luns, 9 de novembro de 2015

COSMOGONÍA(II): COSMOS, CRONOS E REA

A Teogonía de Hesíodo (autor do século VII a. C.) é o libro que mellor nos narra a Cosmogonía, é dicir, a creación do Cosmos (universo ou natureza ordenada). Efectivamente os gregos antigos pensaban que a función dos deuses era a de ordear a natureza caótica nun principio.

Despois da aparición no medio do Caos de Xea e de Urano e  tras da súa complicada descendencia, Hesíodo narra na Teogonía a creación doutras criaturas descendentes do Caos entre as que sitúa nun lugar destacado a Nix (a Noite).

Logo comeza a enumeración dunha longa serie de novas criaturas enxendradas polos Titáns e as Titánides, descendentes de Xea e Urano. Imos deter a nosa atención en Cronos e Rea.

Seguindo o mito a través do relato épico de Hesíodo, poderás comprobar e ir respostando ás cuestións claves desta parte importantísima da TEOGONÍA:

Os Fillos de Rea e Cronos

Rea, entregada a Cronos, tivo famosos fillos: Hestia, Deméter, Hera de áureas sandalias, o poderoso Hades que reside baixo a terra con implacable corazón, o resoante Ennosixeo (Poseidón) e o prudente Zeus, pai de deuses e homes, por cuxo trono treme extensa terra.

Aos primeiros papounos o poderoso Cronos segundo ían chegando aos seus xeonllos dende o sagrado ventre da súa nai, conducíndose así para que ningún outro dos ilustres descendentes de Urano tivese dignidade real entre os Inmortais. Pois sabía por Xea e o estrelado Urano que era o seu destino sucumbir a mans do seu propio fillo, por poderoso que fora, vítima dos proxectos do gran Zeus. Por elo non tiña descoidada a vixilancia, senón que, sempre ao asexo, ía tragando aos seus fillos; e Rea sufría terriblemente.




Pero Rea, cando xa estaba a punto de dar á luz a Zeus, pai de deuses e homes, entón suplicou axiña aos seus pais, Xea e o estrelado Urano, que lle axudasen a urdir un plano para ter ocultamente o parto do seu fillo e vingar as Erinias do seu pai e dos fillos que se tragou o poderoso Cronos de mente retorta. Aqueles escoitaron atentamente a súa filla e obedecérona; puxérona ambos ao corrente de canto estaba decretado que ocorrese respecto ao rei Cronos e ao seu intrépido fillo, e enviárona a Licto, a un rico pobo de Creta, cando xa estaba a punto de parir ao máis novo dos seus fillos, o poderoso Zeus. A este recolleuno a monstruosa Xea para crialo e coidalo na espazosa Creta. Alí dirixiuse, levándolle, ao amparo da rápida negra noite, en primeiro lugar, a Licto. Colleuno no seu colo e ocultouno nunha profunda gruta, baixo as entrañas da divina terra, no monte Exeo de densa fraga.

Rea envolvendo en panos unha enorme pedra, púxoa nas mans do gran soberano Uránida, rei dos primeiros deuses. Agarrouna entón coas súas mans e aquel introduciuna no seu estómago, ¡desgraciado! Non advertiu no seu corazón que, a cambio da pedra, ficaba para o futuro o seu invencible e imperturbable fillo, que axiña, vencéndoo coa súa forza e as súas propias mans,ía privarlle da súa dignidade e reinar entre os Inmortais.

Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano,o poderoso Cronos, de mente retorta, botou fóra de novo a súa proleenganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e  pola habilidade do seu filloPrimeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxesaos que insensatamente encadeou seu pai; gardáronlle gratitude polos seus beneficios e aqueles agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.

CUESTIÓNS:

1- Cales son os nomes dos fillos de Cronos e Rea? Procura o seu nome en grego e en latín.
2- Por que Cronos era un cu de medo?
3- Quen son as Erinias, denominadas en latín Furias? Como naceran?
4- Onde naceu Zeus?
5- Procura unha, dúas ou tres ilustracións da entrega de Rea a Cronos dalgún dos seus fillos, mesmo da pedra envolta en panos.

Zeus co raio e coa águia. ca. 480 a.C.
6- Contan que sendo xa Zeus o deus supremo, feito o sorteo para repartir poderes e territorios sobre os que gobernar, mandara a dúas aguias que voasen dende os estremos da superficie terrestre unha dende oriente, a outra dende occidente coa intención de que, cando se atopasen xusto no centro da extensa superficie da terra, deixasen caer alí mesmo, no centro do mundo a pedra que vomitara Cronos. Os gregos din que esa pedra está aínda nun lugar sagrado. Como se chama ese lugar sagrado onde reside a sacerdotisa Pitia? Busca unha foto desa pedra que aínda existe nese lugar que chaman ónfalos.

7- Fíxate no sufixo -ida. Se Uránida significa: “fillo de Urano” quen é o gran soberano Uránida?


8- Con que outro nome xenérico son coñecidos  os outros Uránidas Brontes (trono), Estéropes (raio) e o vigoroso Arxes (relampo ou resplandor)? Que quere dicir ese nome co que se identifican as tres criaturas?


Ningún comentario:

Publicar un comentario