domingo, 8 de maio de 2016

OLIMPIA: A PROCURA DA VERDADE DO HOME GREGO

A CARREIRA DO HOME GREGO POR COÑECERSE

“ Olimpia, nai dos Xogos de áureas coroas!
Soberana da verdade, onde os adiviños coa súa observación do lume dos sacrificios, tantean os designios de Zeus de refulxente raio para ver se ten nalgunha estima aos homes que anhelan de corazón acadar unha gran gloria e respiro as súas fatigas! Pois grande é sempre a gloria de quen recibe o teu espléndido galardón”
Píndaro: Olímpica , 8, 1-5.

O atletismo é un fenómeno no que descubrimos orixes en moitas civilizacións orientais desde o terceiro milenio a.C. Segundo mostran os obxectos arqueolóxicos atopados, os sumerios, os babilonios e os asirios practicaban diversos deportes, pero en todos os casos tratábase dun deporte de mero entretemento, para diversión dos que participaban neles. Pola contra, na Antiga Grecia o deporte non só formaba parte de vida cotiá dos cidadáns, senón tamén parte esencial da educación, encamiñada a crear cidadáns máis alá de adestrar guerreiros. Este feito é único na historia universal, porque se dá exclusivamente na Antiga Hélade e desaparece coa súa decadencia. Polo tanto, non nos equivocamos ao dicir que foi neste país onde se creou a idea do deporte.


Puxilato en Creta
Salto do touro en Creta
No territorio grego coñecíanse deportes, en Creta concretamente, dende a época minoica, pero quen lle outorgaron carácter de competición foron os micénicos, un pobo bélico, de ideais heroicos, un pobo cun fondo sentimento de competición (agón).Se ben na etapa cretense, ou minoica, había xa exercicios acrobáticos con intencións relixiosas e probas de iniciación como o puxilato, logo na etapa micénica coñecemos competicións na honra dos mortos como relata Homero, os Xogos Olímpicos parecen nacer na época arcaica.

 Logo serían os micénicos os que lle darían forma de competición ás carreiras pedestres, á loita libre, ao puxilato, mesmo ao máis aristocrático dos deportes, as carreiras de carros. Probablemente, os deportes que menciona Homero, como o lanzamento de disco, o tiro con arco, a loita con armas e o lanzamento con xavelina, teñen a súa orixe na época de decadencia do mundo micénico. O último foi o salto de lonxitude, xa que só aparece nomeado na Odisea.


A orixe dos Xogos Olímpicos e a súa relación cos deportes da época prehistórica é algo que aínda seguen debatendo os especialistas no tema. Parece máis próxima a realidade a teoría de que os xogos gardan relación coas competicións en honor os heroes mortos, como cerimonias funerarias de carácter relixioso e intimamente ligadas aos seus valores culturais. Olimpia entrará na historia no 3000 a.C.




OLIMPIA  NAS ETAPAS DA HISTORIA GREGA

Ruínas do templo de Hera 
Época pre-grega ou minoica(2600-1500 a.C.)
Predominio de Creta, o exército era naval e as cidades non tiñan murallas. En Olimpia parece haber un santuario dedicado a Xea, a deusa Terra, á que se lle ofrendan cultos agrarios da fertilidade propios das culturas mediterráneas.

As primeiras invasións de indoeuropeos, a etapa micénica (1500-1100 a.C.)
Os primeiros gregos, pobos indoeuropeos, dominaron o sur de Grecia entre 1600 e 1200 a.C. O seu principal asentamento foi Micenas, no Peloponeso. Os micénicos eran guerreiros construtores de cidades fortificadas que recorreron o Mediterráneo buscando metais como cobre, estaño e ouro. É a época da guerra de Troia. Existe unha escritura en silabarios e as competicións deportivas na honra de heroes mortos é unha práctica habitual.



Época doria, unha etapa escura (1100-776 a.C.)
A invasión dos dorios, outra tribo grega que usa o ferro, coñecida na mitoloxía como “o retorno dos Heraclidas” provoca grandes movementos da poboación buscando un asentamento definitivo. Período confuso no que mesmo desaparece a escritura e impónse novos cambios nos cultos relixiosos, aparecendo como deus máis venerado Zeus..


A GRECIA ARCAICA DAS POLIS E O NACEMENTO DAS OLIMPÍADAS 

Época arcaica: a maduración da cultura da polis. (776 a.C.-490 a.C.)
Cara ao século VIII a.C. vai impoñéndose unha nova dinámica, a da colonización, o comercio por todo o mar Mediterráneo e a consolidación da polis, a cidade-estado. Co uso do alfabeto e da moeda, a recuperación da escritura e a posta en marcha de eventos como os Xogos Olímpicos, vai nacer a sociedade que fará inmortal a súa cultura.


A partir do século VIII a.C. os gregos comenzaron a construír cidades, arredor dunha gran rocha elevada (acrópolis) para que a súa defensa resultara máis doada. Adornaban as súas cidades con numerosos edificios fermosos entre os que non podían faltar nin o templo nin o ximnasio. Cada unha tiña a súa moeda, as súas leis e costumes, pero os deuses e a lingua eran comúns a todas as cidades da Antiga Hélade. Esa identidade que os levou a combater a inimigos comúns fai tamén que se xunten relixiosamente en Olimpia a cada catro anos, é o que lles fará sentiren a manifestación deportiva dunha mesma maneira, pois os xogos gregos que se celebraban en moitas das polis gregas, despois do éxito dos de Olimpia, evidencian unha complexa concepción relixiosa e política do mundo. Quizais o espírito agónico, ese gusto ritual pola competición tamén sexa culpable do declive do mundo grego ao non saber manter ese equilibrio preciso entre a igualdade e a diferenza.


Época Clásica: o esplendor cultural grego entre escravos e guerras. (490 a.C.-323 a.C.)
O imperio persa unirá contra ese inimigo común a todas as cidades gregas nas chamadas Guerras Médicas. Foi o momento de maior esplendor dos xogos de Olimpia (500-478 a.C.) Atenas inventa a democracia e, tras da súa supremacía no mar, a Liga de Delos. As diferenzas entre Atenas e Esparta, potencia militar terrestre, darán lugar a Guerra do Peloponeso, unha guerra fratricida que facilitará a entrada dos macedonios na política grega. Ao final desta época Alexandre Magno conquista Grecia.

Época helenística: comezo dun lento e irremediable declive.
Coa fragmentación do imperio de Alexandre, tras da súa morte, Atenas deixa de ser o centro do mundo a favor de Alexandría. Os Xogos Olímpicos van perdendo relevancia pola guerra en Oriente e a decadencia política e social. Os xogos tiveron unha evolución paralela á da civilización helena, pero non esmoreceron por completo ata a época en que o imperio romano fai oficial o Cristianismo.



Olimpia, na Grecia antiga, é o berce do espírito olímpico e do deporte tal e como o entendemos hoxe. O deporte, máis alá dun entretemento, ten unha forte funcionalidade social por iso forma parte da educación do cidadán mesmo por riba da preparación dun bo soldado.

Un documental sobre Olimpia e os seus xogos na antigüidade (1ª parte).

Os xogos olímpicos da antigüidade (2ª parte)



No templo de Zeus en Olimpia

OS DISTINTOS TEMAS QUE IMOS TOCAR:

- Localización no espazo e no tempo.
a) Olimpia no mundo e na historia.
b) Cómo era Olimpia.
c) Orixe mitolóxica dos xogos.
d) Xogos na honra de Zeus.
e) A muller e as Olimpíadas.


- Probas das Olimpíadas antigas.
a) Organización dos Xogos.
b) Probas pedestres.
c) O pentatlón e a  loita.
d) Probas hípicas.

- Significado dos Xogos de Olimpia.
a) O deporte na educación dos gregos: o ximnasio
b) Agón e Niké: O sentido da competición e da vitoria.
c) O espido símbolo da procura da verdade sobre o ser grego.
d) Outros xogos e decadencia dos de Olimpia.



Ningún comentario:

Publicar un comentario