martes, 9 de febreiro de 2021
luns, 18 de xaneiro de 2021
CARA AO 2º AVANCE
A voda de Tetis e Peleo: Aquiles / O xuízo de Paris.
O Olimpo e os Amores de Zeus
Fotomitoloxía: O punto extra para o avance. Non vale calquera cousa. Hai que realizar unha versión fotográfica en base a un cadro dun mito procurando non repetir o dos demais (consultar alistaxe antes co profesor), coa idea de realizar un catálogo mitolóxico da aula.
TROIA:
A Troia da Arqueoloxía (HISTORIA E MITO). O obxectivo é investigar que hai de realidade, que sabemos sobre a Troia histórica e distinguila do mito. Debemos pois coñecer por un lado tanto os personaxes como, a grandes trazos, o argumento da Ilíada de Homero e, polo outro, contrastar estes datos da literatura e mitoloxía co que a arqueoloxía e a filoloxía chegaron a descubrir sobre o acontecido ao redor da Guerra de Troia, un conflito entre gregos e troianos. Como guía usamos este documental:
- A orixe da guerra de Troia (I)
- O tesouro de Príamo e Schliemann (II)
LENDO A HOMERO. Trátase agora de volver ao texto da Ilíada para coñecer mellor o relato literario.
Por que comeza no noveno ano de asedio?
Quen son Briseida e Criseida, por que son tan importantes na trama?
domingo, 20 de decembro de 2020
DESPOIS DO SEGREDO DE PROMETEO, DESCUBRE O OLIMPO !
Para coñecer o Olimpo, temos necesariamente que investigar sobre a complexa vida amorosa de Zeus. Imos partir da seguinte árbore xenealóxica:
A configuración do chamado Olimpo dos deuses é unha cuestión un tanto complexa que imos estudar e investigar á vez, agrupando os distintos momentos de formación do Olimpo en catro epígrafes:
- Os amores de Zeus.
- A convulsa relación entre Zeus e Hera.
- Novos ataques contra o Olimpo: Xigantomaquia
e Tifonomaquia.
- O Olimpo dos deuses.
Podes consultar estes contidos e as actividades, en AMORES DE ZEUS E OS DEUSES DO OLIMPO
martes, 15 de decembro de 2020
CAL ERA O SEGREDO DE PROMETEO?
DESCUBRE O SEGREDO DE PROMETEO: Unha historia en tres capítulos na que coñeceras unha morea de personaxes novos e algúns abrirán á vez novas e intrigantes historias sobre as que se seguen a escribir ríos de tinta. Pero comecemos o relato polo principio:
- Voda de Tetis con Peleo e a súa desgraciada descendencia.
- Paris, un principe destronado, pastor e xuíz por orde de Zeus.
Despois de ler e indagar sobre estes tres episodios xa poderás responder:
- Cal era o segredo de Prometeo?
Logo observa este cadro e responde:
- Por que cres que ten tanta transcendencia para a mitoloxía grega?
.- Localiza outras tres versións de distintas épocas deste cadro de Rubens, titulado: O Xuízo de Paris. Fíxate un par de versións moi recentes no seguinte artigo.
xoves, 5 de novembro de 2020
IMOS COA SEGUNDA ETAPA DA VIAXE
- AS ETAPAS DA HISTORIA DA ANTIGA GRECIA .
DE CRETA A MICENAS
- Investigación sobre a civilización minoica
ou cretense (ler capítulo I de Historia dos Gregos MINOS)
c) Que é o lineal A? Quen era Arthur Evans e que
aporta ao coñecemento da cultura minoica?
d) A mitoloxía e Creta: Minos, o labirinto e Teseo.
![]() |
| Arthur Evans en Cnossos |
f) O labirinto na literatura e na arte.
g) A
caída da civilización minoica: As invasións indoeuropeas e Micenas.
![]() |
| A porta dos leóns de Micenas |
- Presentamos a sección VITA BREVIS
- LINGUAS CLÁSICAS I: Dos latinismos aos helenismos
- DEUSES E MORTAIS.
A) As idades do home de Hesíodo.
Fai un resumo do seguinte vídeo que nos fala de como pensaban os gregos que apareceran os mortais na terra en palabras de Hesíodo:
martes, 29 de setembro de 2020
Preparando as valixas para a viaxe do curso 2020-21
Como definirías ti a Cultura Clásica?
Pero, para chegar ás bases racionais do pensamento europeo e ao seu soporte documental escrito ao longo dos séculos da historia deste vello continente, se queremos facelo con fundamento e responsabilidade, antes debemos pasar por un proceso de achegamento ás orixes que por forza se atopan na prehistoria, na palabra desprovista da letra, anterior á escrita, a da mitoloxía. Así entederemos como xorden os modelos na súa evolución dende o mito ao logos, a descuberta da literatura, a aparición da historia, da filosofía e da ciencia na Antigüidade.
A análise das sociedades e os conflitos que marcaron os fitos máis importantes da Antigüidade vainos permitir chegar a biografías de sorprendentes de homes e mulleres de distinta índole (algúns coñecidos, outros e outras non tanto) que permitirán entender a configuración dese mundo tan complexo que imos abordar. E das sociedades e das persoas ocúpanse ramas do saber que van dende a filosofía ata a antropoloxía que tamén debemos incorporar neste amplo traballo.
A lingua como ferramenta que perpetúa no tempo os pensamentos, as ideas e os gustos estéticos dos nosos antepasados, tamén as súas paixóns e rancores, vai permitir vivir en primeiro plano algunhas das facetas do marabilloso mundo clásico. Filólogos e amantes da literatura son inevitablemente os alumnos/as desta materia. É unha materia que tanto debe ao mundo das Letras como tampouco pode esquecer o mundo das Ciencias, se non quere servir unha visión incompleta e falta de rigor.
Un alumno/a neste proceso de coñecemento de si mesmo, terá como obxectivo incorporar no seu haber ao final deste curso unha especie de dinamizador cultural ao descubrir, identificar e comprender, ademais de integrar eses coñecementos esenciais que o mundo greco-latino conforma, esa base ou modelo "clásico"da sociedade actual, continuadora, herdeira e debedora daquel pasado.
Este curso acompañaremos esta reflexión de modelos (lembra uqe a iso se refire o adxectivo "clásica") que foron fraguando gregos e romanos, cuxo eco procuraremos desvelar no medio deste ruido mediático que nos rodea o presente, e con ese afán creativo que nos é propio aos homes e mulleres de hoxe para os que a Cultura Clásica será unha ferramenta inesquecible e insubstituible, como dirían os romanos: magistra vitae.
Para axudarnos neste camiño e complementar o labor e traballos pertinentes, ademais do noso blog "aula clásica", usaremos o libro de texto da editorial Anaya que aparece na ilustración.
PROXECTOS DO CURSO PERSOAIS E CREATIVOS
O Diario persoal de Cultura Clásica, un proxecto individual de cada alumno/a, unha "libreta" en formato dixital na que imos elaborando co noso labor diario: Apuntamentos e cuestións que imos ir realizando día a día. O profesor irá revisando e avaliando este traballo regularmente (vía correo electrónico). Vai ser un camiño de coñecemento propio, que permita entender a nosa relación co mundo clásico. Por exemplo, imos saber a orixe e procedencia dos nosos nomes para establecer a súa dependencia do legado da Cultura Clásica. Comezaremos por configurar o espazo do mundo clásico (o noso mapa inicial). Abordaremos de inmediato unha Introdución á Mitoloxía,ademais de deveslar que vén sendo un mito, antes de pasar a coñecer algo mellor a gran familia lingüística do indoeuropeo e as linguas que falamos. ademais do marabilloso invento das letras, os soportes da escrita e o alfabeto.
Para elaborar o teu diario podes e debes consultar tanto os enlaces no blog como o libro de texto (Unidade 1).
Proxectos creativos: O noso diario non pode ser un simple caderno de notas ou de preguntas e respostas que haberá que ir presentando (a razón de un por mes, aproximadamente). Haberá de realizar calas ou traballos persoais a proposta do profesor ou por iniciativa e motu propio. Estes traballos poderán ser expostos na aula (serán avaliables) co formato dunha presentación audiovisual. Tamén poderemos abordar proxectos grupais na medda que as condicións actuais da pandemia nolo permitan (teatro, banda deseñada ou outros formatos creativos que iremos concretando).
Probas escritas: Imos realizar probas ou exames sobre a materia que vaiamos dando.
Lecturas clásicas: Realizaremos ao longo do curso toda unha serie de lecturas de textos clásicos ben de obras enteiras (normalmente dramáticas), pero tamén textos parciais ou selectas e textos adaptados de autores gregos e latinos, tanto de carácter literario, como tamén filosóficos, científicos...
domingo, 27 de setembro de 2020
Curso 2020/21: IN PERICULO MARIS...ASSUME TUAM RESPONSABILITATEM
Nunca, ata o de agora, comezara o curso no día de San Miguel, o patrón dos mariñeiros de Marín. Unha antiga danza recuperada recentemente sitúase no centro das celebracións que este ano debido á pandemia non vai poder bailarse.
![]() |
| Un dos antigos portos fenicios localizados na costa galega. |
IN PERICULO MARIS... Seica un bispo de Braga ao rematar a Antigüidade, nos albores do que hoxe chamamos Idade Media, procurou agocho na illa de Tambo fuxindo dos seus perseguidores e certo día apareceulle o Arcanxel San Miguel quen lle ordena levantar unha igrexa na illa sendo o propio San Miguel o que conduciu aos obreiros do mosteiro á descuberta agraciada dun manancial de auga doce en Tambo. A capela construída tiña unha advocación curiosa: AD SANCTUM MICHAEL ARCHANGELUM IN PERICULO MARIS, que quere dicir: "A San Miguel Arcanxo no perigo do mar (nun lugar perigoso por estar rodeado de mar)". E disque foi referente de culto cristiá por centos de anos, pero andando os séculos a Illa foi asaltada e arrasada polo famoso pirata Drake en 1589. A pesar de todo aínda hoxe se conservan as ruínas da capela incendiada e a súa fonte.
Pois ben, sería daquela cando os mariñeiros marinenes devotos do Arcanxo decidiron trasladar á terra o culto a San Miguel e así, pouco tempo despois, hai constancia histórica da realización da Danza de espadas pola documentación conservada do século XVII. Logo viran tempos de gremios e desputas polo mar de Marín entre a Mitra compostelá que manexaba os fíos dende Pontevedra co seu Gremio de Mareantes e o Mosteiro de Oseira, que tiña un Priorato en terra, no casco histórico de Marín, que non quería perder dereitos sobre a pesca dunha ría moi rica e produtiva.
![]() |
| Illa de Tambo |
Postos a elucubrar sobre a presenza de San Miguel nestas terras, esta claro que na illa de Tambo atopámonos cun lugar sagrado anterior ao cristianismo. Hai quen di que a Illa naceu grazas a Apolo, un deus grego, que botou no medio do mar o concho dunha tartaruga, outros prefren ver na etimoloxía do nome polo que se coñece a illa o eco dun valeroso guerreiro troiano fillo de Telamón, chamado Teucro, que fundara Pontevedra. Pero se lle facemos caso ao erudito Padre Sarmiento, o nome de Tambo é deformación de Tombo ou túmulo (sabemos da existencia dun castro en Tambo) e un estudoso historiador, García de la Riega conta que a tradición fala dun altar pagán dedicado tal vez, iso aventura, a Tameóbrigo de onde procedería a denominación actual da illa. É un pouco cedo para afondar neste tipo de cousas, volvamos a San Miguel.
San Miguel seica aparecéuselle ás xentes de Europa en Apulia, tanto no Monte Gargano perto da costa italiana, como na propia Roma, e curiosamente en dous territorios máis situados nas costas da Fin do Mundo ou Fisterras da época: na Bretaña francesa e en Galicia, na Illa de Tambo. Todas, agás a de Roma, aparicións na costa e relacionadas con navegantes como sinala sabiamente José Torres no seu libriño Pequena Historia de Marín.Tamén é curioso que o deus grego das viaxes e o comercio, Hermes / Mercurio teña unha gran semellanza con San Miguel. Ambos teñen ás e usan a espada contra o mal e/ou unha balanza para pesar as almas dos homes antes da súa viaxe ao mundo dos mortos.
![]() |
| San Miguel coa balanza e mantendo aos pés ao demo |
![]() |
| San Miguel e o demo pesando as almas. |
![]() |
| Hermes pesando as almas |



















