xoves, 12 de maio de 2016

XOGOS NA HONRA DE ZEUS

A DIMENSIÓN RELIXIOSA DOS XOGOS

Supremo Deus que reinas soberano en Olimpia, Zeus Pai, sé propicio
sempre aos meus cantos... e acolle este triunfal cortexo de coroas...
Píndaro ,Olímpica XIII 24-27



O carácter relixioso que nacera xa de cultos agrarios en Olimpia asentouse tendo un sentido sacro para todos os gregos no momento en que se instaurou a Tregua Sagrada. As Olimpíadas eran unha ofrenda en agradecemento a ZEUS como deus que outorga a forza vital coa que logo ían competir os atletas e disputar a vitoria que se pensaba un regalo divino. Naquel ritual relixioso, realizábanse, primeiro como algo secundario, logo con maior protagonismo, unhas probas deportivas que completaban o programa olímpico.

PROGRAMA OLÍMPICO

Os xogos celebrábanse en Olimpia a cada catro anos no primeiro plenilunio, entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. A duración dos xogos variou os máis antigos durarían unha ou dúas xornadas, pero logo os xogos duraron cinco días, seis e ata sete días. 

Unha Olimpíada podería seguir o seguinte programa:
Primeiro día: Solemne acto relixioso, chegaba a Olimpia a comitiva que partira dous días antes de Elis. Encabezada por sacerdotes e xuíces ademais das delegacións oficiais e atletas. Dirixíase cara o Altis a celebrar a primeira cerimonia que consistía no xuramento oficial no Bouleuterion ante a estatua de Zeus. Alí sacrificábase un xabarín, e os atletas, adestradores e helanodikos xuraban que respetarían as regras dos xogos. Inscribíase aos atletas segundo idade. Finalmente se facían ofrendas nos altares de Zeus e na tumba de Pélope e os concursos de trompetistas e heraldos, proba de voz e claridade na proximidades do estadio.

Segundo día: Soaba unha trompeta e o heraldo daba o inicio dos certames infantis. Tras dos sorteos para os postos de saída, a primeira proba: as carreiras no estadio, despois a loita libre, o puxilato e o pancracio. Os vencedores recibían palmas de mans dos Helanodikes coas que entraran a primeira hora pola cripta do estadio que estaba barrotado de público.

Terceiro día: Era un día esperado pola vistosidade das probas hípicas de cabalos e carros que remataban ó mediodía. Pola tarde dedicábanse ao pentatlón dos adultos.

Cuarto día: Coincidía coa lúa chea e comezaba co maior sacrificio dos xogos: a hecatombe, na que se inmolaban 100 bois no altar maior de Zeus. Dos animais degolados só se queimaban os muslos. A xornada continuaba con: o stadion, o diaulo, o dólico, a loita libre, o pugilato e o pancracio. Remataban coa carreira hoplita.

Quinto día: Os vencedores das probas coas palmas, reuníanse no templo de Zeus, onde os helanodikes máis vellos impoñían as coroas ou cótinos, ramas de oliveira silvestre cortadas segundo costume cun coitelo de ouro  da oliveira sagrada que fora plantada por Heracles e estaba gardada polas ninfas kalistéfanas perto do templo. Colocadas nunha mesa de ouro e marfil na entrada do templo de Zeus. Aos gañadores botábanlles flores e levábanos sobre os ombreiros. Os élides ofrecían aos gañadores unha comida oficial no PRITANEION e pola noite se seguía rendíndo homenaxe aos vencedores entre himnos, cantos e bailes: os Xogos Olímpicos tocaban ao seu fin.




O TEMPLO DE ZEUS O CORAZÓN DE OLIMPIA
Era o templo máis grande do Peloponeso, o máis impoñente de toda Olimpia. Comezouse a construir no 470 a.C.,e rematouse no 456 a. C. O arquiecto foi Livón da Élide, de estilo dórico rodeado de 6 X 13 columnas, utilizando a pedra do río Alfeo, semellante ao material das cunchas, barnizada cunha mesura de mármore e pintura. Sendo de mámore branco os frisos, frontóns e metopas e destacando unha rica ornamentación e estatuaria tanto exterior como no seu interior.




A ESTATUA DE ZEUS
Ou ben o deus descendeu á terra para descubrirche o seu rostro, ou ben ti, Fidias, sibiches ao ceo para velo. 
Epigrama, Filipo de Tesalónica

Unha famosa estatua de marfil e ouro realizada por Fidias (438 a.C.) e que medía 12,40 metros, considerada unha das 7 marabillas do mundo antigo estaba instalada na naos do templo. Aparecía sosegado e sentado no trono coroado de oliveira e cunha niké(Victoria alada) na palma da man dereita e in cetro cunha águia na outra man, símbolo do seu poder. Contan que Fidias rogou a Zeus que lle dera unha proba de que estaba satisfeito e un raio caeu sen destruir nada, pero séculos máis tarde Calígula, o emperador, quixo trasladala a Roma e o o barco que mandou afundiuse no medio dunha treboada. A estatua desapareceu despois de ser levada a Constantinopla no 395 d.C. e incendiarse cara ao ano 475 da nosa era.

Ningún comentario:

Publicar un comentario