- As idades do home de Hesíodo e Ovidio: definición e
comparación do mito coas etapas da Prehistoria e a historia real dos seres
humanos: Paleolítico, Neolítico, Idade de Bronce e Ferro...
- Prometeo, Pandora e os mortais: reflexión creativa sobre
os deuses e os seres humanos (homes e mulleres) na mitoloxía grega e as
semellanzas e diferenzas con outros relatos mitolóxicos.
- Deucalión e Pirra: Que semellanzas e diferenzas existe con
outras mitoloxías. Con que etapa das idades do home de Hesíodo coincidiría?
Houbo un diluvio universal?
- Un mito da creación máis filosófico: Platón e o mito dos
androxinos. Será verdade iso que se di do amor e o da media laranxa?
- O mundo dos mortos. Descrición do mundo
Subterráneo. O sorteo dos mundos: Hades, como chega a ser o deus dos mortos?
Ubi sunt?
En segundo lugar, debemos estudar ben o traballado sobre AS PRIMEIRAS ETAPAS DA GRECIA ANTIGA: De Creta a Micenas:
-As primeiras etapas da historia grega: De Creta a Micenas:Os pobos mediterráneos do Exeo, a civilización cicládica das illas Cícladas e a civilización minoica de Creta. Estudar ben as distintas etapas ata chegaren os aqueos (primeira tribo indoeuropea) e finalmente os dorios (a derradeira tribo en entrar na Grecia continental).
Observa ben este cadro de Rubens e logo intenta indicar quen é quen na voda da nereida Tetis e do
mortal Peleo.
Que deuses coñeces? Como os recoñeciches?
Que sucedeu con Eris (denominada en latín Discordia)?
Din que este é o primeiro capítulo dunha das máis famosas
guerras da Antigüidade. Por que?
Tras da mazá da Discordia aparecen varias deusas interesadas en ser consideradas a máis fermosa, e para dirimir esta cuestión aparecen como vistes Paris e logo Helena.
Saibamos primeiro onde e como naceu Paris:
Sen dúbida, deberemos investigar os detalles do Xuízo de Paris xa que nos
interesa saber os motivos polos que comeza esa relación tan transcendente entre
o príncipe troiano Paris e Helena de Esparta. Pero antes teremos que indagar quen é Helena de Esparta: Como naceu esta fermosa princesa? De quen é filla?
-Localiza tres cadros que representen a historia dos pais
de Helena. O que ves é a versión do famoso Leonardo da Vinci..
- Oín falar que Zeus e Poseidón son os seus pretendentes,
pero por que me fas esa pregunta, Quirón?
- A deusa Tetis non casará con ningún destes
pretendentes. Prometeo, encadeado no Caúcaso por orde de Zeus, revelou que o
Destino faría nacer dela un fillo superior ao seu pai. De inmediato, os deuses
retiraron as súas intencións e constituíronse en consello para debater que
mortal será a que a despose.
- Non sei en que me interesará a min esta historia?
- Reflexiona, ti es novo e non vas seguir viúvo para o resto
dos teus días… xa sabes que coñezo o porvir. Pois ben sei que este matrimonio
está reservado polo Destino para ti, Peleo.
Peleo sorprendido non manifestou entusiasmo, pero, que podía
facer contra os mandatos do Destino?
A voda de Tetis e Peleo
Os deuses no Olimpo amosaron a súa satisfación, non podían
correr o risco de que casara con outro deus, mais Tetis rexeitou a proposición.
Zeus foi tallante e deulle ordes de que aceptase a man de Peleo. Pero a deusa
cada vez que este se achegaba transformábase en lume ou en auga, en vento, en
paxaro e logo fuxía axiña. Aquilo estimulou o amor propio do heroe conquistado
ademais pola beleza da filla de Nereo.
Foi Quirón o seu amigo o centauro quen lle dará as claves
para impedir que escapase nun próximo encontro, debería suxeitala e soportar
pacientemente unha multitude de transformacións ata que a deusa cansase e
volvese a súa forma orixinaria.
Así foi e finalmente a voda realizouse no monte Pelión e a
ela asistiron os deuses e as musas. O centauro Quirón regaloulle unha lanza de
freixo que tiña o don de sandar as feridas que fixera. Todo parecía ir ben,
pero aquela voda estaría marcada pola Discordia. Eris que non fora invitada presentouse de improviso, arroxou unha mazá dourada coa lenda “para a máis fermosa” provocando as disensións
entre as deusas e, mesmo, a aquel matrimonio. A pesar de que Peleo colmaba de atencións á
deusa, non sería feliz.
Os fillos deTetis e Peleo
Tetis tivo un primeiro fillo e a deusa pensou no medio de
eliminar do seu ser todos os elementos que o facían mortal. Axudándose do lume
e na ausencia de Peleo botouno no medio das lapas e aquel neno morreu. Pasou o
mesmo co segundo, o terceiro e así ata o sexto. Peleo estaba desesperado pois a
primeira vez convencérao de que fora un accidente, pero xa no terceiro a deusa
acosada por polas preguntas do noso heroe confesou a verdade.
-Só pretendo quitarlles a súa humanidade e aínda que o fago
mal prefiro velos morrer así a que leven unha vida indigna da súa nai.
Pero Tetis seguira burlando a súa vixilancia. Cando o
nacemento do sétimo se achegaba Peleo lembrouse do seu amigo o centauro. Quirón
seguro que lle podería axudar. Como non se daría antes conta de pedirlle
consello? Tería salvado esas vidas inocentes.
-Estaba esperándote. Sei a que vés. O teu sétimo fillo non
perecerá entre as lapas. Converterase en alguén máis grande ca ti. Mais deberás
estar moi vixilante en canto naza.
O neno naceu e déronlle o nome de Aquiles. Era un bebé
fermoso e forte cos beizos curvados nunha especie de sorriso. Peleo sentía a
Tetis nerviosa, irritable a medida que os días pasaban, pero el non baixaba a
garda.
Un día a deusa ausentouse, Peleo pensou poder abandonar a
vixilancia durante uns instantes, pero non fora máis que unha das astucias de
Tetis. Cando quixo volver á habitación, xa estaba botando ao lume ao neno. Peleo
arrebatoulle ao recentemente nacido das mans e a deusa vencida marchouse
definitivamente a residir no mar coa súas irmás, negándose a volver ao seu
carón. Pero Peleo estaba agora preocupado polas queimaduras que sufrira o
pequeno. Sobreviviría? Só en dous lugares aparecía tocada a criatura. Nos
beizos e no talón dereito. Tomou o neno no colo tras envolvelo coidadosamente e
dirixiuse ás presas cara a cova do centauro Quirón.
-Tiñas razón que o meu fillo viviría -díxolle- pero está
malferido. Ti podes curalo. Non permitas que unha enfermidade o marque ata a
fin dos seus días.
O centauro comprobou que o óso fora case totalmente
calcinado, había que colocarlle un novo. Quirón pensou en Damisos. Un xigante
particularmente rápido na carreira. Acababa de morrer. O centauro desenterrouno
e sacoulle da súa perna dereita o talón do pé que lle adaptou ao do neno. Polo
que Aquiles ía logo ser chamado por Homero por iso “o dos pés lixeiros”, aínda
que o seu nome literalmente significa “sen beizos” porque esa marca non foi
reparada por Quirón. Hai quen asegura que Tetis marchara e non volvería a ver a
Aquiles na súa infancia porque conseguira bañalo sendo un bebé nas augas da
Estixe, río do Inferno que facía invulnerables a todos os que nela se
mergullaban, pero foi no talón precisamente por onde a deusa sostivo á criatura
para podelo meter na auga que lle conferiría a Aquiles a invulnerabilidade case
que total, a non ser por aquel lugar polo que a deusa o agarrara.
Vendo que Tetis non volvía e comprobando o cariño con
que trataba o centauro ao seu fillo, Peleo pediulle ao seu amigo que aceptara facerse
cargo da súa educación. Naturalmente o centauro aceptou, alimentado pola súa
esposa a ninfa Cariclo nos primeiros anos para logo ensinarlle a cazar a domar
cabalos e tamén algo de medicina. Quirón daríalle tamén carne de león e xabarín
para que lle comunicaran poder e tamén de mel para que fose doce. Soubo por el
que era a música e o canto o desprezo dos bens materiais e medrou axiña un
heroe sabio e forte digno dos cantos que Homero inmortalizou na Ilíada.
Na máis recente versión cinematográfica da guerra de Troia,
a única ocasión na que aparece unha deusa en escena é aquela na que Aquiles vai
ser visitado de novo pola súa nai Tetis para advertirlle das dúas posibilidades
que ten ante a guerra con Troia que Agamenón prepara. Opta por unha vida curta
e gloriosa embarcándose na expedición dos gregos ou ben desexa vivir moitos
anos, pero sen gloria. Aquiles aceptará a primeira segundo Homero, aínda hai
autores posteriores que defenden que Tetis foi quen de ocultalo na corte do rei
Esciro.
CUESTIÓNS:Despois de ler lembra e contesta:
5- Cal era o segredo que gardaba Prometeo e que ten que ver
con Peleo?
6- Con quen casa Tetis finalmente? Que problema ten cos seus
fillos?
7- Quen e como logrará que vaia adiante o sétimo dos fillos
de Tetis? Por que Tetis mergulla ao seu fillo na lagoa Estixe? Como se chama
ese fillo?
8-Quen criará finalmente a este afortunado rapaz?
9- Por que cres que Tetis intenta ocultar ao seu fillo,
sendo xa todo un mozo, segundo nos conta Homero? Saberás investigar ata atopar
quen é, e como consigue que finalmente o gran fillo de Tetis e Peleo vaia á
guerra contra Troia?
Para poder resolver o misterio que gardaba Prometeo encadeado no Cáucaso temos
que coñecer a historia dun heroe chamado Peleo. Imos saber quen era:
Peleo e o centauro Quirón.
Peleo, fillo de Eaco, atopábase lonxe de Exina, a súa cidade
natal. Incribles aventuras conducírano primeiro a Pitia, onde o rei Euritión
lle dera a súa filla Antígona en matrimonio. Por desgraza, matou
accidentalmente ao seu sogro no curso dunha cacería en Calidón e tivo que
exiliarse de novo.
Atopara refuxio na corte de Acaste, que lle purificou
daquela morte. Por que razón non recobrou inmediatamente a súa esposa, que
permanecera en Pitia, a historia non o precisa. Este retraso estivo a piques de
provocar a súa perdición. Era Peleo un bo mozo e Astidamía, muller de Acaste
experimentou por el un violento amor. Naturalmente Peleo non quería traizoar
nin a Antígona, á que amaba tenramente, nin ao seu hóspede que o recibira con
tanta xenerosidade. Foi entón cando el lle dixo á raíña:
- Debemos pensar nos nosos compromisos. Maldigamos a nosa
sorte por non termos coñecido antes, pero, por favor, tratemos de cambiar este
amor imposible en amizade.
Astidamia finxiu aceptar a prudente solución. Pero desexou
vingarse pois o seu amor frustrado transformarase en ira. Comezou por enviar
secretamente un mensaxeiro a Pitia. Antígona estaba sen novas do seu home dende
facía moito tempo. E o seu corazón deu un chimpo de alegría, pero ao ler a
carta que dicía que Peleo mantiña amores coa esposa do rei Acaste palideceu ao
instante e decidiu, levada da desesperación, aforcarse na intimidade da súa
habitación.
Axiña foi Astidamía na procura do seu esposo para acusar a
Peleo da falta da que ela mesma era culpable. O rei gardou un silencio sombrío
e estivo varios días sen falar para, por fin anunciar que á mañá seguinte
partiría de cacería.
- Serás dos nosos? – preguntoulle a Peleo.
E Peleo aceptou non sen temer algunha trampela, pois o
silencio dos últimos días non lle parecía un bo presaxio. Acaste non
decidira aínda a forma de tomar vinganza. Non lle permitían as leis da
hospitalidade cometer homicidio e pensou que unha cacería aumentaría as
ocasións de accidente.
Mais
A cacería foi moi animada, ninguén dos participantes
sospeitaba nada. A caza era abondosa e facíanse apostas sobre quen conseguiría
maior número de pezas. Como o día estivera xa moi avanzado preguntaron a Peleo
cantos animais abatera. Amosando o seu saco descubriu quince presas e todos os
cazadores recoñecérono coma o mellor da xornada. Moitos despois de festexalo
deitáronse no chan e botaron unha soneca. Peleo foi un deles. O rei pensou que
chegara o momento, e tras comprobar que Peleo durmía, achegouse sen ser visto e
quitoulle a espada agochándolla non moi lonxe de alí. Despois liscou xuntou aos
cazadores esperando que durante a noite as feras da montaña caeran sobre o
heroe desarmado.
Cando Peleo espertou viuse rodeadode bestas monstruosas, e
chegou a crer nun principio que aquilo era unha broma dos compañeiros de caza,
porque estes monstros levaban unha cabeza de home e de tal tiñan o peito, pero
o resto dos seus corpos parecían os dun cabalo. Eran os centauros e axiña caeu
na conta do perigo no que estaba porque estes animais de dobre natureza se
alimentan de carne crúa. Cando foi buscar a espada, non a atopou, e sen apenas
moverse estaba pensando en que sería mellor, loitar ou facerse o morto. De
súpeto un dos centauros achegóuselle cunha espada na man.
- Cóllea- díxolle- foi a que che quitou o rei Acaste, Quirón
devólvecha para que poidas escapar da furia dos seus semellantes.
Así soubo Peleo que o centauro Quirón non era como os
outros. O seu nacemento fora máis nobre. Namentres os outros descendían do rei
de Tesalia Ixión. El debíalle a vida a unha filla de Océano, Filira e do deus
Cronos. Ademais era un bo amigo dos homes non era nómada vivía nunha cova ao pé
do monte Pelión, pois os demais centauros non tiñan domicilio fixo. Quirón
practicaba a mediciña que lle ensinara Apolo. Quirón tamén ensinaba, era mestre
de moitos heroes gregos. Estaba dotado do don da adiviñación e coñecía a
historia de Peleo, mesmo a morte da súa muller Antígona que el ignoraba aínda.
Foi Quirón quen lla narrou co maior dos coidados e ofreceuse a axudarlle sempre
que o necesitase. Tamén foi Quirón quen lle animou a coñecer a Tetis, cando xa
pasara algo máis dun ano desde que se coñeceran.
Despois de ler lembra e contesta:
1- Peleo tivo mala sorte no seu primeiro matrimonio a causa
da morte do seu sogro, que ocorreu ?
2- Que lle pasou coa raíña Astidamía, de que acusa a Peleo
ante o rei Acaste?
3- Cal foi a reacción de Acaste?
4- Que vai librar a Peleo dunha morte segura?
5- Investiga como remata o mito do castigo de Prometeo.
Unha das explicacións para a desaparición da civilización cretense ou minoica é a aparición en escena da primeira das invasións na Grecia continental dos Aqueos, un pobo indoeuropeo, que entra no Peloponeso no arredor do 1700 a.C. que aproveitando logo dun tempo de contacto e asimilación de elementos da cultura minoica, aproveitan a debilidade do imperio cretense causada polo maremoto de Thera para facerse co poder da illa de Creta. Comeza así a denominada civilización Micénica.
Segundo o mito Hélen, fillo de Deucalión e Pirra, será o heroe do que deriva o nome de Hélade, o territtorio conquistado polos seus fillos e os seus habitantes, os helenos. Do heroe descenden as tres principais ramas do pobo grego: os xonios, os eolios e os dorios, que veñen sendo as distintas invasións de pobos indoeuropeos que van entrando na Grecia continental entre 1700 a. C ata 1100 a.C. como podedes apreciar nos seguintes mapas:
1ª Invasión indoeuropea: Entrada dos Aqueos c.a.1700 ane.
A derradeira invasión indoeuropea, a dos Dorios (c.a. 1200 ane), provocará a fuxida dos primeiros pobos indoeuropeos cara á Costa de Asia Menor.
Así nolo explican nestes vídeos da Teleaula :
Como comprobaremos serán os Aqueos, os primeiros en instalarse no Peloponeso os que protagonicen dende a cidade de Micenas unha das guerras de conquista dunha tamén famosa cidade de oriente, a cidade de Troia cara o 1100 a.C, arredor da cal existe toda unha serie de mitos e realidades que iremos descubrindo nas seguintes clases.