martes, 14 de decembro de 2021

AMORES DE ZEUS


 A nosa próxima visita ao Olimpo terá como finalidade coñecer por unha banda os que adoitan ser denominados Deuses Olímpicos, para logo reparar na xénese deste conxunto de deuses coa figra central de Zeus que é o deus que coa súa prolífica vida amorosa provocará un complexo mundo de deuses e deusas emparentados dalgún xeito co mesmo Zeus. 

Botémoslle un ollo á ilustración e logo comecemos a investigar sobre os AMORES DE ZEUS: 



Para coñecer o Olimpo temos necesariamente que indagar sobre a complexa vida amorosa de Zeus. Partimos da árbore xenealóxica anterior que imos ir detallando e descubrindo con detalle. 

A configuración do chamado Olimpo dos deuses é unha cuestión que agruparemos en distintos momentos de formación do Olimpo en catro epígrafes:

- Os amores de Zeus.

- A convulsa relación entre Zeus e Hera.

- Novos ataques contra o Olimpo: Xigantomaquia e Tifonomaquia ( dos que algo xa falamos)

- O Olimpo dos deuses. Nomes gregos e latinos, ademais de atributos.


OS AMORES DE ZEUS

Cando os irmáns e as irmás de Zeus foron liberados da bandullo de Cronos, estes fuxiron cara ao monte Olimpo considerando ao seu salvador dende ese momento pai dos deuses.

 Tras da derrota dos Titáns, Zeus, como pai dos deuses,compartiu o poder cos seus irmáns e, tras dun sorteo, os dominios dos mares foron para Poseidón e o mundo subterráneo foi concedido a Hades, quedándose coa superficie terrestre e os ceos o propio Zeus. 

As deusas tiveron a encomenda de facilitar a vida aos mortais, por iso, Deméter sería deusa das colleitas e Hestia a do lume e o fogar. Como veremos máis adiante reservou un papel ben distinto para Hera, a máis nova das súas irmás, que permanecera durante a loita cos Titáns afastada das batallas a carón da Titánide Tetis  e  de Océano, o maior dos Titáns que foi neutral na Titanomaquia como o resto das Titánides.

Imos realizar un traballo persoal cos denominados amores de Zeus. Cada un dos alumnos/as da clase deberá coñecer destas historias xeneralidades que se preguntan no cuestionario de máis abaixo sobre os máis famosos amores de Zeus. Sabemos que Zeus, aínda que houbo un tempo en que se lle pasara pola cabeza ter relacions con Tetis, soubo o segredo de Prometeo e rexeitou casar con ela.

Pero Zeus tivo numerosas aventuras amorosas con deidades e mortais:

Zeus e as Titánides:

- Xa coñecemos a relación con Metis da que nacerá Atenea.

Temis (Moiras, Hespérides e Horas)

Eurínome (As 3 Cárites ou Grazas)

Mnemosine (as 9 Musas)

Maia (Hermes)

Letó (Ártemis e Apolo)

 

Zeus e as deusas olímpicas (as súas irmás):

Deméter 

Hera

 

 As relacións de Zeus con mortais:

Io en Argos (Épafo)

Sémele (Dionisio)

Dánae (Perseo)

Europa, (Minos, Sarpedón e Radamantis)

Calixto (Arctos)

Leda (Castor e Pólux / Helena e Clitemnestra) páx. 124 do libro.

Ganímedes

Alcmena (Heracles)


A CONVULSA RELACIÓN DE ZEUS CON HERA

Hera, filla de Cronos e de Rea, tras ser liberada do estómago do seu pai, dicíase que, durante a loita de Zeus contra os Titáns, fora criada polo seu tío o Titán neutral Océano e a titánide Tetis ata que casa con Zeus. Seica da promesa do casamento ata a propia voda pasou certo tempo. Hesíodo fala de Hera como a terceira muller.

Unha das cuestións máis complexas de explicar é a da súa descendencia, porque ademais dos fillos que tivo con Zeus. Algúns dos fillos desta parella nacen antes da súa voda, como por exemplo Hefesto, que hai quen afirma que non era fillo de Zeus, outros que si, que o fixo baixo a apariencia dun cuco. Outros despois Ares, Ilitía, Hebe e, tal vez, Éride (se esta non nacera da Noite como conta Hesíodo).

As frecuentes infidelidades de Zeus provocan os ciumes de Hera, que vai perseguir de forma implacable ás amantes do seu marido infiel e a súa descendencia. Un dos casos máis coñecidos desta persecución será a orixe dun dos seus símbolos, a transformación de Argos en pavo real. Zeus e Hera van ser un matrimonio mal avenido, con discusións permanentes. De aí que haxa varios momentos realmente tensos como no que Hera organiza unha rebelión dos Olímpicos contra Zeus polo que vai ser severamente castigada.


ATAQUES CONTRA O OLIMPO

Como se pode apreciar neste vídeo Zeus  e o propio Olimpo (que xa vimos), como símbolo da orde xusta das cousas no mundo tarda un tanto en estar asentado. Desde o Tártaro, é dicir, o antigo Caos, xorde unha loita en varias ocasións por volver atrás nun intento de arrebarlles aos deuses olímpicos o poder sobre o Cosmos. Mesmo as desputas internas entre Hera e Zeus provocan inestabilidade como acabamos de relatar. Hai dous momentos que son, de todos os xeitos, os máis destacados: A Xigantomaquia e a Tifonomaquia.

A XIGANTOMAQUIA

 Este relato non aparece en Hesíodo polo que resulta complexo situalo no relato ordenado da mitoloxía grega. Foi,  sen lugar a dubidas, despois da chegada da humanidade. Tras da Titanomaquia vai pasar un tempo impreciso ata que Xea, indignada pola sorte dos Titáns castigados no Tártaro e vixiados polos Ciclopes e Hecatonquiros por orde de Zeus, enxendre aos Xigantes, monstruosos seres fillos do sangue do Urano que este derramara sobre a Terra. Nacen para vingar aos Titáns. Pero os xigantes só serán derrotados grazas a un ser nacido de Zeus, produto dunha das súas relacións cunha mortal. Este heroe foi Heracles.

A TIFONOMAQUIA

Hesíodo narra tamén un intento de Xea de vingar aos Titáns. Uníndose ao Tártaro enxendra un ser terrible. Os deuses asustados foxen do Olimpo e metarmofeándose, Zeus enfrontonse en solitario cos seus raios, pero Tifón inmobilizouno cos seus espirais, cortoulle os tendóns das mans e das pernas, encerrándoo nunha cova ata que Hermes logrou recompoñer ao seu pai que, recuperada a súa forza e cos seus raios persegue a Tifón ata que finalmente conseguirá derrotalo en Sicilia colocándolle enriba o Monte Etna do que dende entón brotan bocanadas de lume. 

Hai que dicir que sobre o nacemento de Tifón hai versións que aseguran fora enxendrado por Hera reunindo nunha soa as tensións que Zeus e o Olimpo sofre antes de permaneceren asentado para sempre.


CUESTIÓNS: CURIOSEANDO NOS AMORES DE ZEUS 

1- Resume nun parágrafo cada unha das historias dos 16 amores de Zeus con deusas e con mortais. Logo busca para cada mito unha ilustración.   

2-Procura saber e asociar as seguintes transformacións cunha das relacións de Zeus e algunha das mortais citadas máis arriba: Raio, chuvia dourada, touro branco, cisne, Anfitrión, aguia.

3-Por que ou para que Zeus se fai pasar por un cuco?

4- Hefesto era coxo de nacemento? Como se vinga da súa nai?

5-Onde se celebraron as vodas de Zeus e Hera?

6-Quen era Argos? Por que remata sendo un pavo real?

7-Cal é o símbolo que representa a Hera como deusa do matrimonio-fecundidade?

8- Para rematar esta viaxe persoal ao Olimpo procura  coñecer a lista dos deuses cos seus dous nomes (grego e latino), os seus atributos e símbolos.  Podes empezar por consultar as páxinas 116-117 do libro.

9- INVESTIGATIO:

 Dous amores sobre os que debes investigar en detalle: Unha deusa e unha mortal. 

Recibirás no teu correo unha proposta para desenvolver unha parella de mitos de amores de Zeus:

Un relato detallado e ilustrado con imaxes dun dos amores cunha deusa/ titánide.

Un relato detallado e ilustrado con imaxes dun dos amores con mortais.

 LEMBRA: Para poder sumar este traballo ao diario, o prazo dunha semana que remata o día 22 de decembro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario