luns, 23 de marzo de 2020

ACTIVIDADES DENDE CASA MARZO-ABRIL

 ACTIVIDADES DO MES DE MARZO 

 CULTURA CLÁSICA

PRAZOS
Semana de 16 ao 24 de marzo para 3º ESO A
Semana se 16  a 27 de marzo para  3º ESO B

CONTIDOS
- Lectura e actividades da guía didáctica da obra de TEATRO: Anfitrión de Plauto.

- Lectura de textos do xénero da ÉPICA: A Ilíada  de Homero, seleccionar pasaxes máis interesantes para comparar coa versión da película de Troia  de W. Petersen (2004) e  procurar as diferenzas. 

PRAZOS: 
Semana de 27 a 31 de marzo para 3º ESO A
Semana 27 de marzo ao 2 de abril para 3º ESO B
CONTIDOS:

2ª-VOLVEMOS AO TEATRO: Ver e comprender os distintos vídeos sobre a orixe do teatro.  Por que dicimos que en orixe o teatro grego era un rito?
Cales son as partes dun teatro grego?,
Quen era Dionisos? Quen era Pisístrato?
Quen era Tespis?
Que diferenzas hai entre estes autores tanto na forma como sobre todo no contido das súas obras?


No libro de texto de clase consulta o tema 11, páxinas 160-161 e fai os exercicios da páx. 161.

3ª Ver e resumir unha traxedia grega:  As Troianas de Eurípides. No seguinte enlace podes escoller entre as tres versións da obra que logramos reunir.



PRAZOS PARA ACTIVIDADES  DO MES DE ABRIL
Semana do 3 ao 17 de abril  para 3º ESO A
Semana do 2  ao 17 de abril para  3º ESO B


CONTIDOS
ODISEA PERSOAL:  Entra no enlace. Terás que resolver 12 cuestións nunha viaxe persoal e intransferible que cada quen experimentará actuando con astucia e audacia, a semellanza do heroe deste relato.  Coñecerás a Odiseo, o rei de Ítaca, que emprende regreso de  Troia,  a Penélope e tamén a Calipso, a Circe e outros moitos personaxes. Algúns humanos, afables ou non,  outros terribles e monstruosos que irán aparecendo á par dos deuses e deusas que tamén están presentes nesta obra épica de Homero sobre a que vas traballar e que se titula A Odisea.
.


MITOS DE PRIMAVERA I:
 ORFEO E EURÍDICE. Para realizar ata o día 17 de abril.


xoves, 12 de marzo de 2020

VOLVENDO Á ÉPICA

Despois de ler,  facer os exercicios da guía de lectura (puntos do 1 ao 8 traballo para esta semana queda pendente unha proba de lectura) e asistir á representación da obra de Anfitrión de Plauto, imos volver á épica para rematar o ciclo troiano que non fixemos máis que comezalo a ver.  Debemos reparar nos principais fitos que A Ilíada de Homero relata para coñecer os detalles máis importantes deste libro, detalles imprescindibles para avanzar no curso e poder retomar de novo as temáticas mitolóxicas levadas ao teatro.


Selección de textos do relato de Homero:
 Consulta o enlace anterior para ler e comprender os textos épicos na súa fonte orixinal. (Traballo para a semana 13 de marzo ao 19 de marzo)

BUSCA A DIFERENZA ENTRE HOMERO E A VERSIÓN DO CINEMA !
Recomendamos, tendo en conta o noso confinamento na casa, ir vendo a  famosa película TROIA de W. Petersen (2004) para ir contrastando a versión cinematográfica co texto homérico e outras fontes da mitoloxía clásica. Estade atentos porque hai grandes diferenzas que hai que detectar.

A película podémola dividir nas seguintes partes:

I- Introdución:
a) Presentación de Agamenón e de Aquiles.
b) Rapto de Helena de Esparta por parte do troiano Paris.
c) Menelao solicita a axuda do seu irmán Agamenón.
d) Procura de Aquiles e partida dos gregos cara Troia.
e) Príamo, rei de Troia, recibe a Helena, a pesar da oposición de Héctor.

II-Desembarco nas praias de Troia.
a) Toma do templo de Apolo e o botín de guerra.
b) A cólera de Aquiles contra Agamenón a causa de Briseida.
c) Paris combate con Menelao.

III  O cambio de actitude de Aquiles
a) Ataque das naves dos gregos por parte dos troianos.
b) A morte de Patroclo.
c) O combate de Aquiles con Héctor.
d) Entrevista de Príamo e Aquiles.

IV A caída de Troia.
a) O cabalo de Troia.
b) Arde Troia.

 PROCURA AS  7 DIFERENZAS MÄIS IMPORTANTES

martes, 3 de marzo de 2020

NO FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO de TUI

 Tras da lectura da obra mañá viaxamos a Tui a ver a comedia de Plauto Anfitrión. Unha comedia que parte dun dos amores de Zeus que máis deu que falar.  A temática amorosa e a sátira sobre o divino e o humano coa idea paradóxica de que ambas realidades están tan distantes como próximas serven de fío condutor desta comedia plautina.








ACTIVIDADES SOBRE A OBRA DE PLAUTO ( Guía didáctica que podedes atopar tamén no texto ou libro de lectura ):
1- Lectura atentada introdución e da comedia.
2- Procurar no enlace no capítulo 118 do libro de Robert Graves o relato do nacemento de Hércules e establecer semellanzas e diferenzas coa comedia.
3- Analiza o paso da Comedia Antiga á Comedia Nova.
4-Enumera a partir da introdución as diferenzas entre traxedia e comedia.
5- Partes nas que se divide a comedia.
6- Amplía a información sobre as características dos personaxes na comedia plautina.
7- Investiga a evolución semántica do nome do escravo Sosias.
8- Establecer un debate sobre a sospeita de adulterio e a relación de ambos personaxes. Como se comportaría  hoxe en día  unha parella  ante una  situación similar.
9- Elixide unha escena para representar en clase.
10- Elaborade unha presentación en power point sobre a historia de Hércules/Heracles.

A Comedia latina do século II a.C. é unha copia da Comedia denominada Nova que facían autores gregos como Menandro (século III) a. C.  e que á súa vez foi unha evolución da Comedia Antiga de autores atenienses como Aristófanes ( século V a. C.)  Esta evolución produciuse como afundimento da democracia ateniense e do debate político e filosófico que alimentaba aquela sociedade na que cabía un espazos de crítica política aberta. Aristófanes fixo comedias como Lisístrata, de claro signo antibelicista  para criticar aos gobernantes cando Atenas estaba en plena guerra coa cidade de Esparta por exemplo. Pero coa entrada nunha nova etapa a Comedia tivo que cambiar de temática e pasou á comedia onde os conflitos amorosos son o tema central das tramas cómicas.

Herdado este modelo por Roma, cando os romanos se apoderaron de Grecia, trouxeron e espallaron por Italia un tipo de obras copiadas das gregas. Os personaxes polo nome parecen gregos, pero no fondo son moi romanos, porque retratan e usan a lingua, ditos e costumes propios da sociedade romana aínda que a acción teatral se situe en Grecia. Só así un romano podería consentir que un escravo como Sosias fose tan atrevido co seu amo.


O PRÓLOGO

  DÚAS SOSIAS


ALCMENA E  XÚPITER


MERCURIO DISPOSTO A  FACER O  PAPEL DE SOSIAS

AS DÚBIDAS DOS VERDADEIROS SOSIAS e ANFITRIÓN

O PRIMEIRO ENCONTRO  DE ANFITRIÓN E DE SOSIAS CON ALCMENA?

ATA SOSIAS CONFUNDE A XÚPITER CON ANFITRIÓN
MERCURIO DETÉN AO VERDADEIRO ANFITRIÓN

XÚPITER FRONTE A ANFITRIÓN

BLEFARÓN INTENTA SOLUCIONAR O ENREDO,... PERO EL MESMO SE ENREDA














 XÚPITER ACTÚA PORQUE O PARTO SE ACHEGA  E... BROMIA NARRA O ACONTECIDO AO SEU AMO



ANFITRIÓN AGRADECE A XÚPITER A SÚA VISITA CARGADA DE SORPRESAS















Hai un gran traballo actoral do GRUPO NOITE BOHEMIA da Coruña, o que representa Anfritrión de Plauto en Tui, pero ademais de transmitirlle os nosos parabéns pola dedicación e o esforzo, non podemos deixar de realizar unha crítica necesaria á versión que presentan.  NOITE BOHEMIA  opta por unha versión actualizada da obra plautina. Veremos que un dos protagonistas: Sosias convértese nunha escrava, a escrava SOSIAS, entroutras reinterpretacións que achegan ao público de hoxe con chistes de hoxe a un texto ben antigo.

A pregunta é se dado que se actualiza un texto clásico naqueles momentos que se procuraba en Plauto provocar o riso con alusións cómicas ou equívocos e xogos de palabras con dobres sentidos, ironías, etc... non se podería entón facer que unha boa parte destes textos e elementos riseiros tivesen unha carga menos machista e menos manida? Se nos propoñemos actualizar logo corremos o risco de caer en lastimosas e obsoletas fórmulas á hora de facer rir nada actuais.   É este o teatro que desexamos vexan as novas xeracións de rapaces e rapazas?

 Non é  malo que milleiros de alumnos vexan obras gregas e latinas como as que se representan  neste Festival de Teatro Grecolatino, pero  hai que lograr dar un paso máis ou ben mantendo unha fidelidade severa cos textos orixinais con todos os seus defectos e virtudes, ou ben tender  nas actualizacións dos textos a crear un modelo de teatro realmente moderno e actual, que beba do clásico no que este teatro ten de bo e queira de verdade reinterpretar e situar no século XXI o que se representa.  A temática dos enredos amorosos como a que presenta esta comedia reclama pois unha versión máis audaz e realmente creativa que se saiba liberar dos grandes lastres que o pasado conleva.





Despois de ver e disfrutar da representación da obra toca analizar a lectura de Anfitrión de Plauto seguindo as directrices que o libro de lectura establece na súa guía didáctica:





domingo, 1 de marzo de 2020

IMOS AO TEATRO,... PERO COMO NACEU O TEATRO?

A máscara, unha das características do teatro grecolatino a estudar para comprender a súa orixe. 

Imos ler e ver unha obra de teatro clásico ou grecolatino. Leremos e veremos logo unha comedia de Plauto un autor latino que nos servirá de primeira referencia para analizar este gran xénero que estudamos despois da Épica  (de Hesíodo e Homero, autores de textos épicos,  os primeiros do gran xénero inventado en Grecia).

Para comezar polo principio imos ver logo como nace o xénero do Teatro como evolución dun ritual relixioso e festivo que se desenvolve ao longo dos séculos VI-V a.C. sobre todo na cidade de Atenas.
A máscara como veremos é un dos elementos que nos permiten entender a conexión entre o rito e o xénero, porque o teatro grego sempre se representou con máscara.



A máscara dentro de calquera ritual ancestral era unha ferramenta que utilizaba un chamán para identificarse coa deidade á que interpelaba. O coro grego (un grupo de homes con máscaras que danzaban na honra do deus Dioniso) executaba un ritual relixioso e festivo usando como elemento de conexión e fusión co deus as máscaras entre outros elementos representativos dese deus. Parece ser que as mulleres foron de vello relegadas deste ritual porque un dos atributos destacados era a virilidade.


Sigamos os pasos pertinentes para ver como nacen a traxedia e a comedia froito destes festivais relixiosos que foron cobrando máis e máis importancia a medida que se ía introducindo este deus oriental entre os gregos e o seu culto a partir do século VII-VI a.C. Pasemos a traballar sobre:

A ORIXE DO TEATRO GREGO E A SÚA EVOLUCIÓN POSTERIOR 

ESPECIAL REVISTA CLÁSICA: Mes de marzo: MULLERES NA TRAXEDIA.

LECTURA E ACTIVIDADES DA OBRA ANFITRIÓN  DE PLAUTO.

Observa o cadro da relación entre o TEATRO, RELIXIÓN E A DEMOCRACIA ATENIENSE: