Estela atopada a finais do século XX en Crecente. |
OS CELTAS NESTA TERRA?
UNHA CUESTIÓN NON EXENTA DE POLÉMICA
Como recoñecen os estudosos do asunto "sucede con certa frecuencia que diversas ciencias abordan un mesmo tema desde os seus particulares puntos de vista; é inevitable e lóxico que unhas se apoien noutras. No caso que nos ocupa, entre os diferentes enfoques que estudan os celtas, existe tensión porque algúns datos que proporcionan uns estudos non encaixan no esquema xeral que estableceron outros. Chegados a este punto, con narracións diferentes para un mesmo e único obxecto de estudo, todos porfían e ninguén quere estar equivocado. Xorde a tensión e con ela a polémica."
Isto acontece coa cuestión dos celtas en
Galicia e son as teorías máis avanzadas as que tamén nos invitan a transitar un
camiño válido para pechar o debate:
"En
casos como este é moi útil abordar o tema desde a ciencia cognitiva que procura
unificar todos os enfoques; contemplando os fenómenos culturais como un todo
coherente e non unha suma de partes; deste modo se atribúe maior valor ás
converxencias entre as disciplinas que ás diverxencias, ponderando
positivamente os puntos de acordo" T. Rodríguez Celtas entre a néboa.
É importante saber que a arqueoloxía definiu
os celtas no século XIX en base a algúns artefactos que se encontraron nas
escavacións e que se consideraron xenuínos representantes desta cultura e hoxe
sabemos que non o son. A Historia facendo uso destes datos arqueolóxicos di que son un grupo de pobos que van desde a
Idade do Ferro ata os inicios da Idade Media.
Pola contra a Lingüística non concorda con
frecuencia cos datos arqueolóxicos clásicos; o mesmo que sucede coa Historia
das Relixións e a Antropoloxía. Isto débese a que a definición arqueolóxica
inicial do celta foi errónea aínda hoxe seguimos padecéndoa, máis de cen anos
despois.
OS CELTAS DA IDADE DO XEO
Os datos máis antigos que se poden rastrexar
son os lingüísticos, que documentan unha lingua céltica arcaica falada durante
o Paleolítico Final ou o Mesolítico.
O lugar orixinario desde onde eses grupos se estenden polo continente europeo é a metade atlántica da península Ibérica; e chegan a ocupar, no Neolítico, toda a fachada atlántica europea, desde as Illas Británicas a Andalucía. Datos paleoxenéticos establecen tamén orixes comúns para as poboacións humanas de estas localidades e para algúns dos seus animais domésticos (cabalo, can…). Vexamos como foi o conto.
Os humanos (homo sapiens sapiens) aparecen en
África fai aproximadamente 250.000 anos; a partir de entón comezou a nosa
expansión polo resto da Terra. Fóra de África o fósil humano máis antigo
atopouse no que hoxe é Israel cunha antigüidade duns 185.500 anos. Estas
persoas ían migrando por África, durante un período moi longo e á vez fóronse diferenciando
as súas falas asentando as grandes familias lingüísticas. Os grupos de sapiens
que chegan ao sur da península hai uns 44.000 anos, pertencían a dous grupos
lingüísticos e culturais principais: o indoeuropeo e o afrosemítico.
Esas pequenas comunidades, ao chegar a Europa,
atopáronse con outros homínidos, os neandertais e cun clima moi frío, coñecido
como a glaciación de Würm ou Idade de Xeo. Neandertais e humanos conviviron
durante pouco tempo (1.000 ou 2.000 anos); xa que o neandertal se extinguiu.
Hai que ter en conta que, durante o proceso de
chegada destes grupos humanos, só a península ibérica e as terras próximas ao
Mediterráneo eran lugares habitables; o resto do continente ou ben estaba
cuberto por xeo ou tiña o chan permanentemente conxelado, limitando moito a
vida. Por tanto, será a partir destas zonas do sur europeo desde onde se
colonizará o continente nun lento fluír que vai do sur ao norte, seguindo o
ritmo marcado pola retirada do xeo.
A glaciación tivo o seu punto máis frío
arredor do 20.000 e remataría no 10.000 a. C. Ao finalizar, o continente
europeo foi paulatinamente colonizado por plantas e animais, entre eles
humanos. Esta época, que se corresponde co Paleolítico Final e o Mesolítico e
as comunidades humanas eran pequenos grupos nómades con gran mobilidade.
Os estudos de ADN demostran que o 80% do
capital xenético dos europeos se remonta ao Paleolítico e, ademais, evidencia a
gran coherencia xeral entre áreas lingüísticas, culturas arqueolóxicas e grupos
xenéticos; especialmente na Europa Atlántica na que nos incluímos. Unha das
grandes novidades dos estudos máis recentes confirma que no Paleolítico Superior,
cando se estabilizan os asentamentos en Europa destas comunidades humanas, xa
están definidos e diferenciados os grupos culturais e lingüísticos que
identificamos en época histórica. Conformase así un modelo, ou paradigma, de
continuidade no continente europeo entre os últimos cazadores e a poboación
indoeuropea máis clásica e coñecida polos textos: celtas, xermanos, latinos,
gregos, eslavos…
Na península ibérica descubrimos de tal xeito que os celtas arcaicos se estableceron no centro e metade oeste e, a partir do Mesolítico, ocupan a costa atlántica europea ata asentar o espazo céltico histórico (despois de recibir un gran influxo ibero na zona do val do Ebro). Ao tempo, no levante se documentan grupos non indoeuropeos (afrosemíticos) que acabarán asentando na metade oriental e áreas do norte da península, dando lugar a iberos e vascóns.
Os arcaicos poboadores da Gallaecia, no momento da súa chegada atopáronse con neves perpetuas en toda as serras montañosas con numerosos glaciares. Serían pequenos grupos nómades que circulaban polas zonas libres de neve durante o Paleolítico Superior e que, ao longo do Mesolítico, comezarían o proceso de domesticación transhumante de animais. Cultural e lingüisticamente serían grupos célticos arcaicos que darían lugar, por evolución e continuidade local, aos galaicos e ástures polo que parece sen aportes significativos de poboación exterior e sen invasións ata a chegada dos romanos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario