Para Grecia e Roma
A palabra occidente, do verbo occido que significa morrer asociada precisamente ás terras máis afastadas do mundo coñecido, o lugar onde morría o sol cada día, era unha das ideas que leva aos Finis Terrae (hoxe Fisterra), senón tamén ese misterioso espazo onde podemos atopar unha entrada ao mundo subterráneo, ao mundo dos mortos. Lembrade que o paso ao mundo dos mortos faise a través dunha barca que guía un barqueiro que espera polas nosas ánimas para nos transportar ao Alén.
Un texto de Ovidio citado dise "Estando os romanos
entregados a longas guerras con belicosos exércitos, esqueceron a celebración
dos Días dos Defuntos. Este
esquecemento non quedou impune:...Contan -aínda que eu me resisto a crelo- que
os nosos antepasados saíron das súas tumbas e comezaron a laiarse no medio do
silenzo da noite; e aseguran que a través das rúas da cidade e por amplos
campos andaron ululando os espíritos sen forma, unha morea de pantasmas...
Estes días as etéreas almas e os corpos que recibiron
sepultura andan errantes; estes días as sombras dos mortos toman os alimentos
que se lles ofrendaron... A este día denominárono Feralia porque se lles leva
aos defuntos os honores debidos. Este é o último día para aplacar aos
Manes."
1- Lembrades algunha comitiva de mortos que anden errantes
polos camiños na nosa terra?
2- Quen son os deuses Manes?
Aquí queda tamén esa
impresionante imaxe dun patricio romano portando as máscaras de cera dos seus
antepasados, garantía da súa nobreza, é o denominado: "Ius Imaginum".
Para o mundo atlántico e Celta
Xa vimos que a idea dos mortos vivintes, que se erguen das súas tumbas é unha idea ben vella común a distintas culturas. Os mortos na mitoloxía celta se dirixen cara a unha illa no océano, de aí a idea da peregrinaxe cara ao extremo atlántico occidental de Europa que disque estaba presente tamén na cultura céltica da prehistoria e que é un precedente do Camiño de Santiago ten relación co culto ao sol e a un altar que levantarían nestas terras e que o mesmo Xulio César quixo visitar cando o Imperio Romano comezaba a súa andaina polo Noroeste da nosa península, desprazádose até aquí para contemplar o ocaso, é dicir, como morría o Sol no seo do Océano.
Heracles viaxou até Galicia na procura de Xerión |
Coa chegada dos romanos e logo do Cristianismo as crenzas mediterráneas foron solapándose sobre as outras atlánticas coas que gardaban certas semellanzas. Os romanos creron que o río Limia sería o río do Esquecemento, un río que tradicionalmente atravesaban os mortos na derradeira viaxe. Os romanos facíanse eco seguramente do que contaban os historiadores gregos que pensaran que na nosa Terra atopábase a fin do Mundo, lugar onde cada día morría o sol. Unha curiosa viaxe, a do heroe grego Heracles (Hércules) vaino levar ao noso territorio montado na barca do Sol para aparecer nestas terras e combater ao xigante Xerión. Non é casualidade, pois, que A Coruña sexa denominada cidade herculina.
Para a cultura Europea medieval
O Camiño de Santiago instaurado logo polos cristianos como un camiño de peregrinación dos máis importantes é sabido que remata nunha etapa máis alá da propia Compostela. As véneras ou as cunchas dos peregrinos son símbolo dos peregrinos que fixeran o camiño completo, o que remata en Fisterra onde se recollía unha cuncha para levar como proba de telo feito, Era un camiño que había que facer de vivo.
O Cristianismo foi facendo medrar a idea do Purgatorio e as ánimas en pena, a celebración do Día de Defuntos que se instaura dende o Vaticano e polos Papas da Idade Media. Dende aquela o mes de novembro en Galicia foi o mes de Santos ou Defuntos que multiplicará, en época histórica, as tradicións e crenzas enraizadas dende a prehistoria no noso país.
Para a tradición oral
É moi popular o costume de ir a Sto. André de Teixido, pois irá de morto quen non foi de vivo. Ese vén sendo o camiño que realizan todas as ánimas na procura do Alén, unha illa do Alén ou do Paraíso.
Na nosa tradición oral e na de culturas próximas como a asturiana, na nosa terra hai un burato por onde entrar e saír do Inferno e varios relatos fan referencia de lugares como o Pico Sacro ou a propia Compostela. Ademais a Compaña é esa procesión de mortos que camiñan despois de se erguer das súas tumbas e camiñan na procura do Alén, desa barca situada na costa da Morte ou en Fisterra.
A relación de Galicia coa morte logo será moi especial e outórgalle unha identidade peculiar aos seus habitantes. Imos buscar algún argumento máis: Á crenza popular e tan galega da Compaña se poden engadir outros moitos avisos da morte (morte branca e moura, o paxaro da morte, a Estadea...) o feito de que o magosto sexa unha celebración no que a castaña ben sexa un símbolo das ánimas (castañas que se botaban dende os campanarios das igrexas) ou ben alimento que se lle deixa na mesa tradicionalmente na noite de Defuntos (sendo común deixarlle tamén un posto nesa mesa ou simplemente sen recoller os restos da cea costume que aínda se conserva no Morrazo). O mesmo poderiamos dicir sobre outros aspectos do culto aos mortos como o tan coñecido das choronas (a chorar a Cangas) hoxe case perdido ou o restaurado recentemente co tallado das cabazas, que algúns relacionan coas caveiras con candeas dos celtas no Samaín.
CUESTIÓN:
3- Realizar un breve resumo cos distintos apartados e argumentos nos que se xustifica a afirmación de que Galicia é o país dos mortos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario