mércores, 9 de marzo de 2016

DA GRECIA ESCURA Á GRECIA CLÁSICA

Imos ir avanzando na nosa viaxe pola Cultura da Antiga Hélade cara á Grecia Clásica.  En primeiro lugar temos que saber que a entrada dos Dorios (o último pobo indoeuropeo que entra no territorio grego) provocou un gran cambio naquela sociedade micénica ou aquea, que pelexara en Troia.





A época Escura coa perda da escrita dos silabarios permitirá case 400 anos despois a entrada do alfabeto, o que á vez vai desenvolver a literatura do xénero épico que xa estudamos, pero tamén novos xéneros como o Teatro co que imos traballar axiña.
Temos que ter en conta que as migracións das distintas tribos configurarán de xeito definitivo o mapa da Grecia Arcaica das cidades estado (as polis) darán paso a unha actividade comercial e colonizadora polo mediterráneo que situará a Grecia dun xeito ben distinto no conxunto do Mediterráneo, unha Grecia que está dividida en numerosos estados, pero que mantén unha forte cohesión interna como demostran o fenómeno das Olimpíadas e a súa relixión ou o propio idioma común para todos eles.
A diversidade política xera a evolución das formas de goberno dende unha sociedade baseada na linaxe onde a aristocracia deriva en Tiranías ata unha sociedade aparentemente máis igualitaria como pode ser a da Democracia Ateniense que mantén no seu seo un atroz escravismo e unha tremenda segregación das mulleres e dos estranxeiros do mundo da política.


Imos adentrarnos na historia da Grecia Histórica Grecia Arcaica, esa que comeza á vez que os Xogos Olímpicos, esa que comeza coa expansión colonial, esa que en Atenas, especialmente, provocará unha evolución política que xa na denominada época Clásica ve nacer a Democracia escravista, motor do seu imperio e á cidade-estado na que se vai ver florecer o teatro como unha das manifestacións culturais máis duradeiras desta civilización.




Destes dous vídeos imos tirar algunha conclusión:
1- Con que acontecemento podemos fixar o comezo da Grecia Arcaica no 776 a. C.?
2- Cales son as características das polis gregas?
3- Quen eran os Dorios? con que cidade da Grecia Arcaica podemos relacionalos?
4- Con que cidade podemos asociar aos Xonios?
5- Que diferenza había entre as cidades máis importantes deste período?
6- Que as fai semellantes? Son iguais a democracia ateniense que a actual? Por que?
7- A filosofía, a literatura, a arte gregas deste periódo clásico en que tema se centra?
8- Quen loitaba nas Guerras Médicas? Quen gañou?
9- Quen eran rivais na Guerra do Peloponeso? Como remata e que consecuencias ten para a civilización grega?

10- Como definirías o período helenístico?

Ningún comentario:

Publicar un comentario