luns, 18 de xaneiro de 2016

PELEO E O SEGREDO DE PROMETEO (I)

Para poder resolver o misterio que gardaba Prometeo encadeado no Cáucaso temos que coñecer a historia dun heroe chamado Peleo. Imos saber quen era:


Peleo e o centauro Quirón.
Peleo, fillo de Eaco, atopábase lonxe de Exina, a súa cidade natal. Incribles aventuras conducírano primeiro a Pitia, onde o rei Euritión lle dera a súa filla Antígona en matrimonio. Por desgraza, matou accidentalmente ao seu sogro no curso dunha cacería en Calidón e tivo que exiliarse de novo.

Atopara refuxio na corte de Acaste, que lle purificou daquela morte. Por que razón non recobrou inmediatamente a súa esposa, que permanecera en Pitia, a historia non o precisa. Este retraso estivo a piques de provocar a súa perdición. Era Peleo un bo mozo e Astidamía, muller de Acaste experimentou por el un violento amor. Naturalmente Peleo non quería traizoar nin a Antígona, á que amaba tenramente, nin ao seu hóspede que o recibira con tanta xenerosidade. Foi entón cando el lle dixo á raíña:
- Debemos pensar nos nosos compromisos. Maldigamos a nosa sorte por non termos coñecido antes, pero, por favor, tratemos de cambiar este amor imposible en amizade.

Astidamia finxiu aceptar a prudente solución. Pero desexou vingarse pois o seu amor frustrado transformarase en ira. Comezou por enviar secretamente un mensaxeiro a Pitia. Antígona estaba sen novas do seu home dende facía moito tempo. E o seu corazón deu un chimpo de alegría, pero ao ler a carta que dicía que Peleo mantiña amores coa esposa do rei Acaste palideceu ao instante e decidiu, levada da desesperación, aforcarse na intimidade da súa habitación.
Axiña foi Astidamía na procura do seu esposo para acusar a Peleo da falta da que ela mesma era culpable. O rei gardou un silencio sombrío e estivo varios días sen falar para, por fin anunciar que á mañá seguinte partiría de cacería.
- Serás dos nosos? – preguntoulle a Peleo.

E Peleo aceptou non sen temer algunha trampela, pois o silencio dos últimos días non lle parecía un bo presaxio. Acaste non decidira aínda a forma de tomar vinganza. Non lle permitían as leis da hospitalidade cometer homicidio e pensou que unha cacería aumentaría as ocasións de accidente.
Mais
A cacería foi moi animada, ninguén dos participantes sospeitaba nada. A caza era abondosa e facíanse apostas sobre quen conseguiría maior número de pezas. Como o día estivera xa moi avanzado preguntaron a Peleo cantos animais abatera. Amosando o seu saco descubriu quince presas e todos os cazadores recoñecérono coma o mellor da xornada. Moitos despois de festexalo deitáronse no chan e botaron unha soneca. Peleo foi un deles. O rei pensou que chegara o momento, e tras comprobar que Peleo durmía, achegouse sen ser visto e quitoulle a espada agochándolla non moi lonxe de alí. Despois liscou xuntou aos cazadores esperando que durante a noite as feras da montaña caeran sobre o heroe desarmado.
Cando Peleo espertou viuse rodeado de bestas monstruosas, e chegou a crer nun principio que aquilo era unha broma dos compañeiros de caza, porque estes monstros levaban unha cabeza de home e de tal tiñan o peito, pero o resto dos seus corpos parecían os dun cabalo. Eran os centauros e axiña caeu na conta do perigo no que estaba porque estes animais de dobre natureza se alimentan de carne crúa. Cando foi buscar a espada, non a atopou, e sen apenas moverse estaba pensando en que sería mellor, loitar ou facerse o morto. De súpeto un dos centauros achegóuselle cunha espada na man.
- Cóllea- díxolle- foi a que che quitou o rei Acaste, Quirón devólvecha para que poidas escapar da furia dos seus semellantes.
Así soubo Peleo que o centauro Quirón non era como os outros. O seu nacemento fora máis nobre. Namentres os outros descendían do rei de Tesalia Ixión. El debíalle a vida a unha filla de Océano, Filira e do deus Cronos. Ademais era un bo amigo dos homes non era nómada vivía nunha cova ao pé do monte Pelión, pois os demais centauros non tiñan domicilio fixo. Quirón practicaba a mediciña que lle ensinara Apolo. Quirón tamén ensinaba, era mestre de moitos heroes gregos. Estaba dotado do don da adiviñación e coñecía a historia de Peleo, mesmo a morte da súa muller Antígona que el ignoraba aínda. Foi Quirón quen lla narrou co maior dos coidados e ofreceuse a axudarlle sempre que o necesitase. Tamén foi Quirón quen lle animou a coñecer a Tetis, cando xa pasara algo máis dun ano desde que se coñeceran.

Despois de ler lembra e contesta:

1- Peleo tivo mala sorte no seu primeiro matrimonio a causa da morte do seu sogro, que ocorreu ?
2- Que lle pasou coa raíña Astidamía, de que acusa a Peleo ante o rei Acaste?
3- Cal foi a reacción de Acaste?
4- Que vai librar a Peleo dunha morte segura?
5-  Investiga como remata o mito do castigo de Prometeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario