sábado, 3 de decembro de 2022

Argumentos lóxicos e argumentos emocionais do discurso persuasivo

 


Un texto persuasivo ademais de trazos lingüísticos (que vimos nas entradas anteriores) presenta normalmente contidos lóxicos e contidos emocionais.

Un exemplo: Se quero convencer a un amigo de que me acompañe a Vigo para ver o alumeado do Nadal. Podemos intentar convencelo con argumentos obxectivos como: Vai haber moitas atraccións para compartir diversións, ou como no centro da cidade está a casa dos meus tíos,  podemos saír pola mañá para evitar atascos e comer alí... Pero tamén podes tentar persuadilo usando argumentos emocionais dicíndolle cousas como que el é o teu mellor amigo, que sería unha experiencia única ou que ti nunca o deixarías na estacada nunha ocasión coma esta...  


CONTIDOS LÓXICOS ou ARGUMENTOS OBXECTIVOS

Son os argumentos que usan a razón para defender unha tese. Opostos logo aos contidos emocionais. A retórica deixa as emocións en segundo plano ocupándose sobre todo da argumentación lóxica dos discursos persuasivos procurando centrarse na estrutura e presentación dos mesmos, pero os argumentos emocionais son tamén moi importantes como veremos.

Vexamos un exemplo de argumentación lóxica

 TESE: Defendemos que se retrase o accendido das luces de Nadal no noso concello para contribuír co aforro enerxético recomendable dada a crise enerxética na que estamos instalados.

PREMISA 1: (Esta  primeira premisa, a de partida, debe ser inconstestable partir dunha aprobación total ou maioríataria dos oíntes)  O planeta precisa dun control e dunha redución considerable do consumo de enerxías que utilizamos os seres humanos non sempre cun bo criterio.

PREMISA 2: Cada vez as campañas de Nadal do comercio se adiantan máis, o que inclúe o accendido das luces navideñas e un gasto enerxético que habitualmente é maior.   

PREMISA 3: Hai usos enerxéticos máis necesarios que os que precisan as decoracións navideñas destinadas tanto a incentivar ás compras como a crear un ambiente entrañable nas rúas, ás que se lles poden buscar alternativas para que incidan nun menor consumo enerxético sen ir en detrimento dos intereses antes citados.

CONCLUSIÓN: Polo tanto debemos e podemos levar a cabo un consumo máis racional, en primeiro lugar, reducindo os días nos que facemos uso deste alumeado especial,  á vez que procuramos atopar outras alternativas máis sostibles para estas actividades sociais tan arraigadas.

Cuestión:  Proba a escribir ti para defender esta mesma tese, os teus tres argumentos obxectivos ou lóxicos e mesmo unha conclusión.  


CONTIDOS ou ARGUMENTOS EMOCIONAIS

   Son os contidos que apelan ás emocións e aos sentimentos dos oíntes nun discurso persuasivo. Fundaméntanse non en razóns, senón en emocións como o medo, a alegría, a compaixón, a culpa...

A retórica non se ocupa normalmente do estudo das emocións na argumentación, mesmo ao falar das emocións trátaas de falacias. Pero como dixemos os argumentos emocionais tamén serven para persuadir.  

Construamos un exemplo a partir da tese anterior, a de retrasar o accendido das luces de Nadal usando tres estratexias habituais de carácter emocional:

-  O orador procura a empatía amosando a súa vulnerabilidade para que o auditorio entenda que fala de corazón:  Gústame o ambiente familiar e alegre que se respira nestas datas, pero non podemos esquecer por egoísmo as consecuencias que traen consigo un uso desproporcionado do alumeado navideño. A nai terra está falándonos, escoitémola! 

- Unha historia veraz que atrapen aos oíntes espertando as emocións cara ao obxectivo previsto: Cando eu era un neno non reparaba máis que na cantidade de luces que alumeaban no Nadal as rúas que as facía brillar como nunca. Daquela os agasallos na miña casa sempre chegaban a noite de Reis. Aínda non se impuxera a moda do Papa Noel, pero non por iso se vivía con menos intensidade estas festas. Agora que son adulto sinto que as luces deben seguir asociadas a ilusión para nenos e maiores, pero sen que iso implique para nós un derroche imperdoable. Se acurtamos os días de alumeado, acendéndoo menos días, os máis próximos aos días sinalados de Nadal aos Reis non destruímos o espírito navideño.

  - Uso de recursos literarios como metáforas ou comparacións:  Ás veces, máis resulta ser menos. Se cadra ter máis días de luces de compras indiscriminadas fainos sentir menos o especiais que son estes días breves, pero intensos de ilusión e encontro familiar cos que a maioría asociamos o Nadal.  O abuso do consumismo non pode matar o Nadal, como tampouco facernos perder o respecto e o máis escrupuloso coidado  do Planeta que todos compartimos. Precisamente esta celebración nos lembra a importancia dos ciclos para a vida, a certeza da esperanza ineludible que provocan as noites longas e frías do solsticio de inverno que preceden o espertar da Natureza nos días de sol e calor que logo han vir.  

Cuestión:   despois de analizar os exemplos anteriores con argumentos emocionais proba a realizar as túas estratexias con este tipo de argumentos seguindo os modelos propostos coa empatía, unha historia e os recursos literarios. 

Aristóteles

 UN APUNTAMENTO ARISTOTÉLICO SOBRE ESTE TEMA

O gran filósofo Aristóteles falando da persuasión na oratoria estableceu tres modos:

- O pathos consiste no uso dos sentimentos humanos para cambiar o ánimo dos oíntes. Por exemplo, se intentamos descalificar a unha persoa e usamos argumentos que provocan rexeitamento cara a esa persoa (argumentos patéticos).

- O ethos co que o orador debe transmitir credibilidade e autoridade para poder persuadir a un auditorio.

-  O logos refírese ao mundo da lóxica e do razoamento. Todo aquilo que reforza a mensaxe desde a razón, é dicir, aportando argumentos fiables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario