TODO VALE?
Quen é o que pensa que todo vale?
Os seres humanos usamos a razón ou temos un
balón por cabeza?
O mundial de fútbol de Qatar é un insulto á intelixencia. Hai numerosas e contrastadas razóns que o confirman. Deixarse levar polos intereses dos máis ricos, poderosos e sen escrúpulos, non é un exercicio de equilibrio racional nin unha actuación intelixente, por máis que nos guste o deporte e o fútbol.
De todos é sabido que o fútbol, un determinado
fútbol, - ti e ti, e mais ti, o sabedes - , é máis un negocio que un deporte. É un
lobo con pel de cordeiro, pero un lobo en definitiva. E se ben o lobo é un
animal e non podemos xulgar como algo impropio del a súa impiedade, o seu
carácter salvaxe e sanguinario, no ser humano ambos comportamentos son
degradantes e fan das persoas bestas. Que debe suceder para que o fútbol sexa sobre todo un deporte?
Reparemos, é suficiente, no número de vítimas que a construción dos estadios do mundial de Qatar
acumula na conciencia de todos os seus telespectadores ansiosos tan só por ver marcar a
súa selección a toda costa. Pero o sangue derramado polos obreiros luxa todas as camisolas sexan brancas ou
amarelas, mesmo as vermellas e luxa tamén os campos de herba como os tanques da guerra abafan e estragan sempre as flores.
Os emperadores romanos usaron “o pan e o circo” para
mercar conciencias, tapar bocas e acalar demandas da xente do común. Imos deixarnos levar polos mesmos reclamos e caer
no mesmo erro en pleno século XXI? Cada vez que acendemos a radio ou a TV, os
altofalantes da información detallan e amplifican calquera anécdota dos novos
gladiadores que xogan co balón nun campo que se ergueu coa explotación e
o sangue de traballadores inmigrantes malpagados, un novo Coliseo. Qatar é o reino da opulencia
e a desigualdade, da discriminación e a falta de dereitos humanos esenciais
como algunhas seleccións quixeron evidenciar nas súas camisolas. Non lle imos poñer freo
a semellante sen razón?
Evitar o debate, o conflito e a evidencia máis obvia é cómodo, mais para ver hai que abrir os ollos e, para quen os teña abertos cun mínimo desa mirada intelectual que nos fai humanos, non todo vale. Non vale todo, non imos ser tan hipócritas. Acaso nunha sociedade como a nosa, a sociedade da sobreinformación, non sabemos as graves violacións de dereitos que pesan sobre Qatar? Que perciban a forza da nosa conciencia! Apaga o televisor!...Non todo vale.
CUESTIÓNS
1-
Divide en partes este discurso persuasivo.
2-
Que tipo de captatio benevolentia
presenta?
3-
A quen se dirixe este texto? Que
obxectivo persegue?
4-
Que argumentos usa? Enuméraos (son varios) e explícaos coas túas palabras.
5-
Que trazos lingüísticos dun discurso
persuasivo atopas?
Ningún comentario:
Publicar un comentario