martes, 6 de outubro de 2015

IN PRINCIPIO ERAT VERBUM...

Nun comezo de curso no que a creatividade marca o noso latexar nace este blog para a CULTURA CLÁSICA de 3º ESO.

O nome do blog é un texto tirado da Biblia, referido á creación, mais tamén é unha referencia primordial ao valor da palabra (verbum) como chave da creación, da visión do mundo. Sen a palabta non seriamos quen somos os seres humanos. Precisamos da mesma para poder desenvolvernos no mundo como persoas.

A palabra non deixa deser o principio da mesma cultura e de cultura imos falar neste curso 2015/16 da Cultura Clásica, esa que nos remonta por un lado ás civilizacións máis vellas do Mediterráneo, como nos permite falar de Europa e de Occidente.

Dende as terras máis occidentais de Europa (Finis Terrae), desde a Fisterra  que acolle a pelegríns de todo o mundo que percorren camiños para chegaren á Compostela de hoxe partiremos nesa viaxe a través dos tempos e cara ás terras máis orientais na procura das raíces comúns que deron lugar ao pensamento europeo.

Pero para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos a descuberta da literatura  e a súa evolución dende o mito ao logos.

Este curso acompañaremos esta reflexión de modelos, a iso se refire o adxectivo "clásica" que foron fraguando gregos e romanos, cuxo eco procuraremos desvelar no ruido mediático que nos rodea con ese afán creativo que nos é propio aos homes e mulleres de hoxe para os que a cultura clásica será unha ferramenta inesquecible e insubstituible.

Imos logo con esta primeira reflexión da nosa unidade cero do curso na que comezaremos por preguntarnos sobre a relación dos deuses e os mortais, a orixe e sentido do mito (como palabra de transmisión oral) na Grecia Antiga.


Fíxate na fotografía desa estatua grega que acompaña esta entrada. Podería ser un home, pero se trata dun deus, seguramente Zeus, aínda que hai quen di que é Poseidón. Esta escultura é produto dunha fonda reflexión creativa que protagonizou a civilización grega na antigüidade na fermosa travesía na procura do saber, no descubrimento da verdade do ser e a súa relación coa natureza e cos deuses que eran concibidos como homes ou mulleres perfectos, de aí o gusto polo espido na escultura grega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario