A CARREIRA DO
HOME GREGO POR COÑECERSE
“ Olimpia, nai
dos Xogos de áureas coroas!
Soberana da
verdade, onde os adiviños coa súa observación do lume dos sacrificios, tantean
os designios de Zeus de refulxente raio para ver se ten nalgunha estima aos
homes que anhelan de corazón acadar unha gran gloria e respiro as súas fatigas!
Pois grande é sempre a gloria de quen recibe o teu espléndido galardón”
Píndaro: Olímpica , 8, 1-5.
Puxilato en Creta |
Salto do touro en Creta |
No territorio grego coñecíanse deportes, en Creta concretamente, dende a
época minoica, pero quen lle outorgaron carácter de competición foron os
micénicos, un pobo bélico, de ideais heroicos, un pobo cun fondo sentimento de
competición (agón).Se ben
na etapa cretense, ou minoica, había xa exercicios acrobáticos con intencións
relixiosas e probas de iniciación como o puxilato, logo na etapa micénica
coñecemos competicións na honra dos mortos como relata Homero, os Xogos
Olímpicos parecen nacer na época arcaica.
Logo serían os micénicos os que lle darían forma de competición ás carreiras pedestres, á loita libre, ao
puxilato, mesmo ao máis aristocrático dos deportes, as carreiras de carros. Probablemente,
os deportes que menciona Homero, como o
lanzamento de disco, o tiro con arco, a loita con armas e o lanzamento con
xavelina, teñen a súa orixe na época de decadencia do mundo micénico. O último
foi o salto de lonxitude, xa que só aparece nomeado na Odisea.
A orixe dos Xogos Olímpicos e a súa relación cos deportes da época
prehistórica é algo que aínda seguen debatendo os especialistas no tema. Parece
máis próxima a realidade a teoría de que os xogos gardan relación coas
competicións en honor os heroes mortos, como cerimonias funerarias de carácter
relixioso e intimamente ligadas aos seus valores culturais. Olimpia entrará
na historia no 3000 a.C.
OLIMPIA NAS ETAPAS DA HISTORIA GREGA
Predominio de Creta, o exército era naval e as cidades non tiñan murallas.
En Olimpia parece haber un santuario dedicado a Xea, a deusa Terra, á que se
lle ofrendan cultos agrarios da fertilidade propios das culturas mediterráneas.
As primeiras
invasións de indoeuropeos, a etapa micénica (1500-1100 a.C.)
Os primeiros gregos, pobos indoeuropeos, dominaron o sur de Grecia entre
1600 e 1200 a.C. O seu principal asentamento foi Micenas, no Peloponeso. Os micénicos
eran guerreiros construtores de cidades fortificadas que recorreron o
Mediterráneo buscando metais como cobre, estaño e ouro. É a época da guerra de
Troia. Existe unha escritura en silabarios e as competicións deportivas na
honra de heroes mortos é unha práctica habitual.
Época doria, unha
etapa escura (1100-776 a.C.)
A invasión dos
dorios, outra tribo grega que usa o ferro, coñecida na mitoloxía como “o
retorno dos Heraclidas” provoca grandes movementos da poboación buscando un
asentamento definitivo. Período confuso no que mesmo desaparece a escritura e
impónse novos cambios nos cultos relixiosos, aparecendo como deus máis venerado
Zeus..
A GRECIA ARCAICA DAS POLIS E O NACEMENTO DAS OLIMPÍADAS
Época arcaica: a
maduración da cultura da polis. (776 a.C.-490 a.C.)
Cara ao século
VIII a.C. vai impoñéndose unha nova dinámica, a da colonización, o comercio por
todo o mar Mediterráneo e a consolidación da polis, a cidade-estado. Co uso do
alfabeto e da moeda, a recuperación da escritura e a posta en marcha de eventos
como os Xogos Olímpicos, vai nacer a sociedade que fará inmortal a súa cultura.
A partir do
século VIII a.C. os gregos comenzaron a construír cidades, arredor
dunha gran rocha elevada (acrópolis) para que a súa defensa resultara máis
doada. Adornaban as súas cidades con numerosos edificios fermosos entre os que
non podían faltar nin o templo nin o ximnasio. Cada unha tiña a súa moeda, as
súas leis e costumes, pero os deuses e a lingua eran comúns a todas as cidades
da Antiga Hélade. Esa identidade que os levou a combater a inimigos comúns fai
tamén que se xunten relixiosamente en Olimpia a cada catro anos, é o que lles
fará sentiren a manifestación deportiva dunha mesma maneira, pois os xogos
gregos que se celebraban en moitas das polis gregas, despois do éxito dos de
Olimpia, evidencian unha complexa concepción relixiosa e política do mundo.
Quizais o espírito agónico, ese gusto ritual pola competición tamén sexa
culpable do declive do mundo grego ao non saber manter ese equilibrio preciso
entre a igualdade e a diferenza.
O imperio persa
unirá contra ese inimigo común a todas as cidades gregas nas chamadas Guerras
Médicas. Foi o momento de maior esplendor dos xogos de Olimpia (500-478 a.C.)
Atenas inventa a democracia e, tras da súa supremacía no mar, a Liga de Delos.
As diferenzas entre Atenas e Esparta, potencia militar terrestre, darán lugar
a Guerra do Peloponeso, unha guerra fratricida que facilitará a entrada dos
macedonios na política grega. Ao final desta época Alexandre Magno conquista
Grecia.
Época
helenística: comezo dun lento e irremediable declive.
Coa fragmentación do
imperio de Alexandre, tras da súa morte, Atenas deixa de ser o centro do mundo a favor de
Alexandría. Os Xogos Olímpicos van perdendo relevancia pola guerra en Oriente e
a decadencia política e social. Os xogos tiveron unha evolución paralela á da
civilización helena, pero non esmoreceron por completo ata a época en que o
imperio romano fai oficial o Cristianismo.
Olimpia, na Grecia antiga, é o berce do espírito olímpico e do deporte tal e como o entendemos hoxe. O deporte, máis alá dun entretemento, ten unha forte funcionalidade social por iso forma parte da educación do cidadán mesmo por riba da preparación dun bo soldado.
Un documental sobre Olimpia, a orixe dos Xogos Olímpicos en catro capítulos de 26 minutos:
Un documental sobre Olimpia, a orixe dos Xogos Olímpicos en catro capítulos de 26 minutos:
Outro documental para quen precise contrastar datos:
No templo de Zeus en Olimpia |
OS DISTINTOS TEMAS QUE IMOS TOCAR:
- Localización no espazo e no tempo.
a) Olimpia no mundo e na historia.
b) Cómo era Olimpia.
c) Orixe mitolóxica dos xogos.
d) Xogos na honra de Zeus.
e) A muller e as Olimpíadas.
- Probas das Olimpíadas antigas.
a) Organización dos Xogos.
b) Probas pedestres.
c) O pentatlón e a loita.
d) Probas hípicas.
- Significado dos Xogos de Olimpia.
a) O deporte na educación dos gregos: o ximnasio
b) Agón e Niké: O sentido da competición e da vitoria.
c) O espido símbolo da procura da verdade sobre o ser grego.
d) Outros xogos e decadencia dos de Olimpia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario