mércores, 30 de novembro de 2022

Un discurso persuasivo para analizar: TODO VALE?


 TODO VALE?

Quen é o que pensa que todo vale?

Os seres humanos usamos a razón ou temos un balón por cabeza?

O mundial de fútbol de Qatar é un insulto á intelixencia. Hai numerosas e contrastadas razóns que o confirman. Deixarse levar polos intereses dos máis ricos, poderosos e sen escrúpulos, non é un exercicio de equilibrio racional  nin unha actuación intelixente, por máis que nos guste o deporte e o fútbol. 

De todos é sabido que o fútbol, un determinado fútbol, - ti e ti, e mais ti, o sabedes - , é máis un negocio que un deporte. É un lobo con pel de cordeiro, pero un lobo en definitiva.  E se ben o lobo é un animal e non podemos xulgar como algo impropio del a súa impiedade, o seu carácter salvaxe e sanguinario, no ser humano ambos comportamentos son degradantes e fan das persoas bestas. Que debe suceder para que o fútbol sexa sobre todo un deporte?

 Reparemos, é suficiente, no número de vítimas que a construción dos estadios do mundial de Qatar acumula na conciencia de todos os seus telespectadores ansiosos tan só por ver marcar a súa selección a toda costa. Pero o sangue derramado polos obreiros luxa todas as camisolas sexan brancas ou amarelas, mesmo as vermellas e luxa tamén os campos de herba como os tanques da guerra abafan e estragan sempre as flores.

Os emperadores romanos usaron “o pan e o circo” para mercar conciencias, tapar bocas e acalar demandas da xente do común. Imos deixarnos levar polos mesmos reclamos e caer no mesmo erro en pleno século XXI? Cada vez que acendemos a radio ou a TV, os altofalantes da información detallan e amplifican calquera anécdota dos novos gladiadores que xogan co balón nun campo que se ergueu coa explotación e o sangue de traballadores inmigrantes malpagados, un novo Coliseo. Qatar é o reino da opulencia e a desigualdade, da discriminación e a falta de dereitos humanos esenciais como algunhas seleccións quixeron evidenciar nas súas camisolas. Non lle imos poñer freo a semellante sen razón?

Evitar o debate, o conflito e a evidencia máis obvia é cómodo, mais para ver hai que abrir os ollos e, para quen os teña abertos cun mínimo desa mirada intelectual que nos fai humanos, non todo vale.  Non vale todo, non imos ser tan hipócritas. Acaso nunha sociedade como a nosa, a sociedade da sobreinformación, non sabemos as graves violacións de dereitos que pesan sobre Qatar?  Que perciban a forza da nosa conciencia! Apaga o televisor!...Non todo vale.    


CUESTIÓNS

1-      Divide en partes este discurso persuasivo.

2-      Que tipo de captatio benevolentia presenta?

3-      A quen se dirixe este texto? Que obxectivo persegue?

4-      Que argumentos usa? Enuméraos (son varios) e explícaos coas túas palabras.

5-      Que trazos lingüísticos dun discurso persuasivo atopas?



domingo, 27 de novembro de 2022

Saber máis sobre os discursos persuasivos


CARACTERÍSTICAS DO DISCURSO PERSUASIVO

Ademais das partes e a preparación deste tipo de discursos que xa estudamos, agora iremos afondando noutros detalles esenciais para mellorar a nosa capacidade oratoria. 

I- Trazos lingüísticos do discurso persuasivo:

Imos analizar os trazos que nos permitan ir mellorando a elaboración de discursos persuasivos:

a) No nivel morfosintáctico atoparémonos con unha serie de verbos que expresan causas e consecuencias asociados á argumentación: xerar, orixinar, producir... relacionables con outros do tipo  resultar, concluír, supoñer, inferir... E tamén se usan os verbos dicendi:  afirmar, declarar, asegurar, opinar... Non pode faltar o uso da primeira persoa (plural) con valor apelativo para incluír ao receptor no relato (debemos pensar, ...podemos... , queremos... realicemos...). E frecuente o uso de elementos que inciden no ritmo, figuras retóricas de repetición (por exemplo anáforas ou paralelismos).

b) A sintaxe é elaborada. Botaremos man de subordinadas para expresar a conexión entre ideas (non diriamos isto se non fose posible que tal outra cousa o fose tamén. Afirmamos o primeiro para refutar calquera díbida e porque somos coñecedores de que ....

c) Predominarán enunciados asertivos, é dicir que expresan certeza. Está demostrado que... xa se sabe que...   

d) Tamén son un elemento moi común as denominadas interrogacións retóricas tanto para captar ou manter a atención como para suxerir ou asentar unha afirmación. Quen mellor ca ti para responder a isto? e outras figuras retóricas que podemos ir probando a introducilas tanto  as de tipo semántico, como as que fan referencia ao ritmo e a forma que xa citamos anteriormente.

- antítese ou presentación de ideas ou supostos contrarios 

- apóstrofe: interromper o discurso para apelar ao destinatario.

- hipérbole ou esaxeracion.

- símil ou comparación

d) No léxico como os discuros persuasivos precisan dunha elaboración detallada e meticulosa é habitual atopar tecnicismos ou campos semánticos específicos sobre o tema o asunto que se trata que será máis específico canto máis especializado sexa o teama a tratar.   

ACTIVIDADE

 Le este texto persuasivo e sinala os trazos lingüísticos que o caracterízan:

" De feito, estamos convencidos de que a tecnoloxía é un amigo fiel. Hai dúas razóns para que sexa así:

En primeiro lugar, a tecnoloxía é un amigo, fai que a vida sexa máis fácil, máis limpa e máis longa... Quen pode pedirlle algo máis a un amigo?_  e, en segundo lugar, a tecnoloxía non supón unha análise minuciosa das súas propias consecuencias.  É  o tipo de amigo que nos pide confianza e obediencia, esixencias, que a maioría da xente se inclina a conceder porque os seus agasallos son verdadeiramente xenerosos. Pero, por suposto, tamén presenta un lado escuro; os seus agasallos non deixan de ter un prezo moi alto. Abordando os aspectos máis darmáticos, pódese formular a acusación de que o medre sen control da tecnoloxía destrúe as fontes esenciais da nosa humanidade, crea unha cultura sen fundamentación moral e socava algúns dos procesos e das relacións sociais que fan que unha vida humana mereza ser vivida. En definitiva a tecnoloxía é tanto un amigo como un inimigo. "

mércores, 16 de novembro de 2022

PROXECTO DE SÓCRATES A HIPATIA: CONSTRUÍR UN DISCURSO PERSUASIVO ESCRITO ANTE A MORTE



1- ESCOLLE AGORA ENTRE SÓCRATES ou HIPATIA para defender a un deles ante os poderosos que pretenden que morran. 

2- Deberás escribir un discurso persuasivo (ben poñéndote no seu lugar ou imaxinando que es unha especie de avogado/a defensor/a que vive nese mesmo tempo e circunstancia á que se enfrontaron Sócrates ou Hipatia).   A idea é evitar a súa morte, como persuadirás aos seus concidadáns de que non deben morrer!

3- Entregar o teu discurso na próxima sesión de clase 

 Lembra o que xa vimos no seguinte enlace:

AS PARTES  DO DISCURSO PERSUASIVO

 Un consello non haberá un bo discurso se non hai unha boa preparación e documentación previas á elaboración do mesmo. Reúne toda a información pertinente e, á hora e realizar o texto podes ter en conta os seguintes consellos sobre a persuasión e a elaboración de estratexias persuasivas: 

Exordium: Capta a atención

Narratio:  Indica a necesidade ou problema a resolver e a súa solución.

Argumentatio: Visualiza as vantaxes e inconvenientes da proposta 

Peroratio:  Conclúe movendo á acción a favor do que defendes, convence.


1-  Captar a atención: A través dunha frase ou cita famosa, pregunta atractiva ou interesante, chiste ou anécdota, algún obxecto, refrán ou dito popular, definición dun termo, comparación, unha afirmación audaz con forza e efectividade.

2- Expoñer o problema debe provocar que o receptor/a  ou receptores) vexan tamén no asunto unha necesidade. Por iso hai que preparar e documentarse para podelo afrontar, non se pode falar do que non coñeces. Claridade, datos, cifras...verídicos e áxil,  darlle forza cos recursos propios da persuasión sobre a necesidade que queres se atenda. 

3- Proposta de solución: Orixinal, creativa, pero alcanzable, clara e exposta con seguridade, dirixida a quen te dirixes.  

4- Visualización da responsabiliadade na toma da decisión. apelar ao cerebro e ao corazón. ao emocional e ao racional. Crear a conexión do que escoita co problema.

5- Invitar á acción, concluír con claridade cara a quen te direxes  co que se precisa para solucionar con orde claridade e con autoridade sen brusquedades e convición.  



 Exemplo de discurso persuasivo oral: 

 Derrubemos os muros !

 1- "We will build a great wall along the southern border. And Mexico will pay for the wall “ (Levantaremos un muro na fronteira sur e México pagará polo muro). Isto foi o que dixo Donald Trump, o presidente do país máis poderoso do mundo: Estados unidos. Pero non te sorprendas, todos construímos muros ao noso arredor constantemente. Si, ti , ti, ti e ti tamén, Cada un de nós somos responsables de levantar barreiras día a día.

2- Os muros non serven para outra cousa que non sexa dividir, discriminar, rexeitar e excluír. Levantamos muros contra todo aquilo que cremos que non paga a pena que se achegue a nosoutros. Pensamos que temos poder para impedir a convivencia e violentar os dereitos dos demais. Afastamos a aqueles cuxo xénero, preferencia sexual, aparencia física, orixe, situación económica ou especie non  agrada. Sabias que sete mulleres son asasinadas cada día en México? , que somos o segundo lugar en crimes por homofobia no mundo e que o terceiro no maltrato animal? E que a riqueza é a principal causa de discriminación neste país?

3- Nun mundo globalizado, deberiamos estar construíndo pontes e non muros. Os muros sepárannos, afástannos e fannos persoas terribles. Xérannos un poder inxusto e enfermo. Un muro sempre traerá inxustiza para quen está do outro lado. Debemos comezar a derrubalos. Aprender a aceptarnos, tendérmonos a man, dar a oportunidade aos outros de vivir con liberdade: homes, mulleres, animais, pobres, migrantes, obesos, gays, indíxenas, todos fomos colocados neste planeta para coexistir cos mesmos dereitos e as mesmas oportunidades.

4- Se nós seguimos construíndo barreiras, seguiremos xerando odio nos outros e resentimentos en nosoutros mesmos, isto só xerará violencia. Ë este o mundo que queremos? Un mundo onde todos nos facemos dano? Non o creo.

5- Por iso hoxe, quero pedirche a ti e a ti e a ti tamén que non sigas construíndo barreiras ao teu redor, aprende a aceptar ao que non ten a mesma cor de pel ca ti, que non ten a mesma capacidade adquisitiva, ao que é máis baixiño ou máis gordiño, ao can e ao gato, finalmente , ti non es perfecto e alguén tamén che pode discriminar. Paremos xa. Deixemos de odiar. E ti ? Cantos dos teus muros derrubarás hoxe?


domingo, 13 de novembro de 2022

PROXECTO DE SÓCRATES A HIPATIA. QUEN FOI HIPATIA? (III)

  A DERRADEIRA FILÓSOFA DA  ANTIGÜIDADE

Defende o teu dereito a pensar, porque incluso pensar de maneira errónea, é mellor que non pensar

                                                                                                                                    Hipatia

Contexto a ter en conta:  Alexandría (Exipto, daquela provincia romana) o Imperio romano vivía unha turbulenta crise que estalou precisamente alí baixo a forma de revoltas entre distintos credos tras da oficialización do Cristianismo que cambiou o seu papel na escena política e social da época, pasou de ser perseguido a ser perseguidor.  Un exemplo: O decreto do 391 a.C. promulgado polo emperador Teodosio que prohibía os rituais públicos pagáns e os seus principais centros de culto. Un deses templos sería aquel antigo templo que os Tolomeos escolleran en Alexandría como biblioteca e onde se criaría e educaría Hipatia.



 ACTIVIDADES:

-  Quen foi Hipatia de Alexandría? Procura máis información sobre ela.

- Por que mataron a Hipatia? Repara na relación que mantivo co poder  político e relixioso e os poderosos á hora de reflexionar sobre o seu asasinato.








luns, 7 de novembro de 2022

PROXECTO DE SÓCRATES A HIPATIA: O XUÍZO E A MORTE DE SÓCRATES (II)

 É peor cometer unha inxustiza que sufrila

                                                                Sócrates


 

Outra visión da morte de Sócrates  

Podes escoitar tamén as últimas palabras de Sócrates ata 1:22. 

Debémoslle un galo a Esculapio, Critón, paga a débeba! sobre estas enigmáticas derradeiras palabras de Sócrates.

ACTIVIDADES: 

Agora  proba ti a dar respostas a esta preguntas:

1- Por que mataron a Sócrates?

2- Por que Sócrates escolleu a morte?




domingo, 6 de novembro de 2022

PROXECTO DE SÓCRATES A HIPATIA: A MORTE DOS IMPERIOS. OS SOFISTAS E SÓCRATES (I)


Para que vale a Dialéctica?  Que uso se facía da Oratoria en Atenas e na Grecia Antiga? 

Imos responder a esta pregunta estudando as diferenzas entre os sofistas e Sócrates o que nos permitirá ademais de coñecérmonos mellor a nós mesmos, reflexionar acerca da nosa propia existencia. Este proxecto centrarémolo primeiramente na Atenas democrática do século V a. C.  que acabamos de visitar fugazmente grazas a curiosa historia de amor entre Pericles e Aspasia. Mais agora imos desprazar o obxectivo da cámara cara a figura de Sócrates do cal xa falamos para  saber da súa aportación esencial á oratoria e á filosofía.  Observarémolo como símbolo da fin dun imperio que puido ser e que as loitas polo poder e as vicisitudes da guerra, mesmo a lamentable condea a morte do propio Sócrates van derivar de xeito irremediable nunha derrota e destrución daquela esplendorosa Atenas, da clásica e modélica.  Tamén arrastrará ao declive a súa rival e aparente vencedora, a oligárquica Esparta e mesmo ao resto da Grecia Antiga.  Contemplaremos entón como emerxen novas propostas efémeras de grandes imperios como a de Alexandre o Magno e como a historia de morte e destrución volve a repetirse ao longo dos tempos desta volta na figura de Hipatia, a derradeira filósofa grega que funcionará a modo de epílogo deste proxecto. 

ATENAS DEMOCRÁTICA AMEAZADA POLO IMPERIO PERSA

A piques de rematar o século VI, Atenas era unha simple cidade estado que fora gobernada por aristócratas e oligarcas, pero tivo a sorte de atoparse coa Democracia como motor interno dun novo tempo para a polis. O salto da reflexión da dialéctica filosófica e ao debate político deuse naquel momento en Atenas grazas a personaxes como Clístenes que aplicou aquela teoría filosófica dos contrarios no ano 508 a. C. reclamando a “isonomía”, unha igualdade entre pobres e ricos ante a lei, un poder igual de todos os cidadáns, fundamento da democracia.  Enfrontouse e derrotou así  á “timocracia” de Solón, é dicir, a exclusividade de dereitos en función da riqueza ou da herdanza familiar (aristocracia). Foi Clístenes o que introduciu tamén o ostracismo para impedir a volta dos tiranos.

Tamén tivo sorte Atenas  na 1ª Guerra Médica ao outorgar a Milcíades o mando do exército terrestre e que este se decidira atacar por sorpresa en Maratón ás tropas persas de Darío, rei do imperio Persa, superiores en número ás atenienses. A vitoria lograda con 6000 mortes persas fronte a 192 gregos provocou a retirada inimiga de inmediato.

A seguinte etapa vén da man de Temístocles que aproveita as minas de prata  para defenderse en Exina, pero realmente preparar unha enorme flota que lle permitirá no 480 a. C. afrontrar un novo ataque persa. A pesar de ser arrasada Atenas polos persas, Xerxes, o seu rei, pensándose seguro gañador caeu na  falsas palabras simuladas dunha traición ateniense e envía ao estreito de Salamina a súa enorme flota, que vai ser destrozada polas trirremes de Atenas.  Pero a democracia ateniense, tras da segunda vitoria deu un primeiro aviso da súa debilidade ao enviar ao ostracismo de Temístocles.

 

O ESPLENDOR DA ATENAS DE PERICLES, A POLIS DE SOFISTAS E DE SÓCRATES

 Aquela vitoria contra un gran imperio deulle a Atenas e aos gregos pé a crear o seu propio imperio. Nace así a Liga de Delos  450 a. C. unha curiosa fórmula de dominio ateniense con máis de 200 estados aliados, un verdadeiro imperio. Un ano despois chega a cidade Aspasia e no esplendor de Atenas esta muller será quen de atoparse con filósofos e sofistas como Protágoras e con Sócrates. Como xa sabemos acabará sendo esposa de Pericles, o xefe político de Atenas cando este constrúe o Partenón, o gran templo de Atenea en 15 anos e todo parece cambiar... 

A Atenas foran chegando os filósofos e mestres de oratoria denominados sofistas, mestres para aprender a falar en público: nas asembleas políticas, nos xuízos e mesmo nos discursos públicos laudatorios na honra de cidadáns vivos ou mortos. 

De novo podemos ver a influencia dos pensamentos e debates no teatro: Sófocles, amigo de Pericles levou a escena en 442 a.c. Antígona onde se plasma o relativismo dos sofistas, pero tamén a esencia dun discurso socrático. Sócrates que daquela tiña 25 anos asistiu con toda seguridade a algunha das 32 representacións desta traxedia que se realizaron na cidade. Lembremos que Aspasia tamén andaría por alí, quizás botándolle unha man a Pericles nos seus discursos. Pericles repudiara xa a súa primeira esposa, Agarista, no ano 445 a. C. 

Lembra que Pericles usou ben os seus coñecementos oratorios para realizar en distintas ocasións e con distintos motivos discursos de gran transcendencia:.  

Un discurso xudicial para defender a súa nova esposa no xuízo contra Aspasia acusada de corromper ás mulleres e de impiedade (posiblemente no 438 a.C.)

E un discurso político ante a Asemblea para convencer aos cidadáns  para que aprobaran as súas propostas como a da posta en marcha da que coñecemos como a 2º Guerra do Peloponeso.  Pericles no seu proxecto político foi capaz de planificar a derrota do maior inimigo da Atenas democrática, que agora estaba en Grecia, esa Grecia que ambicionaba dominar: a oligarquía de Esparta. Convence con frases como:

- "A maior gloria lógrase superando os maiores perigos"
















Logra que Atenas entre en guerra con Esparta, para defenderse e reclutar á poboación nun lugar libre de ataques por terra  ordena que se levanten os Muros Longos entre Atenas e o seu porto o Pireo, para protexer aos seus dentro da cidade, asegurándose que unha flota abasteza á cidade. Era o 431 a.C.  naquel inverno pronuncia o discurso laudatorio fúnebre  na honra das vítimas tras un primeiro ano de guerra. Trátase dun discurso no que se declara defensor da Democracia. Constitúe un orixinalísimo exemplo de conciencia ciudadá e un modelo de reflexión política que amosa unha optimista confianza nas posibilidades do progreso e da cultura humana.

Todo parecía ir ben, pero aparece a peste un ano despois e Pericles morre a causa da pandemia no 429 a.c. Tucídides viviu e describiu o discurso de Pericles e a lamentable situación posterior das xentes de Atenas nestes anos tras da aparición da peste na polis. Ese sería un segundo presaxio da morte do esplendor de  Atenas... 1/3 da poboación morrería...

(Continuará)

CUESTIÓNS: Tras da lectura e ver o vídeo responde: 

1- Que era o ostracismo?

2- Que son as Guerras Médicas? Que provocou a vitoria de Atenas?

3- Que é a Liga de Delos? Con que finalidade se constitúe?

4- A sofística ten algo que ver coa Democracia en Atenas? 

5-Que relación ten a Antígona de Sófocles coa dialéctica da época?

6- Procura os temas e algunha cita dos discursos de Pericles.

7- Indaga canto cobraba Sócrates polas súas leccións e como as realizaba.

8-  Explica o método dialéctico de Sócrates: Que era a maiética?

9-  Para saber máis:  Que pasa tras da morte de Pericles? Podes ler as seguintes liñas:

Atenas permanece orfa sen un novo líder e tampouco terá na guerra contra Esparta a mesma fortuna de tempos atrás. Mesmo uns  xenerais atenienses vitoriosos ao non recoller os cadáveres dos caídos nunha batalla naval, serán xulgados e condeados á morte (a beber a cicuta) sendo Sócrates o único cidadán de toda a asemblea que se opuxo á pena capital que reclamaba unha masa cega que votou.   As novas campañas militares resultan ser un desastre que dirixen antigos discípulos de Sócrates (Alcibíades e Nicias). Sócrates tiña unha posición crítica ou incómoda para os malos gobernos democráticos que se sucedían (pensaba que os que políticos deberían ser persoas máis sabias, con maiores virtudes) e finalmente houbo un intento de golpe de estado de carácter oligárquico, denominado o dos 30 tiranos, entre os que estaba tamén un ex-discípulo socrático. Cando se volve a recuperar a Democracia en Atenas, Sócrates conta cun bo número de inimigos como veremos en detalle na seguinte entrada.


mércores, 2 de novembro de 2022

OS XÉNEROS ORATORIOS

 ACTIVIDADES: Despois de ver os vídeos:

1- A que tipo de xénero oratorio cres que pertencen estes tres exemplos vistos nos audiovisuais?

Deliberativo: Discursos políticos.

Laudatorio: Discursos para honrar a unha persoa, país, etc...

Xudicial: Discursos ante un tribunal para xulgar unha causa.

 






2-   UNHA PONTE ENTRE O ANTERIOR E O PRÓXIMO PROXECTO E DEBATE A DESENVOLVER:  Procura información sobre estas dúas personaxes do teatro grego das cales algo xa falamos e agora imos coñecer un pouco máis. Son ANTÍGONA e LISÍSTRATAAmbas gardan unha relación moi especial coa guerra e co poder nunha época, lembra, na que elas só fiaban la.  Despois de investigar responde:
- Quen eran ?
- Que lles pasou ou que fixeron,?
- Cando se representaron estas obras, que autores foron os seus creadores?
- Fixémonos especialmente na súa relación coa guerra e co poder,como a definirías?  

3- Para rematar, despois de escoitar estas cantigas, indica que aspectos se destacan nestas actualizacións das personaxes de: Antígona (I) Lisístrata (II) Argumenta as respostas.