A harmonía do corpo atlético pon de manifesto a orde do
Kosmos (a Natureza que os deuses ordenaron) fronte ao Chaos ( a Natureza sen
orde). Para os gregos, o ser é físico e non existen outras realidades. A través
do nu resáltase o divino que hai nos seres humanos. Esta é unha das claves para
entender a complexidade cultural que latexa na celebración das Olimpíadas na
Grecia Antiga.
ATLETAS ESPIDOS NAS OFRENDAS AOS DEUSES
Os atletas competiron espidos por unha reflexión filosófica
que apareceu por vez primeira no mundo grego que relacionaba a nudez coa moral.
Os gregos vían o corpo humano con respeito e veneración, considerábano
encarnación de dous conceptos: o do atleta e o do heroe. Esta dimensión heroica
reflíctese na arte grega dun xeito prodixioso.
OS ESPARTANOS PUXÉRONO DE MODA
Ao principio, os atletas levaban unha especie de taparrabos
nalgunhas competicións. Os espartanos foron os primeiros en impoñer a nudez dos
atletas. Segundo Pausanias, o primeiro corredor que competiu nu en Olimpia foi
Orsipo de Mégara. No trancurso da carreira caéuselle o taparrabos, pero el
continuou e chegou primeiro á meta. Segundo o mesmo autor, o atleta fíxoo
adrede para correr máis libremente. En Esparta mesmo as mulleres practicaban o
atletismo e facíano tamén espidas.
No comezo o nu completo só estaba vinculado a algúns
deportes coma as carreiras pedrestes, pero posteriormente estendeuse a outras
competicións.
UNHA MULLER NAS CARREIRAS!
A muller que violara a prohibición de presenciar os xogos
estaba condenada a ser arroxada dende o alto do monte Tipaión. Ferenice (ou
Calipátira), filla de Diágoras, veu dende Rodas a Olimpia co seu fillo Pisirodo
que ía participar nas competicións de adolescentes. Vestiu a túnica dos
adestradores e entrou no estadio. Cando viu o triunfo do seu fillo achegouse
cara a el. Pero ao saltar á pista a súa túnica caeu e púxose de manifesto o seu
sexo. Sen embargo foi perdoada por pertencer a unha familia con éxito nas
Olimpíadas. A partir dese momento tanto os atletas coma os adestradores debían
entrar espidos durante os xogos.
EXPRESIÓN INTEGRAL DO SER GREGO
O home concebido como ente activo no campo das ideas e das
ciencias aplicadas debía brillar en toda situación competitiva, tanto na súa
situación social e profesional, como no seu corpo, entendido como o vehículo
máis idóneo da súa mente e ao cal chegou atribuírlle un verdadeiro culto. O seu
afán de superación simbolizado nas competicións, como un compendio de valores
relixiosos e político-culturais, tiña tamén a súa expresión na nudez do atleta,
amosando a perfección do seu corpo no estadio.
Bótalle unha ollada a este vídeo en vimeo e se queres afondar vai a
este outro enlace: elartevivido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario