Amosando publicacións coa etiqueta ESPAZOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ESPAZOS. Amosar todas as publicacións

domingo, 22 de setembro de 2024

O ESPAZO DA CULTURA CLÁSICA E ACHEGAMENTO AO MITO




 "Unha persoa é culta cando é capaz de escoitar ao outro e

  ás voces da natureza da que forma parte" Eduardo Galeano


Somos cultos ao integrar no eu ao outro e á natureza na que vivimos e da que nos alimentamos como persoas. Logo esta cuestión do ser implica unha comuñón co espazo e coa comunidade na que nacemos. Cal é o espazo da Cultura Clásica? Poderiamos pensar que Grecia e Roma, pero non, o espazo é maior. É toda Europa e tamén aquel lugar do Mediterráneo oriental onde naceu a princesa que deu nome ao continente. Imos comezar logo por debuxar ese espazo para achegarmos ao mundo antigo para logo introducirnos nunha das creacións máis orixinais e impactantes dos gregos: O mito. 

ACTIVIDADE: O primeiro exercicio que propoñemos é debuxar a Europa que coñecemos incluíndo o mar Mediterráneo coas súas penínsulas: Ibérica, Itálica, Grega, Turquía... poñamos un interese especial na zona oriental deste das terras que bañan este mar.   

O ESPAZO DA CULTURA CLÁSICA

INTRODUCIÓN Á MITOLOXÍA

QUE VÉN SENDO UN MITO?

domingo, 8 de maio de 2016

COMO ERA OLIMPIA

Olimpia, o berce dos Xogos onde os gregos competirán entre iguais para manifestar a súa diferenza, está situada na rexión da Élide no noroeste da península do Peloponeso, cuxa capital, Elis acollía aos atletas uns meses antes do inicio das competicións, que se celebraban no recinto sagrado do Altis ao pé do monte Crono, na confluencia dos ríos Cladeo e Alfeo.

Grecia é un país montañoso, chea de accidentes naturais e vales profundos. Esta complexa xeografía e as distintas invasións de tribos procedentes do norte e de orixe indoeuropea, propiciaron a formación de rexións diferenciadas e facilitaron a existencia de diversas cidades estado ailladas, chamadas “polis”.  Estas cidades-estado, a pesar de falaren grego e ter unha relixión común, mantiñan entreelas fortes diferenzas e frecuentes conflitos, de aí a importancia da coñecida como tregua da paz que propiciaban as Olimpíadas que se celebraban a cada catro anos no santuario de Olimpia.  A este lugar que permanecía practicamente baleiro nos longos períodos nos que non había competicións, acudían nunha especie de romaría dende todas as polis gregas dispostas a competir. Unha copiosa delegación de deportistas, artistas e gobernantes, ademais dun numeroso público realizaba camiño cada a Élida cada Olimpíada .



COMO ERA OLIMPIA?

Podemos dividir en dous grandes grupos os edificios que, segundo a súa orixe, tras escavacións arqueolóxicas sabemos que houbo en Olimpia. Correspóndense aos diversos momentos de apoxeo dos Xogos, fundamentalmente do período arcaico ao clásico e xa no clásico da Olimpia máis xenuína e logo outras aportes macedonios, helenísticos ou romanos que responden a evolución das Olimpíadas onde se observa unha clara profesionalización dos atletas e unha utilización política de Olimpia, como por exemplo fixeron os romanos que lle serviu ao imperio como símbolo do seu poder internacional. Se atendemos ao seu uso destacan os edificios de utilización relixiosa ou para a organización e elementos ornamentais situadas no recinto do Altis e, por outro lado, as instalacións deportivas que están fóra do bosque sagrado.


FÓRA DO ALTIS, O RECINTO SAGRADO

1-Ximnasio (II a.C.)
Edificio retangular, a carón do río Cladeo, de catro galerías de columnas de estilo dórico. Servía de lugar de entrenamento dos atletas que participaban en competicións coma o lanzamento, o disco e as carreiras( unha galería media un estadio).

2-Palestra ( III a.C.)
Era o lugar de adestramento do dos atletas da loita(palé) e tamén de salto. Era cadrada conformada
por un patio rodeado por galerías de columnas dóricas adecuadas para o entrenamento dos atletas. Tiña anexas salas para untarse de aceite e area e para as clases teóricas ou reunión de oradores. Había tamén un estanque de 1,40 de profundidade para o baño frío.
5-Theikoleon ( V a.C.)
Trátase dun edificio rectangular con habitacións arredor dun patio central que servía de sede para os Theikoloi, sacerdotes de Olimpia e os seus axudantes


8-Leonideon ( 159 d.C.)
Era un hostal para hospedar ás delegacións oficiais nos xogos. Tiña dúas plantas, composto por un patio central rodeado por unha columnata doria con 44 columnas nos seus lados interiores e de habitacións que daban ao patio. Na súa parte exterior o edifico enteiro estaba rodeado por unha columnata xónica.

19-A Boulé ou Bouleutirion ( VI a.C.)
Edificio de 4 partes de distintas tendencias arquitectónicas. Servían de sede a Boulé do Consello Olímpico Helénico.


OUTROS LUGARES FÓRA DO ALTIS

3 e 4-Baños helénicos e piscina
6-Obradoiro de Fidias, escultor da estatua de Zeus.
7-Hostal de época romana.
17 e 30- Baños meridionais e orientais.
18 -Galerías de columnas ( mercado)
25- Columnata canda o hipódromo.
26- Mecanismo de saída de carros.
27- Altar de Taraxipo do hipódromo
28-Golfiño.
29-Estatua de Hipodamía no hipódromo.
31-Meta do hipódromo.
32- Hipódromo destruído polas inundacións do río Alfeo.
33- Tribuna dos árbitros no estadio.
34- Altar de Deméter no estadio.
35- A evolución do estadio I, II e III.


9-Pritaneion (V a.C.)
Aquí celebrábanse os banquetes aos vencedores. Na parede do interior había semicolumnas corintias e no fondo do sikos había unha tribuna, altar de Hestia, semicircular, co lume que nunca se apagaba. Había moitas habitacións e un patio peristilo. Era o centro cultural do santuario que sufriu numerosas modificacións e extensións.

11-Templo de Hera (VII a.C.)
Un templo dórico de 6 X16 columnas onde había estatuas Hera sentada no trono e Zeus ao seu carón. Aquí estaba o disco de Ifito co texto da Tregua Sagrada e multude de estatuas entra as que se atopou a de Praxíteles Hermes con Dioniso. Tras unha escalinata interior estaba o templo máis antigo de Olimpia, o de Gaia, a deusa nai.

13-Gran altar de Zeus (VI a.C.) Estaba rodeado dunha tapia de pedra, conformado pola cinza acumulada de sucesivos sacrificios de animais (hecatombe) e da fogueira do Pritaneion. As chuvias fixeron que iso se esparcise. Dicíase que entre o altar e o templo de Zeus había un piar do antigo pazo de Enómao.

14-Pelopeion (VI a.C.)
Un monumento co estatua do heroe Pélope e un altar onde sacrificaban un carneiro negro en honor dun fundador dos Xogos en Olimpia.

15-Templo de Zeus ( 470 a.C.) O templo, corazón neurálxico das Olimpíadas.

22-Tesouros (VI a.C.)
Encóntrase nun terraplén do monte Cronio. Trátase de pequenas edificacións en forma de templo con dúas columnas na fachada que gardaban valiosas ofrendas das cidades.


OUTROS ESPAZOS DENTRO DO ALTIS

10-Filipeion cosntruído por Filipo, con estatuas de ouro súas, da súa esposa Olimpíada e de Alexandro.
12- Ninfeon, edificio de época romana, acueducto do santuario con fontes e estatuas votivas.
16-Entrada pola rúa da “Pompa” (do desfile) ao recinto sagrada do Altis.
20-Metroon (Rexistro de competidores)
O lugar onde estaba o rexistro era un templo dórico consagrado ao culto da nai dos deuses, Rea ou Cibeles, posiblemente un dos máis antigos do recinto. Na época romana foi transformado no templo de Augusto e dos emperadores romanos.
21-Zanes (16 estatuas consagradas das multas impostas polos Heladínicos postas para dar exemplo na entrada ao Estadio.
23- Estoa ou galería de Eco, de época macedonia, decorada con frescos, onde secelebraban o concurso de heraldos e trompetistas.
24- Santuario da deusa Hestia.

A EVOLUCIÓN DOS ESPAZOS DE OLIMPIA












luns, 28 de marzo de 2016

Delfos: antes e despois do santuario de Apolo

Existen multitude de santuarios na Antiga Grecia, pero poucos como Delfos, que foi especialmnete popular na Grecia Arcaica e Clásica, como veremos, pero que xa antes era un lugar de referencia relixiosa ao albergar a outro tipo de deuses.


ANTES DE SER SANTUARIO DE APOLO

 Pitia (en grego antigo:Πυθώ -οῦς (ἡ) era seguramente o nome deste espazo onde se adoraba a Gaia ou Xea,  a deusa Nai. Naquel lugar dise que era o centro do mundo, ou o embigo (ónfalos) posto que alí se cruzaran dúas aguias mandadas por Zeus desde os estremos do Terra e unha delas deixara caer a pedra que a súa nai Rea lle dera a Cronos en lugar do pequeno e que o propio Zeus lograra que seu pai vomitara xunto aos seus irmáns para poder facerse co poder do Cosmos.

O ónfalos de Delfos, a pedra que Cronos tragou e logo devolveu.

Din que para gardar este santuario Xea colocou nel a un dragón ou serpe xigante chamada Pitón. Un culto de carácter matriarcal que se mantivo e que segundo Esquilo conta pasarían logo a rexentar Temis, a titánide que enxendraría con Zeus as Horas e as Moiras. Máis tarde sería Febe, outra titánide, a quen se lle rendía culto. Deste culto asociado a deusas derivará a figura da Pitia, unha sacerdotisa muller.



O ORÁCULO DA PITIA



A Pitia, unha muller sacerdotisa parece ser unha figura máis antiga que os sacerdotes homes que se instalarán posteriormente co comenzo do culto a Apolo. Esta sacerdotisa realizaba un curioso ritual adivinatorio que consistía segundo parece en realizar anuncios premonitorios ou agoiros tras entrar en transo, a causa dunha emanación de vapores que procedían dunha fenda na terra situada no interior do templo.








A CHEGADA DE APOLO


Unha das historias máis coñecidas dos numerosos amores de Zeus é a da súa relación coa titánide Leto, filla de Febe, deusa adorada neste lugar. O nome de Delfos é o do animal que contan os mitos que trouxo ao deus dende a illa de Delos (unha das illas cícladas onde nacera) ata a praia máis próxima a este lugar da Grecia continental. Hai quen di que o golfiño era Apolo transformado nese animal para atraer a un barco con sacerdotes cretenses para o seu novo santuario. Segundo parece o santuario de Apolo comezouse a construír no VII a.C.


A mitoloxía tamén conta que Apolo e a súa irmá Artemisa para defender a súa nai Leto, ambos manexando o arco, mataron a Pitón. Por orde de Hera, a esposa ciumenta de Zeus, esta serpe xigante  atacaba a Leto e aos seus fillos xemelgos.

Apolo tiña distintos atributos, entre eles era o deus da adiviñación, asociado coa luz (mesmo con Helios o Sol).


O TERRITORIO SAGRADO DOS SEUS ORÁCULOS

Delfos, o santuario de Apolo era un lugar sagrado para toda Grecia e a el acudían dende todas as polis gregas da época arcaica e clásica. Fixéronse famosos os seus oráculos que a sacerdotisa Pitia emitía en transo para seren logo postos en verso e dun xeito intelixible polos sacerdotes de Apolo.

Os oráculos foron causa das moitas ofrendas que estas polis colocaron en forma de estatuas e construccións máis ou menos complexas arredor do propio santuario. Destas consultas feitas polos gobernantes fanse eco as mesmas traxedias gregas nas que con frecuencia aparecen as referencias ao oráculo de Delfos ( A Orestíada de Esquilo, Edipo Rei de Sófocles...)

A entrada do templo é moi sonado que aparecía unha máxima filosófica que nos dá unha idea da evolución do pensamento grego cara á esencia do ser humano daquela época. A inscrición dicía: γνῶθι σεαυτόν Coñécete a ti mesmo!

CUESTIÓNS:
1- Realiza unha pequena investigación sobre os amores de Zeus e a súa relación coa orixe realeza de distintas polis gregas.

2- Cres que era Delfos o único santuario importante da Grecia Antiga ou había outros dedicados a outros deuses? Razóa e argumenta a túa resposta.


3- Investiga cales foron as dificultades que tivo Leto para dar a luz aos seus fillos Apolo e Artemisa.

4- A confusión de Apolo con Helios a que cres que se debe?

5- En Delfos existe un teatro de Dionisos, dise que Apolo era o contrario daquel, pero que este permitía a súa presenza no seu santuario nos meses nos que el non estaba alí. fai unha pequena investigación sobre o nacemento e evolución do culto deste deus do viño e da danza. En que lugares se rende culto a Dionisos? Procura saber en cales hai algún santuario e por que?

6- Investiga  por que había un estadio perto do santuario de Apolo. Que eran e  durante canto tempo se realizaron os Xogos Pitios?

martes, 23 de febreiro de 2016

MICENAS Á CONQUISTA DE TROIA


Os espazos de Homero.  O lugar de nacemento de Homero, non está moi claro xa que reclaman ser este lugar Quíos, Esmirna, Colofón, Atenas, Argos, Rodas Salamina, Pilos, Cumas e Ítaca.
Conflúen na súa biografía lenda e realidade. Nacera no 700 a. C.(século VIII a. C.) logo uns 400 anos despois da Guerra de Troia que cantou na Ilíada. Din que era cego e son moitos os que pensan que nunca existiu, pero o relato dunha guerra na que se embarcaron todos os gregos a causa do rapto de Helena por parte de Paris, un príncipe troiano.

MICENAS, capital dos Aqueos, que era o primeiro pobo grego que se asentara no Peloponeso O seu rei Agamenón era o irmán do esposo de Helena, princesa de Esparta, Menelao. Este vaille pedir axuda ao seu poderoso irmán para recuperar a Helena. Estas son as razóns mitolóxicas que provocan a guerra de Gregos contra troianos.

Cidadela de Micenas, reino de Agamenón, rei dos Aqueos.


OS VERDADEIROS MOTIVOS  DUNHA GUERRA CONTRA TROIA
 A situación estratéxica de Troia, será unha fonte de riqueza inicialmente para esta cidade e, logo, inevitablemente  motivo de conflitos cos veciños hititas ou cos aqueos (o primeiro do  pobos gregos) que ambicionan facerse co control da cidade de Príamo, rei dos troianos. Troia era un lugar estratéxico porque dominaba os tributos da entrada ao mar interior polo estreito dos Dardanelos cara ao Mar Negro, unha das rutas comerciais máis transitadas na época.


AS 1000 NAVES GREGAS
Para que as naves puidesen partir cara a Troia, Agamenón tivo antes que reunir a todos os reis gregos que foran pretendentes de Helena e que xuraran vingar a Menelao, o seu esposo, no caso que algo ocurrira a aquel matrimonio. Helena, debido a súa beleza, xa fora raptada por Teseo sendo unha nena. Lograda a súa volta a Esparta, como era pretendida por moitos reis gregos, para impedir desputas entre eles, o astuto Odiseo propuxo a Tindáreo, o pai mortal da rapaza e rei de Esparta, un sorteo no que se escollese ao seu marido. Ademais do sorteo acordouse realizar un xuramento co compromiso de ser respectado por todos os reis gregos alí presentes. O xuramento comprometía a todos os pretendentes a que se, unha vez realizado o sorteo, o esposo que lle tocase en sorte tiña algún problema no matrimonio, deberían ir en axuda do marido de Helena.

Esta situación foi aproveitada por Agamenón, rei de reis e soberano de Micenas, para convocar aos gregos a unha guerra contra Troia, tras do rapto de Helena por parte do principe troiano, Paris. Pero Agamenón tivo dous problemas antes de lograr partir cara ás costas de Troia.

Cuestión: Investiga cales son estes graves problemas para zarpar e cómo os soluciona. Como pista daremos tres nomes: Odiseo, Aquiles e Ifixenia.








De todos os lugares da Grecia dominada polos aqueos sairían finalmente centos de naves cara a Troia, segundo conta Homero no canto II da Ilíada.

Troia, a cidade de Príamo, fortemente amurallada.



mércores, 9 de decembro de 2015

ESPAZOS DA CIVILIZACIÓN MINOICA ou CRETENSE






Cuestións:
1- Localiza no seguinte mapa os principais lugares de influencia Minoica e logo explica o concepto da "talasocracia". Chegaba a flota cretense a Sicilia? Razoa a resposta.


        

luns, 16 de novembro de 2015

A XEOGRAFÍA DA ANTIGA GRECIA: HÉLADE

A XEOGRAFÍA DA GRECIA ANTIGA
Grecia é un país moi montañoso con estreitos vales e pequenas chairas costeiras onde se concentrou tradicionalmente a poboación. As montañas continentais penetran no mar formando unha costa moi recortada e numerosas illas o que propiciou o aillamento de comunidades dispersas e mal comunicadas por terra que conforman un país de pequenas comarcas, divididas politicamente e fragmentadas en dialectos. Grecia pois viviu cara ao mar, do que ningún punto dista do mar máis de 90 km, xogou dende sempre un papel de unión (de feito a palabra Πόντοs, ademais de “mar” significa “camiño”).

O clima no norte é de tipo continental invernos curtos e fríos, pero nas illas é algo máis cálido, sendo os veráns moi calurosos. A chuvia máis ben escasa e lugares como Creta, unha gran illa con clima subtropical.

A vexetación é a típica mediterránea bosques de coníferas (piñeiros e cipreses), plantas aromáticas e os cultivos de cereais, oliveiras e viñas que ocupan o pouco terreo arable (un 18%). Se Arcadia é a terra “osos”, tamén hai lugares onde se crían cabalos, e rabaños de cabuxas e ovellas. Sendo unha incógnita se antigamente existían leóns como nos conta Homero.

Hélade (Ελλάδα) era o nome do país derivado de Helen, padre mítico dos heroes que dan lugar ás distintas estirpes helénicas. O nome de Grecia provén da tribo dos Graii coa que entraron en contacto os pobos de Italia e co que eles coñecerían aos restantes gregos.

Para coñecermos mellor a Antiga Grecia seguiremos o seguinte esquema da súa xeografía:

1-          A GRECIA CONTINENTAL:  
1.1- A GRECIA SEPTENTRIONAL
1.2- A GRECIA CENTRAL.
1.3- A GRECIA MERIDIONAL OU PENÍNSULA DO PELOPONESO

2-            A GRECIA INSULAR:
2.1- ILLAS XÓNICAS.
2.2- ILLAS CÍCLADAS E ESPÓRADAS
2.3- AS GRANDES ILLAS: EUBEA, CRETA E CHIPRE.

3-            A GRECIA COLONIAL:
3.1- ASIA MENOR
3.2- A MAGNA GRECIA

3.3- OUTROS LUGARES DE COLONIZACIÓN


CUESTIÓNS: Podes ver este tema no libro no tema 2 páxinas 26-27
1- A XEOGRAFÍA DOS MITOS:  Toca volver a mirar o mapa da Grecia Antiga para ir fixando esta xeografía que estamos citando como referencia espacial substancial dos mitos:
- Onde está o santuario no que  se di se conserva aínda hoxe a pedra que levou Cronos no seu bandullo pensando que era Zeus?  
- E a espazosa Tesalia, lugar onde se desenvolve a Titanomaquia? 
- Sabes onde está a illa onde nace Zeus?  
- E o monte residencia dos deuses olímpicos e o dos Titáns? 
- Finalmente o volcán que aínda hoxe nos lembra onde está atrapado Tifón... sabes en que parte da Antiga Grecia está?

xoves, 8 de outubro de 2015

O ESPAZO DA CULTURA CLÁSICA

Unha das primeiras reflexións que debemos facer no comezo do curso é ata que punto coñecemos a Xeografía do Mediterráneo. Nesa reflexión ou revisión xeográfica imprescindible non debemos deixar de incluír a nosa península, partindo de onde nós estamos, no seu extremo máis occidental. Desde Fisterra chegar ata Xerusalen ou a Siria pasando polas penínsulas ibérica, italiana e grega, as costas de Turquía e da antiga Fenicia e o norte de África abarcando dende o delta do Nilo ata o estreito de Xibraltar.

Cuestións:

1- Debuxa de memoria este mapa e logo comproba e contrasta os teus coñecementos dos espazos referidos cun mapa coma este:



UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO: GRECIA 


A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.




Este espazo e os que o habitaron nun longo proceso de accións e reaccións seculares, pola orografía (Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa) e outras circunstancias provocaron a creación de numerosos estados independentes (con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...) pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades-estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas elas que permiten falar desa unidade eran: a Lingua e a Relixión.



Delfos

Citemos como exemplo deste elemento de unión da cultura grega como é a relixión dous santuarios aos que acudían todos os gregos, ben en caso de conflitos ou problemas de todo tipo, o santuario de Delfos, (considerado o embigo do mundo e onde estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa "a pitonisa" en transo pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban) e logo,  cun sentido máis pacífico, o santuario de Olimpia (lugar de celebración dos Xogos na honra de Zeus, deus do raio, onde sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo do pai dos deuses).


Ruínas do templo de Zeus, Olimpia.