMENTACIÓN E INVESTIGACIÓN: Como facemos sempre o primeiro paso debe ser documentarse a fondo e realizar tarefas de investigación para poder preparar os distintos tipos de discurso persuasivo que pretendemos abordar na parte final deste proxecto.Imos logo procurar coñecer o necesario sobre o CAMBIO CLIMÄTICO e logo sobre a activista GRETA THUNBERG.
A) SOBRE A URXENCIA DO NOSO PLANETA: CAMBIO CLIMÁTICO: A seguir colgamos aquí un grupo de vídeos que che poden axudar a entender mellor a orixe ou as causas da Crise Climática, así como as consecuencias e solucións posibles:
B) COÑECEMOS A GRETA THUNBERG: Imos agora achegarnos a Greta Thunberg que en 2018 comezou unha loita pola xustiza climática moi particular e de gran transcendencia como comprobaredes:
*Nota sobre este apartado: Sempre está aberta a posibilidade de afondar máis en cada tema polo que invitamos a que procures algunha información máis pola túa conta que lle poderá dar maior valor ao teu proxecto,
2ª OS DISCURSOS DE GRETA SOBRE A CRISE DO PLANETA: Como estamos na aula de oratoria imos analizar os seus discursos máis representativos:
CUESTIÓNS: Agora analiza ti as claves dos discursos:
Estrutura (partes nas que se divide) Argumentos usados (lóxicos e emocionais)
B) ANÁLISE DA PROPAGANDA DA LOITA DE GRETA POLO EQUILIBRIO CLIMÁTICO NO PLANETA:
Cuestións: Analiza os contidos e recursos persuasivos propios desta campaña propagandística desenvolta por Greta e os seus colaboradores,
3ª O MEU/ O NOSO DISCURSO SOBRE GRETA E A XUSTIZA CLIMÄTICA NO PLANETA: Chegamos á parte creativa na que sobre este tema poderedes escoller entre tres posibles.(mínimo unha das tres) formatos de creación do voso discurso persuasivo:
- Un artigo de opinión.
- Unha crónica.
- Un anuncio audiovisual.
PRAZO DE ENTREGA: Na semana do 9 ao 13 de xaneiro do 2023.;
Lembra que Greta non é a única en mobilizarse:pola xustiza climática do noso planeta:
Hoxe toca analizarmos os distintos tipos de discursos persuasivos que existen. Unha posible clasificación sería:
1- Discurso ou speach.
2- O artigo de opinión.
3- A publicidade
4- A propaganda
1- O DISCURSO ou SPEACH
Son conferencias, charlas de vendas, arengas políticas, discursos de homenaxe... que dirixido a un público teñen un fin persuasivo. Non teñen unha estrutura fixa responde logo á capacidade do orador e ás circunstancias nas que se dá a disertación, sen esquecer ás características dos receptores.
Neste tipo de discursos as estratexias emotivas que apelan aos sentimentos son esenciais aínda que se empregarán tamén argumentos lóxicos. Existen varios subtipos dos que xa falamos: Discursos laudatorios, xudiciais ou deliberativos.
Vexamos un par de exemplos de temas diversos:
a) Texto persuasivo: Non seredes das persoas que pensan que algúns idiomas son máis difíciles ca outros? Lembrade que en realidade todos nacemos coa capacidade de aprender calquera lingua e que o grao de dificulatde dependerá da relación que teña a nosa lingua materna co idioma que se queira aprender, Un idioma novo sempre suma!
b) Tyrion toma o mando do exército:
Cuestións: Distingue nestes dous exemplos argumentos obxectivos e emocionais.
2-ARTIGO DE OPINIÓN
Nos medios de comunicación, ademais dos textos expositivos que aportan información obxectiva (as noticias) adoitan aparecer textos nos que se mestura a exposición de feitos coa opinión subxectiva. As columnas de opinión tamén admiten formatos diversos en medios como a Radio ou a Televisión.
Un exemplo: Un artigo de opinión sobre a publiciadade institucional sobre o 25 N.
Cuestión: Tras ler atentamente o artigo de opinión localiza e diferenza no texto a exposición de feitos e a opinión subxectiva da autora do mesmo.
3-A PUBLICIDADE
Ten como obxectivo a promoción dun produto para a súa venda. Esta finalidade comercial provoca a utilización de técnicas e recursos lingüísticos propios do texto argumentativo, pero con frecuencia a verdade e a obxectividade aparezan debilitadas. Outra función da publicidade é a financiación os medios de comunicación nos que aparecen (sen a que estes non poden vivir) de aí a súa importancia pola súa omnipresenza na sociedade na que vivimos.
Normalmente seguen esta estrutura:
a) Gancho: parte máis visible que intenta captar a atención do receptor/a.
b) Corpo: Parte persuasiva onde adoita describirse o produto.
c) Slogan ou lema: Frase ou texto que pretende permanecer na memoria do consumidor/a.
No que respecta aos recursos lingüísticos da publicidade distinguimos: Gráficos (Tamaño da letra, por exemplo) léxicos (poden usarse siglas, neoloxísmos, estranxeirismos,...) semánticos (hipérbole, polisemia, metáfora, personificación...) morfolóxicos (oracións simples ou uso da segunda persoa,...)
Un par de exemplos para analizar:
Analiza primeiro estes dous anuncios.
- Identifica o gancho, o corpo e o lema.
- Distingue despois distintos tipos de recursos lingüísticos
Nota sobre este anuncio: Na campaña publicitaria de “Clorox
Quitamanchas Blanco Supremo”, mencionábase que este produto se podía aplicar a
“todo tipo de prendas”. Esta campaña tivo un gran éxito entre os
consumidores difundida mediante un vídeo
en Youtube. Sen embargo, a etiqueta do produto explicaba que non pode ser usado
en prendas de la e seda sen provocar danos. Moitos consumidores adquiriron o
produto con falsas expectativas. Por iso, en novembro de 2020, el Instituto
Nacional de Defensa de la Competencia y de la Protección de la Propiedad
Intelectual (Indecopi) sancionou a Clorox Perú cunha multa de S/. 129,000 por
incorrer en publicidade enganosa.
Nota sobre este anuncio: América Móvil e Telefónica foron sancionados por
Indecopi ao difundir un anuncio en televisión coa mensaxe “Llévate gratis el
iPhone 6 Plus de 16 GB entregando tu iPhone 5S”, pero non se mencionaron os
termos e condiciones para acceder á promoción. Por elo, considerouse que omitiron información
para xerar falsas expectativas e inducir ao erro aos consumidores. Ambas
empresas recibiron en conxunto unha multa equivalente a S/ 629,985.50.
Este é un exemplo de que a publicidade debe
ser clara, directa e precisa ao promocionar un produto, xa sexa para establecer
condicións de uso ou advertencias.
4- A PROPAGANDA
A propaganda é semellante á publicidade en canto ás características formais, pero o seu obxectivo non é comercial, é ideolóxico. Pretende conducir a un sector social cara a determinadas posturas sociais ou políticas. Apela aos valores e emocións do público establecendo unha ponte entre o receptor e a ideoloxía a promocionar. Neste tipo de comunicación tamén é frecuente o engano e a manipulación.
Un par de exemplos: A cada 60 segundos morre unha especie!
Cartel de propaganda dos EE.UU. de América chamando aos cidadáns a alistarse no exército tanto para a Primeira como para a Segunda Guerra Mundial. O texto di: "Quérote a ti para o exército de Estados Unidos. Puesto de reclutamiento más cercano."
Un dos exemplos máis sonados de propaganda política enganosa:
Cuestións: Despois de ver o vídeo anterior resume o seu contido respondendo as seguintes preguntas
- Semellanzas entre publicidade e propaganda.
- Diferenzas sinaladas entre ambos discursos persuasivos.
- Que perigos presentan unha e outra?
A que tipo de discurso persuasivo cres pertence este vídeo? Argumenta as respostas.
Os seres humanos usamos a razón ou temos un
balón por cabeza?
O mundial de fútbol de Qatar é un insulto á
intelixencia. Hai numerosas e contrastadas razóns que o
confirman. Deixarse levar polos intereses dos máis ricos,
poderosos e sen escrúpulos, non é un exercicio de equilibrio racional nin unha
actuación intelixente, por máis que nos guste o deporte e o fútbol.
De todos é sabido que o fútbol, un determinado
fútbol, - ti e ti, e mais ti, o sabedes - , é máis un negocio que un deporte. É un
lobo con pel de cordeiro, pero un lobo en definitiva. E se ben o lobo é un
animal e non podemos xulgar como algo impropio del a súa impiedade, o seu
carácter salvaxe e sanguinario, no ser humano ambos comportamentos son
degradantes e fan das persoas bestas. Que debe suceder para que o fútbol sexa sobre todo un deporte?
Reparemos, é suficiente, no número de vítimas que a construción dos estadios do mundial de Qatar
acumula na conciencia de todos os seus telespectadores ansiosos tan só por ver marcar a
súa selección a toda costa. Pero o sangue derramado polos obreiros luxa todas as camisolas sexan brancas ou
amarelas, mesmo as vermellas e luxa tamén os campos de herba como os tanques da guerra abafan e estragan sempre as flores.
Os emperadores romanos usaron “o pan e o circo” para
mercar conciencias, tapar bocas e acalar demandas da xente do común. Imos deixarnos levar polos mesmos reclamos e caer
no mesmo erro en pleno século XXI? Cada vez que acendemos a radio ou a TV, os
altofalantes da información detallan e amplifican calquera anécdota dos novos
gladiadores que xogan co balón nun campo que se ergueu coa explotación e
o sangue de traballadores inmigrantes malpagados, un novo Coliseo. Qatar é o reino da opulencia
e a desigualdade, da discriminación e a falta de dereitos humanos esenciais
como algunhas seleccións quixeron evidenciar nas súas camisolas. Non lle imos poñer freo
a semellante sen razón?
Evitar o debate, o conflito e a evidencia máis
obvia é cómodo, mais para ver hai que abrir os ollos e, para quen os teña
abertos cun mínimo desa mirada intelectual que nos fai humanos, non todo vale.Non vale todo, non imos ser tan hipócritas. Acaso nunha sociedade
como a nosa, a sociedade da sobreinformación, non sabemos as graves violacións
de dereitos que pesan sobre Qatar? Que
perciban a forza da nosa conciencia! Apaga o televisor!...Non todo vale.
CUESTIÓNS
1-Divide en partes este discurso persuasivo.
2-Que tipo de captatio benevolentia
presenta?
3-A quen se dirixe este texto? Que
obxectivo persegue?
4-Que argumentos usa? Enuméraos (son varios) e explícaos coas túas palabras.
5-Que trazos lingüísticos dun discurso
persuasivo atopas?
Ademais das partes e a preparación deste tipo de discursos que xa estudamos, agora iremos afondando noutros detalles esenciais para mellorar a nosa capacidade oratoria.
I- Trazos lingüísticos do discurso persuasivo:
Imos analizar os trazos que nos permitan ir mellorando a elaboración de discursos persuasivos:
a) No nivel morfosintáctico atoparémonos con unha serie de verbos que expresan causas e consecuencias asociados á argumentación: xerar, orixinar, producir... relacionables con outros do tipo resultar, concluír, supoñer, inferir... E tamén se usan os verbos dicendi:afirmar, declarar, asegurar, opinar... Non pode faltar o uso da primeira persoa (plural) con valor apelativo para incluír ao receptor no relato (debemos pensar, ...podemos... , queremos... realicemos...). E frecuente o uso de elementos que inciden no ritmo, figuras retóricas de repetición (por exemplo anáforas ou paralelismos).
b) A sintaxe é elaborada. Botaremos man de subordinadas para expresar a conexión entre ideas (non diriamos isto se non fose posible que tal outra cousa o fose tamén. Afirmamos o primeiro para refutar calquera díbida e porque somos coñecedores de que ....
c) Predominarán enunciados asertivos, é dicir que expresan certeza. Está demostrado que... xa se sabe que...
d) Tamén son un elemento moi común as denominadas interrogacións retóricas tanto para captar ou manter a atención como para suxerir ou asentar unha afirmación. Quen mellor ca ti para responder a isto? e outras figuras retóricas que podemos ir probando a introducilas tanto as de tipo semántico, como as que fan referencia ao ritmo e a forma que xa citamos anteriormente.
- antítese ou presentación de ideas ou supostos contrarios
- apóstrofe: interromper o discurso para apelar ao destinatario.
- hipérbole ou esaxeracion.
- símil ou comparación
d) No léxico como os discuros persuasivos precisan dunha elaboración detallada e meticulosa é habitual atopar tecnicismos ou campos semánticos específicos sobre o tema o asunto que se trata que será máis específico canto máis especializado sexa o teama a tratar.
ACTIVIDADE
Le este texto persuasivo e sinala os trazos lingüísticos que o caracterízan:
" De feito, estamos convencidos de que a tecnoloxía é un amigo fiel. Hai dúas razóns para que sexa así:
En primeiro lugar, a tecnoloxía é un amigo, fai que a vida sexa máis fácil, máis limpa e máis longa... Quen pode pedirlle algo máis a un amigo?_ e, en segundo lugar, a tecnoloxía non supón unha análise minuciosa das súas propias consecuencias. É o tipo de amigo que nos pide confianza e obediencia, esixencias, que a maioría da xente se inclina a conceder porque os seus agasallos son verdadeiramente xenerosos. Pero, por suposto, tamén presenta un lado escuro; os seus agasallos non deixan de ter un prezo moi alto. Abordando os aspectos máis darmáticos, pódese formular a acusación de que o medre sen control da tecnoloxía destrúe as fontes esenciais da nosa humanidade, crea unha cultura sen fundamentación moral e socava algúns dos procesos e das relacións sociais que fan que unha vida humana mereza ser vivida. En definitiva a tecnoloxía é tanto un amigo como un inimigo. "
1- ESCOLLE AGORA ENTRE SÓCRATES ou HIPATIA para defender a un deles ante os poderosos que pretenden que morran.
2- Deberás escribir un discurso persuasivo (ben poñéndote no seu lugar ou imaxinando que es unha especie de avogado/a defensor/a que vive nese mesmo tempo e circunstancia á que se enfrontaron Sócrates ou Hipatia). A idea é evitar a súa morte, como persuadirás aos seus concidadáns de que non deben morrer!
3- Entregar o teu discurso na próxima sesión de clase
Un consello non haberá un bo discurso se non hai unha boa preparación e documentación previas á elaboración do mesmo. Reúne toda a información pertinente e, á hora e realizar o texto podes ter en conta os seguintes consellos sobre a persuasión e a elaboración de estratexias persuasivas:
Exordium: Capta a atención
Narratio: Indica a necesidade ou problema a resolver e a súa solución.
Argumentatio: Visualiza as vantaxes e inconvenientes da proposta
Peroratio: Conclúe movendo á acción a favor do que defendes, convence.
1- Captar a atención: A través dunha frase ou cita famosa, pregunta atractiva ou interesante, chiste ou anécdota, algún obxecto, refrán ou dito popular, definición dun termo, comparación, unha afirmación audaz con forza e efectividade.
2- Expoñer o problema debe provocar que o receptor/a ou receptores) vexan tamén no asunto unha necesidade. Por iso hai que preparar e documentarse para podelo afrontar, non se pode falar do que non coñeces. Claridade, datos, cifras...verídicos e áxil, darlle forza cos recursos propios da persuasión sobre a necesidade que queres se atenda.
3- Proposta de solución: Orixinal, creativa, pero alcanzable, clara e exposta con seguridade, dirixida a quen te dirixes.
4- Visualización da responsabiliadade na toma da decisión. apelar ao cerebro e ao corazón. ao emocional e ao racional. Crear a conexión do que escoita co problema.
5- Invitar á acción, concluír con claridade cara a quen te direxes co que se precisa para solucionar con orde claridade e con autoridade sen brusquedades e convición.
Exemplo de discurso persuasivo oral:
Derrubemos os muros !
1- "We will build a great wall along the southern border. And
Mexico will pay for the wall “ (Levantaremos un muro na fronteira sur e México
pagará polo muro). Isto foi o que dixo Donald
Trump, o presidente do país máis poderoso do mundo: Estados unidos. Pero non te
sorprendas, todos construímos muros ao noso arredor constantemente. Si, ti ,
ti, ti e ti tamén, Cada un de nós somos responsables de levantarbarreiras día a día.
2- Os muros non serven para outra cousa que
non sexa dividir, discriminar, rexeitar e excluír. Levantamos muros contra todo
aquilo que cremos que non paga a pena que se achegue a nosoutros. Pensamos que
temos poder para impedir a convivencia e violentar os dereitos dos demais.
Afastamos a aqueles cuxo xénero, preferencia sexual, aparencia física, orixe,
situación económica ou especie non agrada. Sabias que sete mulleres son
asasinadas cada día en México? , que somos o segundo lugar en crimes por homofobia
no mundo e que o terceiro no maltrato animal? E que a riqueza é a principal causa
de discriminación neste país?
3- Nun mundoglobalizado, deberiamos estar construíndo pontes e non muros. Os muros
sepárannos, afástannos e fannos persoas terribles. Xérannos un poder inxusto e
enfermo. Un muro sempre traerá inxustiza para quen está do outro lado. Debemos
comezar a derrubalos. Aprender a aceptarnos, tendérmonos a man, dar a
oportunidade aos outros de vivir con liberdade: homes, mulleres, animais,
pobres, migrantes, obesos, gays, indíxenas, todos fomos colocados neste planeta
para coexistir cos mesmos dereitos e as mesmas oportunidades.
4- Se nós seguimos construíndo barreiras, seguiremos
xerando odio nos outros e resentimentos en nosoutros mesmos, isto só xerará
violencia. Ë este o mundo que queremos? Un mundo onde todos nos facemos dano?
Non o creo.
5- Por iso hoxe, quero pedirche a ti e a ti e
a ti tamén que non sigas construíndo barreiras ao teu redor, aprende a aceptar
ao que non ten a mesma cor de pel ca ti, que non ten a mesma capacidade
adquisitiva, ao que é máis baixiño ou máis gordiño, ao can e ao gato,
finalmente , ti non es perfecto e alguén tamén che pode discriminar. Paremos
xa. Deixemos de odiar. E ti ? Cantos dos teus muros derrubarás hoxe?
Defende o teu dereito a pensar, porque incluso pensar de maneira errónea, é mellor que non pensar
Hipatia
Contexto a ter en conta: Alexandría (Exipto, daquela provincia romana) o Imperio romano vivía unha turbulenta crise que estalou precisamente alí baixo a forma de revoltas entre distintos credos tras da oficialización do Cristianismo que cambiou o seu papel na escena política e social da época, pasou de ser perseguido a ser perseguidor. Un exemplo: O decreto do 391 a.C. promulgado polo emperador Teodosio que prohibía os rituais públicos pagáns e os seus principais centros de culto. Un deses templos sería aquel antigo templo que os Tolomeos escolleran en Alexandría como biblioteca e onde se criaría e educaría Hipatia.
ACTIVIDADES:
- Quen foi Hipatia de Alexandría? Procura máis información sobre ela.
- Por que mataron a Hipatia? Repara na relación que mantivo co poder político e relixioso e os poderosos á hora de reflexionar sobre o seu asasinato.
Para que vale a Dialéctica? Que uso se facía da Oratoria en Atenas e na Grecia Antiga?
Imos responder a esta pregunta estudando as diferenzas entre os sofistas e Sócrates o que nos permitirá ademais de coñecérmonos mellor a nós mesmos, reflexionar acerca da nosa propia existencia. Este proxecto centrarémolo primeiramente na Atenas democrática do século V a. C. que acabamos de visitar fugazmente grazas a curiosa historia de amor entre Pericles e Aspasia. Mais agora imos desprazar o obxectivo da cámara cara a figura de Sócrates do cal xa falamos para saber da súa aportación esencial á oratoria e á filosofía. Observarémolo como símbolo da fin dun imperio que puido ser e que as loitas polo poder e as vicisitudes da guerra, mesmo a lamentable condea a morte do propio Sócrates van derivar de xeito irremediable nunha derrota e destrución daquela esplendorosa Atenas, da clásica e modélica. Tamén arrastrará ao declive a súa rival e aparente vencedora, a oligárquica Esparta e mesmo ao resto da Grecia Antiga. Contemplaremos entón como emerxen novas propostas efémeras de grandes imperios como a de Alexandre o Magno e como a historia de morte e destrución volve a repetirse ao longo dos tempos desta volta na figura de Hipatia, a derradeira filósofa grega que funcionará a modo de epílogo deste proxecto.
ATENAS DEMOCRÁTICA AMEAZADA POLO IMPERIO PERSA
A piques de rematar o século VI, Atenas era
unha simple cidade estado que fora gobernada por aristócratas e oligarcas, pero
tivo a sorte de atoparse coa Democracia como motor interno dun novo tempo para
a polis. O salto da reflexión da dialéctica filosófica e ao debate político
deuse naquel momento en Atenas grazas a personaxes como Clístenes que aplicou
aquela teoría filosófica dos contrarios no ano 508 a. C. reclamando a
“isonomía”, unha igualdade entre pobres e ricos ante a lei, un poder igual de
todos os cidadáns, fundamento da democracia.Enfrontouse e derrotou asíá
“timocracia” de Solón, é dicir, a exclusividade de dereitos en función da
riqueza ou da herdanza familiar (aristocracia). Foi Clístenes o que introduciu
tamén o ostracismo para impedir a volta dos tiranos.
Tamén tivo sorte Atenas na 1ª Guerra Médica ao outorgar a
Milcíades o mando do exército terrestre e que este se decidira atacar por
sorpresa en Maratón ás tropas persas de Darío, rei do imperio Persa, superiores
en número ás atenienses. A vitoria lograda con 6000 mortes persas fronte a 192
gregos provocou a retirada inimiga de inmediato.
A seguinte etapa vén da man de Temístocles que
aproveita as minas de pratapara defenderse en Exina, pero realmente preparar unha enorme flota que lle permitirá
no 480 a. C. afrontrar un novo ataque persa. A pesar de ser arrasada Atenas polos persas, Xerxes, o seu rei, pensándose seguro gañador caeu na falsas palabras simuladas dunha traición ateniense e envía ao estreito de Salamina a súa enorme flota, que vai ser destrozada polas trirremes de Atenas.Pero a
democracia ateniense, tras da segunda vitoria deu un primeiro aviso da súa debilidade ao enviar ao
ostracismo de Temístocles.
O ESPLENDOR DA ATENAS DE PERICLES, A POLIS DE SOFISTAS E DE SÓCRATES
Aquela vitoria contra un gran imperio deulle a Atenas e aos gregos pé a crear o seu propio imperio. Nace así a Liga de Delos 450 a. C. unha curiosa fórmula de dominio ateniense con máis de 200 estados aliados, un verdadeiro imperio. Un ano
despois chega a cidade Aspasia e no esplendor de Atenas esta muller será quen
de atoparse con filósofos e sofistas como Protágoras e con Sócrates. Como xa sabemos acabará sendo esposa de Pericles, o xefe político de Atenas cando este constrúe o
Partenón, o gran templo de Atenea en 15 anos e todo parece cambiar...
A Atenas foran chegando os filósofos e mestres de oratoria denominados sofistas, mestres para aprender a falar en público: nas asembleas políticas, nos xuízos e mesmo nos discursos públicos laudatorios na honra de cidadáns vivos ou mortos.
De novo podemos ver a influencia dos pensamentos e debates no teatro: Sófocles, amigo de Pericles levou a escena en 442 a.c. Antígona onde se plasma o relativismo dos sofistas, pero tamén a esencia dun discurso socrático. Sócrates que daquela tiña 25 anos asistiu con toda seguridade a algunha das 32 representacións desta traxedia que se realizaron na cidade. Lembremos que Aspasia tamén andaría por alí, quizás botándolle unha man a Pericles nos seus discursos. Pericles repudiara xa a súa primeira esposa, Agarista, no ano 445 a. C.
Lembra que Pericles usou ben os seus coñecementos oratorios para realizar en distintas ocasións e con distintos motivos discursos de gran transcendencia:.
Un discurso xudicial para defender a súa nova esposa no xuízo contra Aspasia acusada de corromper ás mulleres e de impiedade (posiblemente no 438 a.C.)
E un discurso político ante a Asemblea para convencer aos cidadáns para que aprobaran as súas propostas como a da posta en marcha da que coñecemos como a 2º Guerra do Peloponeso. Pericles no seu proxecto político foi capaz de
planificar a derrota do maior inimigo da Atenas democrática, que agora estaba en Grecia,
esa Grecia que ambicionaba dominar: a oligarquía de Esparta. Convence con frases como:
- "A
maior gloria lógrase superando os maiores perigos"
Logra que Atenas entre en guerra con Esparta, para defenderse e reclutar á poboación nun lugar libre de ataques por terra ordena que se levanten os Muros Longos entre Atenas e o seu porto o Pireo, para protexer aos seus dentro da cidade, asegurándose que unha flota abasteza á cidade. Era o 431 a.C. naquel inverno pronuncia o discurso laudatorio fúnebre na honra das vítimas tras un primeiro ano de guerra. Trátase dun discurso no que se declara defensor da Democracia. Constitúe
un orixinalísimo exemplo de conciencia ciudadá e un modelo de reflexión
política que amosa unha optimista confianza nas posibilidades do progreso e da cultura humana.
Todo parecía ir ben, pero aparece a peste un ano despois e Pericles morre a causa da pandemia no 429 a.c. Tucídides viviu
e describiu o discurso de Pericles e a lamentable situación posterior das xentes de Atenas nestes anos tras da aparición da peste na polis. Ese sería un segundo presaxio da morte do esplendor de Atenas... 1/3 da poboación morrería...
(Continuará)
CUESTIÓNS: Tras da lectura e ver o vídeo responde:
1- Que era o ostracismo?
2- Que son as Guerras Médicas? Que provocou a vitoria de Atenas?
3- Que é a Liga de Delos? Con que finalidade se constitúe?
4- A sofística ten algo que ver coa Democracia en Atenas?
5-Que relación ten a Antígona de Sófocles coa dialéctica da época?
6- Procura os temas e algunha cita dos discursos de Pericles.
7- Indaga canto cobraba Sócrates polas súas leccións e como as realizaba.
8- Explica o método dialéctico de Sócrates: Que era a maiética?
9- Para saber máis: Que pasa tras da morte de Pericles? Podes ler as seguintes liñas:
Atenas permanece orfa sen un novo líder e tampouco terá na guerra contra Esparta a mesma fortuna de tempos atrás. Mesmo uns xenerais atenienses vitoriosos ao non recoller os cadáveres dos caídos nunha batalla naval, serán xulgados e condeados á morte (a beber a cicuta) sendo Sócrates o único cidadán de toda a asemblea que se opuxo á pena capital que reclamaba unha masa cega que votou. As novas campañas militares resultan ser un desastre que dirixen antigos discípulos de Sócrates (Alcibíades e Nicias). Sócrates tiña unha posición crítica ou incómoda para os malos gobernos democráticos que se sucedían (pensaba que os que políticos deberían ser persoas máis sabias, con maiores virtudes) e finalmente houbo un intento de golpe de estado de carácter oligárquico, denominado o dos 30 tiranos, entre os que estaba tamén un ex-discípulo socrático. Cando se volve a recuperar a Democracia en Atenas, Sócrates conta cun bo número de inimigos como veremos en detalle na seguinte entrada.