Para que vale a Dialéctica? Que uso se facía da Oratoria en Atenas e na Grecia Antiga?
Imos responder a esta pregunta estudando as diferenzas entre os sofistas e Sócrates o que nos permitirá ademais de coñecérmonos mellor a nós mesmos, reflexionar acerca da nosa propia existencia. Este proxecto centrarémolo primeiramente na Atenas democrática do século V a. C. que acabamos de visitar fugazmente grazas a curiosa historia de amor entre Pericles e Aspasia. Mais agora imos desprazar o obxectivo da cámara cara a figura de Sócrates do cal xa falamos para saber da súa aportación esencial á oratoria e á filosofía. Observarémolo como símbolo da fin dun imperio que puido ser e que as loitas polo poder e as vicisitudes da guerra, mesmo a lamentable condea a morte do propio Sócrates van derivar de xeito irremediable nunha derrota e destrución daquela esplendorosa Atenas, da clásica e modélica. Tamén arrastrará ao declive a súa rival e aparente vencedora, a oligárquica Esparta e mesmo ao resto da Grecia Antiga. Contemplaremos entón como emerxen novas propostas efémeras de grandes imperios como a de Alexandre o Magno e como a historia de morte e destrución volve a repetirse ao longo dos tempos desta volta na figura de Hipatia, a derradeira filósofa grega que funcionará a modo de epílogo deste proxecto.
ATENAS DEMOCRÁTICA AMEAZADA POLO IMPERIO PERSA
A piques de rematar o século VI, Atenas era
unha simple cidade estado que fora gobernada por aristócratas e oligarcas, pero
tivo a sorte de atoparse coa Democracia como motor interno dun novo tempo para
a polis. O salto da reflexión da dialéctica filosófica e ao debate político
deuse naquel momento en Atenas grazas a personaxes como Clístenes que aplicou
aquela teoría filosófica dos contrarios no ano 508 a. C. reclamando a
“isonomía”, unha igualdade entre pobres e ricos ante a lei, un poder igual de
todos os cidadáns, fundamento da democracia.
Enfrontouse e derrotou así á
“timocracia” de Solón, é dicir, a exclusividade de dereitos en función da
riqueza ou da herdanza familiar (aristocracia). Foi Clístenes o que introduciu
tamén o ostracismo para impedir a volta dos tiranos.
Tamén tivo sorte Atenas na 1ª Guerra Médica ao outorgar a
Milcíades o mando do exército terrestre e que este se decidira atacar por
sorpresa en Maratón ás tropas persas de Darío, rei do imperio Persa, superiores
en número ás atenienses. A vitoria lograda con 6000 mortes persas fronte a 192
gregos provocou a retirada inimiga de inmediato.
A seguinte etapa vén da man de Temístocles que
aproveita as minas de prata para defenderse en Exina, pero realmente preparar unha enorme flota que lle permitirá
no 480 a. C. afrontrar un novo ataque persa. A pesar de ser arrasada Atenas polos persas, Xerxes, o seu rei, pensándose seguro gañador caeu na falsas palabras simuladas dunha traición ateniense e envía ao estreito de Salamina a súa enorme flota, que vai ser destrozada polas trirremes de Atenas. Pero a
democracia ateniense, tras da segunda vitoria deu un primeiro aviso da súa debilidade ao enviar ao
ostracismo de Temístocles.
O ESPLENDOR DA ATENAS DE PERICLES, A POLIS DE SOFISTAS E DE SÓCRATES
Aquela vitoria contra un gran imperio deulle a Atenas e aos gregos pé a crear o seu propio imperio. Nace así a Liga de Delos 450 a. C. unha curiosa fórmula de dominio ateniense con máis de 200 estados aliados, un verdadeiro imperio. Un ano despois chega a cidade Aspasia e no esplendor de Atenas esta muller será quen de atoparse con filósofos e sofistas como Protágoras e con Sócrates. Como xa sabemos acabará sendo esposa de Pericles, o xefe político de Atenas cando este constrúe o Partenón, o gran templo de Atenea en 15 anos e todo parece cambiar...
A Atenas foran chegando os filósofos e mestres de oratoria denominados sofistas, mestres para aprender a falar en público: nas asembleas políticas, nos xuízos e mesmo nos discursos públicos laudatorios na honra de cidadáns vivos ou mortos.
De novo podemos ver a influencia dos pensamentos e debates no teatro: Sófocles, amigo de Pericles levou a escena en 442 a.c. Antígona onde se plasma o relativismo dos sofistas, pero tamén a esencia dun discurso socrático. Sócrates que daquela tiña 25 anos asistiu con toda seguridade a algunha das 32 representacións desta traxedia que se realizaron na cidade. Lembremos que Aspasia tamén andaría por alí, quizás botándolle unha man a Pericles nos seus discursos. Pericles repudiara xa a súa primeira esposa, Agarista, no ano 445 a. C.
Lembra que Pericles usou ben os seus coñecementos oratorios para realizar en distintas ocasións e con distintos motivos discursos de gran transcendencia:.
Un discurso xudicial para defender a súa nova esposa no xuízo contra Aspasia acusada de corromper ás mulleres e de impiedade (posiblemente no 438 a.C.)
E un discurso político ante a Asemblea para convencer aos cidadáns para que aprobaran as súas propostas como a da posta en marcha da que coñecemos como a 2º Guerra do Peloponeso. Pericles no seu proxecto político foi capaz de planificar a derrota do maior inimigo da Atenas democrática, que agora estaba en Grecia, esa Grecia que ambicionaba dominar: a oligarquía de Esparta. Convence con frases como:
- "A
maior gloria lógrase superando os maiores perigos"
Logra que Atenas entre en guerra con Esparta, para defenderse e reclutar á poboación nun lugar libre de ataques por terra ordena que se levanten os Muros Longos entre Atenas e o seu porto o Pireo, para protexer aos seus dentro da cidade, asegurándose que unha flota abasteza á cidade. Era o 431 a.C. naquel inverno pronuncia o discurso laudatorio fúnebre na honra das vítimas tras un primeiro ano de guerra. Trátase dun discurso no que se declara defensor da Democracia. Constitúe un orixinalísimo exemplo de conciencia ciudadá e un modelo de reflexión política que amosa unha optimista confianza nas posibilidades do progreso e da cultura humana.
Todo parecía ir ben, pero aparece a peste un ano despois e Pericles morre a causa da pandemia no 429 a.c. Tucídides viviu e describiu o discurso de Pericles e a lamentable situación posterior das xentes de Atenas nestes anos tras da aparición da peste na polis. Ese sería un segundo presaxio da morte do esplendor de Atenas... 1/3 da poboación morrería...
(Continuará)
CUESTIÓNS: Tras da lectura e ver o vídeo responde:
1- Que era o ostracismo?
2- Que son as Guerras Médicas? Que provocou a vitoria de Atenas?
3- Que é a Liga de Delos? Con que finalidade se constitúe?
4- A sofística ten algo que ver coa Democracia en Atenas?
5-Que relación ten a Antígona de Sófocles coa dialéctica da época?
6- Procura os temas e algunha cita dos discursos de Pericles.
7- Indaga canto cobraba Sócrates polas súas leccións e como as realizaba.
8- Explica o método dialéctico de Sócrates: Que era a maiética?
9- Para saber máis: Que pasa tras da morte de Pericles? Podes ler as seguintes liñas:
Atenas permanece orfa sen un novo líder e tampouco terá na guerra contra Esparta a mesma fortuna de tempos atrás. Mesmo uns xenerais atenienses vitoriosos ao non recoller os cadáveres dos caídos nunha batalla naval, serán xulgados e condeados á morte (a beber a cicuta) sendo Sócrates o único cidadán de toda a asemblea que se opuxo á pena capital que reclamaba unha masa cega que votou. As novas campañas militares resultan ser un desastre que dirixen antigos discípulos de Sócrates (Alcibíades e Nicias). Sócrates tiña unha posición crítica ou incómoda para os malos gobernos democráticos que se sucedían (pensaba que os que políticos deberían ser persoas máis sabias, con maiores virtudes) e finalmente houbo un intento de golpe de estado de carácter oligárquico, denominado o dos 30 tiranos, entre os que estaba tamén un ex-discípulo socrático. Cando se volve a recuperar a Democracia en Atenas, Sócrates conta cun bo número de inimigos como veremos en detalle na seguinte entrada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario