Pandora, a primeira muller, sabes que significa o seu nome?
A APARICIÓN DOS MORTAIS NA MITOLOXíA GREGA. Coñecerás que hai polo menos catro versións diferentes para explicar a aparición os mortais na mitoloxía grega.
Eu sigo sostendo que os deuses non deben soñar, que esta é unha calidade dos seres humanos que grazas a Pandora e a súa caixa posuimos. Naquela caixa estaba esa capacidade que nos permite agardar un futuro mellor, algo que segue sendo para homes e mulleres imprescindible e que non o é para os que son inmortais.
Si, seguro que a estas alturas xa o sabes, é Prometeo, estaba encadeado no Cáucaso non polo que aparentemente fora castigado por Zeus coma ti cres, senón porque gardaba un segredo que o Titán amigo dos homes, non quería revelar. Se queres saber cal era este segredo terás que seguir o relato que comeza no seguinte enlace:
Que é a Pedra de Rosetta? Por que é tan importante?
Un 14 de setembro de 1822 Jean François Champollion cae desmaiado despois de dar coa clave que levaba anos buscando. Estivo cinco días inconsciente antes de poder explicalo a todo o mundo:
Como eran as letras antes dos xeroglíficos?
Trátase
dun debuxo descuberto sobre unha rocha, ao pé do Lago
Superior en Michigan, que describe unha expedición militar a través do lago. Na
parte superior poden verse cinco canoas transportando cincuenta homes,
representados por raias verticais. A expedición lévase a cabo ao mando dun xefe
chamado Kishkemunasee ( Martiño pescador), cuxo tótem ou símbolo animal, en
forma de paxaro acuático, aparece debuxado sobre a primeira canoa. A expedición
durou tres días (tres soles baixo tres arcos que indican a cúpula celeste).
Tras un feliz desembarco simbolizado pola pintura dunha tartaruga, a expedición
proseguiu rapidamente como pode verse pola figura dun xinete. A aguia, símbolo
do valor encarna o espírito dos guerreiros. A descrición dá fin co debuxos
dunha panteira e unha serpe, símbolos da forza e da astucia, cuxo auxilio
invoca o xefe durante a acción militar. ( H. Schoolcraft Tribes of the United
States, Filadelfia 1851)
Que diferenza hai entre pictogramas e ideogramas?
Que son os silabarios? Que relación gardan cos alfabetos?
CUESTIONARIO PARA INVESTIGAR
Eran os chamados indoeuropeos un pobo ágrafo?
Argumenta a resposta.
Que é un pictograma? En que se diferenza do
ideograma?
Que é a escritura cuneiforme? Onde naceu?
Que dificultade atopamos cos ideogramas
chineses?
Que
significa a palabra "xeroglifos"? Por que era secreta a
escrita dos escribas? ( ten relación co uso da escrita por parte dos poderosos
que se facía na antigüidade, por exemplo en Exipto a previsión das inundacións
do Nilo por parte dos faraóns) Que peculiaridade ten un xeroglifo distinta dos
ideogramas?
Que é un silabario? Como se conservaron as inscricións en silabarios micénicos?
Cal é o primeiro alfabeto creado polo ser
humano? Que peculiaridades ten con respecto ao grego?
Aprende o alfabeto grego. Escribe o teu nome
coas letras gregas. Non deixes de consultar esta curiosa entrada sobre os ALFABETOS
O pasado é o espello do ser e no pasado temos que atoparnos se queremos vivir no presente e mesmo se desexamos construírmos o futuro.
Como podemos vivir o pasado? Onde podemos aprender quen somos? En moitos lugares do tempo vivido pola humanidade, pero sobre todo nas raíces da nosa cultura que manteñen co nós de hoxe fortes vínculos e conexións. Un deses lugares no tempo é GRECIA, a ANTIGA GRECIA. Ata alí iremos da única forma que podemos viaxar a través do tempo que son os restos arqueolóxicos e artísticos que conservamos, a xeografía, a literatura e a filosofía, o teatro, os mitos, a historia e lingua, todo o que aínda gardamos da súa cultura, Olimpia e as Olímpíadas incluídas.
CULTURA polo tanto será o que mamemos da propia teta desa Europa moderna na que vivimos, e será CLÁSICA porque é modelo, padrón ou medida dun mundo, o seu, o da Antiga Hélade. O mundo da Antiga Grecia que algo cambiou desde aquela (hai 2500 anos), pero non cambiou tanto como para desdeñar por completo unha gran parte do seu esforzo por entendelo, ese maxistral proceso de asimilación do universo, para darlle pé a nosa lectura.
A dimensión do ser na GRECIA ANTIGA será logo o modelo do que partiremos, mais coñecer ese padrón non basta con observar as copias ou os orixinais das esculturas de homes e mulleres daquela época. A visión da escultura, os volumes e mesmo as cerámicas, columnas e templos que conservamos non son máis que un punto de partida para interpretar o pasado, sempre, sempre dende o presente (non hai outra forma) o que nos permite incorporar a esa mirada unha perspectiva singular ao nos pasado dende a mirada de hoxe, do aquí e agora.
Observa os corpos que os gregos esculpiron na época clásica, unha mirada fonda que precisou a súa vez dun tempo. Produto, pois, dunha evolución que nós recibimos en herdanza. Cando dicimos nós é a sociedade occidental e europea de hoxe que recolle a colleita do grego con especial fervor porque nela está en esencia unha gran parte de eu, do nós que somos. Para interpretala, axúdanos moito tamén a cultura latina que Roma estendeu co seu imperio da man da grega, porque a ANTIGA ROMA tamén foi conquistada polo saber dos gregos.
A seguir reproducimos as palabras que Sophia de Mello escribiu como introdución ao seu libro: O nú na antiguidade clásica:
" O nu é unha invención grega. No Exipto, na Asiria, na Caldeia, o nu é apenas unha maneira de vestir. Mais o pensamento grego cre na aletheia (αλήθεια), cre no non cuberto, no non oculto, procura o ser non cuberto, espido.
Desde o inicio o escultor grego, fundamentalmente colócase non en fronte do ser humano vestido con armadura de guerreiro ou vestuario de escravo, sacerdote ou príncipe, pero si fronte ao espido do ser humano en si. Porque cre que o ser está na phisis (φύσις) , o grego cre que o ser está no mundo en que estamos. Para o asirio, para o exipcio, para o Caldeo, a verdade do ser está noutro mundo, no mundo do sagrado exterior ao universo e oculto. Pero o grego cre no divino interior ao universo. é neste mundo, no estar, no parecer, na aletheia, que el busca o ser.
A este mundo en que está o grego chama kosmos. Mais Kosmos, oposto a chaos, non significa outra cousa que mundo ordenado e fermoso.
Esta orde é en si mesma creadora e divina; e ao esculpir un corpo o artista grego tenta mostrar a relación do ser humano coa orde que é a íntima estrutura do kosmos, da phisis, do mundo do cal o ser humano brota e se ergue.
O corpo humano para o artista grego non é un modelo senón un padrón. E é un fenómeno en que o ser se manifesta, emerxe e brilla. é ser, estar, aparecer... non se trata de crear, pero si de descubrir... trátasede descifrar a lei do corpo humano,e a proporción - a simetria_-que ese corpo manifesta...Deste xeito no corpo humano o artista grego le a orde do mundo onde está. E por iso falar do nu na arte grega é sempre falarr da relación do ser humano co divino... "
Destas palabras espero deduzas que será a nosa unha aventura complexa na que comezamos, como esperamos rematar, dando grazas:
ACTIVIDADES: Tras ver o vídeo.
1- Enumera as distintas palabras e disciplinas ou materias que podemos relacionar coa Grecia Clásica.
2- Sabes por que razón ou razóns temos que dar as grazas a Grecia. Como se di Grazas en Grego:
4- Agora proba a escribir o teu nome coas letras gregas e logo a formar palabras con ese alfabeto. Non escribirás en grego, pero é unha forma práctica de te familiarizar con este alfabeto.
Coñezamos agora unha das primeiras pezas que nos permite avanzar na puzzle que constitúe para nós hoxe o mundo da antiga Hélade. Imos falar dos mitos, unha das creacións máis orixinais de GRECIA.