luns, 18 de xaneiro de 2016

TETIS E PELEO (o segredo de Prometeo II)

Tetis e Peleo
- Coñeces á deusa do mar Tetis?
- Oín falar que Zeus e Poseidón son os seus pretendentes, pero por que me fas esa pregunta, Quirón?
- A deusa Tetis non casará con ningún destes pretendentes. Prometeo, encadeado no Caúcaso por orde de Zeus, revelou que o Destino faría nacer dela un fillo superior ao seu pai. De inmediato, os deuses retiraron as súas intencións e constituíronse en consello para debater que mortal será a que a despose.
- Non sei en que me interesará a min esta historia?
- Reflexiona, ti es novo e non vas seguir viúvo para o resto dos teus días… xa sabes que coñezo o porvir. Pois ben sei que este matrimonio está reservado polo Destino para ti, Peleo.
Peleo sorprendido non manifestou entusiasmo, pero, que podía facer contra os mandatos do Destino?



A voda de Tetis e Peleo
Os deuses no Olimpo amosaron a súa satisfación, non podían correr o risco de que casara con outro deus, mais Tetis rexeitou a proposición. Zeus foi tallante e deulle ordes de que aceptase a man de Peleo. Pero a deusa cada vez que este se achegaba transformábase en lume ou en auga, en vento, en paxaro e logo fuxía axiña. Aquilo estimulou o amor propio do heroe conquistado ademais pola beleza da filla de Nereo.
Foi Quirón o seu amigo o centauro quen lle dará as claves para impedir que escapase nun próximo encontro, debería suxeitala e soportar pacientemente unha multitude de transformacións ata que a deusa cansase e volvese a súa forma orixinaria.
Así foi e finalmente a voda realizouse no monte Pelión e a ela asistiron os deuses e as musas. O centauro Quirón regaloulle unha lanza de freixo que tiña o don de sandar as feridas que fixera. Todo parecía ir ben, pero aquela voda estaría marcada pola Discordia. Eris que non fora invitada presentouse de improviso, arroxou unha mazá dourada coa lenda “para a máis fermosa”  provocando as disensións entre as deusas e, mesmo, a aquel matrimonio. A pesar de que Peleo colmaba de atencións á deusa, non sería feliz.




Os fillos deTetis e Peleo
Tetis tivo un primeiro fillo e a deusa pensou no medio de eliminar do seu ser todos os elementos que o facían mortal. Axudándose do lume e na ausencia de Peleo botouno no medio das lapas e aquel neno morreu. Pasou o mesmo co segundo, o terceiro e así ata o sexto. Peleo estaba desesperado pois a primeira vez convencérao de que fora un accidente, pero xa no terceiro a deusa acosada por polas preguntas do noso heroe confesou a verdade.
-Só pretendo quitarlles a súa humanidade e aínda que o fago mal prefiro velos morrer así a que leven unha vida indigna da súa nai.
Pero Tetis seguira burlando a súa vixilancia. Cando o nacemento do sétimo se achegaba Peleo lembrouse do seu amigo o centauro. Quirón seguro que lle podería axudar. Como non se daría antes conta de pedirlle consello? Tería salvado esas vidas inocentes.
-Estaba esperándote. Sei a que vés. O teu sétimo fillo non perecerá entre as lapas. Converterase en alguén máis grande ca ti. Mais deberás estar moi vixilante en canto naza.

O neno naceu e déronlle o nome de Aquiles. Era un bebé fermoso e forte cos beizos curvados nunha especie de sorriso. Peleo sentía a Tetis nerviosa, irritable a medida que os días pasaban, pero el non baixaba a garda.
Un día a deusa ausentouse, Peleo pensou poder abandonar a vixilancia durante uns instantes, pero non fora máis que unha das astucias de Tetis. Cando quixo volver á habitación, xa estaba botando ao lume ao neno. Peleo arrebatoulle ao recentemente nacido das mans e a deusa vencida marchouse definitivamente a residir no mar coa súas irmás, negándose a volver ao seu carón. Pero Peleo estaba agora preocupado polas queimaduras que sufrira o pequeno. Sobreviviría? Só en dous lugares aparecía tocada a criatura. Nos beizos e no talón dereito. Tomou o neno no colo tras envolvelo coidadosamente e dirixiuse ás presas cara a cova do centauro Quirón.
-Tiñas razón que o meu fillo viviría -díxolle- pero está malferido. Ti podes curalo. Non permitas que unha enfermidade o marque ata a fin dos seus días.
O centauro comprobou que o óso fora case totalmente calcinado, había que colocarlle un novo. Quirón pensou en Damisos. Un xigante particularmente rápido na carreira. Acababa de morrer. O centauro desenterrouno e sacoulle da súa perna dereita o talón do pé que lle adaptou ao do neno. Polo que Aquiles ía logo ser chamado por Homero por iso “o dos pés lixeiros”, aínda que o seu nome literalmente significa “sen beizos” porque esa marca non foi reparada por Quirón. Hai quen asegura que Tetis marchara e non volvería a ver a Aquiles na súa infancia porque conseguira bañalo sendo un bebé nas augas da Estixe, río do Inferno que facía invulnerables a todos os que nela se mergullaban, pero foi no talón precisamente por onde a deusa sostivo á criatura para podelo meter na auga que lle conferiría a Aquiles a invulnerabilidade case que total, a non ser por aquel lugar polo que a deusa o agarrara.

Vendo que Tetis non volvía e comprobando o cariño con que trataba o centauro ao seu fillo,  Peleo pediulle ao seu amigo que aceptara facerse cargo da súa educación. Naturalmente o centauro aceptou, alimentado pola súa esposa a ninfa Cariclo nos primeiros anos para logo ensinarlle a cazar a domar cabalos e tamén algo de medicina. Quirón daríalle tamén carne de león e xabarín para que lle comunicaran poder e tamén de mel para que fose doce. Soubo por el que era a música e o canto o desprezo dos bens materiais e medrou axiña un heroe sabio e forte digno dos cantos que Homero inmortalizou na Ilíada.

Na máis recente versión cinematográfica da guerra de Troia, a única ocasión na que aparece unha deusa en escena é aquela na que Aquiles vai ser visitado de novo pola súa nai Tetis para advertirlle das dúas posibilidades que ten ante a guerra con Troia que Agamenón prepara. Opta por unha vida curta e gloriosa embarcándose na expedición dos gregos ou ben desexa vivir moitos anos, pero sen gloria. Aquiles aceptará a primeira segundo Homero, aínda hai autores posteriores que defenden que Tetis foi quen de ocultalo na corte do rei Esciro.

CUESTIÓNS:Despois de ler lembra e contesta:

5- Cal era o segredo que gardaba Prometeo e que ten que ver con Peleo?
6- Con quen casa Tetis finalmente? Que problema ten cos seus fillos?
7- Quen e como logrará que vaia adiante o sétimo dos fillos de Tetis? Por que Tetis mergulla ao seu fillo na lagoa Estixe? Como se chama ese fillo?
8-Quen criará finalmente a este afortunado rapaz?

9- Por que cres que Tetis intenta ocultar ao seu fillo, sendo xa todo un mozo, segundo nos conta Homero? Saberás investigar ata atopar quen é, e como consigue que finalmente o gran fillo de Tetis e Peleo vaia á guerra contra Troia?

Ningún comentario:

Publicar un comentario