xoves, 8 de outubro de 2015

INTRODUCIÓN Á MITOLOXÍA


Comezamos o curso botando unha ollada cara o que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e orixinal das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, as olimpíadas, a arte... Entramos logo no mundo da mitoloxía despois de ler a anterior entrada: UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO.

A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas, ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo. Por iso preguntámonos inicialmente:

Que debemos saber antes de ler mitos?



 MITOLOXÍA GREGA E RELIXIÓN

 A mitoloxía mantén coa relixión grega unha vinculación dificilmente separable. Podemos dicir que a mitoloxía en principio era relixión.

O estudoso e autor literario Robert Graves deixou dito na introdución ao seu trabalo sobre os Mitos Gregos: “Un estudo da mitoloxía grega debería comezar cunha análise dos sistemas políticos e relixiosos que prevalecían en Europa antes da invasores procedentes do norte e do este”

Estes invasores son os pobos indoeuropeos que, procedentes do centro de Europa, se farán donos axiña ao longo do II milenio antes de Cristo dos territorios da antiga Hélade, tras provocar a caída dunha gran civilización, a civilización cretense de orixe mediterránea. 

Entrada polo norte das primeiras invasións indoeuropeas en Grecia.

DÚAS COMPOÑENTES NA RELIXIÓN GREGA
1ª) Ctónica ou Mediterránea: centrada nas divindades da fertilidade da terra propia dos pobos agrarios do Mediterráneo.

2ª) Olímpica ou Indoeuropea: de deuses celestiais e guerreiros, traída á Hélade polos invasores do Norte e do Este.

A relixión na antigüidade era un fenómeno ligado intimamente tamén ao propio goberno das comunidades primitivas.

Antes de continuar debemos saber que:


- matriarcal: –mater “nai” + arkhé: goberno, mando, poder.

- patriarcal: -pater “pai” + arkhé: goberno, mando, poder.


J.García Lopez no seu estudo sobre a Relixión Grega di: “O encontro dunha civilización de tipo patriarcal e pastoril cunha civilización matriarcal e agrícola presidiu e determinou o desenvolvemento das grandes civilizacións de Exipto e Anatolia, Mesopotamia e Xudea. A elas hai que engadir a civilización grega”


A DEUSA NAI NEOLÍTICA

Nunha primeira fase todos os pobos primitivos tiñan unha visión máxica do mundo e adoraban ás forzas da natureza (o raio, a chuvia, os ríos…).
Aparece logo o culto ás pedras sagradas como símbolo da divindade que despois se identifica con animais sagrados como o touro, o cabalo, a aguia… Este último aspecto pervive na mitoloxía grega cando asocia, por exemplo, Atenea á curuxa ou o cabalo a Poseidón. Máis tarde os deuses adquiren aspecto humano.

Toda Europa Neolítica adoraba á Deusa Nai e non había deuses pois non se introducira aínda o concepto da paternidade. Os grandes misterios asociados a ela a morte e a creación da vida. O non asociar fenómenos como facer o amor co nacemento. A Deusa Nai, unha deusa fértil que se representa frecuentemente embarazada e con atributos femininos moi marcados. É a deusa “de amplos peitos” que logo cantan Homero ou Hesíodo.

“ Vou cantar á Terra, nai universal de sólidos alicerces, a máis augusta, que nutre no seu chan todo canto existe. Canto camiña pola divina terra ou polo mar ou canto voa, aliméntase da túa exuberancia. Por ti vólvense prolíficos e frutíferos, soberana, de ti depende dar a vida ou quitárllela aos homes inmortais”
Himnos Homéricos, XXX.


Aínda que había lugares nos que a deusa branca era deusa da morte, a deusa que residía nunha cova tiña a maternidade como o seu principal misterio. A lúa era un símbolo asociado. As tres fases e o declinar do ciclo estacional contribúen a crear tríadas de deusa.

Unha vez admitida a relación coito-parto a posición relixiosa do home mellorou, deixouse de asociar aos ventos ou aos ríos a preñez das mulleres. A raíña da tribo matriarcal escollía un amante anual que sería o rei ata o seu sacrificio ritual da fertilidade ao rematar o ano no inverno, que se cría se reencarnaría nunha serpe.

Logo virá unha etapa na que os mozos eran substituídos por animais no sacrificio. Pero o poder era matrilineal.


A CIVILIZACIÓN MEDITERRÁNEA CRETENSE ou MINOICA

No III milenio a.C. de orixe descoñecida a civilización cretense sería o máximo expoñente da cultura mediterránea previo a aparición dos indoeuropeos na terra da Hélade.
De indubidable pegada na relixión grega posterior. Unha sociedade matriarcal, relixión panteísta que vía o natural como algo divino, de deusas femininas que poboaban ríos, bosques e montes e unha deusa Nai, fonte de vida, asociada a diversos animais como a serpe ou o touro.

A RELIXIÓN INDOEUROPEA

O elemento indoeuropeo introduce en Grecia unha relixión que reflicte unha sociedade patriarcal, nómada, guerreira e un deus da luz e do día, das tormentas e fenómenos celestes, ademais dunha deusas virxes e guerreiras, seres libres da natureza. Son seres antropomorfos, dominan as forzas da natureza sen confundirse con elas.

Comeza así un proceso de fusión. O sometemento da poboación preindoeuropea, a destrución da civilización cretense e a instalación do reino dos Aqueos en Micenas pode percibirse en determinados mitos e a evolución da relixión grega produto da fusión das dúas compoñentes relixiosas a do mediterráneo e a dos indoeuropeos.



O SINCRETISMO DA RELIXIÓN DA ANTIGA GRECIA

Un exemplo de sincretismo ou fusión das dúas compoñentes (mediterránea e indoeuropea)

Di Robert Graves que un acontecemento como que a antiga deusa da Sabedoría, Metis embarazada de Zeus, fose tragada por este e que logo da cabeza do deus nacese Atenea pode asociarse á aparición dos aqueos, primeiros invasores indoeuropeos no segundo milenio (do 1800 a. C. en diante) que debilitaron a tradición matrilineal. Atenea era a filla partenoxénica de Metis, a máis nova da Tríada encabezada pola súa nai. Zeus tragou a Metis, é dicir, os aqueos suprimen o culto a deusa atribuíndo toda a sabedoría a Zeus, deus patriarcal, pero manteñen os templos de Atenea a condición de que os seus adoradores acepten a soberanía de Zeus.

Nacemento de Atenea da cabeza de Zeus.


Ártemis de Éfeso
Efectivamente a configuración do Olimpo de deuses gregos é produto da fusión das dúas compoñentes. Que Zeus sexa o Deus Supremo, deus do raio e do tormentas, non impedirá certa equidade, por exemplo, no número de deusas e deuses ou no gran poder que aínda conservan. Todos os deuses terán atributos animais, un elemento mediterráneo.

Fronte a deusas feraces e fértiles como Deméter, Hera ou Afrodita, haberá deusas indoeuropeas en canto a que son celosas da súa virxinidade e guerreiras como Atenea ou cazadoras como Artemisa, aínda que iso non impedirá a existencia dunha Artemisa como a de Éfeso dotada de numerosos peitos que é claramente unha deusa con marcado carácter mediterráneo, unha mostra máis da complexidade e evidencia do sincretismo na mitoloxía grega.



CUESTIONARIO:
Que dúas compoñentes atopamos fusionadas na relixión/ mitoloxía grega?
Cal é a máis antiga?
Indica as características de cada unha destas compoñentes.
A partir de cando se produce un fenómeno de fusión ou sincretismo?
Explica con algún exemplo ese proceso de fusión.

Indica agora cal destes trazos é mediterráneo e cal é indoeuropeo:
Atenea é unha deusa virxe da guerra e o seu animal é a curuxa.
Afrodita ten un amante chamado Adonis que morrerá…
Dioniso é un mozo deus do viño que nacía e morría anualmente.
Hera é a deusa de ollos bovinos ou de vaca.
Ártemis é unha deusa cazadora e virxe, pero o seu símbolo é unha lúa .
Hermes nace nunha cova no monte Cilene igual que Zeus.

Zeus ten innumerables amantes, divinas e mortais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario