luns, 29 de febreiro de 2016

A NOSA ODISEA PARTICULAR

Tras dez longos anos dunha guerra interminable os gregos conseguen tomar Troia mediante a famosa idea do cabalo de madeira, idea de Odiseo, deixando na porta simplemente un cabalo de madeira no que un grupo de gregos se agochan, finxindo que abandonaran a guerra e que o cabalo era un agasallo ou ofrenda aos deuses e símbolo de rendición. Cando os troianos se emborrachan e cae a noite, dormen trala celebración do seu suposto triunfo. Entón os gregos agochados no seu interior saen do cabalo, abren as portas ás súas tropas que matan a todos os troianos, destrúen e incendian a cidade.

Tras da caída de Troia na épica grega de Homero e noutros relatos mitolóxicos teñen gran presenza os regresos da guerra a Grecia. O regreso de Agamenón e de cada un dos heroes que remataron vivos a contenda, mesmo de Helena e de Menelao. Unha gran parte dos relatos mitolóxicos axiña van ser obxecto de diversas versións que logo servirán para darlle pulo a un novo xénero que vai nacer na Grecia Arcaica, pero que se desenvolverá plenamente na Clásica. Falamos do Teatro.

Mais antes de ir na procura das orixes deste xénero e das creacións máis espectaculares dos autores gregos debemos rematar esta parte do curso dedicada á Épica traballando con dúas obras universalmente coñecidas e de gran repercusión na literatura posterior. Referímonos á Odisea de Homero que fala do dilatado regreso de Ulises a Ítaca e, por outra banda, a Eneida do autor latino Virxilio que relata a fuxida do heroe troiano Eneas na procura dunha nova terra onde asentarse. Esta última obra vainos levar ás orixes de Roma, outra das cidades clásicas por excelencia.



A NOSA ODISEA PERSOAL

No libro de texto na páxina 50, actividade 4, podes atopar un resumo da vida deste heroe que recomendamos leas antes de comezar a túa propia Odisea para o que debes responder ás seguintes cuestións:

1- Unha cuestión previa sobre o seu cabalo é saber quen era Laoconte e por que unha serpe mariña lle vai atacar. Observa a imaxe deste adiviño desafortunado e conta que lle sucedeu..

Vaiamos logo informándonos da razón pola que Odiseo non chegará ao seu reino canda os outros caudillos gregos. Quen ocasiona o seu retraso? Por que motivo?

2- A Odisea de Homero pode dividirse en tres partes:

-Telémaco na procura do seu pai (cantos I-IV)
-Odiseo no país dos Feacios (cantos V-XII)
-O retorno a Ítaca.(cantos XIII-XXIV)

A primeira parte da Odisea transcorre en Ítaca, quen a protagoniza? Procura redactar o teu propio resumo destes primeiros cantos ( I - IV). Estas preguntas poden axudarte:

Quen é Telémaco? Que deusa lle convence para ir na procura de novas sobre o seu pai?

Quen mantiña retido ao seu pai nunha illa? (Podes atopar unha resposta no canto V no diálogo inicial entre os deuses). 

Que problema había en Ítaca ante a ausencia prolongada de Odiseo?


AS AVENTURAS DE ODISEO

3- Entrando na segunda parte da Odisea, enumera as aventuras de Odiseo antes de residir na illa de Calipso e que son narradas por el mesmo estando no país dos Feacios. 
Quen é Nausícaa? ver canto VI

4-Sobre o CANTO VIII

En que lugar se encontra Odiseo?
Como se chaman os seus habitantes?
Cal é o epíteto ou fórmula con que se acompaña a este xentilicio?
Como se chama o rei deste lugar?
Que deusa lle axuda baixo apariencia mortal?
Que xogos contempla Odiseo?
Participa nalgunha competición?

Neste canto Homero lembra por boca dun aedo os amores adúlteros de dous deuses (narra ti esta historia brevemente).

Que agasallos recibe Odiseo?
Despois do baño con que personaxe feminino se atopa e fala? Que lle agradece?

Logo canta o aedo. Que levan os teucros a súa agora?

Alcinoo observou a Odiseo chorar e súplicalle que lle diga que cousa?

5- No canto IX Odiseo di:

"Que cousa relatarei en primeiro termo e cal en último lugar, sendo tantos os infortunios que me enviaron os celestiais deuses? Primeiro, quero dicirvos o meu nome para que o saibades, e en adiante, despois que me librar do día cruel, sexa eu o voso hóspede, a pesar de vivir nunha casa que está moi lonxe. Son Odiseo Laertíada, tan coñecido dos homes polas miñas astucias de toda clase."

Que relata o heroe a seguir?
Que pasa cos cicóns e cos lotófagos?

Cal é a terceira aventura?
Quen é Polifemo? Cantas naves había?
De onde sacaran o viño?
Cando aparece Polifemo e que desastre provoca antes de quedar durmido?
Porque nese intre non o mata Odiseo?
Ao día seguinte que ocorre?
Como di chamarse Odiseo ante Polifemo?
Como saen finalmente da cova?
Cal é o designio final de Polifemo?


6 -Sobre o Canto X
Quen é Eolo? Resume os encontros con Eolo e o seu resultado diverso.
Quen é a maga que coñece a continuación?
Que lle ocorre a algúns dos compañeiros de Odiseo?
Como consegue o noso heroe saír desta difícil situación?

Quen lle di estas palabras?

«"Fillo de Laertes, de linaxe divino, Odiseo rico en ardides, non permanezades máis tempo no meu palacio contra a vosa vontade. Antes tedes que levar a cabo outro viaxe; tes que achegarte á mansión de Hades e a terrible Perséfone para pedir oráculo á alma do tebano Tiresias, o adivino cego, cuxa mente aínda está inalterada. Pois só a este, incluso morto, concedeu Perséfone ter conciencia; que os demais amósanse como sombras."

7-Sobre o canto XI.
Cara a que lugar se encamiña?
A quen busca neste lugar?
Este personaxe dálle dúas opcións ao futuro da súa tripulación? cales son e de que depende un resultado ou o outro?

Odiseo que lle pregunta a súa nai naquel lugar?

Tamén está alí Agamenón, que é o que este lle narra a Odiseo?

E Aquiles, que lle conta ao rei de Ítaca?




8- Sobre o canto XII
Unha aventura moi coñecida de Ulises é a das sereas. Procura saber como sucedeu.
Neste canto se contan catro aventuras máis que deberás relatar brevemente. 
As imaxes que aparecen a caron deste texto que aventura cres que representan:





O DESENLACE DA ODISEA, O REGRESO A ÍTACA

9- Na terceira parte da Odisea: Como logra Penélope dilatar a elección dun novo esposo entre os pretendentes que a rodean?

10- Que deusa lle axuda a Odiseo a non ser recoñecido polos seus en Ítaca?
Pero que tres personaxes e que animal o recoñecen e como lle axudan na súa vinganza?

11- Como remata finalmente cos pretendentes de Penélope?



12- Finalmente repara no tema dun poema do século XX do poeta grego Kavafis titulado Ítaca,tras da súa lectura resume coas túas palabras o que cres que nos quere comunicar o seu autor:




DA ÉPICA DE HOMERO AO CINEMA

O TEMA CENTRAL NAS PELÍCULAS
Os textos homéricos foron a base de varias películas que viñan escollendo como tema central o do rapto de Helena, ao resultar un motivo máis literario, o argumento mitolóxico do asedio da cidade de Troia. Era pois a idea central á hora de narrar na pantalla a Guerra de Troia nas versións máis antigas.

Pero como sabemos o tema central da Ilíada de Homero non é outro que a cólera de Aquiles, razón pola que deixa de pelexar ata que, tras a morte de Patroclo, volve á guerra e mata ao principe troiano Héctor. A última versión de Hollywood, a do 2004, Troia de W. Petersen achégase un tanto máis á intención de Homero ao escoller como fío condutor da mesma a Aquiles, pero se permite certas liberdades que máis abaixo analizaremos.
.
 O FINAL DA GUERRA NA PELÍCULA DE TROIA
 O final desta película é un dos momentos máis criticables da mesma ao ser pouco respectuoso coa versión de Homero e dos relatos mitolóxicos que se nos conservaron.

A Ilíada de Homero remata cos funerais de Patroclo e de Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.

Será outro libro de Homero, A Odisea e outros textos posteriores como A Eneida de Virxilio, autor latino,  polos que saberemos como foi conquistada Troia.

7 DIFERENZAS BÁSICAS ENTRE A MITOLOXÍA E A PELÍCULA

Para a gran maioría dos alumnos/as que viron a película e para evitar confusións relatamos a seguir as 7 principais diferenzas entre a versión do cinema e a que a mitoloxía tradicionalmente ofrece:

1ª Aínda que se basa na Ilíada na película o asedio parece só durar varios días, Homero di que foron 10 longos anos.

Na película faltan todos os deuses, agás Tetis.

En Homero apoian aos gregos: Atenea, Hera, Poseidón, Hermes, Hefesto e Tetis
Apoian aos troianos; Afrodita, Ares, Apolo, Artemisa, Leto, Escamandro.

 

Morren personaxes que Homero nunca matou como Menelao ou Agamenón. Sobre Menelao podes ver o que dixemos sobre os cantos III e IV. De Agamenón debemos saber que non morre en Troia. Volve a Micenas con Casandra, a filla de Príamo, como escrava troiana.


Faltan personaxes femininas como Criseida, escrava de Agamenón ou Hécuba e Casandra, a raíña de Troia e a súa profética filla.

Patroclo se cadra non era curmán de Aquiles.

O Paris da mitoloxía morre na guerra, na película sálvase.


Aquiles na mitoloxía nunca estivo no cabalo de madeira, e morre antes de que os gregos entren en Troia.

Non entendemos como os guionistas da película TROIA do 2004  non respectaron elementos tan substanciais das tramas homéricas e  sementan a confunsión nos espectadores que pretendan coñecer a través do cinema a mitoloxía. Debemos logo distinguir ambos e saber que existe esa tendencia a modificar de tal xeito os relatos da antigüidade clásica. 

 Lembra: Le a reseña no libro de texto na páxina 35. Logo podes ler na páxina 36, na actividade número 3, un resumo da vida de Aquiles tal e como a narra a mitoloxía.





martes, 23 de febreiro de 2016

SELECCIÓN DE TEXTOS DA ILÍADA DE HOMERO

 PARA FAMILIARIZARSE COA LINGUAXE DA ILÍADA:
LOCALIZAR E LER NA ÍLIADA: 
Canto I: Enfrontamento entre Agamenón e Aquiles por Briseida.
Canto II ao X: Combates Menelao e Paris,  Aiax e Héctor.
Canto XI: Avance troiano. Néstor prégalle a Patroclo para que Aquiles volva á guerra.
Cantos XII ao XVI: Enfrontamento Héctor e Patroclo.

Cantos XVII ao XXIV: Combate de Aquiles contra Héctor. Encontro do Pélida Aquiles con Príamo.

SOBRE OS DEUSES NA GUERRA DE TROIA:
Os deuses non están ausentes (como na versión do cinema da Troia de 2004). En Homero os deuses, como veremos, están presentes na acción narrativa como calquera outro personaxe:

Os deuses  que están a favor dos gregos:
Atenea
Hera
Poseidón
Hermes
Hefesto
Tetis

En Homero apoian aos troianos:
Afrodita
Ares
Apolo
Artemis
Leto
Escamandro
 Veremos a continuación un anaquiño do canto IV

Combate Menelao e Paris: 


    " E brandindo a longa lanza, acertou a dar no escudo liso do Priámida. A inxente lanza atravesou o terso escudo, cravouse na labrada coiraza e rachou a túnica sobre a perna. Inclinouse o troiano e evitou a negra morte. O Átrida sacou entón a espada adornada de arxénteos cravos; pero ao ferir ao inimigo na á do casco, caéselle da man, rota en tres ou catro anacos. Suspira o heroe, e alzando os ollos ao extenso ceo, exclama:


— Pai Zeus, non hai deus máis funesto ca ti! Esperaba castigar a perfidia de Alexandre, e a espada quebra nas miñas mans, a lanza resulta inútil e non consigo vencer.


Di e arremetendo a Paris, cóllelle polo casco adornado con espesa crinas de cabalo e arrástrao cara aos aqueos de fermosas grebas, medio afogado pola bordada correa que, atada por debaixo da barba para asegurar o casco, abafáballe o delicado pescozo. E sería levado, conseguindo inmensa gloria, se non o advertise Afrodita, filla de Zeus, que rachou a correa, feita do coiro dun boi degolado: o casco baleiro seguiu a robusta man, o heroe volteouno e botoullo aos aqueos, de fermosas grebas, e os seus fieis compañeiros recollérono. De novo asaltou Menelao a Paris para matalo coa lanza de bronce; pero Afrodita arrebatou ao seu protexido con gran facilidade, por ser deusa, e levouno, envolto en densa néboa, ao recendente e perfumado tálamo. Logo foi a chamar a Helena, atopándoa na alta torre con moitas troianas; tirou suavemente do seu perfumado veo, e tomando a figura dunha anciá tecelá que en Lacedemonia lle preparaba a Helena fermosas teas e era moi querida de esta."

Afrodita tras salvar a Paris dunha morte segura a mans de Menelao, lévao xunto a Helena tras das murallas. Esta chama covarde a Paris e dille:

— "Vés da loita... E deberías perecer a mans do esforzado varón que foi o meu anterior marido!  Dicías  ser superior a Menelao, caro a Ares en forza  y no uso da lanza; pois provócalle de novo a singular combate. Pero non:  mellor que desistas, e non queiras pelexar nin contender temerariamente co loiro Menelao; non sexa que axiña sucumbas, ferido pola súa lanza.
Contestou Paris:
Muller, non me botes en cara amargas críticas. Hoxe venceu Menelao co auxilio de Atenea; outro día  vencereille  eu, pois tamén temos deuses que nos protexen."

CUESTIÓN. A TÚA SELECTA: Escolle dous dos momentos que se indican arriba na trama da obra de Homero e localiza os textos na Ilíada como acabamos de facer co combate de Menelao e Paris para transcribilos no teu diario.

MICENAS Á CONQUISTA DE TROIA


Os espazos de Homero.  O lugar de nacemento de Homero, non está moi claro xa que reclaman ser este lugar Quíos, Esmirna, Colofón, Atenas, Argos, Rodas Salamina, Pilos, Cumas e Ítaca.
Conflúen na súa biografía lenda e realidade. Nacera no 700 a. C.(século VIII a. C.) logo uns 400 anos despois da Guerra de Troia que cantou na Ilíada. Din que era cego e son moitos os que pensan que nunca existiu, pero o relato dunha guerra na que se embarcaron todos os gregos a causa do rapto de Helena por parte de Paris, un príncipe troiano.

MICENAS, capital dos Aqueos, que era o primeiro pobo grego que se asentara no Peloponeso O seu rei Agamenón era o irmán do esposo de Helena, princesa de Esparta, Menelao. Este vaille pedir axuda ao seu poderoso irmán para recuperar a Helena. Estas son as razóns mitolóxicas que provocan a guerra de Gregos contra troianos.

Cidadela de Micenas, reino de Agamenón, rei dos Aqueos.


OS VERDADEIROS MOTIVOS  DUNHA GUERRA CONTRA TROIA
 A situación estratéxica de Troia, será unha fonte de riqueza inicialmente para esta cidade e, logo, inevitablemente  motivo de conflitos cos veciños hititas ou cos aqueos (o primeiro do  pobos gregos) que ambicionan facerse co control da cidade de Príamo, rei dos troianos. Troia era un lugar estratéxico porque dominaba os tributos da entrada ao mar interior polo estreito dos Dardanelos cara ao Mar Negro, unha das rutas comerciais máis transitadas na época.


AS 1000 NAVES GREGAS
Para que as naves puidesen partir cara a Troia, Agamenón tivo antes que reunir a todos os reis gregos que foran pretendentes de Helena e que xuraran vingar a Menelao, o seu esposo, no caso que algo ocurrira a aquel matrimonio. Helena, debido a súa beleza, xa fora raptada por Teseo sendo unha nena. Lograda a súa volta a Esparta, como era pretendida por moitos reis gregos, para impedir desputas entre eles, o astuto Odiseo propuxo a Tindáreo, o pai mortal da rapaza e rei de Esparta, un sorteo no que se escollese ao seu marido. Ademais do sorteo acordouse realizar un xuramento co compromiso de ser respectado por todos os reis gregos alí presentes. O xuramento comprometía a todos os pretendentes a que se, unha vez realizado o sorteo, o esposo que lle tocase en sorte tiña algún problema no matrimonio, deberían ir en axuda do marido de Helena.

Esta situación foi aproveitada por Agamenón, rei de reis e soberano de Micenas, para convocar aos gregos a unha guerra contra Troia, tras do rapto de Helena por parte do principe troiano, Paris. Pero Agamenón tivo dous problemas antes de lograr partir cara ás costas de Troia.

Cuestión: Investiga cales son estes graves problemas para zarpar e cómo os soluciona. Como pista daremos tres nomes: Odiseo, Aquiles e Ifixenia.



De todos os lugares da Grecia dominada polos aqueos sairían finalmente centos de naves cara a Troia, segundo conta Homero no canto II da Ilíada.

Troia, a cidade de Príamo, fortemente amurallada.

domingo, 14 de febreiro de 2016

LENDO A ILÍADA DE HOMERO (I)

Por que a Ilíada de Homero comeza no noveno ano de asedio da cidade de Príamo?

O seu tema central será:  a cólera de Aquiles !
Así comeza  A Ilíada de Homero: Estamos xa no noveno ano do asedio da cidade de Troia.

Canta, oh deusa, a cólera do Pelida Aquiles; cólera funesta que causou infinitos males aos aqueos e precipitou ao Hades moitas almas valorosas de heroes, aos que fixo présa de cans e das aves de rapina —cumpríase así a vontade de Zeus —desde que se separaron disputando o Atrida, rei de homes, e o divino Aquiles..
Cal dos deuses promoveu entre eles a contenda para que pelexaran? O fillo de Zeus e de Letó. airado co rei, suscitou no exército maligna peste e os homes perecían pola ultraxe que o Atrida infrinxiu ao sacerdote Crises. Este, desexando redimir a súa filla,  presentouse nas rápidas naves aqueas cun inmenso rescate e as ínfulas do frechador Apolo que pendían de áureo cetro, na man; e a todos os aqueos, e particularmente aos dous Atridas, caudillos de pobos, así lles suplicaba:

 —¡Atridas e demais aqueos de fermosas glebas! Os deuses, que posúen olímpicos palacios, os permitan destruír a cidade de Príamo e regresar felizmente á patria. Poñede en liberdade a miña filla e recibide o rescate, venerando ao fillo de Zeus, ao flechador Apolo.
 Todos os aqueos aprobaron a voces que se respectase ao sacerdote e se admitira o espléndido rescate: mais o Atrida Agamenón, a quen non agradou o acordo, enviándolle de malas formas con ameazadora linguaxe:
 —Que eu non te atope, ancián, cerca das cóncavas naves, xa porque demores a túa partida, xa porque volvas logo; pois quizás non che vaian o cetro e as ínfulas do deus. A ela non a soltarei; antes lle chegará a vellez na miña casa, en Argos, lonxe da súa patria, traballando no tear e compartindo o meu leito. Pero vaite; non me irrites, para que poidas irte san e salvo.
 Así dixo. O anciá sentiu temor e obedeceu o mandato. Sen despregar os labios, foise pola beira do estrondoso mar, e en tanto se marchaba, dirixía moitos rogos ao soberano Apolo, fillo  de Letó, a de fermosa cabeleira:
—Óeme, ti que levas arco de prata, protexes a Crisa e á divina Cila, e imperas en Ténedos poderosamente! Oh Esmintio! Se algunha vez adornei o teu agraciado templo ou queimei no teu honor grosas coxas de touros ou de cabras, cúmpreme este voto: ¡Paguen os dánaos as miñas lágrimas coas túas frechas!
 Tal foi a súa pregaria. Oíndoa Febo Apolo, e irritado en su corazón, descendeu dos cumios do Olimpo co arco e o cerrado carcax ás costas; as setas resoaron sobre os ombreiros do anoxado deus, cando comezou a moverse. Ía parecido á noite. Sentouse lonxe das naves, tirou unha frecha, e o arco de prata deu un terrible estalido. Ao principio o deus disparaba contra as mulas e os áxiles cans; logo dirixiu as súas mortíferas setas aos homes, e continuamente ardían moitas piras de cadáveres.
 Durante nove días caían sobre a tropa as frechas do deus. No décimo, Aquiles convocou ao pobo para unha xunta: púxollo no corazón Hera, a deusa dos níveos brazos, que se interesaba polos dánaos, a quen vía morrer. Acudiron estes e, unha vez reunidos, Aquiles, o dos pés lixeiros, ergueuse e dixo:
—¡Atrida! Creo que teremos que volver atrás, indo outra vez errantes, se escapamos da morte; pois se non, a guerra e a peste unidas acabarán cos aqueos. Mais, ea, consultemos a un adiviño, sacerdote ou intérprete de soños —tamén o soño procede de Zeus— para que nos diga por qué se irritou tanto Febo Apolo: se está queixoso con motivo de algún voto ou hecatombe, e se queimando como agasallo graxa de cordeiros e de cabras escollidas, quererá apartar de nosoutros a peste..."


DESPOIS DE LER...

Despois de ler os primeiros versos do Canto I da Ilíada, xa podemos ir analizando o estilo con que están escritos, por exemplo, reparar nas denominadas fórmulas épicas ou epítetos que con cada nome se van repetindo:

Aquiles será:  O Pélida Aquiles, o divino Aquiles e Aquiles, o dos pés lixeiros por que cres que recibe estes epítetos? 

Procura a continuación saber quen son:
Aqueos:                                                                             Dánaos:
Hades:
Zeus:
Atrida, rei de homes                             e os dous Atridas?

Quen é Príamo:
O fillo de Zeus e Leto:                                      por que era o frechador?:


Crises, sacerdote de Apolo solicita a cambio dun rescate a  devolución da súa filla Criseida, escrava de Agamenón
De que deus é  sacerdote  Crises:                                                Como se chamará a súa filla?
Que querían facer coa filla do sacerdote  os aqueos:                                      
 Pero que quería Agamenón, o seu rei?
 Cal era o trato que lle esperaba a unha muller botín de guerra?
Cal foi a reacción de Crises?

Febo Apolo (cal é a orixe destes dous nomes do deus)?                                  E Esmintio?

Que é o Olimpo:
Un sinónimo de frecha que empeza por s-

Pira vén do grego pur e significa:

Quen era Hera, a deusa dos níveos brazos:

 Con que bando estaba na Guerra de Troia que duraba xa nove anos?

Xa levaban nove días de peste e matanzas.
Quen convoca unha asemblea? 
                         
Por que razón vai a encolerizarse Aquiles? Se cadra para respostar tes que seguir lendo o Canto 1 . Para seguir lendo o canto 1.

Agamenón quítalle a escrava Briseida a Aquiles, quen  logo se negará a pelexar  contra os troianos.

Os  aqueos discuten logo por unha escrava que  en realidade  son dúas!



A TROIA DA ARQUEOLOXÍA

Imos traballar sobre a realidade arquoelóxica e histórica de Micenas e de Troia para así interpretar  logo o mito da Guerra de Troia coas claves antropolóxicas e literarias que ten.



Un documental da BBC realizado pouco antes da estrea nos cines da última versión de Hollywood sobre este famoso evento, pode servirnos de punto de partida para esta pequena investigación. Homero din que viviu no 700 a.C. (século VIII a,C.) cando xa pasaran uns 400 anos da que, segundo os arqueólogos, puido ser a famosa guerra de Troia (arredor do 1200 a.C.):



Intenta respostar, tras ver o documental  a tres dilemas que se planteou a Arqueoloxía sobre Troia:

1º Existiu realmente Troia? Esta antiga cidade foi localizada no século XIX, tras perdérselle a pista durante séculos e crer que era unha cidade ficticia inventada por Homero. Quen levou a fama desta reaparición de Troia? Foi H.Schliemann. Pero como o logrou? Que outras excavacións de importancia fixo? O tesouro que el chamou de Príamo, rei troiano, ou a máscara de Agamenón, rei grego de Micenas, pertenceron realmente a estes personaxes? Que dúbidas lle quedaron por resolver tras da súa escavación en Troia?



Carl Blegen
2º Tivo lugar realmente a guerra de Troia? Foi Helena o seu motivo? Parece ser que outro arqueólogo, Carl Blegen nas súas excavacións de 1932-1938 axudou a respostar á primeira pregunta ao atopar os niveis VI e VII de Troia. Que datos aportasobreestes niveis?.

 Pero serían escavacións máis recentes as do ano 1992 as que aportan datos máis clarificadores sobre unha posible guerra de Troia, a descuberta dunha cidade de dimensións máis grandes e acordes coa que aparece nos textos de Homero. Lembra os datos do documental visto para responder a estas preguntas.
A Troia descuberta nos anos 90 pola arqueoloxía.
Serán  de orixe grega estas frechas atopadas en Troia no nivel VI? 

3º Existiron realmente Helena, Menelao, Agamenón, Aquiles, Príamo ou Paris? Parece ser que os estudos dos textos Hititas xunto con datos arqueolóxicos ofrecen información sobre algúns destes personaxes. Nestes textos tanto a cidade de Troia que aparece baixo a denominación hitita de Wilusa (que transcrito ao grego daria Ilios ou Ilión, nome co que se denomina Troia. Lembra que o poema homérico chámase precisamente A Ilíada, porque narra unha parte da guerra de Ilión). Tamén aparece un rei denominado Alaksandu, que ben podería ser Alexandre, é dicir, o outro nome de Paris. Mesmo citan aos seus inimigos o rei de Ahijawa (que podería ser Acaia, é dicir os aqueos, unha das denominacións dos gregos).

Finalmente no documental aparecen tres hipóteses sobre o cabalo de Troia:
1- A que fose certo o mito, unha trampa de Odiseo.
2- A que sexa unha metáfora dun terremoto, Poseidón era o deus do mar e dos terremotos, cuxo animal é o cabalo.
3- A que sexa unha arma de asalto en forma de cabalo que permitira entrar en Troia aos gregos.








PARA SABER MÁIS podes ver outros documentais: A verdadeira historia sobre Troia ou se o prefires estoutro, menos interesante e centrado máis no contido da Ilíada de Homero e titulado: Troia, mito ou realidade?