martes, 29 de setembro de 2020

Preparando as valixas para a viaxe do curso 2020-21

 


Como definirías ti a Cultura Clásica?

Dende as terras máis occidentais de Europa (Finis Terrae), desde a Fisterra que acolle a pelegríns de todo o mundo que percorren camiños para chegaren á Compostela de hoxe, partiremos nesa viaxe a través dos tempos e cara ás terras máis orientais na procura das raíces comúns que deron lugar ao pensamento europeo.
 
Nesa viaxe cara ao clásico a tavés da cultura europea occidetal iremos pois perfilando e debuxando ata recoñecer o clásico, é dicir, "o modelo" que foi conformándose como asento do patrimonio cultural especialmente localizado na Antigüidade e nas civilizacións de Grecia e Roma.

Pero, para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento e responsabilidade, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos como xorden os modelos n
a súa evolución dende o mito ao logos, a descuberta da literatura, a aparición da historia, da filosofía e da ciencia na Antigüidade. 

Aspiramos que un alumno/a de Cultura Clásica sexa un bo coñecedor da mitoloxía grecolatina. Logo terá que escoitar, ler, coñecer e mesmo contar moitos mitos. Tamén será un historiador curioso/a (a curiosidade é compañeira inseparable do saber) que partindo da nosa propia terra investigue outros territorios e que botando man da arqueoloxía descubra as bases da nosa cultura, a europea, comparando con sumo coidado os distintos elementos que van ir sumando e consolidando o que coñecemos como Europa e a cultura occidental.

A análise das sociedades e os conflitos que marcaron os fitos máis importantes da Antigüidade vainos permitir chegar a biografías de sorprendentes de homes e mulleres de distinta índole (algúns coñecidos, outros e outras non tanto)  que permitirán entender a configuración dese mundo tan complexo que imos abordar. E das sociedades e das persoas ocúpanse ramas do saber que van dende a filosofía ata a antropoloxía que tamén debemos incorporar neste amplo traballo.

A lingua como ferramenta que perpetúa no tempo os pensamentos, as ideas e os gustos estéticos dos nosos antepasados, tamén as súas paixóns e rancores, vai permitir vivir en primeiro plano algunhas das facetas do marabilloso mundo clásico. Filólogos e amantes da literatura son inevitablemente os alumnos/as desta materia.  É unha materia que tanto debe ao mundo das Letras como tampouco pode esquecer o mundo das Ciencias, se non quere servir unha visión incompleta e falta de rigor.

Un alumno/a  neste proceso de coñecemento de si mesmo, terá como obxectivo incorporar no seu haber ao final deste curso unha especie de dinamizador cultural ao descubrir, identificar e comprender, ademais de integrar eses coñecementos esenciais que o mundo greco-latino conforma, esa base ou modelo "clásico"da sociedade actual, continuadora, herdeira e debedora daquel pasado. 

Este curso acompañaremos esta reflexión de modelos (lembra uqe a iso se refire o adxectivo "clásica") que foron fraguando gregos e romanos, cuxo eco procuraremos desvelar no medio deste ruido mediático que nos rodea o presente, e con ese afán creativo que nos é propio aos homes e mulleres de hoxe para os que a Cultura Clásica será unha ferramenta inesquecible e insubstituible, como dirían os romanos: magistra vitae.

 Para axudarnos neste camiño e complementar o labor e traballos pertinentes, ademais do noso blog "aula clásica", usaremos o libro de texto da editorial Anaya que aparece na ilustración.


PROXECTOS DO CURSO PERSOAIS E CREATIVOS

 O Diario persoal de Cultura Clásica, un proxecto individual de cada alumno/a, unha "libreta" en formato dixital na que imos elaborando co noso labor diario: Apuntamentos e cuestións que imos ir realizando día a día.  O profesor irá revisando e avaliando este traballo regularmente (vía correo electrónico). Vai ser un camiño de coñecemento propio, que permita entender a nosa relación co mundo clásico. Por exemplo, imos saber a orixe e procedencia dos nosos nomes para establecer a súa dependencia do legado da Cultura Clásica. Comezaremos por configurar o espazo do mundo clásico (o noso mapa inicial). Abordaremos de inmediato unha Introdución á Mitoloxía,ademais de deveslar que vén sendo un mito,  antes de pasar a coñecer algo mellor a gran familia lingüística do indoeuropeo e as linguas que falamos. ademais do marabilloso invento das letras,  os soportes da escrita e o alfabeto.

Para elaborar o teu diario podes e debes consultar tanto os enlaces no blog como o libro de texto (Unidade 1).

Proxectos creativos: O noso diario non pode ser un simple caderno de notas ou de preguntas e respostas que haberá que ir presentando (a razón de un por mes, aproximadamente). Haberá de realizar calas ou traballos persoais a proposta do profesor ou por iniciativa e motu propio. Estes traballos poderán ser expostos na aula (serán avaliables) co formato dunha presentación audiovisual. Tamén poderemos abordar proxectos grupais  na medda que as condicións actuais da pandemia nolo permitan  (teatro, banda deseñada ou outros formatos creativos que iremos concretando).

Probas escritas: Imos realizar probas ou exames sobre a materia que vaiamos dando.

Lecturas clásicas: Realizaremos  ao longo do curso toda unha serie de lecturas de textos clásicos ben de obras enteiras (normalmente dramáticas), pero tamén  textos parciais ou selectas e textos adaptados de autores gregos e latinos, tanto de carácter literario, como tamén filosóficos, científicos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario