luns, 26 de outubro de 2015

COSMOGONÍA (I): O CAOS E XEA

Seguindo a Hesíodo (autor grego do século VIII a. C.) e a Ovidio (autor latino do século I a.c.) que foron dous autores que quixeron organizar os relatos da mitoloxía grega, imos comezar o noso relato de mitos pola COSMOGONÍA, é dicir, o comezo ou  a orixe do Cosmos (*Cosmos- un universo ordenado/ e -gonía: a orixe ou o comezo).

Lembrade a Mitoloxía grega pasa por ser unha das máis orixinais do mundo por:

- Estar bastante ben conservada.
- Manifestar certa complexidade.
- Entender a Cosmogonía dun xeito distinto a outras moitas mitoloxías.

Como contaban o comezo do mundo os antigos gregos aos seus fillos? Deste xeito imos dar principio nós ao relato. 

Hesíodo autor da Teogonía.
O noso relato debe seguir a lectura atenta das palabras da Teogonía de Hesíodo:

ἤτοι μὲν πρώτιστα Χάος γένετ’·

"En principio existiu o Caos..."



O concepto de Caos

 Vén do grego antigo Χάος, ‘espazo que se abre, ou ‘fenda’,  procede do verbo χάω, que en formas derivadas significa ‘boquexar’, ‘abrirse unha herida’ ou ‘abrirse unha caverna’.




Pero como era o Caos? Para responder iremos ao texto latino de Ovidio que nos primeiros versos da súa Metamorfoses di:


Ante mare et terras et, quod tegit omnia, caelum
unus erat toto naturae vultus in orbe,
 quem dixere Chaos, rudis indigestaque moles…
                                                              
    "Antes do mar e das terras e do ceo que todo o cobre,
 a natureza tiña un só aspecto en toda a súa extensión,
 á cal chamaron Caos, unha mole confusa e revolta..." 

                                               As metamorfoses, I ( 5-7) Ovidio

CUESTIÓNS

1-Segue  lendo o texto de Ovidio e procura unha boa definición do Caos:

...quem dixere Chaos, rudis indigestaque moles
nec quicquam nisi pondus iners congestaque eodem
non bene iunctarum discordia semina rerum.
Nullus adhuc mundo praebebat lumina Titan,..  10

 ...a cal chamaron Caos, unha mole confusa e revolta
un peso inerte e máis nada, no mesmo lugar concentrada
a semente aínda en conflito das cousas non ben compactas.
Aínda ningún Titán fornecera de luz aquel mundo... 10

sic erat instabilis tellus, innabilis unda,
lucis egens aer; nulli sua forma manebat,
obstabatque aliis aliud, quia corpore in uno
frigida pugnabant calidis, umentia siccis,
mollida cum duris, sine pondere, habentia pondus.   20

...así era unha terra inestable, as augas innavegables
un aire carente de luz; no seu estado nada duraba,
todos contra todos loitaban porque nun mesmo
ser combatían frío e calor, humidade e secura,
brandura e dureza, o que non ten peso co que ten gravidade.  20


Todo era, pero non había nada, todo estaba nun completo desorde, o Caos. Logo naceron os deuses para organizar a natureza á que chamaron Cosmos (o universo en orde).

2- Redacta un texto no que describas o Caos, ese aspecto primixenio que presentaba a Natureza.

3- Investiga como evolucionan, segundo Hesíodo, as relacións entre Xea e Urano e os problemas que se lle presentan a Xea á hora de nacer novas criaturas. Redacta un texto narrando brevemente ditos procesos.


A PRIMEIRA DEUSA, XEA.
Xea, unha masa enorme de terra que se foi acumulando e que ía xirando na completa escuridade do Caos, comeza a latexar e logo a soñar. Soña cunha criatura que a acompaña na súa tremenda soidade e unha  enerxía vital, a forza invisible de Eros, provoca nela o desexo de enxendrar un fillo das súas mesmas dimensións.
Nace así Urano (ao que logo os homes chamarán o ceo estrelado), e aquela criatura medrou e medrou no colo da súa nai ata se converter nun ser tan grande como ela e logrou abarcala cos seus brazos.

3- Investiga como evolucionan, segundo Hesíodo, as relacións entre Xea e Urano e os problemas que se lle presentan a Xea á hora de nacer novas criaturas. Redacta un texto narrando brevemente ditos procesos. Como axuda colocamos a continuación un texto da Teogonía:

" Pois ben, cantos naceron de Xea e Urano, os fillos máis terribles, estaban irritados co seu pai desde sempre. E cada vez que algún deles estaba a punto de nacer, Urano retíñaos a todos ocultos no seo de Xea sen deixarlles saír fóra e se gozaba cinicamente coa súa malvada acción. A deforme Xea, a piques de reventar, queixábase no seu interior e urdiu unha cruel artimaña. Producindo axiña un tipo brillante de aceiro, forxou  unha enorme fouce e logo explicou o plan aos seus fillos..."

4- Seica Urano ao atentar contra el os seus descendentes  maldiciunos berrándolles o verbo grego: "titanomai". Non esquezas no relato que coa palabra Titáns e Tinánides denominamos aos primeiros descendentes de Xea e Urano. Cales eran os seus nomes? Como emparellaron?  

5-Quen son as Erinias (denominadas Furias en latín)? 

6-Finalmente investiga como nacerá Afrodita. Por se che serve de axuda na túa investigación, "afros" en grego significa escuma.
 
7-    O Caos, Xea e Urano permanecían nunha completa escuridade. Cando cres que aparecen neste relato Selene (lúa) e Helios (sol)?  

8- Os Ciclopes e os Hecatonquiros, de quen veñen sendo fillos? Fai unha breve descrición destes seres baseándote na etimoloxía destes dous nomes.  Que era o Tártaro? Que relación ten cos seres antes citados?

Ningún comentario:

Publicar un comentario