mércores, 13 de decembro de 2017

LEMBRANDO O QUE APRENDEMOS NO TRIMESTRE

1- Por que é  orixinal a mitoloxía grega? 
2-Diferenza entre Caos e Cosmos? Que significa Cosmogonía?
3-Que é a Teogonía? Quen a escribiu?
4- Como nacen Xea e Urano? Quen son:  Cronos, os Titáns, Ciclopes e Hecatonquiros
5- Que sabes das características, evolución e a destrución da civilización minoica?        
6- O rapto de Europa, Minos, o Minotauro, Dédalo e Ícaro e Teseo.
7-XEOGRAFÍA: Colocar no mapa :  Cnossos, Troia, Micenas, Esparta, PELOPONESO, MAR EXEO,  ILLAS CÍCLADAS,  MAR NEGRO,  MAR MEDITERRÁNEO, Atenas.  Illa de ÍTACA. 
8- Marcamos con frechas nun mapa de Grecia as Invasións indoeuropeas dos aqueos.
9- Os amores de Zeus.
10- O Olimpo: os nomes dos deuses do Olimpo
11-Relatamos o mito das Idades do home. 
12- Prometeo e Epimeteo: os homes e Pandora.
11- Quen son Peleo e Tetis e O xuízo de Paris.
12-      Que descubrimentos fixo H. Schliemann? Que sabemos polas excavacións de Blegen e as máis recentes dos anos 90? Que nos transmiten os textos en lineal b e dos hititas?
13-  Cales  son as razóns históricas e  mitolóxicas da guerra de Troia?
14-LECTURAS:  Que é a Épica? Que sabes de Homero?  Despois de ler o texto, identifica quen interven, a que momento corresponde: Canta, oh deusa, a cólera do Pelida Aquiles; cólera funesta que causou infinitos males aos aqueos e precipitou ao Hades moitas almas valorosas de heroes, aos que fixo présa de cans e das aves de rapina —cumpríase así a vontade de Zeus —desde que se separaron disputando o Atrida, rei de homes, e o divino Aquiles.. Cal dos deuses promoveu entre eles a contenda para que pelexaran? O fillo de Zeus e de Letó. airado co rei, suscitou no exército maligna peste e os homes perecían pola ultraxe que o Atrida infrinxiu ao sacerdote Crises. Este, desexando redimir a súa filla,  presentouse nas rápidas naves aqueas cun inmenso rescate e as ínfulas do frechador Apolo que pendían de áureo cetro, na man; e a todos os aqueos, e particularmente aos dous Atridas, caudillos de pobos, así lles suplicaba.
15-A Ilíada comeza  no _____ ano  do _________ de Troia.   Quen son  Criseida e Briseida? Explica cal é o tema central deste relato de __________?
16- Homero e o cinema (I):  As películas sobre Troia. 

luns, 4 de decembro de 2017

A ILÍADA DE HOMERO E A PELÍCULA DE TROIA de W. Petersen.

Dado que son moitos os que coñecen a versión máis recente da Ilíada levada á pantalla por W. Petersen no 2004, imos facer un exercicio de contraste das escenas máis importantes da película para ver ata que punto é coincidente co relato homérico.


O COMEZO DA ILÍADA E O LIMIAR DO FILME:

Lembrade que a Ilíada comeza no noveno ano do asedio de Troia por parte dos gregos e ten como tema central a cólera de Aquiles co Atrida Agamenón.


Cal fora o motivo deste desencontro entre ambos líderes gregos?

Para poder respostar teremos que nos familiarizar coa linguaxe épica.  Unha experiencia enriquecedora porque o relato presenta un panorama máis complexo que o guión cinematográfico, claro está. Por exemplo, aos gregos Homero chámaos Dánaos, ou os Atridas son Agamenón e Menelao,  nomes que debemos saber descodificar ao ler o texto da Ilíada.
 
Por que se chama aos gregos Dánaos?
Quen era Atreo?


Mais vaiamos seguindo o guión da película para poder comentar e ampliar o noso coñecemento sobre a Ilíada de Homero. 


Aquiles e Agamenón nunha das escenas da película

A guerra comezara como dixemos nove anos atrás. Esta é unha das primeiras diferenzas entre o filme e o texto de Homero.  Na película hai unha primeira escena introdutoria que se desenvolve  en Tesalia que serve de presentación dos personaxes:  Agamenón, poderoso e ambicioso rei dos aqueos e Aquiles, o heroe invencible dos pés lixeiros.

Logo o filme lévanos a Esparta, á corte do rei Menelao.

 RAPTO DE HELENA
Que facía Paris en Esparta?

Investiga como chegou Helena a casar con Menelao e quen propuxera un xuramento dos principais reis gregos que foran pretendentes da princesa espartana? 



















AGAMENÓN- MENELAO
Despois do rapto de Helena, Menelao preséntase en Micenas ante o seu irmán. 
Por que Agamenón estaba obrigado a facer a guerra contra Troia?
Na película esfórzanse en poñer na boca de Agamenón as razóns históricas da guerra, é dicir, o interese de que un enclave estratéxico e rico como Troia estea baixo o poder dos aqueos e non dos hititas.
Reis gregos: Menelao, Agamenón e Néstor, detrás Ulises, Aiax e Tríopas

ENCONTRO CON ULISES en PHTIA. Realmente non foi así. Indaga como foi o intento de convencer a Aquiles  para que se embarcase na guerra contra Troia. Na película é en Phtia e serve para presentar a Patroclo.

IFIXENIA, era filla de Agamenón. No filme non aparece, como outras moitas personaxes femininas das que logo falaremos. Que ten que ver coa guerra de Troia?

MENELAO NON MORRE EN TROIA. Aínda que a película o mata, a Ilíada conta de xeito ben distinto o final do enfrontamento con Paris.
Como acaba na Ilíada o combate entre Menelao e Paris?


PATROCLO
No filme aseguran que era o curmán de Aquiles. Podería selo, ao ser fillo de Menecio, amigo de Peleo. Pero non sabemos quen fora a súa nai. Hai varias posibles. Se fose o fillo de Polidora (filla de Peleo e Antígona) sería  certamente o curmán de Aquiles, pero hai quen pensa que realmente eran ambos amantes. 
Investiga se na Ilíada Aquiles sabía que Patroclo ía loitar contra os troianos coa súa armadura.

AS CONVERSAS COA NAI TETIS son frecuentes na Ilíada. Na película falan antes de partir para Troia (a única vez que vemos a unha deusa na pantalla).  Imos localizar na Ilíada o momento en que a deusa, nai do heroe procura unhas nova armadura para o seu fillo, tras da morte de Patroclo.

A IMPORTANCIA DE APOLO.  Como deus aliado de Troia, axuda ao seu sacerdote Crises levando a peste ao exército grego, intervén na morte de Patroclo e mesmo dirixe unha frecha fatídica contra  Aquiles, etc… Na película o templo de Apolo que está nas praias de Troia sofre un asalto por parte dos mirmidóns de Aquiles. Esta escena ten un curioso parecido coa morte do fillo predilecto de Príamo que debía morrer para que puidese ser vencida Troia.
 Como se chamaba este fillo de Príamo que non sae no filme, que ten que ver co Apolo e como morreu?

AS BATALLAS NA ILÍADA.
Os relatos das batallas de Homero son realmente vivos e descarnados, o cinema actual tamén é moi violento.   A descrición das armas, o enfrontamento entre heroes como Aiax e Héctor, a desputa polas armas, a retirada dos mortos ao rematar a xornada, etc...
Localiza na Ilíada unha descrición dunha batalla para podela comparar coas imaxes do filme.


O COMBATE DE HÉCTOR E AQUILES
A Ilíada remata tras este combate e a escena de Príamo, rei de Troia, na tenda de Aquiles. Pero na Ilíada aparecen unha morea de personaxes femeninas importantes que non están na película.
Quen eran Hécuba e Casandra? 


O CABALO DE TROIA
Quen tivo a brillante idea do cabalo?

Na Ilíada non conta este asunto do cabalo, cales son as fontes máis antigas onde se narra a derrota dos troianos? 


AGAMENÓN MORRE EN TROIA?
Esta claro que na Ilíada non fala do final da guerra como ocorre no filme, pero a través da Odisea de Homero podemos aclarar esta cuestión, Agamenón morreu na guerra de Troia? 


 A MORTE DE AQUILES para saber máis sobre o final da película e a diferenza entre o filme e a Ilíada e outras fontes mitolóxicas podes consultar da épica de Homero ao cinema.



luns, 30 de outubro de 2017

DE CARA Á PRIMEIRA AVALIACIÓN 2017-2018


Entran  na avaliación os enlaces activos.

Lembra repasar da unidade O, cuestións como a xeografía e un enlace anterior:
-  Os deuses do Olimpo e Amores de Zeus

DE TROIA A ROMA.

I-  DESCUBRE O SEGREDO DE PROMETEO.




VI- A NOSA PARTICULAR ODISEA.

VII- A FUXIDA DE TROIA: A ENEIDA DE VIRXILIO

VIII -AS MULLERES NA FUNDACIÓN DE ROMA .


IX- VENITE ADOREMUS!

- As Saturnalia e  Sol Invictus.

martes, 24 de outubro de 2017

DESCUBRE O OLIMPO

Debemos realizar unha árbore xenealóxica dende o CAOS ata ZEUS tras relatar e ter estudado xa con detalle as vicisitudes polas que pasan as primeiras xeracións de deuses na TITANOMAQUIA e antes de pasar a coñecer:  O amores de Zeus  que nos permitirán comprender a configuración o Panteón de deuses olímpicos.


luns, 25 de setembro de 2017

COMO IMOS TRABALLAR?

Cada unidade imos dividila en apartados.
Cada persoa debe realizar un traballo por apartado no prazo indicado, enviándoo ao correo electrónico do blog. Este traballo suporá un 40 % da nota.
 Haberá tamén unha proba escrita  cun valor dun 60% da nota.

UNIDADE O: Aude sapere... Sócrates: O mito da caverna:  como podemos interpretalo na actualidade? Un modelo do saber: A Cultura Clásica precisa unha definición (Procura redactar unha propia). Fai un cadro de porcentaxes coas orixes dos nomes da clase. Exercicios do tema 1 do libro páxinas 13,15, 23

As Linguas do mundo, as Letras e a súa transmisión. (Memorizar o alfabeto grego). O filósofo grego Sócrates e a escrita.

A Xeografía da Cultura Clásica I: O espazo da Cultura Clásica.  A Helade.

A Historia de Grecia antes dos gregos: Creta e Micenas. (Diferenzas entre minoicos e micénicos). O Minotauro. 

Introdución á Mitoloxía. Que vén sendo un mito?. A Cosmogonía de Hesíodo. Cronos e Rea e a Titanomaquia

Prazo: 19 de outubro.

luns, 18 de setembro de 2017

AUDE SAPERE...

Este será o lema do noso departamento no presente curso: AUDE SAPERE. Fíxate de onde saíu e cal é a súa tradución:

"Dimidium facti, qui coepit, habet: aude sapere, incipe..."
     "Quen comezou, xa fixo a metade: atrévete a saber, empeza..."
                                                                                                      Horacio, Epis. II, 40





 Para empezar imos lembrar a Sócrates, un filósofo grego do século V a.C. do que conservamos os seus discursos grazas a discípulos seus, como Platón.



Contan que en certa ocasión afirmou: "Eu só sei que non sei nada" Que cres que querería dicir o gran pensador ateniense?




Imos ver a continuación outra reflexión, esta vez de Platón, acerca do coñecemento das cousas. Trátase dun "mito" filosófico: O mito da caverna: Que cres que pode querernos dicir Platón?




luns, 22 de maio de 2017

LABERINTO DE CARENCIAS, obra de teatro para rematar o curso


Despois de dous anos de traballo sobre Creta e o mto do Minotauro, sobre Teseo e Ariadna poremos  en escena no mes de xuño o día 17  para rematar este curso a obra:

LABIRINTO DE CARENCIAS 
metáfora dos medos


    O mito do Minotauro é unha reflexión acerca do medo, pero tamén e, no noso caso así o quixemos interpretar, sobre as carencias de Ariadna e Teseo como seres que deben enfrontarse ao medo como adolescentes nunha sociedade cargada frustracións, un labirinto de encrucilladas, paredes sen portas que abrir ou pechar, sen ventás ao horizonte, unha sociedade con longos muros de incomprensión.

   A Ariadna do mito, era a filla do rei Minos da illa de Creta, irmá do Home touro que seu pai mantiña oculto no labirinto e ao que lle ofrecía vítimas dos atenienses como castigo pola morte do seu primoxénito. Ariadna entón rebélase e namorase de Teseo, o heroe ateniense , fillo do rei de Atenas que chega para matar ao monstro.  Cunha axuda inesperada, a de Ariadna e o seu valioso fío, Teseo logrará entrar e saír con vida do labirinto. O mito remata tras da morte do Minotauro coa fuxida de Creta da parella, pero  Ariadna finalmente vai ser abandonada nunha illa por Teseo no medio da viaxe de volta cara a Atenas. 

    Digamos que estes dous adolescentes atópanse nun deses momentos da vida transcendentais para ambos. Pero non son só unha Ariadna e un Teseo só.  Son 7 Teseos e Ariadnas, son infinitos... protagonistas desta relectura do mito do labirinto onde todos podemos ser Ariadna ou Teseo.

   Sempre usamos o mito para ler na sociedade claves que se cadra doutro modo non as vemos. Esa forma permítenos ser sensibles ante a crúa realidade coma os cegos. Somos cegos a tantas cousas diariamente!. Ademais da nosa experiencia con invidentes do Proxecto “ Sentir o mar”  deunos pé a crear unha ARIADNA CEGA que funciona de narradora atemporal de calquera Ariadna, en calquera sociedade, en calquera tempo sexa mitolóxico ou ben actual, axudounos a pasar do mito á realidade e viceversa.

    Os Teseos desta obra, que se levan a peor parte polos valores que defenden, son criticados duramente. Non son tan heroes, son máis ben  antes que vítimas, consecuencia dunha sociedade carente, e precisamente da súa relación é da que concluímos unha traxedia fragmentaria e compartida, a de un Teseo egoísta ante unha Ariadna solitaria, outro Teseo traidor e  unha Ariadna maltratada; un Teseo acosador e unha Ariadna acosada; un Teseo insolidario ante unha Ariadna refuxiada; un Teseo traficante e unha Ariadna adicta; un Teseo político embaucador entre unha Ariadna Rebelde e mais outra conformista.

    Así a pregunta que provocamos, o conflito ao que chegamos  é:  Outro mundo é posible ou vivimos no labirinto do medo sen solución?  Subliñamos logo unha visión pesimista como consecuencia do medo que nos atenaza a día de hoxe e é capaz de muros de incomprensión cada vez máis evidentes a ambos lados do mar.

   Nun xogo permanente entre o pasado e o presente, emerxen imaxes prestadas das atrevidas metáforas das montaxes da coreógrafa alemana Pina Baush. Incorporamos así símbolos  do pasado como o fío ata outros máis actuais indicadores, en gran medida, da intensidade das frustracións e das carencias nas que vivimos. Pasamos do fío que nos levou ante Asterión , o Minotauro,  á auga corrente que nos dilúe como seres débiles semellantes ao sucre ou vítimas dun trebón.

INTERVEÑEN :

ARIADNA CEGA: Iria Fazanes.

ARIADNA CLÁSICA: Lara Loira

MINOTAURO: Aarón Bon.

VÍTIMAS NO LABIRINTO: Antía Novegil, Camila Vilas.

ARIADNAS: Andrea Calvar, Erika Blanco, Paula Acuña, Mery Iglesias, Carla Martínez, Emily Cerqueiro,  Andrea Iglesias.

TESEOS: Manuel Alvariñas, Nicolás Area, Nicolás Simes,  Rodrigo Agraso, Antonio Guimeráns, Emilio Iglesias, Isaac Vázquez.

LUZ e SON: Pablo García Covas e Iria Fazanes.

ESCENOGRAFÍA: Darío Suárez.

TEXTO e DIRECCIÓN:  Héctor Silveiro

                                                   Aula de Teatro San Narciso

Tras da representación 17 de xuño do 2017

Algunhas fotos dos ensaios de Mery Iglesias 
















domingo, 21 de maio de 2017

A ROMA DOS DOCE CÉSARES

que retrata dende Xulio César a Domiciano o percorrido da Roma Imperial na época máis significativa do esplendor deste imperio, pero é unha crónica peculiar porque intenta en clave cuase que xornalística, ás veces mesmo achegándose ao xornalismos sensacionalista, plasmar os claros e escuros daquela trepidante sociedade escollendo como protagonistas aos máis destacados membros dirixentes da clase política romana daqueles tempos. Viviremos no seu texto intrigas de pazo, movemento de sables, asasinatos políticos e envelenamentos, odios e amores dimes e diretes dos máis famosos emperadores romanos. Unha lectura recomendable para quen guste deste tipo de narracións históricas. Lembremos que o gran novelista Robert Graves tirou moitísimos datos deste autor.

A CAÍDA DO IMPERIO ROMANO
Tradicionalmente o Imperio divídese en dous períodos: o Principado e o Dominado. Princeps, significa o primeiro ou principal, iso é o que era o emperador, o principal cidadán de Roma. É o nome que se designa ao goberno de Octavio Augusto e os emperadores que o sucederon, unha etapa de asentamento das conquistas namentres o Senado vai perdendo atribucións. Nun primeiro momento a sucesión será dinástica, é dicir, dentro da mesma familia, pero a partir do 96 d.C. pasará a ser por adopción.

Tras o Principado xorde o Dominado. Comeza na época do emperador Diocleciano, e Dominado (que vén de dominus, é dicir, o emperador considerado o "señor, o dono" dos seus súbditos) significará a orientalización do Imperio. Os problemas nas fronteiras comezan a dar serios problemas sobre todo polo empuxe dos pobos xermánicos e Diocleciano decide dividir en dous o territorio (Oriente e Occidente) cun emperador en cada parte que a súa vez escollería un axudante (era a Tetrarquía 284-305 d.C.) O sistema non funcionou moi ben porque volveuse a unir todo o imperio con Constantino, emperador coñecido tamén por desprazar a capital de Roma a Constantinopla (cidade de Constantino ubicada na antiga Bizancio) e por proclamar a liberdade de cultos no 313, unha reforma relixiosa que puxo punto final da persecución do cristianismo, unha relixión que cada vez ía tendo maior aceptación entre as clases altas de Roma. Foi o seu sucesor Teodosio que implantou como oficial o cristianismo. Á morte deste emperador divídese o imperio definitivamente en dous territorios(Oriente e Occidente).

Causas internas e externas son as que se esgrimen á hora de explicar porque se foi abaixo o Imperio que nacera despois das guerras civís ocasionadas á morte de César e que remataron tras proclamarse Octavio Augusto imperator no ano 27 a. C. O imperio dende o século III d. C. sufrirá unha serie de crises que irán debilitando a súa coherencia. As guerras de conquista con Adriano finalizaron e ao complexo entramado militar de Roma só lle quedaba defender as súas bastas fronteiras, especialmente as centroeuropeas da presión dos denominados pobos bárbaros e procurar que non provocasen disturbios os milleiros de escravos, alí onde estaban concentrados en maior número (os latifundios do sur de Hispania ou de Italia).
As vías romanas que se estendían por todo o imperio, así como os campamentos e as lexións distribuídas estratexicamente non permanecerán sempre iguais. Precisamente por ser o Imperio un amplo territorio que administrar e vixiar houbo que desprazar cada vez máis tropas cara o Norte, onde a os problemas cos pobos bárbaros eran continuos, descoidando os latifundios do Sur onde os escravos facían das súas ou ben eran liberados porque os amos, xa fose por influencia do cristianismo ou por evitar problemas, preferían darlles a liberdade e ofrecerlles terras para cultivar a cambio dunha parte da colleita (un sistema de producción que preludia a Idade Media. Outros feitos son tamén un anuncio destes novos tempos: o emperador considérase autoridade relixiosa).
Os Hunos capitaneados por Atila empézanse a mover cara ao Occidente atraídos pola riqueza de Roma. Pero serían os godos de Alarico os primeiros en asaltar Roma no ano 410 axudados por 40000 escravos que lle abriron as portas da cidade. A mediados do século V gran parte do Imperio xa estaba nas mans dos bárbaros, e foi un xefe xermano Odoacro, quen depuxo ao derradeiro emperador Rómulo Augústulo, un mozo de tan só trece anos, era o ano 476 d. C.


Ás causas externas, a presión das tribos bárbaras que se introduciran en algunha ocasión como aliadas para controlar a outros pobos inimigos e logo pasan a ocupar ou comprar territorios (como é o caso do pobo xermano dos Suevos que se instalaron na Gallaecia, unha provincia romana ata que foi vendida polo emperador momento no que se consolidará o primeiro reino medieval Europeo) temos que engadirlle pois a manumisión dos escravos por motivos relixiosos, a falta de control sobre os que aínda o seguían sendo.


xoves, 18 de maio de 2017

LÍRICA GRECOLATINA (II) CATULO

VIVAMVS, MEA LESBIA, ATQVE AMEMVS 
Vivamos, miña Lesbia  e amemos
RUMORESQVE SENVM SEVERIORVM
 e os rumores dos vellos máis severos
OMNES VNIVS AESTIMEMVS ASSIS.
todos estimemos un céntimo.

SOLES OCCIDERE ET REDIRE POSSVNT
Os soles poden morrere volver a nacer
NOBIS, CVM SEMEL OCCIDIT BREVIS LVX,
Nós, cando dunha vez, morra a breve luz,
NOX EST PERPETUA UNA DORMIENDA.
unha noite perpetua teremos que durmir.

DA MI BASIA MILLE, DEINDE CENTVM,
Dame mil bicos, logo un cento,
DEINDE MILLE ALTERA, DEIN SECVNDA CENTVM,
logo outros mil, logo, de segundas, un cento,
DEINDE VSQVE ALTERA MILLE, DEINDE CENTVM.
logo ata outros mil, logo un cento.
DEIN, CVM MILIA MULTA FECERIMVS,
Despois, cando unha morea de miles teñamos,
CONTVRBABIMVS ILLA, NE SCIAMVS
trabuquémolos para que non saibamos
AUT NEQVIS MALVS INVIDERE POSSIT
ou para que ningún malfadado poida envexarnos

CVM TANTVM SCIAT ESSE BASIORUM.
ao saber cantos bicos houbo.
                                                                 Carmina Catuli, V.

Catulo, un poeta do século I a.C. que amaba a Lesbia e compuxo poemas como este do que dispoñemos numerosísimas versións na rede. Aquí deixamos tres:




Lían ambos a Safo. De aí que Catulo chame a súa amante Lesbia, é dicir, amiga da poeta de Lesbos do século VII a.C. pero a relación amorosa volveuse tormentosa e finalmente rachou:


Odi et amo. Quare id faciam, fortasse requiris.
Nescio, sed fieri sentio et excrucior.
                                         Carmina Catuli LXXXV

Odio e amo. Quizás preguntes por que fago isto.

Non o sei, pero sinto que así ocorre e martirízame.



HORACIO: É, sen dúbida, un autor afortunado ao que se lle asocia cos tópicos literarios máis coñecidos como son: o "carpe diem" ou o " beatus ille", temas recorrentes (xa usados polos autores gregos) que se fixeron populares e foron imitados polas literaturas europeas posteriores a partir das súas Odas e Épodos.

Efectivamente, Virxilio, que ademais de A Eneida, tamén foi autor das Xeórxicas, escribira este verso;
"Sed fugit interea, fugit irreparabile tempus" ( Georg. III 284)
  "Foxe entrementres, foxe irreparable o tempo"

nacendo así o tempus fugit, un dos tópicos máis coñecidos da literatura universal que está intimamente asociado ao carpe diem  do noso Horacio :


"Carpe diem, quam minime credula postero" (Oda I , 11)
" Aproveita o día, non confíes no mañá"

HORACIO E OVIDIO

Tamén Horacio puxo en criculación outro tópico o beatus ille  que aparece nos Épodos:

Beatus ille qui procul negotiis... Felíz aquel que lonxe dos negocios...







evoca este tópico dalgún xeito outro moi frecuente na literatura antiga e moderna o locus amoenuso lugar ideal que foi esencial na poesía bucólica ou pastoril.





O poeta Horacio deixou dito non omnis moriar: non morrerei por enteiro! nunha das súas Odas:

Exegi monumentum aere perennius
regalique situ pyramidum altius,
quod non imber edax, non aquilo impotens
possit diruere aut innumerabilis
annorum series et fuga temporum.
Non omnis moriar, multaque pars mei
vitabit Libitinam: usque ego postera
crescam laude recens, dum Capitolium
scandet cum tacita virgine pontifex:
Dicar, qua violens obstrepit Aufidus
et qua pauper aquae Daunus agrestium
regnavit populorum, ex humili potens
princeps Aeolium carmen ad Italos
deduxisse modos. Sume superbiam
quaesitam meritis, et mihi Delphica
lauro cinge volens, Melpomene, comam

Carm. III 30

Efectivament, non morreu de todo. O uso actual dos tópicos está máis que vivo vexamos un par de exemplos:










OVIDIO: É un autor que xa coñecemos polas súaMetamorfoses, un conxunto de relatos míticos escritos en verso que describen os cambios ou transfiracións sufridas polos deuses, heroes ou heroinas dende as orixes dos tempos até os días que emerxe o imperio romano baixo Octavio Augusto. é un conxunto de historias de carácter épico tan singular que conservou ademais de coñecidos mitos escritos por autores gregos algúns que só a través del chegaron ao snoso días como é o caso do fermosísimo mito de Píramo e Tisbe:

Pero Ovidio tocou todos os xéneros dun xeito moi orixinal, escribiu as Heroidas cartas de amor en verso das mulleres da mitoloxía cuxos amores non foi correspondido: Helena, Penélope, Ariadna... e fíxose famoso grazas a un libro de amor , pero como se fose un tratado didáctico de como seducir  á persoa amada ( home e muller) e conservar o seu amor no Ars Amandi (arte de amar) compuxo fermosos poemas de amor en Amores ou Remedia Amoris. Coñezamos algún dos seus textos:







Un certo escándalo provocou na Roma de Augusto estes poemas atrevidos que foron o pretexto, pero non a causa real dun desterro do autor que morrería lonxe de Roma na afastada Tomis (unha cidade da Romania romanizada) onde compxo  Tristia onde expresa a soidade e o desespero por non poder volver a Roma, suplicando ao emperador o seu perdón.



LÍRICA GRECOLATINA (I): SAFO

Páréceme semellante aos deuses
 o home que fronte a ti se senta
 e escoita á túa beira as túas doces palabras
e o teu sorriso encantador;
e iso é o que no meu peito conmoveu o meu corazón
mírote ao punto e xa non podo
 articular palabra.
Trábaseme a lingua
e, ao punto, un sutil lume corre baixo a miña pel;
non vexo cos meus ollos, zúmbanme os oídos
 invade unha suor fría,
un estremecemento apodérase de min
 da cor da pálida herba quedo
 e ao bordo mesmo da morte
 paréceme estar.
                                                                                                             Safo, Poesías, 39D
Safo de Lesbos é unha poeta do século VII a.C.











Outros poetas da Grecia antiga:

Anacreonte

domingo, 7 de maio de 2017

COMO VIVÍAN OS ROMANOS/AS


Ademais do libro como primeira referencia recomendada no stemas 6 " As etpas da vida" e 7 " A vida cotiá" podedes consultar para desenvolver as actividades os distintos vídeos e enlaces para complementar e ampliar que colgamos a continuación.  





Para procurar información na rede podes consultar:



- Gallaecia Romana: Lucus Augusti alto imperio e no baixo imperio

- Hispania Romana: Numancia (a conquista)  MéridaCorduba


ou Tarraco  ou un enterramento en Edeta

COMO VIVÍAN OS GREGOS/AS

Ademais do libro da aula (tema 6 "As etaps da vida" e 7 "A vida cotiá" especialmente) como primeira consulta orientativa podes ampliar coñecementos en multitude de entradas que atoparás na internet:


Na rede tamén podemos atopar moita información en pequenos vídeos sobre o esencial da educación na Grecia antiga contrastando ademais os modelos de Atenas e Esparta, vexamos un par de breves exemplos:











sábado, 6 de maio de 2017

ATENAS VERSUS ROMA


Atenas fora a cidade máis importante da antigüidade no século V a.C., pero tras perder a Guerra do Peloponeso con Esparta e aparecer en escena os macedemonios, Filipo e o seu fillo Alexandre, os gregos quedaron supeditados a eles ata que emerxe o poder de Roma, que, a pesar das loitas internas, soubo constituírse nun imperio, o máis poderoso da época, ao longo de 500 anos.  O desenvolvemento de Roma foi logo ben distinto do de Atenas.
Tras das guerras Púnicas de Roma contra Cartago, Roma volverá a mirada cara á Hélade, aínda que os contactos cos gregos viñan de vello polas colonias que estes tiñan no sur da Península Itálica, Grecia será conquistada como ponte de expansión cara ao Mediterráneo oriental convertindo en provincias romanas Macedonia, Grecia que foi conquistada no 197 a.C. No ano 196 a. C., tras derrotar a Filipo V de Macedonia, Flaminino proclama retoricamente a liberdade dos helenos. É unha liberdade condicionada ao predominio romano, pero que proporciona  un respiro á esgotada Grecia continental: por fin unha certa pacificación permite, tras moitos anos de crise, reorganizar a economía e, con ela, os obradoiros artísticos. Unhas décadas despois, en Pidna (168 a. C.), cae vencido o rei Perseo de Macedonia, e as lexións romanas entran definitivamente en toda Grecia: agasallan a Atenas entregándolle o porto de Delos para axudala na súa reconstrución económica, pero, en cambio, deixan claro que non aceptan sublevacións e, para que sirva de escarmento, destrúen por completo Corinto (146 a. C.). Roma estab construíndo un novo Imperio. Logo virían Pérgamo, Bitinia, Siria, Cilicia, O Ponto, Xudea e as illas de Chipre e Creta. 

No transcurso desa expansión chegaría a Crise da República que coa figura de Xulio César verá transformarse Roma definitivamente nun gran imperio gobernada por emperadores.

 "Graecia capta ferum victorem cepit et artes intulit in agresti Latio."
 Grecia capturada conquistou ao seu fero conquistador e introduciu as artes no agreste Lacio.

Esta afortunada frase de Horario pode dar unha idea da visión que os romanos tiñan de Grecia e da súa cultura que entendían superior. Cando se estaba fundando Roma Homero e Hesíodo xa recitaran os seus versos épicos. Todos os autores clásicos viviron cando Roma estaba, digámolo así, na súa infancia.

 De feito para eles o grego era o idioma de prestixio e os máis ricos facíanse con escravos gregos para educar aos seus fillos no seu idioma. Sabemos que personaxes como Xulio César no seu proceso de formación intelectual pasaron un tempo nalgunha cidade de Grecia, como facían todas as persoas nobres. Os romanos cultos eran bilingües. Así veremos que non é estraño que un historiador latino do século I como Plutarco escriba seguindo o costume establecido en Roma para os historiadores, as súas biografías en grego. Este autor ademais concibiu no seu libro Vidas paralelas  unha curiosa comparación de coñecidas figuras gregas coas romanas partindo de características comúns. Por exemplo emparellou a Alexandre o magno con Xulio César e ao orador ateniense Demóstenes co romano Cicerón.


A pesar de todo houbo persoas que se resistiron a aprender grego, que practicaron unha reacción contraria á colonización cultural de Grecia como, por exemplo, o orador latino Catón. Roma, con todo non foi quen de superar culturalmente a Grecia, a concepción grega da vida non se impuxo en Roma. O que prevaleceu e se procurou manter e restaurar foi a antiga moral das matronas romanas. O luxo, o refinamento, unha sexualidade desinhiba sempre foron mal vistas en Roma.
Esa moral e costumes son as que reforzadas polo Cristianismo se impuxeron en Occidente e aínda hoxe nos falta certa alegría da vida que apreciamos en cambio noutras latitudes, xeralmente en Oriente.