xoves, 8 de outubro de 2015

O ESPAZO DA CULTURA CLÁSICA

Unha das primeiras reflexións que debemos facer no comezo do curso é ata que punto coñecemos a Xeografía do Mediterráneo. Nesa reflexión ou revisión xeográfica imprescindible non debemos deixar de incluír a nosa península, partindo de onde nós estamos, no seu extremo máis occidental. Desde Fisterra chegar ata Xerusalen ou a Siria pasando polas penínsulas ibérica, italiana e grega, as costas de Turquía e da antiga Fenicia e o norte de África abarcando dende o delta do Nilo ata o estreito de Xibraltar.

Cuestións:

1- Debuxa de memoria este mapa e logo comproba e contrasta os teus coñecementos dos espazos referidos cun mapa coma este:



UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO: GRECIA 


A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.




Este espazo e os que o habitaron nun longo proceso de accións e reaccións seculares, pola orografía (Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa) e outras circunstancias provocaron a creación de numerosos estados independentes (con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...) pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades-estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas elas que permiten falar desa unidade eran: a Lingua e a Relixión.



Delfos

Citemos como exemplo deste elemento de unión da cultura grega como é a relixión dous santuarios aos que acudían todos os gregos, ben en caso de conflitos ou problemas de todo tipo, o santuario de Delfos, (considerado o embigo do mundo e onde estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa "a pitonisa" en transo pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban) e logo,  cun sentido máis pacífico, o santuario de Olimpia (lugar de celebración dos Xogos na honra de Zeus, deus do raio, onde sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo do pai dos deuses).


Ruínas do templo de Zeus, Olimpia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario